0. Levado pola mesma
curiosidade filosófica, antropolóxica e política que conduciu a
elaboración dun artigo anterior neste mesmo medio sobre o narcisismo
e a depresión, hoxe falarei da transparencia, fetiche
do neoliberalismo, e da súa importancia na sociedade de control e
imposición en que se converteu vivir hoxe baixo o dominio do sistema
capitalista.
E, de novo, fágoo, dialogando
co filósofo Byung-Chul Han e as ideas que nos deixa en La
sociedad de la transparencia, Herder, 2013. Xa alertamos noutros
foros sobre a necesidade de re-pensar a linguaxe que empregamos no
día a día para vestir as nosas referencias e os nosos conceptos.
1. O secuestro da
linguaxe practicado polo neoliberalismo leva a que conceptos como
transparencia, debido ás prácticas implementadas polo
neoliberalismo para darlle vida, queden desvirtuados e afastados das
súas primarias intencións.
Como di Byung-Chul Han, "la
omnipresente exigencia de transparencia, que aumenta hasta
convertirla en un fetiche y totalizarla" (p. 11). Di tamén
que isto é propio dunha sociedade que elimina -de forma artificiosa
e errada- toda negatividade, como a actual, que remata por "insertar
sin resistencia en el torrente liso del capital, la comunicación y
la información" (p. 11).
2. Non estou en contra
da transparencia ben aplicada, si de como se está entendendo, e
concordo co filósofo cando di que "quien refiere la
transparencia tan solo a la corrupción y a la libertad de
información desconoce su envergadura. La transparencia es una
coacción sistémica" (p. 12).
A transparencia é
interiorizada polo neoliberalismo para desvirtuala. Por iso, defendo
aquí a ÉTICA como comportamento, como esencia de toda
responsabilidade pública, e iso xa implica moral, deber, virtude
(veracidade, transparencia, sinceridade, coherencia) e forma
axeitada de vivir en sociedade.
3. O neoliberalismo
converte a sociedade da transparencia nunha sociedade uniformada.
Ademais, esta sociedade baséase en varios erros: o propio EGO mantén
unha capa non transparente, determinada polo inconsciente, na súa
relación co OUTRO. É imposible unha relación transparente plena
entre persoas. Por fortuna, xa que é necesario manter o respecto
entre as persoas, na distancia, e mesmo na actitude íntima de
cadaquén.
4. O capital incorpora
na súa praxe todo, absolutamente todo....para convertelo en obxecto
de consumo. Expoñelo, transparente na súa interioridade, ás leis
do mercado. Temos que loitar contra esa deriva impositiva que nega
toda hermeneútica (interpretar e comprender) e toda dialéctica
(confrontación argumentada).
5. Se o levamos ao eido
da política e da comunicación social, é aquí cando xorde con
forza a esfera da ÉTICA, enunciada no paragrafo 2, que debe
ser consubstancial a toda actividade que se exerza no eido
público. Por iso, non nos resulta raro que nos discursos
neoliberais que falan de transparencia non apareza por ningures a
ética. Unha ética que debe conducir as accións da política e
conformar as propias relacións interpersoais e que, ademais, se debe
asentar na confianza. Confiar significa
"a pesar del no saber en relación con el otro, construir una
relación positiva con él" (p. 91).
6. Transparencia
non é verdade. A verdade é unha negatividade pois afirma
que o dito polo OUTRO é falso. Por iso, son as accións da política
as que miden a ÉTICA do cargo público, non unha
teatralización ao redor do politicamente correcto e da transparencia
inserida na corrente da acumulación informativa, comunicativa e
mercantil do capital.
Mais iso, claro está, non é o
que quere o capital. Por iso, o sistema capitalista, nas súas
máscaras dixitais, procura que a xente faga clic sobre "me
gusta", negando a posibilidade de facer clic sobre unha icona
que diga "non me gusta". Indicativo de como o capital quere
eliminar a negatividade, a tensión explicativa, xa que a
confrontación dialéctica entre si e non leva a unha
detención da hipercomunicación, da hiperinformación, mediante a
reflexión.
7. Por iso, reivindico a
reflexión como ruptura cos moldes discursivos e de pensamento único
actuais para afastarnos do politicamente correcto, da exposición
pornográfica do capitalismo, que todo o "espectaculariza"
e mercantiliza...ao mesmo tempo que nos encadea a unha sociedade de
control do rendemento e da imposición.
Xabier Ron
Compostela, 28 de xullo de
2014.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire