Quixera comezar describindo o ESCENARIO
do que pode semellar unha longametraxe. Ródase nos exteriores das
principais cidades e vilas galegas e do estado: en todas unha enorme
ringleira de persoas agarda para entrar nun local chamado INEM, para
demandar un futuro mellor, para atopar un emprego. As persoas agardan
desde hai tempo. Todas as promesas incumpríronse e seguen a
incumprirse. Nesta longametraxe só hai existe unha breve
intervención a cargo dun señor con traxe e maletín que ao abrilo
berra: "Mans arriba, isto é un atraco!".
Esta sentenza tivo un éxito
incontestable. E xa é un berro unánime nas rúas en toda
manifestación e acto de reivindicación social. E é que boa parte
da sociedade percibe que o diñeiro só serviu para nutrir o peto
dalgúns, mentres que os seus quedaban baleiros e mentres, aquilo que
os podía protexer, os servizos públicos, cada día se ven
recortados ao mesmo tempo que se lle esie á cidadanía pagar por
acceder a un servizo polo que xa pagan. Para a maioría da sociedade,
isto é, si un atraco en toda regra.
Non se trata dunha película
catastrofista. Non. Por desgraza a iniciativa de AGE pertence ao
xénero do realismo cru. O propio Comisario para os Dereitos Humanos
do Consello de Europa, tras a súa visita do 3 ao 7 de xuño de 2013
comprobouno. E apelou á necesidade de que os autores do guión
austericida muden as liñas dos recortes para que mellorar de forma
substancial e significativa as condicións de vida de milleiros e
milleiros de persoas.
Nils Muižnieks,
o Comisario, laiábase de que "os nenos se visen
desproporcionadamente afectados polos recortes nos orzamentos
sociais, de saúde e educativos, e a diminución das prestacións
familiares provocou que algúns nenos vivan na indixencia e teñan
problemas de nutrición". (deproporcionadamente....mais non
existe proporción, a experiencia da pobreza para un neno, para unha
nena, é devastador).
Será demagogo o Comisario Nils? Estará
equivocado por preocuparse do futuro dos nenos e nenas que viven a
desgraza dos desafiuzamentos? Sufrirá algún tipo de alienación
cando manifesta que lle preocupan os atrancos que teñen os nenos e
nenas migrantes para acceder á sanidade pública...en contravención
co establecido na Convención sobre os Dereitos do Neno das Nacións
Unidas? Será insensato o Comisario cando afirma que lle preocupan os
recortes en materia educativa, que no estado van entre un 14,4% e un
21,4% e que afectan á igualdade de oportunidades entre todas as
persoas? Ou será, como define unha membra ultracatólica de Provida
aos que ousan masturbarse, un "ateo e, polo tanto potencial
xenocida" por recomendarlle ao goberno do estado que
reconsidere a súa postura de eliminar Educación para a Cidadanía
e os Dereitos Humanos das escolas?
As persoas con discapacidade, nesta
irracional competencia pola austeridade ultraliberal, forman parte
dun dos colectivos máis afectados. Os febles pasos que se deran para
que as persoas con diversidade funcional puidesen avanzar na súa
autonomía persoal quedaron fosilizados no cemento dos recortes.
Voltamos para atrás en todo. Voltamos a un estado de desprotección
social, onde só a caridade, o asistencialismo, e a vontade de
terceiros suple a inacción dun goberno que externaliza a pobreza.
Neste relato cruel a lacra da pobreza
adquire un protagonismo desafortunado: unha pobreza provocada pola
degradación das condicións laborais (xa se fala de traballadores
pobres, que cobran salarios por debaixo do limiar da pobreza), polo
continuado desemprego, pola perda de protección social, e pola
degradación das condicións de acceso aos servizos públicos (que
son o complemento ao salario das clases traballadoras) e que fan os
gobernos do PP? Aplicar a ultranza as receitas austericidas.
E nesas receitas non teñen cabida as
medidas preventivas, que son as máis necesarias no contexto actual.
Isto foi o que aconteceu na Comisión de Educación deste Parlamento,
onde o PP se negou a crear plans que preveñan os problemas de
nutrición en centros escolares galegos e a unificar os procedementos
de resposta ante esta situación, en crecemento, por moito que se
pretenda agochar esta realidade, remitíndoos aos comedores sociais
ou aos bancos de alimentos. Mesmo, co inxusto e insolidario decreto
de comedores posto en marcha, xa coñecemos a existencia de
situacións dramáticas, onde nenos e nenas que están nunha
situación de exclusión social....non teñen dereito a comedor. Esta
é unha realidade constatada. Non é inventada por AGE.
Saben vostedes como afecta un
desafiuzamento a un neno? Como se ve alterada a súa saúde? Como
repercute na súa educación? O outro día, na semana pasada, mentres
estabamos en pleno, unha nena coa súa nai eran desafiuzadas con 14
ou 15 grilleiras acompañando tal acto de lesa inhumanidade. Onde
están as medidas de protección dos dereitos desta familia? Onde? No
retrete dos recortes? No lixo? Os desafiuzamentos conlevan para os
nenos e nenas condicións de vivenda máis desfavorables, e, mesmo,
nalgún dos casos, quedan sen vivenda, xa que non se achega a
solución dun aloxamento alternativo axeitado e asequible. Eis unha
medida da que sempre se fala desde o goberno, mais que non coñece
realidades efectivas, que respondan coa mesma urxencia coa que se
mandan as grilleiras. Desde AGE xa reclamamos a través de diversas
iniciativas a creación dun parque público de vivendas en réxime de
aluguer social.
O propio Comisario Nils alertaba da
impunidade coa que actúan as forzas de seguridade do estado, onde
semella que a cidadanía, unha vez que exerce o seu dereito a
manifestarse, perde, de facto, os seus dereitos para ser
criminalizada. Cara a onde camiñamos? No sentido contrario desde
logo ao que recomendaba este Comisario, tal como demostra o
intolerable anteproxecto de Lei de Seguridade do goberno do estado.
Algúns chámanlle democracia autoritaria. Mais, se é así, xa non
será democracia. Será un enxendro. Todo, menos democracia.
Orzamento da Xunta
Unha medida de prevención vén dada
polo propio Orzamento da
Xunta. É
o único instrumento real que ten a Xunta de Galicia para loitar
contra a recesión, para saír da crise o antes posible. Neste
quinquenio de austericidio aplicado
por Feijóo, o Orzamento da Xunta padeceu un recorte
do 26,6%, o que, unido á inflación, que medrou un 10%, nos dá un
caída en valor real do 37,6%. Con
esta porcentaxe, é impensable non pensar que no altar do
austericidio, en nome do Deus Mercado, quedaron sacrificados os
nosos dereitos.
Neste
2014, tal como acontecía no 2013, de forma consecutiva, os
recortes afánanse en esfarelar
a educación, a
sanidade e os
servizos de benestar social. Por
moito que o queiran maquillar vostedes. Os
números que presentan vostedes constatan a súa ineficacia para
crear emprego e para afortalar o dereito a uns servizos públicos de
calidade. De novo, hoxe
coñecíamos que hai 2.629 persoas máis sen emprego e 4.572
cotizantes menos na seguridade social en tan só un mes. Galicia
conta con 270.854 parados rexistrados. A
todo isto engadámoslle a éxodo migratorio e veremos que nada fai
presaxiar a luz ao final do túnel como presume o PP.
A
finais de novembro o
informe sobre as condicións de vida sinala que somos
todos máis pobres.
Cúmprese que o único que temos é dereito á desigualdade. O
38% das familias galegas non ten capacidade para afrontar
gastos imprevistos, e un 16,6% ten moitas dificultades para chegar a
fin de mes. E
en vez de facer todo o posible a Xunta emprega os Orzamentos para
desmantelar as políticas activas de emprego (un
10% menos neste 2014).
Dáse
o paradoxo de que o goberno de Feijóo, con quen aumentou o
desemprego en 125.000 persoas, un 77% máis, quere solventar o
problema do emprego cun 70% menos de orzamento. Mais
non só as políticas activas de emprego, senón que os Orzamentos
recortan en materia
de Servizos
Sociais.
E
conxélanse
todos os programas fundamentais,
Loita contra a pobreza 585.000€, axudas emerxencias 4.500.000,
axudas banco alimentos 50.000; conxelación de axudas a familias,
6.922.205 , redúcese
o
plan concertado dos concellos...
En 5 anos, Educación viu como se lle recortaban 473 millóns de euros, un 18% menos, e iso que Educación absorbeu todo o de Cultura, que resulta, nesta ceremonia da confusión institucional, a gran recortada. Temos 1250 profesores menos...para case 6.400 alumnos máis no sistema. Na Universidade pasamos dos 609 millóns aos 327. Con estes recortes e coa LOMCE e o seu novo altar da confesionalidade católica, un novo feudalismo está colonizando as nosas aulas. Vivimos en plena recesión cultural e educativa. E non nos tragamos esa monserga de que con menos vostedes fan máis...ou si...teñen razón, fan máis dano ao ensino público.
En sanidade, en 5 anos
recortáronse máis de 370 millóns de euros, máis do 10% menos para
a sanidade. Perda de dereitos e servizos. Co-repagos, degradación
das condicións de acceso e privatización de servizos. Atención
Primaria con 16 millóns de euros menos, que unidos aos do orzamento
anterior supoñen 79 millóns de euros menos en dous exercicios
orzamentarios. Que felices deben estar os voitres ultraliberais,
sobrevoan o corpo debilitado da sanidade para lanzarse a por el. Por
non facer, a Consellería de Sanidade non executa o orzamentado. Non
nos enganen máis, por favor, con iniciativas xa anunciadas, que
deberan estar xa feitas, como se fosen novidade. Non lle mintan máis
á cidadanía galega. Hoxe xa o vimos durante o debate da lei de
garantías sanitarias: avánzase no proceso de degradación para así
avanzar na privatización dos servizos que ofrece a sanidade pública.
O co-repago para as persoas con
diversidade funcional pon en perigo o dereito ao desenvolvemento
da súa autonomía persoal. Constátase, como manifesta o comisario
Nils, a inexistencia dun enfoque baseado nos dereitos humanos. Neste
contexto de recortes as persoas con diversidade funcional son as máis
vulnerables á pobreza. Mais, como afirman as propias organizacións
sociais non existe concienciación sobre os dereitos humanos, hai
falta de vontade para afrontar o reto de cumprir coa accesibilidade
universal na realidade cotiá en todos os aspectos. E, por riba,
incúmprese o seu dereito a unha educación inclusiva. Esta é unha
quimera nun contexto de sobremasificación de aulas, de recorte de
profesorado, de máis atrancos no desenvolvemento curricular como as
que establece a LOMCE.
O 10 de decembro de 2013 cúmprense 65
anos da proclamación dos Dereitos Humanos. Será esa tamén unha
carta mollada, cuxos artigos e principios son relativos? Ou deben ser
o inexcusable guión que todo goberno debe garantir para que as
persoas teñamos unha vida digna?
Por iso, a nosa iniciativa formula a
necesidade de que a Xunta execute medidas concretas para impedir a
creba de dereitos humanos no día a día da maioría social, para
frear a pendente mortal do austericidio, para que a educación, a
sanidade, e todo o que teña que ver co sector social e coa
protección da infancia se vexan afortalados e comecen a recuperar
todo o foron perdendo neste quinquenio.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire