vendredi 29 avril 2022

CERTO...NIN DE ESQUERDAS...NIN SOLIDARIO...SI VIOLENTO, COMO DICÍA MAX WEBER

Gramsci dixo en marzo de 1924 que 'Todo Estado é ditadura'. Pode semellar excesivo. Mais non o é para quen sofre as consecuencias do poder e da violencia, inherentes ao propio Estado. Xa o vira Trotsky, en Brest-Litowsk cando afirmara que 'Todo Estado fúndase na violencia'. 

Certamente, hoxe, o binomio poder-violencia están espallados. Os Estados foxen da súa obriga de garantir dereitos, ocupados como están en servir os intereses do gran capital, onde reside o verdadeiro poder na sombra, o que non se elixe, o antidemocrático.

Xa amosamos a nosa indignación co resultado do goberno dun executivo que se autoidentifica como 'progresista' -así figura no acordo da coalición, xa que 'esquerda', certo é, quedáballe moi lonxe- con respecto a cuestións como a do Sáhara e outras que deixamos reflectidas nunha entrada anterior. 

Non obstante, o acontecido con María Salmerón supera xa os límites. As escusas do executivo para non concederlle o indulto son todas peregrinas e falaces. Se non fose pouco, a concesión do indulto repousa nunha lei que data de 1870, certo é que modificada nalgúns artigos pola lei do 18 de xuño de 1988 (Ley de 18 de junio de 1870 por la que se establecen las reglas para el EJERCICIO DE LA GRACIA DE INDULTO, modificada por Ley 1/1988, de 14 de enero por la que se modifica la Ley de 18 de junio de 1870, estableciendo reglas para el ejercicio de la Gracia de Indulto. Artículos afectados: 2, 3, 10, 11, 15, 20, 22, 23, 24, 26, 28, 29 y 30), pero que merece unha nova lei actualizada en función das casuísticas actuais. 

Unha nai que protexe á súa filla dun pai maltratador, que, por riba, nunca ingresou no cárcere, pode acabar no cárcere por facer o que faría calquera persoa no seu lugar.

O Estado pode actuar. A modificación de 1988 eliminou do artigo 3 capitulo I a posibilidade de que o Consello de Estado conceda o indulto total por 'razóns suficientes de xustiza, equidade, ou conveniencia pública'. Pero non é menos certo que a modificación da Lei de 1988 recolle que pode conceder o indulto parcial cando existan méritos para iso e mudar o tipo de pena imposto (artigo 12, capitulo II, Lei 1/1988). 



En calquera caso, estamos ante un feito grave que pretende servir de 'exemplo' para as nais que deciden exercer a lexítima defensa dos fillos e fillas ante un proxenitor do que se ten demostrado a súa violencia. Realmente pensan xuízas e xuíces que unha nai vai permitir e aceptar a violencia sen actuar? 

O Estado pode e debe actuar. De feito, coa denegación do indulto fíxoo. Confírmase que o Estado é un conglomerado de poder e violencia. 

Cando as leis e as sentenzas non protexen ás persoas menores de idade, só cómpre actuar en lexítima defensa, iso foi o que fixo unha nai, nada máis e nada menos. O que faría eu. 



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire