samedi 2 mai 2020

A 'SAÍDA DO TÚNEL'...SERÁ OU NON A EXPRESIÓN DE PODER DO GRAN CAPITAL?

Os datos do goberno enviados á Unión Europea son unha máscara para calmar os ánimos dos máis recalcitrantes ortodoxos. Non pode ser que ninguén crea que, cunha contraccion do PIB nun 9,2%, só chegaremos a un 19% de desemprego e que o 2021 medraremos un 6,8% do PIB. Dáme que non será así e ogallá que nos equivoquemos. 

Como dixemos noutras entradas do blog, o gran problema era a 'saída do túnel' e xa albiscamos a treboada que se achega para desolación da clase traballadora. E ollo! Non é cuestión de pesimismo, senón de análise, tal como o permite constatar a recolección de artigos de Juan Torres López, Coronavirus y economía (terceira edición de 26 de abril de 2020, accesible a través de Rebelión). Interesantes, de saída, os artigos publicados no último trimestre do 2019, onde xa alertaba da chegada dunha nova crise apoiada na suposta saída da anterior, iniciada unha década antes. O virus só acelerou, segundo estas previsións, o que xa se estaba cociñando nas xuntanzas do gran capital: 

"Su problema es que ha garantizado la apropiación masiva del beneficio pero a costa de llegar a la exageración e incluso a la aberración, monopolizando la toma de decisiones y convirtiendo al uso del poder y de la información en la fuente de la ganancia en detrimento de la actividad productiva. Sin embargo, al concentrar en extremo el poder ha generado una correlación de fuerzas tan favorable a las grandes corporaciones que ha terminado destruyendo los equilibrios básicos e imprescindibles que precisa tener cualquier sociedad si no quiere arder en la hoguera que antes o después prenden quienes se quedan sin nada" (p. 21).

Mocidade.-
Hedelberto López Blanch recolle o informe da OIT que alerta sobre as consecuencias que terá o futuro nos máis mozos, por varias razóns: "la recesión, el cumplimiento de tareas en la economía informal, las formas atípicas de empleos, las industrias especialmente afectadas por la pandemia y la automatización" ("Desempleo y hambre sobrevuelan el orbe", Rebelión, 2-maio-2020). 

Ademais, se temos en conta o que acontece en espazos urbanos onde se asiste a procesos de guetización social, dá a impresión de que o ascensor social só funciona para uns poucos afortunados da clase traballadora. Antes funcionaba moito mellor porque era a maneira en que o capital edulcoraba -froito das demandas e reivindicacións obreiras e sindicais, certo é- as súas prácticas de espolio e acumulación. Iso co neoliberalismo mudou. Case non hai ascensor social e impide a emancipación e progresión da mocidade. 

Pobreza e desigualdade.- 
Na famosa 'saída da crise' do 2008, que nunca foi tal, a non ser para o gran capital, incrementouse o número de traballadores e traballadoras pobres, entre un 13 e un 15%. A reivindicación dun salario 'mileurista', ante as realidades salariais existentes, semella unha lonxana utopía. 

O tecido laboral empresarial exprésase con estes números: 
  • "1 millón son microempresas (1-9 empleos) que ocupan en total a 3,5 millones de trabajadores.
  • 160.000 son medianas empresas (10-49) que emplean a 3 millones de trabajadores.
  • 26.000 son medianas empresas (50-249) que proporcionan empleo a 2,5 millones de trabajadores.
  • Algo menos de 5.000 son grandes empresas (más de 250) que ocupan a 5,6 millones de trabajadores.
  • Y, en total, en España hay unos 3,2 millones de personas que trabajan como autónomos" (Torres López, p. 85). 
O regreso da clase traballadora aos seus postos anteriores non se vai facer coas mesmas condicións. Pensemos senón collendo o exemplo da restauración: dinlles que terán que ofertar un 30% (inicio) e un 50% do aforo, se supón que até que non se comece a dispoñer dunha vacina. Con esa condición poderán pagar o 100% do que había tanto en persoal coma en salarios? Obviamente non, non hai tanto remanente na caixa dun negocio. Vai garantir o Estado durante todo ese tempo o 70%-50% restante e durante tempo que aínda é indefinido? 

E isto vale, loxicamente, para todo tipo de pequeno comercio que verá como as condicións de acceso e aforo que ten que arbitrar impedirán a facturación do 100% prevista antes do confinamento. Existirá un problema na correlación entre a oferta e a demanda, en ambos extremos. Moitos destes postos de traballos no sector servizos exercíanos mozos e mozas. Con estas condicións, mesmo aventurando axudas por parte do Estado, cantos postos hoxe 'protexidos' por un ERTE deixarán de selo e serán paro puro e duro? 

Desde o mesmo inicio do confinamento, e sabendo que estamos nun mundo gobernado polas leis do capitalismo neoliberal, advertíamos neste mesmo blog que era imperativo que a clase traballadora sentise que a inxección económica que posibilitase afrontar o peche forzoso de actividade fose directa. Niso mesmo insiste Torres López cando afirma que o Estado debía: "garantizar directamente el ingreso de empresas y personas que lo están perdiendo." O problema, claro, era aceptar o endebedamento automático, mais pode que o beneficio social e ao mesmo tempo económico permitise unha mellor saída do túnel pandémico. 

A pandemia permitiu comprobar as diferentes capas de desigualdade coa que convive o gran capital e o estado en que estaban os servizos públicos despois de décadas de voracidade capitalista e, sobre todo, grazas aos recortes e ás privatizacións auspiciadas como solución á crise do 2007-08. 

Antes da pandemia xa denunciamos a insistencia falaz en denominar certas empresas como colaborativas cando son xeradoras dun novo modelo de neoescravitude laboral. E durante a pandemia eses modelos non deixaron de aplicar e 'mellorar' os seus mecanismos de asuxeitamento.




Macroeconomía vs. microeconomía.-
Asistimos desde xa ao xogo de confrontación entre os datos macroeconómicos e a realidade microeconómica das persoas correntes. Por iso penso que os datos enviados a Europa son como unha especie de duro analxésico para convencer de que é recuperable a axuda. O economista Santiago Niño Becerra di que os intereses da axuda ascenden a uns 40 mil millóns de euros. 

Na UE seguen facendo malabares e xogos de maxia financeiros, tal como os facía Juncker, e que xa denunciáramos na Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia entre o 2012 e o 2016, por seren unha falacia, unha entelequia.: Que 1 euro de diñeiro público atrae 5 de investimento privado!! O único que se garante é que o sector privado vai zugar ese euro e os beneficios correspondentes. 



A acumulación de capital dalgúns xigantes do sector da tecnoloxía durante a pandemia son enormes. As outras que paran pola falta de consumo, teñen moito remanente e farán repousar sobre a clase traballadora os custos do futuro en forma de salarios, tipos de xornada e contratos.  

Precisamente, en xogo estará a resposta a outra contradición, a necesidade de afortalar a soberanía do Estado e dos seus servizos públicos fronte á cesión que implica a creación da oficina orzamentaria e a homologación das políticas fiscais na UE. A contradición entre obedecer unicamente ao BCE ou termos unha banca pública que sexa realmente a garante da supervivencia das persoas e do ben común. Pois a UE, polo que vimos, "se está disparando en el pie. Se está condenando a muerte ella misma" (p. 59). 

Mais a microeconomía require de que o diñeiro sexa en efectivo e non a través de débedas bancarias. 

Ego vs. alter
Noutra dimensión...toda a problemática que está xerando a pandemia a EGO...permitirá que atendemos aos problemas que ten ALTER? 

Referímonos con isto, tanto á dimensión migratoria como aos procesos que o Estado ten que abordar, se realmente merece o nome de esquerdas -categoría á que, por certo, renunciaron no programa de coalición, adoptando un termo como 'progresista'-ou, como mínimo, permitiría saber que é 'progresista', segundo a neolinguaxe que impera hoxe en día. 

Referímonos, cando menos, aos seguintes aspectos: 

a) Derrogar a Lei de Estranxeiría e procurar unha regularización ordinaria [que se fixo durante o proceso de confinamento para que as persoas migrantes en situación irregular sobrevivisen?]; 

b) Rematar coa existencia dos CIE's e dos voos de deportación;

c) Asumir a nosa responsabilidade como potencia administradora para culminar o proceso de descolonización do Sahara Occidental e que o pobo saharaui poda vivir no seu país en liberdade; 

d) Promover unha nova política de cooperación cos países empobrecidos e mudar a política de asilo e refuxiado, rachar co tratado antipersoas con Turquía e outros países como Marrocos.

A Covid-19 e a fame.-
O anterior vai vinculado ao que segue, xa que non podemos esquecer que os sistemas sanitarios de moitos dos países emisores non son quen de resistir -non o fomos case nós- as consecuencias do virus e que haberá, posiblemente un incremento de persoas migrantes que fuxan de seus países...non tanto pola COVID-19, senón, principalmente, polo desexo de fuxir das guerras, dos problemas interétnicos, da pobreza (moitas veces causada polas políticas neoliberais occidentais e tamén polas orientais, que atacaron a esencia da vida económica e social africana -asentada na reciprocidade, na redistribución e no intercambio-, coa complicidade das súas elites: véxase a este respecto o libro de Kako Nubukpo, L'urgence africaine. Changeons de modèle de croissance!, Odile Jacob, 2019)...e da fame

Recollamos con respecto á fame, o sentir de Hedelberto López Blanch, citado no inicio:

"El Programa Mundial de Alimentos (PMA) de las Naciones Unidas significó que el número de personas que se enfrentan a una inseguridad alimentaria aguda podría casi duplicarse este año hasta alcanzar los 265 millones debido a las consecuencias económicas del nuevo coronavirus. (...) la covid-19 es potencialmente catastrófica para millones de personas que ya están pendiendo de un hilo, y el PMA necesitará este año entre 10 000 y 12 000 millones de dólares para financiar sus programas de ayuda hacia las naciones y poblaciones más necesitadas"

Futuro? Como se pode falar de 'nova normalidade'?

De primeiras, a neolinguaxe non vai calmar a anguria, nin vai facer desaparecer o medo obsesivo que se inoculou por arte de maxia, nin vai calmar a desesperación ante a falta de traballo ou diñeiro, nin fará desaparecer a sensación furtiva do saúdo, do abrazo confiscado, da falta de contacto cos próximos, ....TODO ISO ESTÁ LONXE DE PODER SER UNHA NORMALIDADE...POR MOI NOVA QUE SE VENDA!!!!!

Se O Estado está máis atento ao que se dita desde arriba, a conxugar os receos da UE, hai moitas posibilidades de que a saída do túnel sexa un tormento para a clase traballadora: 

"Hace faltan ayudas directas, hace falta una banca pública que se encargue de proporcionar esa financiación extraordinaria en situaciones de emergencia y hace falta un estímulo fiscal y productivo gigantesco, de la misma proporción del desastre que se avecina". (Torres López, p. 53)
Se hai intermediación da banca, as axudas nunca chegarán de forma directa a pequenos comerciantes. Mediadas, imperará o lucro da banca privada. Se ben, como advirte Torres López, necesitamos a unha UE e a un BCE implicado:

"No nos engañemos: el esfuerzo financiero que realmente se necesitaría para evitar el colapso de nuestra economía o la quiebra no podemos hacerlo solos en el seno de la Unión Europea" (Ibid. p. 66).


Non obstante, como o propio Torres López recolle noutro artigo, será necesario que o Estado se endebede a fondo ('sin límites', p. 89) para salvar a economía e ás persoas. 

O Estado non pode fuxir da súa responsabilidade 'progresista' e poñer en marcha un plan de recuperación económica e social garantista. 

Xabier Ron
Brión, 2 de maio de 2020



Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire