"Quen
se libera arreda-se"
Homenaxe
a un home íntegro e coherente:
don
Ricardo Carvalho Calero
Hai
persoeiros que se dignifican pola coherencia que mantiveron en vida,
por moita disparidade e desencontro que puideran xerar. O tempo,
sempre sabio, outorga os lugares que se merecen. Sen dúbida, Ricardo
Carvalho Calero pertence a este tipo de persoeiros. O Día das Letras
Galegas posúe ese alcance memorial de recoñecemento, non só pola
calidade literaria dos escritos ou a valía científica da obra,
senón polo compromiso existencial. Os méritos de Ricardo Carvalho
Calero son tan sobranceiros (escritor en castelán e galego, poesía,
novela, teatro, colaboracións xornalísticas, investigador,...) que
abraia que tivesemos que agardar até o ano 2020 para que a súa
figura emerxa por riba do esquecemento, do ostracismo intelectual, do
oportunismo político e da banalización da discusión lingüística.
Este
ilustre ferrolán, nado en outubro de 1910, mantivo, desde mozo, un
elevado activismo político que se expresou na súa incorporación en
1927 ao Seminario de Estudios Galegos (SEG), na fundación do Partido
Galeguista (5-6 de decembro de 1931) e na elaboración dentro dunha
comisión creada no SEG, xunto con Alexandre Bóveda, Vicente Risco,
Paz Andrade e Lois Tobío, dun Anteproxecto
de Estatuto de Autonomía para Galiza,
cun enfoque federalista ousado que non chegou a callar porque
"impunha
ao Estado umha forma que só o Estado podia dar-se, resultou
inviável, e foi preciso ajeitar-se aos limites do Estado que os
constituintes estabelecerom" [Discurso lido no Paraninfo da
Universidade de Santiago de Compostela o 27 de xuño de 1986].
Isto
obrigou a seguir traballando para acadar un texto que fose acollido
por unha maioría ampla, o que acontecería o 28 de xuño de 1936.
"Tempos da
Segunda República, aquel novo e falido intento de estabelecer em
Espanha um regime de convivência democrática", onde,
lembraba Carvalho Calero, "republicanos vagamente federais"
e "galeguistas vagamente republicanos" víanse na obriga de
se entenderen baixo o paraugas que confería o novo modelo
de estado: "Uns
e outros pareciamos luitar conjuntamente pola República Federal".
Logo, xa sabemos,
chegaron os golpistas franquistas e en 1938 morría a aventura
parlamentaria do Estatuto.
O
Partido Galeguista, como todos os que defenderan a Segunda República,
coñeceu a represión xenocida e sofreu un dobre exilio, exterior e
interior. O exilio exterior, sobre todo en Buenos Aires, intentou
defender a recuperación das institucións demoucadas polo franquismo
así como manter a necesidade de que o Estatuto de Autonomía fose
unha realidade para Galicia, algo que foi defendido até a
extenuación por Castelao até a súa morte en 1950 e polo Consejo
de Galicia. Achega silenciada, como tantas outras, na conformación
institucional que se puxo en pé en Galicia despois da morte do
ditador.
Carvalho
Calero, debido ás implicacións da súa defensa coherente da
democracia, coñeceu as penurias de ser recluído en Jaén en 1939.
Sae en 1941 coa lousa de non poder exercer ningún cargo público.
Desde entón, podemos dicir que vive no exilio interior. Son anos
durísimos, de supervivencia. Don Ricardo sobreviviu entre 1942 e
1949 exercendo o seu maxisterio en academias privadas de ensino. Di o
profesor Juan Castro (coa experiencia dos seus 84 anos) que tivo a
sorte de poder coñecer aos mellores profesores na posguerra en
centros privados. Era onde podían ensinar usando unha pedagoxía
avanzada, asentada nos preceptos democráticos do Instituto de Libre
Ensinanza. Así foi como chega Carvalho Calero ao Colexio Fingoi,
onde ensinará durante 15 anos, entre 1950 e 1965 e onde chegou a
poñer en pé un Centro de Estudos Lingüísticos e Literarios.
Cofundador da editorial Galaxia en 1950. En 1958 ingresara na Real
Academia Galega cun estudio pioneiro sobre Rosalía de Castro.
Afirman algúns que Carvalho Calero reduciu a súa militancia
política. Non obstante, se temos en conta que estamos en Ditadura,
todos os traballos que se fan a prol do galego pertencen, por dereito
propio, a unha militancia cultural necesaria e decisiva para a nosa
lingua e cultura, tal como a Historia
da Literatura Galega Contemporánea. I
(1963).
Co
'aperturismo' do ano 65 mudaron as condicións de Carvalho Calero,
que xa podía optar á función pública como docente. Esta é unha
etapa, sen dúbida, rica en acontecementos eruditos para o
coñecemento, defensa e promoción da lingua e da literatura galega,
pois desde 1965 estará vinculado ao seu ensino na Universidade de
Santiago de Compostela, da que será, en 1972, o seu primeiro
catedrático.
Nestes
sete anos prodúcese unha rica eclosión do traballo científico de
Carvalho Calero que dá como froitos a Gramática elemental del
gallego común (1966), colabora na redacción das Normas
ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia
Galega (1970-1971). Historia
da literatura galega contemporánea (1808-1936) (1975).
Nunca deixa de practicar a escrita tanto literaria como ensaística e
científica até a data da
súa xubilación, en 1979 e tamén durante a súa segunda fase de
ostracismo que se estenderá até a súa morte en 1990.
A
democracia consiste, nin máis nin menos, na pluralidade de ideas, na
necesidade de pensamento e debate críticos, e mesmo na discrepancia
argumentada. Se aniñan na coherencia entre a tese e a praxe, entón
é a ética a que se manifesta. Ricardo Carvalho Calero sabíao, era
moi consciente das dificultades que significaba defender unha opción
non hexemónica, tal como emana, por momentos, nunha das súas
últimas intervencións
['Discurso
político e discurso poético na literatura galega moderna'.
Transcriçom da conferência proferida o dia 22 de Abril de 1988 na
Escola Universitária de Formaçom do Professorado de Santiago ]:
"Temos
que renunciar, portanto, na vida pública como na vida privada, a que
as cousas marchem inteiramente polos roteiros que nós desejaríamos"
Os
sendeiros deste século XXI levan, inexorablemente, e por moito que
se pretenda negalo, a persoeiros como Ricardo Carvalho Calero, que
defendeu coa súa liberdade e coa súa coherencia e integridade
ideais de xustiza e democracia, de lingua e nación. Unha persoa que
pulou polo recoñecemento científico da nosa lingua e do noso
patrimonio inmaterial. Como di Bernardo Máiz é o pai lingüístico
de varias xeracións.
Pode
que non se entenda, desde os eidos do pensamento dominante e
politicamente correcto, a necesidade de reivindicar de forma plena a
Don Ricardo Carvalho Calero. Non se debe esquecer que o edificio
dunha democracia se alicerza tanto sobre as pezas concordantes como
nas discrepantes.
“…certas
elites entenden que non deben realzar a personalidade dun disidente…
e que nin como estudoso nin como pensador sobre os problemas
culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”.
En
efecto, todo indica que o fundamento da Democracia contén, en certo
sentido, a súa propia disfunción: as minorías vense na obriga de
habitar nas marxes da sociedade, cando deberan, en realidade
convivir. De feito, o propio sistema de partidos está asentado nos
principios básicos de pluralidade, debate e discrepancia e
convivencia.
As
normas da hexemonía social serven para explicar o que acontece nos
sistemas e patróns lingüísticos. De feito, como demostran recentes
estudos científicos, o problema é que os procesos de
lingüificación son agresivamente hexemónicos na defensa ideolóxica
da estandarización dun patrón. E nesa refrega, as restantes
opcións son rexeitadas. Se retomamos o fundamento da democracia, no
entanto, é posible que convivan diferentes formas de ver e pensar o
mundo, tamén a lingua. Simplemente, ao final, un ten que decidir,
sen que iso implique, necesariamente, a marxinalidade de quen elixe
outra opción. Sería a mellor proba de que vivimos nunha democracia
sana.
Por
iso, non se pode reducir a bagaxe do intelectual de Ferrol a unha
simplista cuestión ortográfica/idiomatica/ideolóxica que contrapón
reintegracionistas (banalizada como 'portugueses') e
antireintegracionistas (banalizada como 'españolistas'), xa
que sería furtar a posibilidade de que a sociedade galega de hoxe
acceda ao coñecemento pleno do que foi Carvalho Calero. Tampouco,
debido ao seu rol como ideólogo da ortografía da norma AGAL, se
pode obviar este feito, só cómpre corresponder coa realidade dos
feitos.
Carvalho
Calero, a pesar de ter participado e ser protagonista dos elementos
fundacionais da lingua, da cultura e do entendemento de Galicia como
nación -así entrou mesmo na Constitución Española de 1978-,
sempre fuxiu de recoñecementos con modestia e intelixencia -coma no
discurso de 1986-, así como soubo manter a súa dignidade e
coherencia até o final, renunciando a determinados postos
honoríficos e pechando a posibilidade a certos cargos
representativos.
Remataremos
esta semblanza con estes expresivos versos que, escritos en 1961,
pode que indiquen a lousa que representa o exilio interior:
Traguede
dinamita
porque
quero voar
esa
ponte de anguria
que
vai do hoxe ao mañá
(Salterio
de Fingoi)
Xabier
Ron
17
de maio de 2020
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire