dimanche 19 juillet 2020

A FÁBULA DO CADRO

O cadro ofrecía unha perspectiva un tanto inaudita, insólita. E non era a primeira vez que o mestre o ollaba.

Só afastándote del, a bastantes pasos de distancia, podías outorgarlle, con moitas dificultades, un certo sentido unitario. Percibíase un intento de condución de liñas que partían de diversos puntos, mais o resultado semellaba un tanto inconexo, coma se se forzase de xeito antinatural a converxencia das liñas.

As razóns de tal feito percibíanse moi ben cando te achegabas ao cadro. Podíase sentir mesmo a dor que expresaba unha mestura de cores non ben asonada. A discordancia lumínica era evidente. A imaxe semellaba chorar de impotencia ante o desastroso traballo das mans que, recentemente, se aplicaran a darlle un ‘novo relato’.

De preto, víanse as torsións das liñas, coma se o seu programa pictórico non correspondese coas intencións iniciais. Había mesmo, no intento absurdo de restaurar, un borrado de liñas vellas ben definidas. De xeito tosco, case coma con ese Ecce Homo, o trazo brusco mergullaba vitorioso sobre toda harmonía.

O mestre optou por sentar e pensar sobre o futuro.

Tiña sentido desfacer as novas restauracións para recuperar o deseño orixinal? Sabía moi ben o mestre que xurdirían, desde as turbas dixitais de linchamento anónimo, insultos e outras desconsideracións. Sabía tamén que toda consideración contraria á nova restauración sería marxinada.

O poder aliméntase da adulación dos adeptos interesados. Por iso, as declaracións públicas de defensa do traballo realizado eran todas centrífugas con respecto á asunción de responsabilidades: ninguén quería asumir e admitir que se equivocaron coa restauración do cadro e que a pretendida visión unitaria só obedecía a unha sinrazón lóxica. A culpa sempre estaba noutros.

Ou sería mellor renunciar a toda restauración e comezar a preparar un novo lenzo, acollendo os acertos do deseño do programa inicial, e pintar un novo cadro?

O mestre tiña os suficientes anos para saber que a perspectiva tiña a súa importancia, pero que a verdade e a mentira non dependen dela. Que os modos de ver non poden ser un pretexto para anular a existencia obxectiva da verdade.

Brión, 19 de xullo de 2020


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire