mardi 28 septembre 2010

VELOCIDADE E REFLEXIÓN

A velocidade como denominador en todas as facetas da nosa vida social e individual. A min, persoalmente, seméllame caos destrutivo dos elos sociais. Impregna os hábitos da mocidade e inocula as vidas dos que deberan plantarse, pero xa nin pensan en facelo por medos diversos.

Pasa nas aulas. Onde hai unha melodía tranquila, os espíritos da mocidade reaccionan "pasando". E chámanlle sen ritmo. E cando as explicacións se desenvolven conforme a un parámetro retórico (inicio, desenvolvemento, e remate), esas mentes deformadas anticipan e proclaman sentidos inexistentes no que se fala.

Unha velocidade que cloroforma a reflexión, o lento pensar. Reclamo aquí a necesidade de instaurar filosofía, como arte para desenvolver o pensamento, na educación secundaria obrigatoria. E debera transversalizar todas as materias.

Non aturo esa desesperación por querer facelo todo xa. E aquí xa falo da gaiola de aceiro en que se converteu a administración do ben público. Os prazos acúrtanse cada vez máis, de forma abafante e, mesmo, antihumana. Xa opto por facelo ao meu ritmo e facelo ben.

A velocidade aliméntase da noxenta competitividade. E cando vou á facultade e penso en cantas publicacións "científicas" e mesmo teses de doutoramento se fan só por cumprir cos prazos...penso na perda da calidade, da reflexión, do lento pensar.

Mais, o triste, é ver que todas as persoas participan desta perda de control vital. Non observo reaccións serias e reais nas persoas. Repito, nas persoas.

Paremos. Reflexionemos. Pensemos...e logo camiñemos despacio.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire