Gocei co visionado dun documental chamado Afghan Star, o nome dun programa de Tolo TV, que consiste nunha especie de homólogo de Operación Triunfo. Non pola calidade dos que aí se cantaba, senón polo valor que ten a música e o valor para mudar aspectos sociais.
Setara, unha das cantantes, foi expulsada do programa por ousar bailar, libre do veo. Valor e coraxe dunha muller que sentía como cantando se sentía libre. Cantou e bailou sentíndose libre e iso, non hai doutrina ideolóxica, nin relixiosa, que nolo poda quitar.
Detrás, a presión do Consello de Sabios (Ulema) e dos talibáns para impedir no programa que se baile, e menos mulleres, e menos sen veo. Democracia dicides? Si, vale, xa sei que saíredes os relativistas a criticarme, pero tanto me ten. Considero que a relixión, interpretada e imposta desde o prisma machista e patriarcal, nunca debe interferir na vida pública e organizativa dun Estado e da súa sociedade. Cada persoa que crea no que queira crer, e que actúe en consonancia, se quere. Pero no eido do privado. Nos seus propios espazos de crenza e devoción.
Setara ten un mérito terrible, unha valentía decidida, sabedora dos seus propios medos (medo a morrer), o que invalidaría a máis dunha a seguir co seu soño de liberdade e igualdade.
Un bo documental. Recomendable.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire