Hoxe caín sobre un libro seu, La felicidad, desesperadamente (Paidós, 2010) e, o baleiro, enchéuse. Que é a filosofía? Quédome coa definición de Epicuro:
- "A filosofía é unha actividade que, mediante discursos e razonamentos, procúranos a vida feliz"
A vida feliz entendida de forma filosófica, isto é, sabedoría. Unha felicidade que se acada en relación coa idea de verdade. E quédome coa reflexión de Comte-Sponville:
- "Máis vale unha verdadeira tristeza que unha falsa alegría".
- "non mentir e, antes, non mentirse. Non mentirse sobre a vida, sobre un mesmo, sobre a felicidade"
Recolle o autor unha anécdota que Malraux contaba. Logo de atoparse cun sacerdote, Malraux pregúntalle: "Padre, dígame que descubriu, en toda esta vida de confesor...?" E O sacerdote responde: "La primera que la gente es mucho más desgraciada de lo que creemos. La segunda, que no hay grandes personas". Sublime!
Por iso, ensina Comte-Sponville, temos que aprender a filosofar, isto é tender a esa procura de felicidade (sabedoría), antes de que sexa moi tarde, definitivamente tarde. Eu diría que desde que poñemos o pé nunha escola a filosofía debera acompañarnos.
O sendeiro reflexivo lévamos a interrogarnos por que as persoas non son felices. E o motivo pode repousar no desexo e na carencia.
- "Non hai amor feliz: mentres o desexo é carencia, a felicidade escápasenos"
Será certo o que Comte-Sponville di? Que é doado amar a quen non temos, a quen non vive con nós, que iso é estar namorado e que, cando temos o que xa non nos falta e nos aburrimos temos vida de parella e que iso "rara vez é suficiente para a felicidade"?
- "A vida oscila, coma un péndulo, da dor ao hastío. Sofremento porque desexo o que non teño e sofro por esa carencia; aburrimento porque teño o que desde ese instante xa non desexo"
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire