jeudi 30 décembre 2010

POR QUE EMPREGAR UNHA LINGUAXE AMBIGUA?

Escoitando a publicidade da campaña en contra da violencia machista, do Goberno de España, din en pensar que:
  1. Teño unha mente deformada pola miña formación filolóxica e vexo aspectos que atrancan a recta comunicación en diferentes soportes;
Os motivos? Non sei, pero penso que o lema final podería ser menos ambiguo: "no hay una sola víctima" dáme que pensar en algo inconcluso, ambigüo, como cando dicimos "no hay un solo día"...apela a algo máis. Ou mesmo cambiemos "sola" por "triste" e teremos: "no hay una triste víctima" que, por suposto non é o que teñen en mente os publicistas e os que concederon o visto e prace.

Coido que quedaría máis claro dicindo as cousas de forma clara: "a violencia machista destrúe a todas as persoas".

Bah!, pode que sexan freakadas miñas, agora que a febre ataca as miñas defensas, augurando unha entrada no 2011 tusindo e medicándome...

mercredi 29 décembre 2010

BRIGITTE BARDOT...ANTE A VISIÓN DOS MARX!


UN DÍA NAS CARREIRAS----nun dos momentos de recoñecemento médico surrealista practicado polos irmáns Marx...os dobradores tamén deixaron ir a súa imaxinación ao futuro.

En efecto, empregar a Brigitte Bardot, musa do cine francés nas décadas dos anos 50 e 60 do século XX, nun film de 1937, é cando menos tan hilarante como triste.

Preguntámonos como Groucho podería ter ollado a Brigitte Bardot...Lembremos, aínda tiña 3 anos e non faría seu primeiro film até 1952...

A proba de que os anacronismos e os erros poboan os filmes...e de moitos deles nin temos nin idea....froito da nosa ignorancia con que ollamos e escoitamos as cousas...

NAS MARXES

Distanciado
expulsáronme do centro


na marxe
onde o medo ten nome de papel


Ensináronme os contos
que teño un pasado milenario
feito de lendas
de enfeitizos
e que neles está o meu ser
a miña identidade


e sei quen non son

Aquí nesta illa de marxes
as luces non son iguais para todos
e non iluminan os nosos escasos soños
contemplámolas ao lonxe
no centro
nas rúas da adoración do consumo

Ás veces ouso desafiar
ao medo que treme
na ausencia dun papel
e penso que son un guerreiro
e agocho baixo as mans
a maxia que libero
dunha utopía que se chama normalidade

Mais aí están
agardando
ruins
as linguas de fogo
que asoman nos ollos da serpe uniformada

Hoxe non ouso
estou canso e triste




ollo desde esta marxe escura
como celebran o seu nadal da confraternidade

e agardo


a mañá


29-decembro-2010
"Pensando en tantas persoas prisioneiras por uns papeis"

jeudi 23 décembre 2010

REPOUSO E LECTURA, REFLEXIÓN E CREACIÓN

Nestes días desconectarei da tensión internauta, da posta ao día de reflexións. Entre as viaxes ao pobo e o retorno, repouso e lectura, de todo iso que imos aparcando por falta de tempos. Reflexión sobre os trobadores da lírica medieval estudando documentación e creación.

Até dentro duns días

dimanche 19 décembre 2010

AVE...A VELOCIDADE E O PROGRESO...UN ARTELLAMENTO QUE DESARTELLA


Resulta curioso escoitar como se vencella de forma apaixonada a velocidade ao progreso. Teño a sospeita de que canta máis velocidade, menos cohesión e máis destrución dos valores que nos convén manter. Entón, como veredes, os propios termos "conservador" e "progresista" poden ter trazos que historicamente non se lles aplicaba no dicionario que usan os oradores políticos.

Por exemplo, conservar a capacidade de negociación colectiva fronte á imposición das medidas á hora de asentar os dereitos laborais. Ou manter a plena capacidade da sanidade, do ensino, dos servizos sociais como ben público da maioría. Ou conservar a imaxe da fidelidade e estabilidade laboral . Conservador? Si, se confrontamos este mantemento co "progresismo" que representa a competitividade, a externalización-privatización, a flexiseguridade, e a velocidade-mobilidade que impregnan a contemporaneidade laboral que ditan os mercados e acatan os oligarcas que nos desgobernan.

Pero cabe tamén que, ao mesmo tempo que conservamos os parámetros ideais de partida, desexemos afortalar a eficacia, eficiencia e calidade do ben público. Progresista? Si, se o confrontamos coa idea de degradación do público para xustificar a súa posterior entrega ao sector privado.

En fin, como vedes, as palabras precisan dunha certa pedagoxía acompañada de exemplos ilustrativos, senón, en si, tal como van os tempos do dicionario político-económico actual...só asistimos á perda do contido real. A forma de vencer máis doada que aplican os doutrinarios do capital. Confunde e vencerás.

A este respecto introduzo o tema do AVE. A súa presenza semella representar progreso. Mais a súa filosofía artelladora do territorio, en Galicia e no Estado, vai acompañada do desartellamento da imaxe da lentitude, da ligazón intercomarcal, do elo social entre localidades veciñas pero o suficientemente distanciadas para que se teña que usar transporte. E por non mentar as cuestións enerxéticas, claramente depredadoras. Un artellamento que desartella. Non haberá no fondo un símbolo da loita de clases? tren para clases acomodadas fronte ao tren das clases populares?

O que está claro, ao meu entender, é que os desgobernadores introducen cada vez máis confusións conceptuais no seu discurso e na súa praxe. De forma deliberada. E contan cos medios de persuasión masivos que silencian o alcance nacional, estatal, do desartellamento para, como moito, situar os "inconvenientes" do artellamento AVE na sección de "local". Outra gran medida desartelladora, que imposibilita o establecemento reflexivo e crítico do correcto alcance das medidas "progresistas" dos desgobernadores.

mercredi 15 décembre 2010

SOBRE AS CINZAS

Indagar

coa ollada da luz os contornos

do teu beizo ausentándose

xa implacable sombra

da miña memoria


Respirar

con meditada paixón o aroma

das túas mans presentindo

xa inexplicable teima

as miñas dúbidas


Debuxar

con finxida indiferenza as liñas

das túas nádegas erguéndose

xa sobre as cinzas

da nosa paixón


Cortexar

con medo as melodías do baleiro

dos versos perversos

xa agora

que sei que te amo

Porque sempre é tarde de máis, 4-maio-2010

18 DE DECEMBRO DE 2010, DÍA MUNDIAL DAS MIGRACIÓNS. EN DEFENSA DOS DEREITOS HUMANOS. EN DEFENSA DA DIGNIDADE.


De novo 18 de decembro. Unha vez máis, as persoas que queremos un mundo máis xusto, un mundo máis humano, un mundo que inclúa e non exclúa, estaremos ao carón das persoas migrantes. Ofrecendo a solidariedade que se merecen. Ofrecendo a calor que precisan. Procurando o respecto que se lle nega en base a leis cada vez menos humanas, cada vez máis inxustas.

Non podemos estarmos hoxe contentos co que acontece en Galicia, en España, en Europa e en xeral no mundo. En efecto, centrándonos no noso contorno máis próximo, temos que constatar, por desgraza, un aumento do racismo, un incremento de actos discriminatorios e xenófobos. E debera enchernos de vergoña permitilo.

Ao longo desta semana, ao igual que todos os días, o noso berro de solidariedade debe ser ben alto e resoar nas durmidas consciencias da sociedade. Unha sociedade que se pecha sobre si mesma está condeada a fracasar, a morrer abafada coas súas propias miserias.

Non podemos ser cómprices da indiferenza. Cómpre vencela e desterrar a pasividade para denunciar o camiño que emprenderon Europa e España coas Directivas da Vergoña e coa Reforma da Lei de Estranxeiría. A sociedade non pode ser o verdugo voluntario das oligarquías que viven dos nosos medos e das nosas ataduras.

Hoxe, 13 de decembro de 2010, no Parlamento Europeo comezouse a debatir unha norma non só polémica, senón racista, que amosa ben de que forma a Unión Europea naufraga; unha norma anti-persoas migrantes e que consiste en que no seo da Unión Europea os traballadores non comunitarios teñan só os dereitos laborais do seu país de orixe e non os que teñen os traballadores comunitarios. En certo modo é unha Directiva Bolkestein aplicada ás persoas migrantes. Unha auténtica aberración! E, por riba, queren que as pensións só se poidan cobrar no país europeo onde se xerou.

Estamos nunha democracia subvertida, que retorce as liñas da propia Democracia en contra dos nosos dereitos en tanto que seres humanos. Como podemos tolerar que, en nome da democracia, nestes precisos momentos, milleiros de persoas migrantes estean privadas de liberdade por simplemente incumprir un requisito administrativo e teñan que sobrevivir con medo nos innumerables Centros de Internamento espallados por toda Europa? Ou como tolerar que a arbitrariedade policial impida a entrada de persoas que veñen de visita ou a reunirse un tempo cos seus seres queridos e que sexan expulsadas sen garantías dos aeroportos españois simplemente por un temor racista e irracional a que se queden no noso país? Como tolerar que os Centros de saúde, os cursos de español para estranxeiros, as estacións de bus, tren ou metro sexan espazos de persecución?

Jacques Rancière déulle a todos estes lamentables feitos o nome de racismo frío, un racismo distanciado que provén das institucións, do Estado e que estende no imaxinario o perigoso virus do racismo e da xenofobia. Novas formas, menos directas, menos populistas e “apaixonadas”, máis hipócritas e agochadas, pero igual de racistas e xenófobas. Un Estado que renuncia a loitar contra as chantaxes do capital e dos grandes donos das finanzas e dos bancos, e que, por pura covardía, dirixe toda a súa forza cara ás persoas, violentando a súa dignidade e vulnerando os seus dereitos máis esenciais. As mostras disto son claras. A hipocrisía do Estado español non coñece límites. Nestes días en que tivo lugar en Compostela o Foro 2010 de Educación Mundial para a Paz, o goberno non concedeu visados a persoas de Nixeria, Guinea-Bissau, Senegal, Serra Leoa, Haití, etc. para que puidesen participar e achegar a súa perspectiva sobre a necesaria cultura de paz. Pero, ao mesmo tempo, ese goberno quere figurar na publicidade como colaborador do evento: pura hipocrisía!!

Loitemos contra as mentiras, os medos infundados e as manipulacións. Aquí non hai rivais laborais. Só persoas que queren traballar con dignidade, como todas e todos nós. Somos unha mesma clase traballadora. Non deixemos que nos dividan por etnia, cultura ou relixión. Divididos nos queren para que non teñamos a capacidade de mudar a triste faciana destas democracias enfermas de tanto neoliberalismo depredador. Temos que loitar, unidos e unidas, contra a desmembración que quere levar a cabo o capitalismo.

Non imos caer nese discurso utilitarista, rendibilista e mercantilista, que enche a boca dos que adoptan rostro amable cando convén e que falan só destas persoas en tanto que número, en base a canto achegan ao PIB ou á Seguridade Social. Son moitos máis os valores que as persoas migrantes, a pesar de todos os atrancos e obstáculos, ao fin, conseguen transmitirnos.

Se as Administracións Públicas non mudan o paso das leis que ditan, se non cambian o seu discurso racista, demagogo e populista, é a Democracia a que perde o paso definitivamente.

Rachemos este discurso alienante e tendamos pontes de encontro.

Esta semana haberá diversos actos en toda Galicia. Un deles, o festival intercultural e reivindicativo que terá lugar na Casa das Asociacións de Cornes en Compostela, a partir das 19h, o venres 17 de decembro.

Animo desde aquí a que vos acheguedes as persoas que desexades un mundo máis xusto e respectuoso cos Dereitos Humanos. Repartiranse as invitacións na praza do Toural o martes 14 entre as 18h e as 20h e o xoves 16 entre as 18h e as 20h na praza Cervantes.

(a imaxe é de Areito, descargada de Rebelión)

mardi 14 décembre 2010

SOBRE ESTAR DE XEONLLOS

O pepiño, o lucense, ten un rictus perigoso. Ao falar quere ter a máxima razón. Por iso quere decretar. Ignora as pausas da negociación democrática. Todo o fai, di, porque un grupo de traballadores -improdutivos para o medio de televisión- quixeron "poñer de xeonllos ao Estado e iso non o imos consentir"....Seméllame ben...

Por que non se ergueron cando viñeron os oligarcas a impoñer receitas de axuste social? E penso en dúas cousas: a) seguen estando de xeonllos tremendo e só lanzan a súa "mala follá" contra as persoas: traballadores, inmigrantes, etc.; b) nunca estiveron de xeonllos -eles- porque estaban agardando de pé, cos outros voitres neoliberais ou ultraliberais como diría o Beiras, a que sexa o pobo o que se poña de xeonllos suplicando por uns míseros euros, cada vez menos, por un traballo precario, flexible, móbil e sen dereitos.

OS AVIÓNS NON SON MEDIOS DE TRANSPORTE ECOLÓXICOS

Si, semella que todos queren seguir militarizando o control aéreo. Semella que ese novo dereito que se inventaron algúns, o dereito a voar, vaise impór a ese outro xa devaluado, de dereito ao traballo.

De verdade, que estou abraiado ollando como se procura xustificar o uso dos militares. E como os medios de persuasión e manipulación masiva prestan os seu espazo resoador para que esa xustificación sexa máis doada.

Sei que, cando veñan a polo meu traballo, estarei só, como dicía Brecht.

Sempre me preguntei como era posible que o ditador Franco morrese na cama. Agora, no clima de naufraxio, e ao ver a reacción maioritaria do pobo, entendo as razóns.

Agora resulta que o avión debe ser un medio de transporte ecolóxico. Tal como o debe ser o AVE. Unha necesidade? De ser así, esa velocidade é a velocidade do capitalismo. Non o ritmo normal que precisa a humanidade.

RILKE E O AMOR

Do fermoso libro El árbol rojo, unha antoloxía de Andrés Rubio para a editorial Demipage (2010) que recolle versos para "ceremonias laicas" como nacementos, unións de persoas e despedidas eternas, recupero un fragmento.

Trátase dunhas liñas que o poeta alemán Rainer María Rilke (Praga, República Checa, 1875-Val-Mont, Suiza, 1926) destina a Franz Xaver Kappus entre 1902 e 1908 e publicadas en 1929, de forma póstuma, co título de Cartas a un joven poeta.

Ofrézoo en francés primeiro e despois, en galego, traducindo da edición en castelán que figura na edición de Andrés Rubio (p. 32):

"L'amour d'un être humain vers un autre: c'est peut-être la chose la plus difficile qui nous soit confiée. La plus grande, l'épreuve suprême, la tâche face à laquelle toutes les autres tâches ne sont que préparation. C'est pour cela que les jeunes ne peuvent aimer encore, en tout ils sont débutants. Ils doivent l'apprendre. Avec tout leur être, avec toutes leurs forces réunies autour de leur coeur, solitaire et angoissé, qui bat avec désordre, ils doivent aprendre à aimer"


"O amor dun ser humano cara outro: isto é quizais o máis difícil que nos encomendaron. O máximo, a proba suprema, a tarefa da que todas as demais tarefas son preparación. Por iso os mozos aínda non poden amar, pois en todo son principiantes. Teñen que aprendelo. Con todo o seu ser, con todas as súas forzas reunidas ao redor do seu corazón solitario e cheo de anguria, que palpita con alboroto, teñen que aprender a amar"