Si
xa estou
unha vez máis
peiteado a medias
co frío presentido no corpo
e vestido ás présas
Tan só sento
un chisco
só
Os pasos encamíñanse
sabedores
no mesmo percorrido
tantas veces percorrido
que cansa pensalo
Estrada
quilómetros de fume
e frío e choiva ou sol
se cadra a sorte
pero é inverno
Mentres vou
alumeo estes versos
e dígome
"que vida vivimos?"
Vexo aos coches lanzados
nunha e noutra dirección
as vidas crúzanse indiferentes
a non ser
un semáforo mal distanciado
un xiro mal anunciado
entón os verbos e as mentes
alumean ese demo
o que todos levamos dentro
E seguimos o paso
por unha estrada
demasiado transitada
demasiado coñecida
e recoñeces cada unha das fochancas
como amantes eternas
que aniñan no teu ollar
sempre están aí eternas
incansables
E liberamos un chisco os pensamentos
o marido
a muller
os nenos ou as nenas
os amigos
a familia
o can
o gato
ou simplemente a casa
nalgo diso está a nosa cadea dos sentimentos
Pero o noso tempo non é pra iles
non é pra nós sequera
non podemos
non nos deixan
Non nos avisaron
vivir era outra cousa
ou
isto é vivir?
Asinamos un contrato
demasiado cruel
que nos ata a unhas paredes
tanto dá a súa cor
son paredes
e están sempre envolvendo
ao noso tempo
vixiando que nada
nada
impida a realización do contrato asinado
E xa sabes
todo vai
o café
as pastas
o xornal
as novas
a política
os malos políticos
o tempo
o frío
e quéixaste
de todo e por todo
pero non actúas
non podemos
non nos deixan
ou iso cres
Pasa o tempo
de volta
retorno ao eterno retorno
estrada
frío
escuridade
choiva
obrigas
e máis obrigas
que quedan como queda o diñeiro
da cesta da compra na tenda
E chega a cea
os encontros cos seres
queridos cada vez máis distanciados
ou coa túa soidade
e saen
e non queres
as rutinas como as espiñas das rosas
estás cansa
estás canso
mañá é outro día
E cando te deitas
diste
"As horas do tempo namorado
u-las?"
Mañá é outro día
1-decembro-2010
"No camiño, eterno e frío, que me leva de Brión a Cesures todos os días"
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire