mardi 27 novembre 2012

FEIJÓO NO PAÍS DAS MARABILLAS OU COMO MENTIR SEN RUBORIZARSE


Xa saín do abraio. Durou bastante tempo a escenificación: desde as 9h30 até as 11h10. Demasiado tempo para ter que escoitar como a palabra pode ser secuestrada para participar, moi ao seu pesar, na textualidade dun discurso cheo de irrealidades, de profecías irrealizables, en definitiva de mentiras.


O candidato a presidente describiu, con total impunidade, un país irreal. Só lle faltou unha presentación en power point e teríamos a perfecta charla dun xestor dunha empresa privada que presenta o seu balanzo.

Orde-rigor-planificación. Austeridade. Crecemento. Leis. Plan Estratéxico. Estas foron, sen dúbida, as palabras máis recorrentes. E tamén as que se vían dotadas de menor realidade semántica. Lanzadas directamente ao baleiro.

Feijóo empregou os datos para desvialos da súa dura e crúa realidade. Mesmo semellaba que viña de chegar, como esquecendo que estivo 4 anos antes. Ou quizais fose unha forma de asumir que, en efecto, a lexislatura anterior, se caracterizou pola inacción en materia de emprego e polos recortes de todo tipo.

A crise non é só económica. E non foi un ente abstracto o seu causante. Foron as políticas de dereitas, as políticas ultraliberais, as causantes da desfeita sistémica.

A quen quere enganar aludindo de forma velada á herdanza do PSOE (estado) ou Bipartito (nación)?

A quen quere enganar coas promesas ou profecías de crecemento no que podemos definir ano santo de transición económica  2014??

Que significa para este personaxe  blindar os servizos públicos? Quizais que os vai converter en herméticos e que para usalos deberemos ter que pagar cada vez máis?

Como pode empregar sen ruborizarse a figura de “modelo de cidadáns esforzados” como xustificación da suposta “aceptación” dos recortes? A recente folga xeral demostra que a xente non os acepta.

Ao longo do seu discurso empregou os cualificativos de “saneada”, “solvente” como esencia do seu exemplar goberno...pero esquece dicir que con el pasouse de 3500 millóns de euros de débeda a 7.000.

Por moito que lance balóns fóra, a súa política ten moito que ver coa perda das caixas para a sociedade. Esquece dicir cal foi o seu rol no tema das preferentes. Ou cal será a súa actuacion no tema dos despedimentos dos 2000 traballadores que se pensa se producirán unha vez se acepte o diñeiro de Europa. Non se trata dunha banca nacionalizada??

Houbo un longo intre en que adoptou o traxe de profeta. Nostradamus foi un principiante. Feijóo profetiza que o 2014 será ano santo de transición económica. Profetiza, ao igual que o seu líder, Mariano Rajoy, que é lóxico demorar os desafiuzamentos durante dous anos porque as condicións económicas negativas que provocaron o lanzamento desaparecerán no 2014. Simple coincidencia?

E lanza o seu fondo para o crecemento, como se con nomealo, o traballo vai abrollar. É un perfecto sinónimo dos polígonos industriais: noméanse, fanse invocando os milleiros de postos de traballo e...quedan sometidos ao esquecemento.

O peor momento foi cando falou de investigación. Para min un insulto. Un ataque ante os numerosos casos que coñezo de degradación das condicións de traballo de colegas, ante os casos de despedimentos, ante os casos de mil e unha promesas incumpridas en materia de estabilidade.

E veña a falar de Leis. E así chega a Lei do Emprendedor  con non se sabe moi ben que “triquiñuelas” en concepto de bonificacións e exencións (imposto de sucesión, de transmisión patrimonial...) para convencernos de que será unha panacea

E para chegar ao corazón, alude á mocidade, a quen recomenda como primeira saída, o autoemprego. E lánzase, así, como se fose natural a sucesión, a falar de automoción, de plan Abalar (¿?), todo aderezado dunha planificación ordenada (sic) a medio e longo prazo (sabe que quere dicir con isto?).

E entón xorde a palabra totem: austeridade. Nada se libra da austeridade neoliberal: salarios, número de deputados e deputadas, concellos, ..... E trememos cando nesa liña discursiva sae unha nova Lei de Réxime Financeiro e, peor, unha Lei do Empregado Público.

Moitas cousas máis habería que citar. Todas as que figuran no apartado dedicado á ordenación do territorio...que son para tremer e non sei se de frío ou de medo.

Duro momento foi cando se puxo a falar do rural...e do sector lácteo. Nese momento uns compañeiros do Sindicato Labrego Galego e outras organizacións agrarias fixeron uso da liberdade de expresión para despregar no palco de convidados unha pancarta e berrar que ese señor estaba mentindo e que o sector lácteo está en grave perigo (cómpre dicir que se lanzaron enriba deles como se fosen terroristas e mesmo foron identificados pola policía autonómica; lamentable: o Parlamento....casa do pobo...ja!). Na súa mente ultraliberal...que entenderá por “plan de industrialización do rural galego”? O que está permitindo en Corcoesto, coas nocivas minas de ouro?

Cando falou dos servizos públicos (sanidade, educación, sector social) déume a impresión de, se pechaba os ollos, estar asistindo a unha mestura de dúas accións fílmicas: a de Alicia no país das marabillas e a desa (insoportable, para min e a miña compañeira) publicidade que anuncia unha compresa e que fai que a muller vaia saltando polas rúas feliz.....

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire