dimanche 11 novembre 2012

RAZÓNS E MOTIVOS SOBRAN

Sempre que asoma unha data esencial, unha data de folga xeral, vén tamén a necesidade de achegar argumentos que animen, impulsen, etc. 

O certo é que pode resultar raro ter que facelo. A data xa era coñecida en tempos electorais. E, de feito, as alertas xa dicían que os ataques calculados das oligarquías dominantes ían incrementarse unha vez pasada a data do 21 de outubro de 2012 en Galicia e Euskadi. 

Debido ao resultado electoral en Galicia, con maioría absoluta do PP, neses intres en que as voces resoan no espazo público, teño escoitado argumentos ben curiosos como, "pois agora, que se fastidien, xa que ese é o seu voto, eu non vou á folga". 

Podo entender a frustración polo resultado electoral. É lóxica. Pero mal faríamos, en primeiro lugar, en non valorar os resultados electorais na súa xusta medida, posto que só un 24%, creo, da poboación apoiou a continuidade de Feijóo. Os restantes quedaron en casa ou foron a outras organizacións como AGE que asomou con forza, rompendo o status quo acomodado do Parlamento de Galicia. 

En segundo lugar, considerando que a decisión de facer folga debe ser unha decisión política e ideolóxica cómpre pensar que, se estás en contra das políticas que nos fan vivir peor, e ter menos dereitos e un horizonte escurecido, ao quedar en casa non é que se fastidien os que votaron a Feijóo, senón que perxudicas a loita pola recuperación dos dereitos perdidos e beneficias ás políticas destrutivas das oligarquías dominantes que queren que o 14 de novembro de 2012 sexa un día máis, sen máis. 

En terceiro lugar, quero engadir un factor que non pode permanecer alleo: os medios de desinformación masiva, controlados polos poderes dominantes, non deixan de manipular e agochar a realidade máis crúa. Así fan cos suicidios derivados das políticas de recortes (quedarse sen traballo, quedarse sen vivenda, etc...). Quizais, a etiqueta que mellor cadre sexa a de alienación. E, así, moitas persoas, da clase traballadora, votan a quen máis os está atacando. E tamén algo de culpa temos na esquerda cando non sabemos baixar de forma pedagóxica aos espazos onde máis se abate a alienación.

Pero non. Non podemos deixalo ir. É difícil, pero mesmo os que teñen medo teñen que dicir non a ese medo paralizante. Esther Vivas e Josep María Antentas din que como cidadáns perdimos o medo, pero que como traballadores permanece a resignación. A min, francamente, resúltame difícil practicar unha separación entre as dúas condicións.

Precisamente, coido incluso que a folga xeral asocia nun todo indisociable a condición de cidadanía e de clase traballadora. Dicir que non teño medo como cidadán, e logo non vou á folga xeral por medo (a categoría de resignación é menos categorizante), resulta algo complexo de entender.

Se a patronal experimenta que nada a pode frear, seguirá abafándonos cada vez con máis forza. Hai exemplos de resistencia: aí temos aos 7 traballadores de telefónica en folga de fame, defendendo o posto de traballo dun compañeiro despedido de forma improcedente, como ditamina a sentencia do xuízo. Día si e día tamén vemos ao sector de educación saír ás rúas reclamando que non se siga destrozando aos servizos públicos básicos. Vemos ás persoas afectadas polas preferentes reclamar unha solución ao roubo que padeceron. 

A dimensión europea da xornada de loita e folga xeral debe animarnos tamén. Rachemos coa etiqueta de PIGS que nos regalan os voitres que babexan sobre os nosos servizos públicos. Rachemos coa Europa involucionista que queren construír os amantes do capital. 

Somos parte da mesma clase traballadora.


Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire