samedi 28 novembre 2015

NON HAI ESCRITURA INOCENTE

Desde hai uns meses vivo a comprobación das miñas propias teorías sobre o que denomino colonización do pensamento da (suposta) esquerda por parte dos conceptos, vocablos, usos e mesmo estilos propios do capitalismo desta fase neoliberal. Non se pensen as persoas que se acheguen que estas reflexións non teñen o pouso do tempo. Todo o contrario. Evitei todos estes meses deixarme levar pola inmediatez, polo abraio, ou mesmo polo anoxo. Non desexaba responder de forma tweet...(eu que nin teño nin desexo ese enxendro). Agora, despois do tempo preciso de análise, de introspección, xa podo escribir desde a racionalidade da observación participante, propia da antropoloxía. 

Esta segunda reflexión prosegue coa ollada inaugurada no artigo en que debuxo a faciana desa colonización. E faino afondando no propio proceso escritural, nos trazos superficiais da textualidade empregada por esa (suposta) esquerda. Non será preciso sinalar que estou convencido de que o relativismo e o posmodernismo foron os medios empregados polo sistema capitalista para colonizar o pensamento dos 'benpensantes' ou 'fluídopensantes'. Pretendendo denostar o racionalismo polos seus excesos, os intermediarios (in)voluntarios do sistema asentaron o paradigma da ollada amable, onde é de obrigado cumprimento edulcorar a realidade mediante unha linguaxe 'positiva' -baixo o pretexto espúreo, desde un punto de vista político e ético, de que é máis doado a comunicar-. A vida convértese así nun texto de carácter descritivo (facendo feliz a Clifford Geertz), onde todo é relativo, posible e xustificable. Este texto que pretende dicirnos que todo é cultura anima outras prácticas que abafan e anulan a necesaria reflexión, a crítica argumentada e a dialéctica. 

Porque hai 'aspectos' que non admiten só unha descrición. Hai 'aspectos' que só se poden inscribir se antes son sometidos a un proceso de confrontación que é, en primeira instancia, sempre ideolóxica. Temos que asumir a dose de conflito, de tensión, de negatividade como un aspecto fundamental da realidade. E iso non é posible cando, por exemplo, se pide 'consenso' en determinados 'aspectos' que son antagónicos. Por poñer un exemplo clarificador: se unha persoa defende, de forma argumentada, a necesidade de que a ensinanza da relixión teña lugar fóra do horario escolar, resulta evidente que defende o carácter laico da educación pública. Cando se quere verter isto a un escrito político,  non abonda cunha textualidade 'positiva', porque sobre este tema non é posible o 'consenso'. Só as persoas colonizadas poden pensar en buscar estratexias comunicativas destinadas a edulcorar esta realidade e en 'camuflar' o trazo negativo e antagónico. 

O consenso e o politicamente correcto son coartadas para non asumir que a realidade ofrece facianas antagónicas e que non todo vale. Outro exemplo que sofro como propio. A dereita que goberna Galicia, en nome do politicamente correcto e do consenso é quen de establecer unha liña de axuda económica co Sáhara ocupado por Marrocos, e mesmo de asumir unha declaración de apoio no Parlamento, ao mesmo tempo que asina un acordo comercial con Marrocos, potencia ocupante, e que non esixe ao estado a súa responsabilidade como potencia administradora de iure, mentres non teña lugar o referendo. É máis que evidente que non se pode dar forza e recursos ao ocupante, ao mesmo tempo que nos laiamos da sorte do pobo saharaui. Non todo vale. Non se pode estar cos verdugos e coas vítimas. Cómpre elixir. E asumir a negatividade desa elección. Por iso, eu pregunto...'en positivo' ou coherencia? 'Politicamente correcto' ou Ética? 

A realidade non está consensuada. Está quebrada pola incidencia negativa do sistema capitalista, que ten unhas consecuencias devastadoras para os pobos do mundo. E esa negatividade, cando a maioría da sociedade vive inmersa no dominio e na colonización neoliberal, hai que explicala e confrontala mesmo cos nosos medos. Hai que saír do 'quiste' posmodernista e afirmar que, nesa dimensión, non existe positividade posible. As condicións da humanidade, degradadas, vulneradas, violadas, non se solventan escribindo en positivo. Non. Nin creando unha 'ilusión'. Non. A esperanza só pode vir dun horizonte en que a humanidade se emancipe das cadeas do capitalismo. E iso non é doado. É difícil e duro. E a frustración formará parte do proceso. Non existen contos de fadas mais que nos relatos posmodernistas. 

Por iso, hai que ser conscientes dos problemas e da dificultade da súa solución. Hai que afrontalos e para iso non abonda co estilo camuflado. Hai que dicir cal é a situación desde o valor da veracidade. Para remover esa rede que instalou o sistema no noso pensamento. Para que nos doa no interior e nos proxecte cara a fóra, a reivindicar a nosa vida. E se iso significa menos votos, pero son votos conscientes politicamente...por coherencia, por ética...prefíroo.



 



mardi 24 novembre 2015

MEDOS

Desde a persistencia
o abafo que se estende 
nos intestinos dos desexos
e nos destrúe ao mesmo tempo
que nos crea

Unha sociedade sacudida de medos
fala e expresa que decide 
seguridade
fronte a liberdade 
medo 
fronte a razón

Ignoran ou non
que iso é polo que devecen 
os malvados

E vencen

Porque o medo mata
o que nos fai humanos
ante os demais  

A COLONIZACIÓN POSMODERNISTA NA (PRESUNTA) ESQUERDA

Vivimos tempos escuros para o racionalismo que debe ilustrar as argumentacións que se efectúen nos distintos eidos en que debe reinar unha lóxica discursiva. Sen unha argumentación racional, caemos no baleiro e no relativismo. E nada peor para a esquerda que a impugnación que significa o relativismo aplicado a un programa político. De aí, a importancia da veracidade programática nos argumentos. Non se trata, desde logo, como din algúns por aí, de crear "ilusión". Sería un erro. Esta é outra das palabras asentadas na máscara, debedora do mero efectismo do titular, da mentira que persegue convencer a persoas "ilusas" (a estes efectos, venme á memoria asociar esta circunstancia co desmesurado espazo que ten a mentira hoxe, para o cal recomendo o opúsculo escrito en 1943 polo ruso Alexandre Koyré, La función política de la mentira moderna, Pasos Perdidos, 2015).

Nestes tempos de voracidade semella mesmo que, para artífices de campaña electoral, é máis importante "comunicar" que "argumentar". Así, quizais, poden elaborarse "contos" para marabillar o imaxinario. Mais, en canto toque gobernar, a eses contos xa non lle saen as contas. Por iso, desde a esquerda, e na esquerda, cómpre afastar da elaboración dos argumentos a tentación de sometelos ao imperio da comunicación. Un titular nunca será quen de argumentar como levar a cabo un proceso de transformación da sociedade; como implementar un proceso de democracia participativa; como remunicipalizar servizos públicos; e un longo etcétera argumental.
E esta circunstancia afecta, mesmo, como explica moi ben Mark Hunyadi, ao que debemos considerar ÉTICA. Hoxe, a comunicación posmodernista usa o termo TRANSPARENCIA como sinónimo. Mais a transparencia nunca será ÉTICA. O relativismo e o discurso posmodernista aliméntanse do 'politicamente correcto', baixo cuxa lente se sitúan todas as nosas declaracións públicas. Esa doutrina é, desde logo, perxudicial, xa que devén un elemento paralizante da verdadeira ÉTICA. En efecto, esta ética é individualista, propia do neoliberalismo e desatende a dimensión colectiva e común. Esa doutrina paraliza toda crítica real baixo o signo do (falso) consenso, e ten razón Hunyadi (2015: 21-22), "por respeto ético a los derechos individuales, se nos prepara un mundo que tal vez sea éticamente detestable". 
Isto acontece, ademais, na outra colonización, a da tecnoloxía, que absorbe toda capacidade de crítica: as persoas viven xa baixo o seu poder de sedución, e ninguén pensa nas consecuencias terribles que ten para a capacidade cognitiva do propio suxeito. 
Fíxose disto un modo de vida, como definición do neoliberalismo, que tiraniza a nosa vida. Mais dicir isto é, negativo e politicamente incorrecto. Dáse unha verdadeira operación, ben planificada, e que se introduce de forma lenta, mais irreversible, se non hai capacidade de confrontación, de crítica e de establecemento da negatividade, na nosa vida. Trátase de "blanqueo ético donde se entrecruzan la despersonalización política y la irresponsabilidad moral, y ello sin reparar en los efectos acumulados que todas estas microdecisiones tienen sobre lo que mas nos afecta, esto es, los modos de vida" (Hunyadi, 2015: 30).
Ese modo de vida tecnoloxizado, impregnado dunha ética de mínimos (individualista, e sectorializada (ética do cargo público; ética médica; bioética; ética animal....), cando a ÉTICA debe ser unha soa, global, de máximos, e pensando no ben común. Unha ética que fuxe da negatividade e vive no (falso) consenso do politicamente correcto, é o caldo que precisa o capitalismo neoliberal para alimentarse. Non precisa de máis. E hoxe, ata a esquerda caeu baixo a súa poderosa expansión. Danse preocupantes efectos no discurso e nos actos que reflicten un pensamento colonizado por ese modo de vida. Un modo de vida que vive de aplicar tres conceptos ao mesmo tempo: alienación (Marx), autoexplotación (Byung Chul Han) e adhesión afectiva (Hunyadi). Para percibir, polo tanto, os efectos nocivos deste modo de vida, convén coñecer e recoñecer os seus efectos e as súas causas. Convén argumentar, con racionalidade, e carácter crítico e negativo, tendo en conta a dimensión da ÉTICA na súa globalidade. Só asi, a esquerda poderá liberarse do xugo colonial do modo de vida neoliberal. 

lundi 23 novembre 2015

RETORNOS E OUTRAS IMPRESIÓNS

Saín do inferno particular en que me mergullei desde maio, momento en que se deu a coñecer unha circular da USC que obrigaba aos doutorandos de plans anteriores ao Boloña a presentar a súa tese de doutoramento antes do 30 de setembro...momento en que se podería un acoller á prórroga ata o 13 de novembro de 2015 incluído. 

Momento difícil aquel. Decidir converter os meus escasos minutos libres nunha ofrenda ao devorado tempo da investigación, ou decidir pasar de todo, non pasar polo inferno, non renunciar aos escasos días libres dos que dispoño e gozar un chisco do que debe significar vivir. 

Momento difícil, mais optei por ese inferno. Diversas razóns. Quizais, orgullo: non deixar no baleiro o traballo realizado, con dificultades e sen bolsas de ningún tipo, durante estes anos e a inxente contía depositada, ano tras ano, para manter a matrícula da miña tese. Si, quizais, tamén, unha especie de resistencia contra esa imposición absurda, e demostrar que se equivocaron. Quizais, pode, saber que a miña directora de tese ía cumprir os 65 anos e, como homenaxe, esta tese non estaría mal. E tamén por unha encendida defensa do racionalismo metodolóxico -afastado de posmodernismos imperantes-, da filoloxía -cando xa non existe nin o título da miña licenciatura-, e da interdisciplinaridade -agora que todos viven mergullados nunha hiperespecialización.

Foron meses, ademais, en que houbo que afrontar traballos políticos complicados: o proceso de confección das Mareas Municipalistas de maio 2015; o proceso de construción do proceso de confluencia EN MAREA, a política parlamentaria cotiá, xuntanzas orgánicas,...e de noite, ou cando tiña un oco, redactar a miña tese. 

Descenso aos infernos. Agosto, o mes de parón parlamentar, derivou en 14 horas de traba
llo coa tese. E despois, sobre todo, de noite. Ata as 4 da mañá, moitas veces, ás 2 nas outras, para dedicarlle entre 4 ou 6 horas de tese, despois de ter traballado todo o día en materia política...

Descenso aos infernos. Si. E nunca pensei que o corpo e a mente ben incentivados puidesen aguantar tanto tempo unha situación extrema. 

Mais ese inferno abríame unha fiestra ao ceo da espeanza investigadora, ao detectar aspectos considero que novidosos sobre a esencia do trobar románico desde as dinámicas da fenomenoloxía do don. Historia e diplomática. Filoloxía e lírica. E antropoloxía. Eses mundos son os que me deron respiro ao longo destes anos, cando a política me saturaba, ou cando, na docencia de secundaria, precisaba atopar o fío do saber superior. E, o que devece sempre un investigador, atopar documentos que nos traen o nome dun trobador ata ese momento non documentado. Esa emoción é insuperable. Si, seino. Só os escasos frikis que seguimos investigando, mesmo cando sabemos que a Universidade é unha porta pechada, podemos entender esta emoción.

E foi posible. Grazas tamén ao dilixente traballo da miña directora de tese, Mercedes Brea.O 13 de novembro de 2015 ficou depositada. Agora segue esa máquina da burocracia incansable...ata que poda defendela en xaneiro de 2016. 

Nese inicio de ano agardo que xa se dera o 20D a mudanza de goberno en Madrid, e cun incuestionable éxito de EN MAREA, quen de animar o camiño de conformación da hexemonía que debemos construír nas rúas para conquistar as institucións nas nacionais do 2016 en Galicia.