mardi 15 mars 2016

SOBRE O COMPORTAMENTO "RASTREIRO" EN POLÍTICA

O Dicionario da Real Academia Galega afirma, con respecto ao adxectivo rastreiro, o seguinte na súa acepción figurada: "Que emprega procedementos baixos e desprezables para conseguir os seus propósitos". 

Todas as persoas son coñecedoras de persoas que actúan de forma "rastreira". Na trastenda da política interna das organizacións políticas e, en xeral, aí onde se manifestan os egos do individuo, existen, por desgraza con demasiada frecuencia, evidencias devastadoras da súa aplicación. Por experiencia diría que non coñezo espazo colectivo libre da súa presenza, como se fose condición intrínseca do ser humano procurar unha posición persoal, por riba dos beneficios do propio colectivo. 

Unha das súas manifestacións máis ruíns é a que fala do aproveitamento de parte de certas situacións cando xa existen solucións ao respecto, adoptadas por quen debera adoptalas e encamiñadas coa participación dos colectivos sociais implicados. 

Desde hai uns días acontece que as familias do centro educativo compostelán de A Raiola levaron a cabo diferentes xuntanzas para atopar unha solución á primeira nova que falaba de que os seus fillos e fillas non poderían ir ao centro de referencia, senón que serían espallados por distintos centros da cidade. As instancias gubernativas da cidade puxéronse a traballar para atopar unha solución inmediata e, despois, unha de tipo estrutural, quen de dar solución á proxección demográfica en idade escolar que acompaña á zona sur de Compostela. 

E a ANPA do centro A Raiola tamén traballou, reuníndose co concello e cos grupos parlamentares. Todos os da oposición agás o PSDG, que optou por reunirse de forma separada. Algo infrecuente cando a sociedade civil solicita unha xuntanza colectiva. Algo que xa me fixo sospeitar de que ía existir un camiño político e ético errado, tal como se manifestou na rolda de prensa que onte (14-marzo-2016) deu o responsable do grupo parlamentar de educación no Parlamento de Galicia en compañía do voceiro do grupo no concello de Compostela. O uso de argumentos xa superados e xa falados coa ANPA por parte do executivo municipal demostra que só se quere facer dano político usando como escudo ás familias. E, curioso, a solución que propoñen está lonxe do máximo rigor educativo e pedagóxico, que aspira a non masificar os centros educativos. 

Eis, en definitiva, unha demostración do que é o comportament rastreiro en política. Veremos que fan cando o concello presente en Pleno a moción na procura dunha solución estrutural o máis acaída desde un punto de vista educativo, pedagóxico e social. 

  ladosla

dimanche 13 mars 2016

A PROPÓSITO DA ESQUERDA

Por momentos, hai treitos da lectura que sorprenden. Porque lanzan á rede da comprensión unha especie de semente. Eis o que sucede cando un le o libriño de conversas que se dá no ano 2013 entre Stéphane Hessel, ese gran persoeiro que anticipou a través de Indignez-vous o que acontecería desde os anos 2011 en adiante, e o eterno filósofo Edgar Morin. Nun momento dado da conversa, Nicolas Truong lanza a seguinte pregunta: "Así, o seu programa sería unha síntese das tres esquerdas, a esquerda libertaria, a esquerda socialista e a esquerda comunista?" A resposta do filósofo é a seguinte: "O libertarismo céntrase no individuo, o socialismo apunta a que a sociedade sexa mellor e o comunismo insiste no común. A esquerda só pode rexenerarse unindo estas tres fontes. O meu desexo é que os partidos se descompoñan e recompoñan nunha nova fórmula" (p. 40). 

A gran entendedor, poucas palabras. Dedicado a todas esas "mentes" que desprezan o valor dun programa de acción política, ao confialo todo só na construción dun "relato".

vendredi 11 mars 2016

TESTAMENTO FILOSÓFICO DIXITAL


O tempo esváese levándose desexos, esperanzas e utopías que eu tiña como proxección ética do meu ser interior, que me mantiña e mantén activo e sempre salferida con valores como a solidariedade, a coherencia, o compromiso, a serenidade dialéctica, interiorizadas como forma de ser e estar no mundo.

Sei, en boa lóxica, que o que hoxe escribo é para poucos ollos. E está ben que sexa así. Non me gustan as farándulas nin as exhibicións. A miña filosofía e os procedementos analíticos, reflexivos e pausados que esta filosofía esixen son, ou foron declarándose, de forma inevitable e convulsa, incompatibles coa voracidade, velocidade, coa anonimia insultante e coa difusa e líquida militancia (sic) que exhibe -raiando na pornografía- este (para min caótico) dixital mundo posmodernista.

Como queira que a miña saúde mental precisa do asento da firmeza ética, da coherencia teórica e actitudinal inquebrantables, anuncio o abandono dixital das redes sociais (certo é que non éun abandono global, pois nunca tiven unha conta do titular-twitter). Polo tanto, hoxe deixo o mundo facebook e, pouco a pouco, a medida que esmoreza o meu tempo público, irei deixando todo vestixio político dixital que, polo de agora, quedará condensado neste blog, de escasa lectura e menor repercusión. 

Resúltame gravoso o mundo-rede social. Ten os seus efectos positivos, din, mais eu aínda non abeiro neles. A información que eu obteño do escenario dixital sigo conseguíndoa de certos medios de prensa dixitais alternativos. Con iso teño suficiente. O outro xa non é para min. Quizais sexa un ser superado pola (absurda) velocidade que, por riba, é a que alimenta aos medios de comunicación de masas. Círculo kafkiano. O meu refuxio vive no lento transitar das follas dos libros.

Recoñezo que teño unha absoluta incapacidade para crer nas bondades desta exhibición pornográfica de instantáneas que deben formar parte da memoria máis íntima, máis fonda dos elos que unen ás persoas na súa materialidade. 

Diranme que así non se sabe / non se ve o traballo que realizo politica e socialmente. Matizo esta afirmación dicindo que o meu traballo, ademais de na prensa silenciosa e negadora, estará nas canles de información dixital propias: nas de AGE e nas EU. 

Así, e na esperanza de que exista racionalidade, valoración e empatía humanas quen de ver, co exercicio da reflexión, cal é o espazo da realidade en que vivo e traballo, rubrico este testamento filosófico dixital.