samedi 14 avril 2018

ALÍ ESTABA ELA

Palabras e pensamentos que foron lidos no acto que Esquerda Unida Compostela organizou na Alameda de Compostela para honrar a memoria da Segunda República proclamada o 14 de abril de 1931. Palabras e pensamentos que tiveron o pracer de compartir voz co camarada Redondo Abuín, coa co-coordinadora Noa Morales e co futuro que representa Alex Peleteiro.
 
Ideas en verso para un poema ao corazón da República
Hoxe cando o capital tece unha rede complexa
de poder absoluto e omnímodo tinguido de Coroa
que coloniza todo modo de vida

Ideas pensadas nos camiños
percorridos á procura das respostas

Ideas que baten no maxín e firen a ialma


AÍ ESTABA ELA


Aí estaba
de xeonllos
Ela
que nunca implorara ante o xefe inquisitorial de Deus
xa non podía máis
sentía o peso de cada palabra
coma se lle roubasen os anos de vida pendentes

En cada pada de terra fuxían
desexos pensamentos e o destino de toda unha vida
pouco a pouco as padas afundíanse máis na terra
e o oco era un eco enfermizo
pouco a pouco aí estaban
emerxían para non renacer
ósos mal dispostos envoltos na ira
dos que non saben amar
ósos sacrificados no altar do odio
dos que aínda hoxe
negan como Xudas

Aí estaba Ela de xeonllos
as padas cesaron
e calaron os rumores das voces todas
e as bágoas regan a remexida terra

Aí estaban o silencio da memoria
o medo da nai a dignidade do pai
aí en cada óso do avó
estaban as ruínas a pantasma do corazón libre
da República

Aí estaba Ela a sinalada
a discriminada a esquecida
como todas as netas de 'rojos'
sobreviviu entre xentes que rían
ou calaban
ou que simplemente pechaban os ollos

Como todas as netas de 'rojos'
suspirou pola morte do Ditador
que tan tirano era
que pactou co Demo o sangue
de todas as ialmas libres
e así entre disparo e disparo
libou como serpe velenosa
todos os cantos de liberdades aínda vivos

Suspirou pola súa morte si
Ela que nunca implorara si
calou e bebeu
do silencio da memoria
do medo da nai
da dignidade do pai
para non renderse nunca

Non cría en Deus
nin nos vermes
e calou a súa loita
deixouna no interior
coma un tesouro
ata que morreu o xefe inquisitorial de Deus

Tiña desexos pensamentos e un destino
liberar a ialma prisioneira dos vermes do avó
e dar manto libre á Verdade
e calmar o medo da Nai
e devolver a dignidade ao Pai

Mantivo na súa memoria
o cruel mapa do cárcere
coa delicada esperanza
de non morrer antes

Mais os cociñeiros entraron
no banquete para crear un menú
de esquecemento e amnesia
para festa dos que ainda hoxe
negan como Xudas

E chorou maldicindo
aos falsos e covardes
pero a neta non lles entregou
desexos pensamentos e o seu destino
loitou e loitou
gardando sempre folgos

E aí estaba Ela
de xeonllos
agarimando coas bágoas os ósos do avó por fin
os desexos os pensamentos o destino tiñan sentido pleno

E chorei
sentindo como se liberaba a súa dor
mentres remataba estas ideas en verso
para un poema ao corazón da República
imaxinando que o noso pasado
esa pequena lúa
antes da longa noite de pedra
reapareza nun futuro
libre da amnesia
sen medos
e con dignidade

14 de abril de 2018
Alameda de Compostela 
Xabier Ron

vendredi 13 avril 2018

O ALENTO VÉN DA INTEGRIDADE: PENSAR A REPÚBLICA HOXE

Nas abondosas lecturas en que ando mergullado nestes tempos de recuperación dos padeceres cardíacos, bato con aventuras, con historias de vida cheas de integridade. Unha integridade que desafia os límites do soportable e mesmo, vista a distancia, do imaxinable. Curioso -ou non- que sexa nas ditaduras onde sexa posible a existencia desa meritoria actitude ética. Hoxe, ollando o que acontece coa mediocridade dos actos e comportamentos políticos e sociais, semella unha quimera pensar só en tentar imitar a quen, sabendo do evidente perigo de morte, loitou pola legalidade republicana, democrática.

De maneira inevitable, coa data de mañá, 14 de abril, cando se rememora un día fermoso, como é a proclamación da Segunda República, rindo a miña pequena e humilde homenaxe a esas persoas que deberan ser exemplos de ética (hoxe tan denostada, ata o punto de que os posmodernistas de dereitas e de esquerdas, de forma maniquea, expulsan a ÉTICA da POLÍTICA, converténdose esta nun todo vale noxento). 

Pode que tamén influíse a acertada exposición inaugurada onte, xoves 12 de abril, na Fundación Eugenio Granell, Corpoética, a cargo de Claudio Rodríguez Fer. Suxestiva e emotiva porque parte de nocións afastadas do cotián, como o amor e o respeto, o onirismo surrealista e faino tamén reivindicando a nosa tradición antifascista, a de verdade, exemplificada no seu pai, muíñeiro proletario -como mo definiu o propio Claudio-, que coñeceu as durezas do vello cárcere de Lugo, hoxe convertido nun museo -parabéns a quen o levou a cabo porque era necesario- que lembra o noso pasado, que atesoura a nosa memoria en obxectos do cotián de tantas persoas que foron presas nas súas paredes. Nunha das salas, Hidromemoria, Claudio rende homenaxe a seu pai, cun videomontaxe que nos ofrece unha letanía, adaptada do Pai Noso, que se converte nun Pai Meu, laico e antifascista..."amén, camarada".

As emocións leváronme de forma inevitable á dor e ao sofremento de tantas persoas que entregaron a súa vida para impedir primeiro o golpe de estado, para resistir contra o Ditador despois.

 Ao respecto, hai quen fai rimas para definir o resultado do golpe militar que rematou coa legal e lexítima Segunda República: quedou unha sociedade de vencedores, de vencidos e de convencidos. E pode ser que sexa así, sobre todo coa última categoría social, a necesaria para soster unha Ditadura durante 40 anos e os 40 anos posteriores dunha democracia escasa, debilitada, enfraquecida, precisamente, polos herdeiros desa longa noite de pedra. Ignorando que é o mellor, penso que nesta categoría hai como un eloxio agochado no termo vencedores. Por iso, opto polo termo vitimario, xa que incide na responsabilidade directa do golpe primeiro, das prácticas xenocidas do primeiro franquismo e do apoio consciente e/ou resignado á ditadura. En vez de vencidos falaría de vítimas, sen caer no erro, vaia o paradoxo, da vitimización, ou quizais resistentes, xa que, quen resistiu morreu ou viviu con moitas dificultades por entregar a súa vida a un loable fin. Os convencidos quizais sexan os resignados, os que practicaron a indiferenza, os que pechaban os ollos, por medo ou por outras emocións que impedían unha acción dedicida resistente en contra da Ditadura. 

E non se pode medir a dimensión xenocida franquista só cos números. Sería un erro. Como afirma José Benigno Freire no prólogo á edición española de Viktor Frankl, El hombre en busca de sentido (Barcelona: Herder, 2015, 3ª edic.) os números deshumanizan, separan corpo e ialma. Humanizar é dar nomes e apelidos, como a cela do vello cárcere de Lugo que foi decorada co nome de todas as persoas presas (pódese contemplar na foto que adxuntamos e agradezo aquí ao amigo Ramón Vázquez a visita guiada coa que me agasallou). E se as resistentes merecen o nome e os apelidos...tamén debemos identificar ás vitimarias...a xustiza reparadora precísao. Saber con que piares se construíu a democracia alumearía as conciencias desa masa social 'convencida' ou 'resignada' ou 'indiferente'. Nomes e apelidos que son os que aínda manteñen a memoria intacta de familiares que agardan recuperar os corpos sepultados nas fosas para lles dar vida.

A República constrúese todos os días. Todos os días temos que ter na mente aos nosos devanceiros. Temos que retirar o pano de silencio e esquecemento que impuxeron os vitimarios para entrar pola porta falsa da democracia. Concordato Vaticano, Lei de Amnistía de 1977, a imposición da Monarquía...a desmemoria deliberada, a cooptación das institucións democráticas...quen non o queira ver...xa sabe a que colectivo social pertence.

Viktor Frankl, neurólogo, psiquiatra e filósofo que coñeceu as durezas de Auschwitz despois de vinte anos de investigación, cuxos resultados conservaba nun manuscrito que os nazis lle requisaron e destruíron cando entrou no campo. Frankl foi rememorando como puido o seu traballo en pequenos papeis que son o cerne do seu libro, que foi definido por Karl Jaspers como "un dos grandes libros da humanidade". Puido exiliarse cun visado, que xa tiña, para os Estados Unidos, mais o seu pai e súa nai quedaban un tanto indefensos e entón, como afirma o propio Frankl: "cal era a miña responsabilidade? Ocuparme da miña obra ou coidar de meus pais?". El quedou e tivo momentos moi duros: a muller embarazada do seu primeiro fillo, foi forzada a abortar e morreu en Auschwitz; a morte de seu pai; a súa nai, asasinada no campo de Theresienstadt; a propia creba de dúas décadas de traballo profesional; a propia agonía no campo de concentración. El quedou e resistiu e logo verbalizou o vivido nun libro que quere 
"describir, coa miña experiencia, e desde a miña perspectiva de psiquiatra, como vivía o prisioneiro corrente no campo e como esa vida influía na súa psicoloxía" (p. 21)

A pesar da evidente exemplaridade, e mesmo a pesar do seu carácter heroico, como afirma un dos seus biógrafos: 
 "Frankl non debe ser eximido da discusión crítica. Debe ser intelixible para nós, comprensible, tanxible, e tamén debe poder chegar a ser pedra de escándalo e de contradición. Deste modo, a súa vida e obra seguirán vivas entre nós e non estarán nun pedestal, alleas á vida cotiá, inalcanzables, expostas ao pó da historia"
  Isto é o importante e é perfectamente aplicable ás persoas resistentes vítimas da Ditadura: se deixamos que sexa só unha liturxia que se rememora un día ao ano, recluíndonos en museos de pedras como son os cemiterios e as fosas comúns, non seremos quen de reparar a inxustiza que padeceron. Nestes tempos é o dominio do pensamento correcto o que impón a autocensura. Hai medo a afrontar os feitos con carácter crítico. Os lugares comúns impiden que podamos resolver as contradicións existentes. O reto está aí: salvalas do pó da historia...a que impuxeron os vitimarios e a que...por medos...aínda non se escribiu.

mardi 3 avril 2018

O ESTADO DA VIVENDA INDIGNA EN FRANCIA

Recén chegada de Francia, o último número de Sciences Humaines (nº 460, abril 2018) ofrécenos dúas informacións que son interesantes. Aquí falarei da primeira, un artigo de Florine Galéron que fai un resumo do último informe da Fundación Abbé-Pierre sobre o estado da condición da vivenda nas poboacións precarizadas (o número 23). 

Como afirman na súa páxina web, esta Fundación estrutura o seu traballo a través de seis comisións todas compartindo a máxima finalidade: analizar o estado da vivenda das persoas máis empobrecidas da sociedade e, en consecuencia, apelar á erradicación das vivendas indignas. 

Ti que sofres, sexas quen sexas, entra, dorme, come, recupera esperanza, aquí querémoste,
Unha das frases do Abade Pedro é: "Non abonda con emocionarse ante a miseria, cómpre pasar á acción". Unha frase que debera impregnar a actitude dunha sociedade individualista, pasiva, resignada e indiferente ante as situacións de inxustiza social. Saír das emocións do grupo que se considera propio, sair das loitas parciais, para abrazar a loita pola dignidade da condición humana, sexa de onde sexa a persoa.

Na web ofrecen un extracto do dossier sobre a rexión do norte de Francia, Hauts-de-France, e nel apreciamos o que sintetiza o título do artigo: "Cada vez máis vivendas con sobrepoboación en Francia". E é que despois de varias décadas en retroceso, a sobrepoboación habitacional recrudecéuse. Entre o ano 2006 e o 2013 déuse un incremento do 12 por cento, o que significa que 8,6 millóns de persoas en Francia sofren sobrepoboación habitacional. 

Téñase en conta que se fala de sobrepoboación habitacional cando, por exemplo, un irmán e unha irmá de máis de 7 anos non teñen a súa habitación propia, ou cando unha parella ten que durmir na mesma habitación cun neno ou nena. Se hai ausencia de varias habitacións fálase de sobrepoboación acusada. Este feito afectaba a 934 000 persoas en Francia no 2013, un incremento do 17 % en sete anos.

A conquista dun espazo íntimo propio, ter unha habitación para un mesmo, foi unha conquista que avanzou co afortalamento do Estado de Benestar durante os trinta anos que seguiron á segunda guerra mundial. Esta democratización da intimidade, inmensa e minúscula a un tempo como se recolle no artigo, está ameazado en Francia.

Como é de supoñer, este retorno da sobrepoboación afecta en primeiro lugar aos fogares con baixos ingresos (+ 1,6 puntos en sete anos, mentres que se reduciu nun 0,5 % nos fogares con máis ingresos). Falamos do colectivo social máis afectado polas consecuencias da crise-estafa que se iniciou no 2007: un empobrecemento e unha precarización xeralizada que converte en estrutural a desigualdade propia do sistema capitalista.

lundi 26 mars 2018

SOBRE SUCESIÓNS INFAMES E O NEGACIONISMO

Os camiños que seguen as novas son inescrutables, mais aí están, envolvéndonos todo o día, con desesperación e tamén con frustración. Hoxe, dúas chegaron de forma diferente mentres ía no autobús: 

a) A primeira delas proviña dunha mensaxe dun amigo -a que reproducimos a continuación- sobre a "sucesión en el título de Duque de Franco, con Grandeza de España", solicitada dita sucesión pola filla da recén finada Carmen Franco Polo, isto é, por María del Carmen Martínez-Bordiu Franco. 

b) A segunda viña desde as ondas dun dial que non podo indentificar e que falaba da actual tendencia por parte de historiadores en Arxentina de practicar o negacionismo e relativizar, minimizar e mesmo negar a existencia de torturas durante a Ditadura arxentina. Claro está que Arxentina coñeceu unha sucesión de golpes de Estado desde o de 1930, sendo especialmente sanguinarios os de 1966 e 1976.

Xunto na miña reflexión o que producen as dúas novas, xa que se vinculan de forma clara. A primeira nova, ademais da lóxica indignación polos privilexios que se manteñen desde a Ditadura franquista nesta enfraquecida e degradada Democracia, non abraia se consideramos que estamos dominados pola onda relativista do posmodernismo e que asulagou o coñecemento de prexuízos epistémicos que fan un dano terrible á racionalidade científica. 

Neste noso país, non hai moito, tanto en Galicia coma no Estado, en datas máis recentes, produciuse unha nova e reiterada oposición a derrogar a Lei de Amnistía de 1977. Unha Lei que tivo un uso perverso e demostra como entraron as estruturas do franquismo nas da democracia. Unha Lei que ampara aos vitimarios e verdugos de Franco, equiparándoos ás vítimas. Unha Lei que permite, coa axuda dunha eivada Lei de Memoria Histórica, que a reparación sexa unha quimera, que a xustiza social sexa unha mera utopía aínda a reivindicar, e que se neguen ou relativicen as prácticas xenocidas da Ditadura Franquista e que, nas beiras dos camiños e nos montes, existan fosas co corpo esquecido de milleiros de vítimas (+140.000?).

Aínda non se desclasificaron milleiros de documentos desa infame Ditadura, que permitirían alumear as zonas escuras que permanecen sobre infinidade de circunstancias. 

Desde os organismos internacionais avísase constantemente a España sobre a conveniencia de derrogar a Lei de Amnistía de 1977 para que se coñeza a verdade.

Así, como non denominar Pacto de Silencio o que sucedeu nas negociacións para entrar en Democracia? Como non percibir que quizais foi unha rendición das forzas da oposición democrática ante as máis poderosas forzas franquistas? 

E así, con este pensamento entro neste 26 de marzo de 2018, co desexo de que algún día poidamos devolver a dignidade e a xusta reparación a todas as vítimas da Ditadura Franquista. 
BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO
Núm. 74
Lunes 26 de marzo de 2018
Sec. V-B.  Pág. 25370
cve: BOE-B-2018-19174
V. Anuncios
B. Otros anuncios oficiales
MINISTERIO DE JUSTICIA
19174
Anuncio de la Subsecretaría (División de Derechos de Gracia y otros Derechos), sobre solicitud de sucesión en el título de Duque de Franco, con Grandeza de España.
La sucesión en el título de Duque de Franco, con Grandeza de España, ha sido solicitada por doña María del Carmen Martínez-Bordiú Franco, por fallecimiento de su madre, doña Carmen Franco Polo, lo que se anuncia por el plazo de treinta días, contados a partir de la publicación de este edicto, a los efectos del artículo 6º del Real Decreto de 27 de mayo de 1912, en su redacción dada por Real Decreto 222/1988, de 11 de marzo, para que puedan solicitar lo conveniente los que se consideren con derecho al referido título

jeudi 22 mars 2018

A DIGNIDADE EXÉRCESE...LEONE GINZBURG COMO EXEMPLO

Sempre mantiven unha notable preocupación pola Ética, tanto desde un punto de vista teórico como práctico e, sobre todo, con vistas a facer da Ética unha compoñente esencial e determinante dos meus actos vitais. 

A reflexión xurdiu lendo con atención a obra de Rob Riemen, Para combatir esta era. Consideraciones urgentes sobre fascismo y humanismo (Taurus, 2017), e as novas que emerxían nos medios sobre a política do todo vale, tan propia destes tempos de hexemonía neoliberal e posmodernista, que tende a xustificalo todo, tal como relativiza o valor da verdade. 
Da lectura de Rob Riemen rescato unha historia de dignidade, a do escritor e mestre Leone Ginzburg, que se opuxo con firmeza á sinrazón da imposición ditatorial do fascismo de Mussolini e do nazismo de Hitler.



Leone Ginzburg, xudeu ruso, nace en 1909,cuxa familia emigra a Italia cando aínda é neno. Deteñámonos só nalgunhas datas relevantes da súa vida:  

a) En 1927, con tan só 18 anos de idade, realiza unha tradución ao italiano da novela de Tolstoi, Ana Karenina. 

b) En 1933 participa da creación da Editorial Einaudi e comeza unha intensa actividade editora e tradutora, creando a revista Cultura que, como di Riemen, faino para 
 "facer xustiza ao significado orixinal da palabra, deixar espazo á diversidade de camiños que a xente pode percorrer na procura da verdade de si mesmos e da existencia humana" (p. 17). 
c) Coa chegada de Mussolini e os fascistas ao poder, Leone Ginzburg demostra que a dignididade debe exercerse e defenderse. Mussolini esixiu que os mestres asinaran unha declaración de lealdade, senón perderían o seu traballo. Dos 1.100 mestres só 10 se negaron a asinar tal declaración, entre eles estaba Leone Ginzburg. A partir dese momento encabeza a póla turinesa do movemento antifascista, Giustizia e Libertà, ata que o deteñen en marzo de 1934.

Foi liberado baixo vixilancia en 1936 e exíliase á pequena vila de Pizzoli cando Italia entra de forma activa na Segunda Guerra Mundial. Unha vez derrocado Mussolini, Ginzburg regresa a Roma para loitar contra os nazis, que tomaran o poder. De novo, foi arrestado e torturado ata a a morte, que acontece o 5 de febreiro de 1944. Só tiña 35 anos.
A súa dignidade érguese con forza por riba da mediocridade xeral e aínda cando escribe desde o cárcere á súa compañeira, Natalia Ginzburg, que seguiu o legado de Leone traballando na editorial Einaudi e que se converteu en escritora de contos e ensaios, lemos con emoción a súa serenidade: 
Non te preocupes demasiado por min. Só imaxina que son un prisioneiro de guerra; hai tantos, especialmente nesta guerra, e a maior parte voltará a casa. Agardemos que eu sexa parte desa maioría , eh Natalia? Bícote unha e mais veces. Sé valente. 
 Rob Riemen dá a chave para entender esa valentía:
O valor é a habilidade de conquistar, non aos outros, senón a un mesmo; o valor para sermos sabios e xustos, o valor para cultivar a nosa alma. Quen non fai isto non é libre, e unha vida sen liberdade, unha vida baleira e condescendente, é unha vida sen sentido e, en última instancia, sen amor (p. 18)
 Existe un documental realizado no 2016 por Florence Mauro, Un intellectuel contre le fascisme, onde podemos aprender máis sobre como defender e exercer a dignidade coa que nacemos todas as persoas. 

dimanche 18 mars 2018

SOBRE A DEVOLUCIÓN DO VALOR DE USO PARA AS VIVENDAS

Xa advertimos neste blog sobre as malas e perigosas bondades que se agochan detrás da suposta benevolente economía colaborativa das plataformas como Airbnb. Hoxe, na prensa galega emerxe unha desas consecuencias, aínda que se camufle detrás da etiqueta "las regulaciones de las viviendas vacacionales" (La Voz, p. 32). 

A nova, titulada "El parque de viviendas en alquiler se redujo a la mitad en solo medio año", resulta interesenta, mais unha vez, non tanto polo que se di, senón polo que non se di, e o que se insinúa detrás dos silencios. Un deses silencios é, loxicamente, non sinalar a verdadeira causa da situación en que está a vivenda para as persoas. Quizais sexa porque os conceptos de 'valor de uso' e 'valor de cambio' xa non figuran no vocabulario crítico. 

O autor do artigo, Gabriel Lemos, enumera unha "factores que han puesto patas arriba el mercado":

a) "un cambio de mentalidad";
b)   "la nueva situación económica, con altas tasas de precariedad laboral y poca capacidad de ahorro";
c) "el golpe definitivo, la regulación de las viviendas vacacionales"

Os tres factores teñen o seu relevo. Non obstante, matizaríamos o do cambio de mentalidade, xa que a relación, que o propio autor sinala, coa situación económica, indícanos que a decisión de recurrir a un alugueiro é imposta polas circunstancias, non por apelar a un novo estilo de vida. O modo de vida segue sendo hexemonizado polo ordoliberalismo.

A regulación das vivendas vacacionais deriva en que os propietarios prefiren gañar moito diñeiro coas vivendas, destinándoas a turistas, preferentemente. Aquí as plataformas como Airbnb teñen moita importancia. Esta estratexia contribúe a esnaquizar a vida dos barrios e expulsa ás persoas de sempre.

A causa primeira é que a vivenda no capitalismo é concebida como un valor de cambio, que produce rendibilidade económica e non coma un valor de uso, que incide no beneficio social ao dar resposta a unha necesidade básica e garantir un dereito humano.

O problema é que non debemos fiarnos das demandas supostamente sociais da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, que é a fonte principal do articulista. En primeiro lugar, porque estas empresas son as que se benefician tamén do boom das vivendas en réxime de alugueiro e do incremento dos prezos que está xerando unha desigual demanda fronte a unha oferta reducida. 

O propio presidente desa Federación recoñece que existe risco dunha nova burbulla...quen escribe xa afirma que existe e que provocará un problema social de envergadura que aparece nas principais cidades galegas e localidades 'turísticas'. Xa existe un sobrecusto para as persoas con reducidas capacidades económicas ante o sobreprezo que están adquirindo as vivendas. 

Por que ninguén se cuestiona que as vivendas non deben formar parte do negocio? Por que non se pensa en limitar por lei a cantidade de vivendas que pode acaparar unha persoa/empresa? Do mesmo xeito, dalgunha maneira hai que poñer límites por tramos razoables aos prezos que se poñen aos alugueiros e comprobar a calidade da vivenda que se aluga. Se as persoas/empresas que acaparan vivendas deciden non poñelas no parque de alugueiro habería que establecer algún tipo de gravame para desincentivar que se destrúa o seu valor de uso. O que non procede, ao noso entender, é premiar aos especuladores e acaparadores dun ben básico mediante as estratexias fiscais.

A tentación lóxica sería construír novas vivendas...sería un terrible erro. Si debería asumir a administración pública unha petición que non é do presidente da Federación, senón que figuraba en programas políticos de organizacións de esquerdas, como Esquerda Unida: a creación dun parque público de vivendas a prezos sociais. Un parque destinado a garantir o dereito a vivir nunha vivenda digna.

dimanche 4 mars 2018

OS SILENCIOS...UNHA FERRAMENTA DO REVISIONISMO HISTÓRICO?

Por momentos, cando menos o agardas, o coñecemento que extraes das lecturas científicas que realizas, aparece de forma implacable para que sometas a reflexión crítica o que vas lendo no día a día. Eis o que me aconteceu coa lectura hoxe, 4 de marzo de 2018, coa lectura das páxinas iniciais de La Voz de Galicia dedicadas ao maio de 1968, mais que en Galicia comezou en marzo do 68 cos actos de protesta na Universade de Santiago de Compostela.

Certo é que a prensa é opinión e non coñecemento científico. Non obstante, é parte esencial da construción da memoria. Como asenta algún sector da historiografía contemporánea, a memoria non pode equipararse á historia porque é antes subxectividade que obxectividade tendente a formar coñecemento verdadeiro.

Non me interesa xulgar o contido da redactora de La Voz, Tamara Montero, senón que vou reflexionar sobre o silencio, sobre algún termo que non figura no vocabulario da articulista e que, como coñecedor do discurso historiográfico, sempre me resulta chamativo. Porque, non se pode esquecer, a prensa de hoxe será empregada como argumento de memoria no futuro, e iso require asumir a responsabilidade que supón. 

O especialista en discurso historiográfico, Aviezer Tucker, describe como a revisión é necesaria para o avance do coñecemento histórico científico. Unha revisión historiográfica que pode deberse a tres aspectos: a) a revisión que provén do achado de novas probas, que Tucker chama revisión derivada das evidencias; b) a que vén da relevancia, que é consecuencia dun cambio de perspectiva con respecto á importancia dun factor determinado; c) a que se asenta nos valores, cando os historiadores reavalían os acontecementos e os procesos históricos. 

O recomendable traballo de Tucker, "Revisión historiográfica e revisionismo. Divergencias en la consideración de la evidencia", figura no libro editado por Carlos Forcadell / Ignacio Peiró / Mercedes Yusta, El pasado en construcción. Revisionismos históricos en la historiografía contemporánea (Institución Fernando el Católico, Zaragoza, 2015), e nel atopamos o apoio necesario para confrontar a lectura da prensa de hoxe co coñecemento histórico. 

E diferenciaremos a voz das testemuñas que viviron o marzo de 1968, que foron protagonistas dos feitos que se converten en historia, do que depende de forma directa do articulado. Así, o termo Ditadura só emerxe dúas veces en voz dos protagonistas dos feitos dos que se fai memoria. Mesmo, ao noso entender, o resumo do acontecido pode moi ben describir calquer outro episodio de reivindicación universitaria xa en democracia:
"Ese desalojo brutal, seguido de enfrentamientos con la policía, fue el estallido violento de unas revueltas estudiantiles que duraron meses, pusieron contra las cuerdas a la autoridad académica y política y arrastraron a toda la sociedad gallega a una ola de solidaridad sin precedentes" (p. 2, col. a).
Na recreación dos feitos quedan menos claras cales eran as principais reivindicacións do estudantado universitario, estas aparecen mellor definidas na breve notiña do historiador Ricardo Gurriarán que pecha a páxina 2 do xornal: "demanda de liberdades e democracia".  No texto do articulado quedámonos cunha confrontación directa entre o estudantado e autoridades académicas. Mais as cousas ían máis aló, como moi ben sintetiza Gurriarán. 

Tal como o vemos, o principal é a existencia dun clima propicio na Universidade para que se dea unha folga que se prolonga máis de tres meses: 

a) Ausencia de liberdade na sociedade (e na universidade) e, en consecuencia, demanda dunha democracia que a Ditadura non podía nin quería conceder, a menos que tivese o prato cociñado; 

b) Organización intelixente das accións de protesta; 

c) Xestión axeitada da gradación a adoptar na protesta, sabendo cal é o fin primeiro; 

d) Liderado colectivo de "comunistas militantes e a plataforma cristiá Asociación Democrática de Estudiantes, nacionalistas dispersos politicamente e mais incipientes socialistas en busca de espazo conformaron unha sólida fronte que axiña arrastrou o resto do estudantado" (Gurriarán dixit);

e) Asunción realista das responsabilidades e percepción seria das saídas a un conflito que era preciso estender ao resto da sociedade para ter o seu apoio.

Todo isto non nace de forma espontánea, nin se decide en plena anarquía. Tal como narra Roi Cagiao no documental Vigo 1972, as folgas planificábanse e organizábanse para poder resistir de forma solidaria e, para iso, era esencial a achega da principal organización política da clandestinidade, o Partido Comunista de Galicia. Non apelar á participación desta estrutura e das restantes, que si nomea Gurriarán (autor dun libro imprescindible, Inmunda escoria: a universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, Xerais, 2010), é negar a realidade histórica. 

O liderado das accións universitarias non era protagonizado por simples estudantes de dferentes carreiras. Touriño chegou a ser membro destacado do Partido Comunista de Galicia e con el Vicente Álvarez Areces, a quen se lle fai unha entrevista na páxina 4. Tamara Montero di del que "era agitador de masas, uno de los líderes de las revueltas estudiantiles". No entanto, eran algo máis naquela asemblea universitaria que reuniu a 600 alumnos e alumnas o 6 de marzo de 1968: eran militantes do PCE ou do PSI (Partido Socialista do Interior creado por Tierno Galván, absorbido polo PSOE en 1978) os catro alumnos detidos e xulgados polo TOPGAL: Vicente Álvarez Areces (PCE), Francisco Álvarez Fontenla-Gayoso (PSI), Félix Miguel Sarmiento Escalona (Juventud Estudiante Católica) e Alberto Martín de Hijas Díez (PSI) (causa 14/1968, sentenza o 18 de abril de 1969, tal como consta na obra de referencia neste eido: Francisco Xavier Redondo Abal, Arelas de liberdade na Galiza. Galegos perante o Tribunal de Orde Pública (TOPGAL, 1964-1976), Laiovento, 2017).

Resulta chamativo o silencio sobre a importancia que tivo daquela o Partido Comunista. No fondo, adoptando de forma libre a definición de Tucker, o silencio é unha das formas que adquire o valor terapéutico do revisionismo histórico para negar unha evidencia: a importancia do PCE/PCG na oposición á Ditadura. Do mesmo xeito que silenciar ou manter baixo eufemismo ("un medio") que, onde apareceu a definición da poboación universitaria como "inmunda escoria", foi primeiro no ABC ("Para la Universidad queremos paz", 13 de xaneiro de 1968) e logo replicado en columna de opinión por Daniel A. Enjamio, "Inmunda escoria", en El Correo Gallego, 18 de xaneiro de 1968 (detallado na obra de Redondo Abal).

A saúde da Democracia pasa por asumir de forma crítica e autocrítica as responsabilidades do pasado. En efecto, a comunidade universitaria galega amosaba a súa solidariedade coa de Madrid, nunha serie de actos de protesta que se suceden entre o 12 e o 20 de xaneiro de 1968, entre eles a queima de xornais o 19 de xaneiro por parte dunha ducia de estudantes despois de ler a definición que El Correo Gallego facía da comunidade universitaria. A prensa franquista xoga, polo tanto, un rol importante na conformación dos acontecementos. 

A detención dos catro estudantes referidos máis arriba derivou na concentración de centos de alumnos e alumnas ante a Comisaría de policía. A carencia de capacidade de diálogo das autoridades franquistas e a represión favoreceron a continuidade das accións de protesta e os 110 días de folga. A finais do mes de marzo a autoridade educativa expedienta a trece alumnos (con expediente de expulsión a sete alumnos [Vicente Álvarez Areces, Francisco Álvarez Fontenla-Gayoso, Enrique Anciones de la Torre, Alberto Martín de Hijas, Félix Sarmiento Escalona, Jose Antonio Lorenzo Porto e Pedro Mariño Campos] e con privación de matrícula a seis [José Javier Azaloa Rodríguez-Espina, Adolfo Núñez Hernández, Carlos Varela Tobío, Xosé María Méndez Doménech, Xesús Sanxoás Formoso, Arturo Reguera López]). A violencia da policía franquista seguiu respondendo con malleiras ás lóxicas reaccións solidarias estudantís e con detencións que conducen ao cárcere da Coruña a nove alumnos (véxase a relación completa dos nove nomes en Redondo Abal, 2017: 106, n. 124). 

 A folga comeza a remitir a partir do 17 de abril de 1968, non a prostesta esencial, a reclamación de liberdades e democracia que formará parte da loita universitaria ata a morte do Ditador. 






 

dimanche 19 novembre 2017

É CAPITALISMO, NON É ECONOMÍA COLABORATIVA

Hai que recoñecer que non me gustan nada a "tecnofilia", nin a "colonización dixital", nin todos eses discursos de buenrollismo sobre as bondades dun mundo robotizado. 
Todo isto impregnado do mundo on-line, que distancia as relacións humanas e converte a pantalla do ordenador, do tablet ou do móbil no principal axente social da nosa vida. 

Un deses aspectos, que sempre me pareceron propios do sistema, eran aplicacións e filosofías que, supostamente, se vendían como éticas porque eran colaborativas e ían contra os valores do sistema capitalista. Ignoro quen puido crer algunha vez iso. Pero son millóns de persoas as que o fan. E non logro entender como non ven que, hoxe por hoxe, e desde que naceron, todo o que se vende por economía colaborativa, cando aparece o factor diñeiro polo medio, son dignas fillas do capitalismo.

Mais, descendamos aos casos que van abrollando que provocan mesmo dossiers tan ilustrativos coma o que nos ofrece a revista Alternativas económicas no seu número de novembro de 2017 (pp. 37-45). Ás veces, alégraste porque ves que alguén pon datos claros ás túas reflexións. Iso é o que acontece con este dossier: "Mi móvil, mi capital". Porque diso se trata, de capital desde unha perspectiva fondamente individualista e que lucra ás supostas empresas colaborativas. 

No mundo dixital, e debido ás fendas deliberadas que ofrece o mundo do traballo na era neoliberal ou ultraliberal, certas plataformas dixitais deciden que xa non abonda con ofrecer servizos baixo demanda en sectores coma o turismo (son xa coñecidas as que ofrecen alugueiros de habitacións ou vivendas, que acabarán provocando unha segunda burbulla inmobiliaria pola especulación que caracteriza a algunas) ou o transporte (famoso o caso de Uber), senón que hai que ofrecer traballo baixo demanda. 

De saída, cando vin a existencia de tal enxendros pensei nas famosas empresas de traballo temporal físicas e contra as que loitou tanto a esquerda por precarizar as condicións laborais. Entón, como é posible que por se dixital non se vexa a mesma condición perxudicial? Como é que algunhas persoas caen no click destas plataformas de intermediación laboral dixitais? 

Pódese entender cando xorde a desesperación ante unha situación de desemprego prolongada. Mais, de forma ética, non podemos defender a economía mergullada que amparan estas prácticas laborais. E moito menos aceptar que actúen só coas leis do Mercado ("Laissez faire, laissez passer"), as máis crueis e que só converten en precariedade extrema o traballo: desregulación extrema, sen dereitos, a cambio de plena dispoñibilidade. 

As empresas non queren regular dereitos, xa que saben que facelo implica unha seria redución de dereitos. Hai persoas que se lucran sen querer investir en seguridade social e en contratar: por iso, tratan ás persoas como (falsas) autónomas, pois o seu traballo só se exerce coa empresa en cuestión. Se non hai regulación, todo beneficia a unha empresa que actúa en competencia desleal coas empresas físicas que si fan fronte ás obrigas.

Isto afástase do que representa en si mesmo a verdadeira economía colaborativa, que xorde cando se produce un modelo de produción, de consumo que pon en contacto a dous pares que comparten bens infrautilizados.

E por iso hai que chamar a atención, pois clientes teñen, e de seguro que por comodidade -click-, por descoñecemento da realidade laboral, por ignorancia, por indiferenza, por querer aforrar uns euros, ou por motivacións aínda menos definidas. O peor é cando son as xentes de esquerda as que usan/explotan estas plataformas dixitais pensando que practican economía colaborativa.

Deliveroo emprega "riders", persoas que fan os repartos en bicicleta e xa hai un movemento de protesta para reivindicar dereitos debido ás súas condicións. Reparten comida por 4,5 euros entrega, de onde hai que descontar impostos de autónomos. 

Glovo, seica española, fai reparto de todo: como di un dos traballadores, poden entregar un bolso de 1.500 euros de Louis Vuitton a cambio de 5 euros sen descontar impostos. Marketplace, do monstro Amazon -por favor, aquí solicitaría que alguén lese os libros que alertan sobre como se traballa neste monstro e sobre o perxudicial que é- paga 2 dólares as tarefas (o traballo)

Unha escravitude laboral asumida e consentida cada vez que se fai uso do servizo de Amazon e das demais plataformas. Os de Deliveroo fan entrega mesmo dun Dicionario de palabras prohibidas: turnos, salarios, horas semanais, traballo son algunhas desas palabras prohibidas. Triunfa o eufemismo e o universo asquerosamente líquido dos relativistas posmodernistas.

Estamos ante ferramentas de explotación laboral e de precarización, que favorecen a degradación dos dereitos laborais -aínda máis....e parecía difícil coa existencia das reformas laborais do PSOE e do PP...- ata facelos desaparecer no universo luminoso da pantalla dun móbil.

   

 

jeudi 16 novembre 2017

NO LATEXO A VERDADE

Camiñar 
co único pensamento de sentir 
cada paso
e desexar que sexa un pulso tranquilo
un latexar que recupera a serenidade

por que hai tanta distancia entre mente e corazón?
 
Vexo o horizonte
aínda tinguido de luz 
quizais o cambio climático
converteu Galicia en exemplo

Cada paso afortala e cansa o meu latexar
así é desde ese raro 21 de outubro
as definicións médicas teñen poesía
"un corazón grande, débil e moi disfuncional"
 e todo
curioso
ou non
no lado da esquerda
quizais dilatada de máis como a propia realidade

Os nomes da ciencia son ben curiosos
quizais para infundir medos e obsesións:
"fibrilación auricular, miocardiopatía dilatada
no isquémica"

Así quen ousa fuxir de pastillas, sintrom e dietas?

O tempo que se vive nun hospital 
forma parénteses 
como se percorremos o río Lethes

Fóra
no primeiro paso
todo adquire sentido
e valoras as inquedanzas
das amizades
da familia
das relacións que imos creando
coma ourives

Si
revivo respirando cada paso
cada latexar
desexando que os ritmos da vida
se volvan compases de moitos horizontes