lundi 23 août 2010

DE NOVO, CULPABLES...OS PROFESORES

Que manía nos teñen! Sobre todo e unicamente, habería que dicir, aos que defendemos o ensino e a educación como servizo público. Pero aí está Obama -que alegría para Bush neste eido- que adopta os preceptos reformistas (sic) que non son outra cousa que introducir os parámetros da competitividade empresarial á hora de decidir quen se leva os fondos...e fixádevos be, será doado: os que máis aproben, máis terán....

Hai que ser curto de vista para non ver que, de sentir unha espada financeira sobre o pescozo, o profesorado actuará en consecuencia: aprobar a tutti. Se iso é o que queren os de arriba....pois así vai.

A estupidez da norma é enorme, os problemas dun barrio marxinal, onde, por moito que o queiran negar os reformistas, entre eles Obama -xa se ve que a riqueza non mide etnias-, as condicionantes socioeconómicas operan con moita forza, non pode competir (nos seus parámetros empresariais) cun barrio de clase alta. O mesmiño que acontece nesta terra galega.

Un centro educativo, sen seminarios, sen salón de actos, sen espazos para actividades pedagóxicas, situado nun concello que padece a crise con forza, que volve a experimentar a emigración dun dos cabezas de familia, que xa vivía nunha situación de desestruturación (e non vou dar nomes)....debe competir? ou debe formar? debe alimentar o "sálvese quen poda" ou o "axudémonos a salvarnos entre todos"? Como se pode dicir que o único culpable é o docente porque non aproba a todos??

Eis o que acontece cando se establecen parámetros empresariais, cando se desexa privatizar, da forma que sexa ao ensino. Cando o que importa non é a emancipación do alumnado. Como teño dito noutra parte, a tropa que (des)goberna quere que profesorado e alumnado nos adaptemos ao que eles nos impoñen...POIS ESTÁN LISTOS! CHEGOU A HORA DE RACHAR CON ESTA IMPOSICIÓN!

LOITEMOS POR UN ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE...E LAICO...POR SUPOSTO!!!!!

http://www.xornal.com/artigo/2010/08/22/sociedad/palo-zanahoria-ee-uu-profesores/2010082222271400462.html

mercredi 18 août 2010

SOBRE A ÉTICA

Hai momentos nos que levo até o extremo a máxima de Manuel Sacristán ("o home que pensa as súas cousas até o final filosofa"), primeiro, de forma moi consciente déixome atraer por unha problemática concreta, ou por un corpus de investigación que coñecer e estudar e penso na súa existencia e resolución; segundo, xa de forma cáseque inconsciente apodérase de min o pensamento, en momentos imprevistos, sobre todo cando vou na bici. E así chego a establecer algo de claridade en min.

Un deses momentos xurdiu cando vin escrito o concepto "ética empresarial" nun xornal. Non concibo, humildemente, unha ética de tipo sectorial: ética sindical, ética política, ética matrimonial, etc...como se cada átomo corporal do eido social tivese unha ética con condicionamentos particularizantes e, polo tanto, distintivos, e xa que logo, non comparables, en certo modo, ás restantes éticas. Repito, non o concibo.

En que se debería diferenciar a "ética política" da "ética empresarial", ou da "ética matrimonial"? No grao e na forma dalgún acto? No grao de aceptación dalgunha eiva? No grao e na forma de facer o mal ou o ben?

Non. Para min a ética é propia e configura ao indivíduo para vivir en sociedade. É a moral da verdade, moral verdadeira (Comte-Sponville) que debe guiarnos ao coñecemento verdadeiro que, en tanto que coñecemento, é liberación. E estou de acordo co filósofo citado que a liberdade é razón. Que é virtude ou potencia. Todo o demais é escravitude. "Actuar razonablemente, actuar libremente, actuar virtuosamente, es un solo y mismo modo de vida, que lleva el nombre de sabiduría" (Auguste Comte-Sponville, Sobre el cuerpo, Paidós, 2010, p. 219). E, loxicamente, ese actuar refírese ao que facemos "aqui y ahora", por iso, a filosofía substitúe á relixión. Por iso, quizais o poeta Éluard ten razón cando di que "hai outro mundo, pero está neste mundo"

Esta ética comporta parámetros de sobra coñecidos por todas as persoas: amor, amizade, respecto, (inter)comprensión, empatía, solidariedade, e un longo etcétera que nos leva á sabedoría como persoas, como ser humano que actúa con ética. Se unha persoa actúa eticamente, faino como persoa, como ser humano. Proxecta a súa ética en beneficio das persoas. Se unha empresa actúa eticamente será porque o seu responsable é quen actúa eticamente e estableceu para a súa empresa un código de conduta, que responde, de forma fiel, á súa ética. Porque, pode un ser ético se deseña un código de conduta para a súa empresa perxudicial para a vida doutras persoas?

Cando se emprega unha etiqueta colectivizante, xeneralízase e, polo tanto, anúlase a responsabilidade persoal. É o que queren, sobre todo os que actúan en nome dese colectivo. Pero é, repito, para min, incorrecto, ademais de permitir os atropelos de todo tipo que coñecemos. Porque a ética ao ser virtude actuante debe selo en todos os eidos sociais da persoa.

Ademais, poderíase establecer a contradición que algúns xa empregaron para xustificar o inxustificable. Se existe unha ética sectorializada, compartimentada, un "non entende" despois como é posible que unha persoa instruida, civilizada, poda ser "culpable" de realizar actos crueis contra as persoas. Entón procúrase a xustificación no corpo do grupo sectorial....porque ten a súa propia ética? Os restantes mortais, simplemente, non entendemos que o fan por ben ? Aceptaredes entón o "ben duns, mal doutros" como algo a asumir de forma inevitable, como fai o sistema capitalista?

Poñamos un exemplo cos nazis, ou os racistas. Pode suceder que mesmo fosen na súa cotianeidade "excelentes pais ou nais de familia", ou que "fosen excelentes maridos ou mulleres"....pero iso non invalida o feito de que non tiñan ética. Unha persoa que odia ao outro, non ten ética. As tácticas e estratexias da maldade non poden definirse como ética. "Era unha familia exemplar...nunca deron problemas"...até que o marido matou á muller....:"incomprensible"?, "pódese ser ético na empresa e ser un machista na casa? é iso ser ético? Para min, non.

A ética libera, o mal (que definiría como non-ética) escraviza. Por iso, a felicidade faise, fabrícase e, para iso, precísanse razón e vontade. Aquí e agora.

Quizais, como isto é filosofar, pensar as cousas até o final, podemos pensar que as tácticas e estratexias dos malvados, neste tempo de deriva e naufraxio, consistan en impedir que as persoas filosofen, pensen, e podan actuar con ética.

lundi 16 août 2010

O RACISMO INSTITUCIONAL DESBÓCASE

Ás veces, cando abres o xornal, a primeira hora e no momento de almorzar, sentes que todo é unha merda, unha enorme merda ou máis ben que vivimos atrapados nesa enorme merda. Neste blog hai xa sobradas mostras de como progresa e avanza o racismo en todos os eidos da vida social, cultural, política e económica en Europa. Aquí non se salva "ni Dios, lo asesinaron", como diría o poeta e...curiosamente, moitos, férreos defensores do seu nome e seu suposto legado na terra.

Hoxe, nas dúas novas que reúno no remate desta entrada, vemos como Israel deporta a 400 nenos e nenas de pais e nais en situación irregular e como Francia deporta a persoas de etnia xitana tamén en situación irregular.

Nas dúas vemos como operan absurdos e estúpidos argumentos: os que falan da destrución do estado sionista (sic), ou da identidade nacional francesa. Son argumentos racistas loxicamente. Argumentos que, día tras día, adquiren unha maior presenza e que, por desgraza, irán inoculando, aínda máis, o medo ao outro nesta sociedade que se cre superior a todas as demais.

Menos mal que os sobreviventes do Holocausto responden ao acto de inhumanidade dos seus gobernadores. Hai erros de percepción á hora de acusar aos pais e nais, co fin de liberar aos nenos e nenas. Pero os culpables non son as persoas que van á procura de traballo e dunha mellora das condicións da súa vida: nin dos pais e nais e, menos aínda, dos meniños e meniñas. Os culpables son as fronteiras artificiais que nos estamos creando día tras día para negar a moitos sectores da poboación mundial acceder un chisquiño sequera ao reparto da tarta de posibilidades.

Deixando a parte que o capitalismo neoliberal expulsa da súa utopía (o libre mercado) ás persoas, o certo é que só podo falar coa dor que me producen a lectura destes feitos. Vergoñento todo o comportamento dos nosos gobernadores para cos menos favorecidos. E abraiante a indiferenza da maior parte da sociedade acomodada.

Unha indiferenza que, agora o vexo, explica como é posible que gobernaran Hitler e a súa política de terror e exterminio ou que Franco puidese permanecer catro décadas e morrer na cama.

Hoxe, as institucións europeas están dominadas pola dereita e a extrema dereita. Explícase o dominio das súas prácticas segregacionistas e racistas. Europa e a súa amiga Israel son racistas. Así de simple. Se Hitler e Franco resucitasen...alucinarían ao ver que o seu legado segue intacto.

A empatía e a solidariedade son precisas para rachar cos muros que erguen os nosos gobernadores. Son os instrumentos básicos para unha educación que faga dos respecto e defensa dos dereitos humanos o primeiro piar. Non creo en nada que non sexa a fraternidade entre todas as persoas.

Eu, así, non sei se son deste mundo, se quero selo. Reafírmome cada vez máis misántropo e "autista social"...no sentido de que non me gusta por onde camiñamos, e resistirei sempre para que cambiemos de esencia, para que transformemos a natureza actual das relacións humanas entre nós, e as que nós mantemos coa Nai Terra. Esta é a miña utopía.

***

Os sionistas de (ultra)dereita deportan 400 nenos e nenas de pais e nais en situación irregular: http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-sociedade/gh/vergona-asfixia/idEdicion-2010-08-16/idNoticia-579815/

Os inmigrantes en situación administrativa irregular de etnia xitana desaloxados e expulsados:
http://www.publico.es/internacional/332335/politica/racista/sarkozy/avergenza/partido

Europa, os centros de internamento e a expulsión de menores (17-agosto-2010): http://www.publico.es/internacional/332453/europa/quiere/deportar/ninos/afganos

samedi 14 août 2010

"PATAS ARRIBA. A ESCOLA DO MUNDO AO REVÉS"

Estou, por necesidades escriturais, relendo o espléndido libro de Eduardo Galeano, que se identifica co título desta entrada.

Son verdades tan afiadas que danan a cortiza coa que nos vestimos cando nos erguemos e comezamos a camiñar cada día

"El arte de engañar al prójimo, que los estafadores practican cazando incautos por las calles, llega a lo sublime cuando algunos políticos de éxito ejercitan su talento. En los suburbios del mundo, los jefes de estado venden los saldos y retazos de sus países, a precio de liquidación por fin de temporada, como en los suburbios de las ciudades los delincuentes venden, a precio vil, el botín de sus asaltos.
(...)
Los violadores que más ferozmente violan la naturaleza y los derechos humanos, jamás van presos. Ellos tienen las llaves de las cárceles. En el mundo tal cual es, mundo al revés, los países que custodian la paz universal son los que más armas armas venden a los demás países; los bancos más prestigiosos son los que más narcodólares lavan y los que más dinero robado guardan; las industrias más exitosas son las que más envenenan el planeta; y la salvación del medio ambiente es el más brillante negocio de las empresas que lo aniquilan. Son dignos de impunidad y felicitación, quienes matan la mayor cantidad de gente en el menor tiempo, quienes ganan la mayor cantidad de dinero con el menor trabajo y quienes exterminan la mayor cantidad de naturaleza al menor costo.
(...)
El mundo al revés nos entrena para ver al prójimo como una amenaza y no como una promesa, nos reduce la soledad y nos consuela con drogas químicas y con amigos cibernéticos. Estamos condenados a morirnos de hambre, a morirnos de miedo o a morirnos de aburrimiento (...).
¿Será esta libertad, la libertad de elegir entre esas desdichas amenazadas, nuestra única libertad posible? El mundo al revés nos enseña a padecer la realidad en lugar de cambiarla, a olvidar el pasado en lugar de escucharlo y a aceptar el futuro en lugar de imaginarlo: así practica el crimen, y así lo recomienda. En su escuela, escuela del crimen, son obligatorias las clases de impotencia, amnesia y resignación. Pero está visto que no hay desgracia sin gracia, ni cara que no tenga su contracar, ni desaliento que no busque su aliento. Ni tampoco hay escuela que no encuentre su contraescuela". (pp. 16-17)

ERRADICAR O MACHISMO

Én boa lóxico debería completar o título desta entrada, que os amantes dos anglicismos chaman "post", ou algo semellante. En efecto, trátase de erradicar o machismo dunha sociedade competitiva, que enxalza os valores do masculino como sinónimo de triunfo, dunha sociedade patriarcal...., é posible sen mudar o sistema que soporta eses valores? Isto é, é posible erradicar o machismo sen mudar antes das bases do sistema político e socioeconómico que rexe as nosas vidas? Non sei se sería plenamente satisfactorio, mais penso que sería un primeiro paso. Iso agardo cando menos.

Pero, desde logo, o que nos traen as dúas novas que enlazo nesta entrada son preocupantes. A de Galicia Hoxe fálanos dunha necesidade que xa comentei en varias ocasións: temos que militar en dereitos humanos nas aulas, aquilo da resistencia "malgré tout". E veredes como, de novo, a culpa é da escola, que si, e da familia, que si, mais tamén do sistema que envolve a estes dous eidos e iso...non se di.

Pero a violencia e os patróns masculinos impregan todo o imaxinario competitivo que enxalza o neoliberalismo. As empresarias han ser coma os seus homólogos masculinos para triunfar: renunciar á vida familiar, traballar horas e horas, explotar aos seus subordinados, e seren devoradoras e cobizosas, xa que, de non actuar así...non serían competitivas!; o mesmo acontece coas mulleres políticas (cando menos as que están no cumio). E a liberación (sic) dalgunhas mulleres veu da man da submisión doutras mulleres menos favorecidas (algún amigo, pode que malintencionado, mesmo dicía que as fillas liberáronse a custa das nais)...a masculinización de todas as relacións de dominación é clara, por moito que mo queiran negar. O capitalismo vive das relacións de dominio dunha clase sobre as restantes.

A publicidade -infame luz do hiperconsumo- que fai, senón? Fixádevos tamén no rol das heroínas dos filmes de acción: tanto dá Bourne como Salt: violencia verbal, violencia psicolóxica e física na resolución dos conflitos. Claro....iso vende! Pero tamén transmiten valores (malos e negativos)..

A aceptación dun rol marcado, aínda, por unha forte presenza da mensaxe católica, tamén ten algo que ver...nun país que coñeceu longas décadas de represión e de inoculación do virus machista...e despois, case sen interrupción, décadas de neoliberalismo competitivo.

No entanto, estou de acordo coa militancia activa nas aulas nos dereitos humanos e na plena igualdade de mulleres e homes. E un sinxelo consello reparador: controlade os manuais de texto e fixádevos en como se reflicten patróns da masculinización na linguaxe e nos exemplos. Aínda non se sabe moito de todo o que deron as mulleres á histora: semella cousa de homes. O mesmo acontece coas restantes materias.

Outra cousa: alguén se parou a pensar que os profesores e profesoras nun país tan raro coma o noso teñen un fondo currículo oculto que actúa? Hainos liberais -no bo sentido da palabra-, hainos defensores dos dereitos, pero tamén hainos de dereitas, hainos machistas e hainos homófobos e hainos xenófobos e hainos ata do OPUS....quen cambia a mentalidade a estas persoas?

E, por último, considerando onde se educa a meirande parte de xuíces -permitídeme unha burda xeneralización- que podemos agardar das súas sentenzas?? Plausible é todo, por desgraza, neste país. Mais falar de "intento agresivo" ou outros eufemismos para aludir a unha agresión en toda regra dun home cara a unha muller...é insultante. Tan difícil é de entender que calquer agresión é reprobable? que se se realiza contra a muller é pola violencia machista?

Por iso, ao igual que cando falabamos dos NIN (estudan) NIN (traballan), cómpre resistir, mais tamén mudar o sistema que condiciona as propias relacións humanas. E aínda así, será difícil e compricado liberarse para sempre da lacra do machismo.

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-aulas/gh/machista-non-nace-faise-colexio/idEdicion-2010-08-14/idNoticia-579380/

http://www.publico.es/espana/332015/jueces/piden/ts/aclare/doctrina/violencia/genero

vendredi 13 août 2010

ANTE O DESÁNIMO....RESISTENCIA!

Non. Non quero que me chamedes optimista redomado polo titular que leva esta entrada. Non o son. Pero son resistente. Ou debo selo. Non son tempos doados para a mocidade galega. Pero non quero caer na inxenuidade de pensar que nada se pode facer xa. Que hai unha nova xeración perdida. Non. Quero pensar que son xogos de titulares.

E tampouco vou cargar as tintas contra a educación permisiva e de "douche todo o que non tiven eu" de seus pais e nais. Sabemos que parte de culpa teñen.

Tampouco cargar, como adoitan facer sempre os sindicatos, todo no lombo do "fracaso e abandono escolar" que, en primeira instancia, semella erguer o dedo acusador contra as persoas que nos ocupamos de educar nas aulas dos centros escolares de Galicia (e tamén, como non, sinala ás familias).

Ah! E tampouco acusar unicamente a unha patronal cobizosa que "fichou" en época de vacas gordas a mozos que dubidaban sobre a necesidade de estudar e logo, cando chegaron as delgadiñas actuais, os largaron á rúa cunha patada no cú. E que agora, coas subvencións en man, como antes tamén, fichará e botará á rúa grazas a unha contrarreforma laboral favorable á patronal.

E, por suposto, acusar a un sistema educativo que ignora -por moito que unha tropa de "especialistas" se empeñase- que non todos os mozos e mozas maduran á mesma idade e no mesmo curso.

E, finalmente, non quero tampouco sinalar só aos mozos e mozas, que semellan facer da diversión a única bandeira, do copieteo e formateo as únicas estratexias de estudo, do mínimo esforzo para o máximo beneficio a súa máxima, e das nubes o seu espazo terrestre (lembrade a enquisa Adecco, onde se marcaba moi ben cales eran as "profesións" preferidas).

Non. Vou cargar as tintas contra todos e todas. Pois somos os causantes de chegar a esta situación, por momentos insoportable. Todos e todas, por abandono da real función que nos debe guiar, temos a culpa. Familias, profesorado, dirixentes políticos, e mocidade participamos da gran farsa que é o capitalismo neoliberal.

Por iso, quizais, diríxome a aqueles que saben aínda cal debe ser o seu rol "liberador" nesta cadea de montaxe e desmontar a cinta. Isto todo acontece porque se perdeu o norte en todos os aspectos da estrutura da sociedade.

Sempre tivemos que loitar os educadores escolares contra a indiferenza por unha boa formación. Esta, na época de expansión capitalista (construción, principalmente, e sector servizos-consumo), non podía loitar por atraer aos mozos e mozas con dúbidas. Era máis poderoso o reclamo de posuír un salario miserable no peto pero enorme para tomar copas e mercar roupa de marca, ou o adorado coche. Os estudos eran vistos como innecesarios.

E aqueles que estudaban vían como tiñan que refuxiarse nun nicho laboral afastado por completo da súa formación. Se quería algo conectado só quedaba opositar á función pública e emigrar a algún pais que investise realmente en I+D+i.

A poboación universitaria deste país, que amase a investigación, era carne de cañón de bolsas precarias que non garantían nin estabilidade, nin acceso a unha carreira docente universitaria. Había que vencer endogamias e unha universidade atomizada en tantos campus que todo estourou....e por riba veu Boloña! O autor deste blog estivo desde 1993 até 1998 de "precario". Traballou anos no avance en investigación do patrimonio literario galego e na súa dixitalización, tivo que declarar a facenda...pero non tiña nin dereito ao desemprego remunerado. Anos que non contabilizan na seguridade social. 5 anos silenciados.

O panorama era xa gris escuro no ano 1992 para a mocidade. Todo o que acontece hoxe anunciabase. Ninguén actuou con racionalidade. Todo o contrario: procedéuse o acelerón neoliberal. A publicidade, os medios de comunicación, os dirixentes politicos (os de dereitas e os que se proclamaban (falsamente) de esquerdas), permitiron a expansión da utopía neoliberal. A falacia do libre mercado enchía de aire unha grande burbulla: a do imaxinario social. Fíxolles crer que podían vivir coma ricos cuns salarios miserables e cun estado de benestar debilitado. E así foron educados os seus fillos e fillas. No hiperconsumo dominante. Os centros comerciais suprimiron as prazas dos pobos como lugar de reunión. Os ordenadores e os móbiles anunciaban a arcadia liberadora (pero mentira, fixeron máis grande a fenda entre empobrecidos e enriquecidos). Todos podían pedir un crédito cun interés elevado para ir de viaxe. E todos podían hipotecarse sobre a base dese mesmo salario. Non houbo, nin por asomo, equilibrio, racionalidade e sentido común. E as necesidade autoasumidas, autocreadas remataron por devorar todo o salario ao que xa non se vé a principios de mes.

Non. A culpa non é de ninguén porque é de todos e todas nós.

Só sei que cando principie o novo curso 2010-2011 terei que facer un enorme exercicio de resistencia contra todo o que envolve ao alumnado para convencer da necesidade dunha boa formación crítica...a pesar de todo! Non mentirlles sobre o mundo que toca vivir. Non edulcorar universos. A verdade libera máis do que se pensa e sobre esa base cómpre traballarmos...na resistencia.

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-sociedade/gh/nin/idEdicion-2010-08-13/idNoticia-579069/

mercredi 11 août 2010

UN ATAQUE MÁIS Á MEMORIA REPUBLICANA

Menuda desfachatez! E, por suposto, ao igual que pasa con diferentes artistas e creadores de esquerdas, silenciando a súa militancia e compromiso político. Un ataque máis á memoria de Blas Infante, asasinado polos falanxistas. Os mesmos que acadaron o seu obxectivo de botar a Garzón, e paralizar o recoñecemento das vítimas do franquismo soterradas nas foxas e nas beiras dos camiños. Un ataque máis á nosa memoria republicana. Así nos vai....

Tal como fixeron os do PP en Galicia, que tiveron o santo morro de entrar no panteón de galegos ilustres con aquela horrible camiseta do touro de Osborne...e presumir de galeguidade....ah! que vomitivo é toda esta farsa que os medios gustan de promocionar...

E como non ensinemos a verdadeira historia, a dos vencidos, a da memoria silenciada, nos centros educativos, e nos poñamos en rebeldía....que lembrarán as futuras xeracións? pensarán que Castelao era de dereitas e por iso é idolatrado polo PP, o mesmo que sucede con Blas Infante.

Ou pode que, tal como nos aconteceu o 5 de xuño, cando pasen os compañeiros coa bandeira republicana diante dun posto da zona vella compostelá, a dependenta se nos poña a falar en inglés...descoñecendo que aquela bandeira era a constitucional antes do golpe de estado de Franco...Así nos vai...

Déixovos coa ligazón:
http://www.publico.es/espana/331729/pp/espanoliza/andalucista/blas/infante

OS EXAMES ARBITRARIOS PARA A NACIONALIDADE ESPAÑOLA

Unha vez máis, e seguindo a estela das enormes probas do racismo institucional, vemos como hai persoas que se consideran moi patriotas e pensan que os demais teñen que saber o mesmo sobre a patria. Cantas ideas diferentes do que significará ser español (ser galego, ser catalán...) poden existir? Tantas como persoas somos, seguramente.

Non vou comentar nada da nova que é moi elocuente en si mesma. Tan só dicir que me están entrando uns terribles desexos de reunir nunha aula a eses energúmenos e poñerlles un enorme e compricado exame do que considero a miña patria (as humanidades) e darme o gustazo de poñerlles un enorme cero en conduta ética.

Mira que hai idiotez neste país....!!!

http://www.publico.es/espana/331713/nombre/torero/requisito/espanol

mardi 10 août 2010

SOBRE O "FENÓMENO DE LA IRREGULARIDAD SOBREVENIDA"

Ás veces leo algunhas cousas que me producen arrepío. Unha delas é sobre o abraio que dicía experimentar a responsable da secretaría do estado en materia migratoria ante o "fenómeno da irregularidad sobrevenida".

Realmente, non sei se é por estupidez ou por deliberada ignorancia do cargo. Pero isto non é un fenómeno: é unha consecuencia lóxica da nefasta Lei de Estranxeiría e do seu regulamento. Nin máis nin menos.

Só lembrarei dúas situacións: 3 meses de visa turista -situación regularizada-, despois deses meses....situación irregular; contrato laboral e dado de alta na seguridade social (regularizada)....perdes o traballo e xa non podes renovar contrato e seguir coa alta e, xa que logo, non podes renovar o permiso de residencia e traballo (irregular)....AMBAS AS DÚAS FROITO DA NOSA MALA LEI....

E escoitar un argumento como que a Lei de Estranxeiria non podía prever a crise.....SERÁ QUE OS POLÍTICOS DE TURNO ERAN INCAPACES DE PREVELA E DE LER OS INFORMES DE ORGANIZACIÓNS DE ESQUERDAS, DIGO EU.

Solución: derrogar esta mala lei e elaborar outra que contemple a regularización ordinaria. Así de fácil.

QUE ESCOITAN OS NENOS E NENAS Á HORA DE XANTAR?

Esta pregunta vén a conto dos resultados da Enquisa Adecco que tiven ocasión de ler no Galicia Hoxe (10-agosto-2010, p. 11). Unha enquisa na que se recollen diversas consideracións entre cativos (sic) de entre 4 e 16 anos. [De primeiras, agardo que no corpo da propia enquisa os resultados veñas desglosados por treitos de idade, xa que asociar a resposta dun neno ou nena de entre 4 e 10 anos coa que podan dar os restantes preadolescentes e adolescentes...., sería absurdo, cando menos]

Unha das conclusións recóllea o titular: "nenos fartos dos políticos".

Hai cuestións para min importantes que deberan figurar: unha delas e quizais a máis relevante: de onde provén a súa principal fonte de información para tratar un tema calquera. Cando participei nas xornadas de sensibilización ante a migración nos centros educativos de Compostela, elaborei unha enquisa, sinxela e preparatoria das sesións, onde recollía esa cuestión. E a resposta era: medios de comunicación (sobre todo televisión e, en menor medida, internet -empregada máis para lecer social) e a familia.

Por iso a min que os nenos/nenas (sic) pensen que os políticos son un problema non deixa de reflictir o que pensa en grosso a sociedade e non me engade absolutamente nada. A imaxe que se transmite desde os medios en exclusiva é a de liortas insultos, competitividade desaforada, egoísmos, personalismos, e un longo etcétera que pasa pola corrupción, o cancro da política, xunto coa mentira.

Máis interesante é comprobar o resumo nesa pregunta: "que queres ser de maior?" E ver que a diferenza entre a primeira resposta do grupo masculino (ser futbolista, 37,5%) e a do feminino (ser profesora, 37,5%) reflicte moi ben...o grao de pensamento e de conceptualización da realidade...Fixádevos nas 5 primeiras respostas dos dous grupos...moi elocuente, moi elocuente.

E tamén comprobar, se ben de forma subliminal, os traballos non desexados para nós pero si para as persoas que veñen de fóra....tendo en conta que son necesarios para o mantemento do sistema...

Aquí tedes a ligazón:
http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-sociedade/gh/nenos-fartos-dos-politicos/idEdicion-2010-08-10/idNoticia-578046/