dimanche 9 octobre 2011

SOBRE UN MANTO DE ESPIÑAS...


Pobreza, erosión da dignidade que se leva, pouco a pouco...todo?

Capitalismo, sistema que enriquece a uns poucos sobre os dereitos sociais, económicos, culturais, vitais de todos os demais.

Individualismo, sistema conceptual sobre o que se fundamenta o capitalismo para fragmentar a sociedade

Éxito, a falacia introducida mediante modelos culturais (cine, tv, publicidade, política) no imaxinario individualizado.

Competitividade, método de acción que vulnera a cooperación e a solidariedade, que se introduciu até nas soleiras das Leis de Educación.

Liberdade, mentira empregada polos aduladores dos mantras anteriores: individualismo-éxito-competitividade. Unha mentira que cheira cando nos contedores as mans de cada vez máis persoas procuran alimento e outros obxectos. Non hai liberdade nas colas da marxinalidade á que nos lanza a pobreza.

Vivimos nunha fosa chea de auga sucia. Os pés sobre un manto de espiñas cravadas. Nos ollos unha vendaxe de papel rugoso e pegañento. Na mente o inoculado virus do capital que impide as sinapses liberadoras e emancipadoras. Así camiñamos. Queremos seguir camiñando así?

(imaxe de Josetxo Ezcurra, publicada hoxe en Rebelión)

samedi 8 octobre 2011

ASSEZ AU NOM DE LA DIGNITÉ HUMAINE


Cada vez estou máis convencido que as letras do rap supliron a todos os demais xéneros, preocupados por laios cáseque preguiceiros sobre amores ou desamores dunha forma indiferente ao que acontece. Mesmo algúns agochando a carencia de mensaxe debaixo do emprego da fala inglesa (mercado chama).

Por iso, estoulle agradecido ao Wachy, antigo alumno, que me puxo no sendeiro desta rapeira arxentina residente en Francia. Déixovos con Assez au nom de la dignité humaine! (Basta, en nome da dignidade humana), con Cinquième soleil, e la rage (a raiba)

Aquí tedes unha ligazón á súa páxina web Keny Arkana.

A verdade é que me gustan a firmeza e dureza das súas palabras que escapan das redes institucionalizadas con furia pra atopar a liberdade de dicirse...

ESCURECEMENTOS


Erguerse un sábado e acoller a rutina aprendida de meu pai en Francia de mercar un xornal, de información seria. Antes, ben antes, era motivo de ledicia compartilo co fumegante café con leite. E deixarse levar polas "verdades", "medio-verdades" e "mentiras" da prensa. Xogar a ver o verdadeiro alcance detrás da faciana da palabra escrita.

Hoxe o ritual é doroso. Xa non é un xogo. Nen sequera se acada a crear unha "mentira". A verdade do capitalismo salvaxe estourou. Levouse por diante a absurda idea de que todos podíamos vivir coma "ricos". Así xurdiu a gran mentira da globalización capitalista.

O euro si, euro non. As decisións contrarias á lóxica, que abafan o poder de recuperación dos traballadores e traballadoras. A absoluta e total carencia de canles laborais serias e estables para os milleiros de mozos e mozas preparados. As acusacións varias e diversas de malversación de diñeiro público. As millonarias cantidades que perciben algúns, de tal forma que insultan aos que, por necesidade, aceptan salarios ínfimos e desexarían seren mileuristas. As permanentes e crecentes expulsións de persoas dos seus fogares, aos que accederan baixo a hipnótica mentira do capitalismo (neste último trimestre máis de 16.300 fogares que se viron roubados e entregados aos donos do capital (a gran banca). Máis traxedias no tráxico camiñar do pobo.

As terras soñadas do capitalismo salvaxe son hoxe terras para a fragmentación, para a desestruturación, para a perda dos elos identitarios que fornecían un espazo de seguridade. Abrir o xornal deixa só unha verdade para o pobo: a imperiosa necesitade de emigrar, de deixar a terra para atoparnos de novo.

Un longo éxodo do chamado primeiro mundo que se suma aos éxodos obrigados por fames, guerras e outras causas que emanan da violación de dereitos humanos....Si, unha viaxe que moitos queren sexa momentánea. Outros, enfurecidos, berran que marchan para non voltar a unha terra mal gobernada, unha terra xa inhóspita, tal como lle sucede ao pobo grego. Marchar para atoparnos, ....pero, atoparémonos? ou cristalizarán as nosas individualidades en feridas permanentes?

Entón, pregunto, como é que moitos sectores sociais prefiren seguir ollando só detrás da densa néboa?

A escura idade que nos fai vivir o capitalismo salvaxe chegará a un punto de non retorno. Só será para ben se o pobo actúa con intelixencia democrática. De non facelo, viviremos escurecidos e pode que para sempre.

lundi 3 octobre 2011

DISOLUCIÓN DO APARATO POLÍTICO DE ETA...ANUNCIA LE MONDE

Le Monde, en edición do domingo 2 de outubro-luns 3 de outubro de 2011, recolle, na súa páxina 6, dedicada ao eido internacional e a Europa, que o "appareil politique de ETA annonce sa dissolution" (o aparello político de ETA anuncia a súa disolución).

Le Monde recolle a nova do xornal Gara (publicada sábado pola mañá) e só vou citar o inicio dunha nova que debera ser ampliada e ecoada...mais...como non vexo moita prensa española, recoñezo que non sei se esta nova foi analizada como debera ser.

"Deux membres d'Ekin, l'organisation -interdite- de l'appareil politique de l'organisation indépendantiste armée basque ETA, ont annoncé la dissolution de cette structure, a annoncé samedi matin 1er octobre le journal quotidien Gara" (vése que a redundancia está permitida)

(Dous membros de Ekin, organización -prohibida- do aparello político da organización independentista armada vasca ETA, anunciaron a disolución de esta estrutura, anunciou sábado 1 de outubro pola mañá o xornal cotiá Gara)

dimanche 2 octobre 2011

SOBRE VOTADE A DESGLOBALIZACIÓN, de Arnaud Montebourg


Montebourg pode resultar un descoñecido para o gran público galego. Non así en Francia, lugar de nacemento do autor e do libro (Votez pour la démondialisation!), como se verá ao longo destas liñas. O libro, traducido por Núria Petit Fontseré, editado por Paidós (2011), é interesante e esperta reflexións, encontros e desencontros. En Francia teñen lugar unhas primarias no Partido Socialista, onde concorren até 6 persoas (Martine Aubry, Francois Hollande, Ségolène Royal, Manuel Valls, Arnaud Montebourg et Jean Michel Baylet). Só co seu número o PS dá unha lección de democracia que as estruturas dos diferentes partidos políticos no noso país aínda non son quen de soportar, mesmo de imaxinar sen convulsións. Lonxe de producir desmembramentos e profecías de rupturas, afortálase o diálogo de propostas e iniciativas. Os diferentes contrincantes socialistas ofrecen as súas propostas ao gran público encamiñadas a saíren da crise. Algúns, en forma de libros, feito editorial de relevo en Francia, porque o electorado merece toda a información posible. Enténdese así o debate a seis que houbo na televisión francesa. Que lonxe queda, desde logo, este noso país! Só hai que pensar no que sucedeu no PSOE coa designación do seu candidato.

Arnaud de Montebourg é un dos que se postula como candidato para enfrontarse ao pequeno Napoleón. E ofrécelle ao seu electorado un libriño ben escrito, sen florilexios retóricos, con anécdotas exemplarizantes, sobre a súa proposta que se resume no título do libro: votade desglobalización.

De primeiras, Montebourg é audaz. Pero non nos enganemos. Desde a cita de John Maynard Keynes, que adorna a soleira do libro, un xa ten un indicio de por onde pode ir o programa de Montebourg: un retorno ás supostas bonanzas do capitalismo de rostro humano anterior á vaga neoliberal.

A lectura do libriño confirma esta primeira impresión. No fondo, Montebourg apela a unha verdadeira socialdemocracia. Non contesta o sistema capitalista. Non ofrece unha alternativa a este, senón que quere poñerlle o freo, reintroducir mecanismos de regulación. El mesmo recoñece que a desglobalización que propón “es, ciertamente, un proyecto moderado” (p. 62).

Coincido co autor na exposición das devastadoras consecuencias do libre comercio: “deslocalizaciones en serie, destrucción de empleos y de herramientas de trabajo, disminución de los salarios y las rentas del trabajo por la presión a la baja. (...). El chantaje de la deslocalización y el desempleo se ha convertido en una forma normal de gestionar las grandes empresas” (pp. 26-27). Non deixa só impresións: ilustra cuantitativamente as súas denuncias empregando datos. E, podedes imaxinar que son moi preocupantes para os franceses. Pero, se se compararan cos nosos....até poderían sorrir. Onte aínda (sábado 1 de outubro) en Le Monde era noticia -por imposible de concebir na mentalidade francesa?-, o feito de que as administracións públicas en España pagaban con 300 días de retraso, coas graves consecuencias que isto ten para autónomos e pequenos empresarios. Comparto tamén a denuncia da austeridade neoliberal que é o pan noso de cada día nestas terras: “la austeridad es el remedio que mata al paciente. Es el empobrecimiento paulatino y constante de quienes sólo disponen de su trabajo para (sobre)vivir” (p. 77).

As críticas máis duras diríxense ás grandes empresas e ao seu escenario de decisións, a bolsa, á OMC, e sobre todo á doutrina do libre comercio: “ha cavado de esta forma la tumba de la política, ha significado la muerte lenta del derecho de los pueblos a elegir libremente su fiscalidad, su derecho laboral, su nivel de salarios. Ha secuestrado la soberanía de los pueblos” (p. 31). No tocante aos Estados di que “se han dejado desarmar y atrapar en las redes de esta economía del chantaje” (p. 32). Non comparto a descarga de culpa do Estado, xa que as oligarquías puideron facer o seu tesouro grazas á complicidade da clase política que goberna que, as máis das veces, pertence, ela tamén a esa oligarquía (no capítulo titulado “la traición de las élites”, pp. 39-41, semella darnos a razón). Por iso, non é raro comprobar como antigos cargos da política española ocupan postos de relevo nas grandes empresas ou na banca.

“Se mire como se mire, el sistema ya no se aguanta. Fin de partida para ese mundo del libre comercio sin freno, tan desequilibrado que ya no es útil para nadie” (p. 37). O que está en xogo é poñer freo ao libre comercio. Regulalo. Controlalo.

No capítulo chamado “entre el socialismo del callejón sin salida y el socialismo de la deriva” (pp. 42-45) vemos alusións aos seus contendentes, dos que quere desmarcarse. O primeiro socialismo é identificado co socialismo redistributivo. O segundo co socialismo de axuste, o que se quere adaptar ao neoliberalismo (identificable co realizado tanto por Zapatero –entón pregúntome se é socialismo- como por Sarkozy). Neste capítulo declara a súa intención programática: “no soy candidato a gestionar ese sistema que destruye el planeta, esclaviza a los hombres y aniquila su derecho a decidir. Soy candidato a la transformación de ese sistema” (p. 44). Esa transformación chámase desglobalización, recuperando o concepto expresado polo sociólogo Walden Bello. Para nós, en tanto que segue co mesmo sistema de base, é reformismo.

A continuación, expón as liñas mestras do programa, “un proteccionismo moderno verde y europeo” (p. 46) e, xa queda confirmada a perspectiva política: “El proteccionismo europeo verde y a la vez social es el keynesianismo del siglo XXI” (p. 47). Procura explicar as súas bases e marcar distancias co “proteccionismo” da extrema dereita e insiste nas bondades do proteccionismo que propón (con certa dose de inxenuidade, xa que semella que só con desexar esa desglobalización o resto (mellores salarios, servizos públicos fortes, respecto polo medioambiente...) chegará por si mesmo).

O seu proteccionismo linda co concepto da soberanía alimentar cando formula a necesidade de establecer circuitos curtos de comercialización (p. 56). E insiste en que “la escala local y nacional debe tener prioridad en la producción industrial siempre que la producción pueda hacerse a costes razonables” (p. 53). O problema reside na teima reindustrializadora (a pesar da fiscalización verde que quere impoñer, o planeta non pode soportar unha vaga industrializadora por doquier), e quen establecerá o alcance dos “costes razonables”.

Montebourg non perde de vista a dimensión europea. Mantén o discurso francés da construción económica da UE e insiste na importancia do eixo franco-alemán facendo pasar a desglobalización por Alemaña (pp. 63-71). Este reducionismo é perigoso para os países menos favorecidos da Unión Europea e impide, en esencia, a construción dunha Europa dos pobos, baseada en criterios sociais e económicos harmonizadores.

Non comparto algunhas das súas ideas proindustrializadoras e critico, entre as 17 propostas programáticas que realiza (pp. 72-75), a carencia de concreción programática dalgunhas das propostas asi como a inexistencia daspectos que considero necesarios como “decrecemento planificado e sustentable”, “democracia participativa”, “fiscalidade progresiva”, “nova filosofía do traballo”, “mantemento do carácter público dos servizos públicos esenciais” (hoxe, por exemplo, en Francia púxose en marcha o pagamento dunha taxa de 35 euros para actos xudiciais, o cal dificultará o acceso á xustiza), “antimilitarismo e cultura de paz”, etc., amais de que considero moi dubidosa a existencia dun capitalismo de rostro humano, xa que, cando mellor lle saíron as contas en Europa, foi a costa de poñer o pé sobre os dereitos e a soberanía de moitos pobos do mundo.

Con todo, recomendo este libriño e veremos se é quen de mobilizar ou non ao electorado socialista nestas primarias.

Xabier Ron (2-outubro-2011)

P.D. Tendo en conta as primeiras reaccións ao artigo en GC, reparo en que, por norma, non se entende nada. A ciencia e a dialéctica, neste país, tal como fan os políticos e tal como queren algúns preclaros pensadores...non teñen cabida nos marcos de pensamento. E segue confundíndose absolutamente todo. En fin, temos o que merecemos, sen dúbida.

samedi 1 octobre 2011

ASSOMMONS LES PAUVRES!, de SHUMONA SINHA


Caeu nas miñas mans coa forza do sortilexio. Coa mesma forza evocadora do seu título, que nos leva a un poema en prosa de Baudelaire. Unha palabra directa. Bate como as ondas do mar embravecido nas rochas. Tivo consecuencias negativas para a autora, á que botaron fóra do seu traballo. Reproduzo só o inicio. Por suposto, estouno lendo en francés, editado neste ano que corre por Éditions de l'Olivier:

"Farta e aturdida, déixome ir no húmido chan da miña celda mentres sigo pensando nesas xentes que invadían os mares e, como medusas rexeitadas, que se lanzaban sobre as ribeiras estranxeiras. Recibíamolos en despachos semiopacos, semitransparentes, nas zonas periféricas da cidade. Encargábame, como tantos outros, de traducir os seus relatos dunha lingua a outra, da lingua do que require á lingua de acollida. Relatos con sabor a bágoas, ásperos e crueis. Relatos de inverno, de choiva sucia, de rúas lamacentas, de interminables monzóns, como se o ceo fose estourar.

Nunca puiden imaxinar que o camiño sería tan curto, que habería un sendeiro, un atallo entre as salas de interrogatorio e a húmida dependencia da comisaría onde, desde onte, non deixo de debuxar a árbore xenealóxica da miña familia, as liñas do meu pensamento e das miñas vagabundaxes, as combinacións do tempo e do espazo, para xustificar o meu percorrido e reconstruír a escena, para que se entenda o meu súbito desexo de bater no home, un deses inmigrantes, na testa cunha botella de viño. Eu, que collín a botella sen ollala, que a erguín notando o seu peso cando a apreixei para que non esvarase da miña man, apuntei á testa, chea de xenreira e zumegante de insultos, e batín nela."

MON AMOUR. HISTORIAS DE MUROS


Déixovos cunha reflexión sobre as consecuencias das fronteiras inventadas.

Trátase dunha montaxe artítica realizada por MAYSUN CHEIKH ALI MEDIAVILLA, galardonao co PRIMEIRO PREMIO en LÚMEN_EX 2010 Premios de Arte Dixital / Digital Art Awards Universidad de Extremadura, Spain.

dimanche 25 septembre 2011

POLDRAS NO "GATO CÓSMICO" DE COMPOSTELA


O amigo Poldras inaugura en Compostela unha mostra da súa valía creativa. É no Gato cósmico. Déixovos co texto que remitiu. Anímovos a dar unha voltiña.


"Unha escolma da gráfica máis representativa, nas que a composición xoga con figuras humanas ás veces acompañadas doutros elementos.



Son obras abertas no senso tradicional do termo, xa que presentan figuras que se intercambian entre as estampas e aparecen en diferentes gravados ao mesmo tempo, ampliando o seu significado e capacidade de evocación, de xeito que unhas complementan a outras. Pero non hai un carácter lineal nin de argumento, a plástica é a que rixe as leis de relación, ou más ben a falla de leis.
O gato cósmico mostra, este outono, algúns deses gravados, dando un paso máis, xa que coas estampas veranse mesturadas as propias matrices, e o branco da parede, coa mesma importancia que nos gravados ten o papel en branco, definidor dun espazo que ás veces ten dúas dimensións e ás veces tres. Tamén atoparedes algunha terracota"

Inauguración o luns 26 de 20 a 21h

Rúa Concepción Arenal nº1 local 4
15702 Santiago de Compostela

RETORNO ENTRE AS FENDAS

Despois do silencio, o retorno entre as fendas do pensamento cicatrizado.
Xorden, como abellas co desexo de libar, as linguas afiadas que xa apuran descensos aos infernos.
Os tempos son escuros, porque escura é a dereita, sempre o foi.
Non agardo nada do 20-N, nada no sentido realmente reparador, recuperador, que faga abrollar a frol da esquerda en Galicia e en España. Todo o que non sexa iso, será reducionismo. Contentarse cunha tirita.
O capitalismo e a dereita están habituados a esas vandaxes. Permíteas. Niso, penso, está acertado Ernesto Castro, Contra la postmodernidad (Alpha Decay, Barcelona, 2011). E sabe, perfectamente, agochar as súas verdadeiras intencións:
"Lo radical-postmoderno es el chivo expiatorio al que recurre un capitalismo con rostro humano que simula responsabilidad ecológica, cuidado de lo auténtico, filantropía para con el desvalido, y respeto de las diferencias" (p. 51)
A enfermidade actual non se cura cos remedios postos en marcha que só saben fortalecer ao sistema capitalista que, non o esquezamos, somete ao ser humano á súa propia des-humanización.


samedi 2 juillet 2011

ECOLOXÍA CREATIVA

ECOLOXÍA CREATIVA

REDUCIÓN DE PRODUTIVIDADE (MENOS APRESURADA)
REUTILIZACIÓN REFLEXIVA E CRÍTICA DAS MIÑAS LECTURAS
R
ECICLAXE EN NOVOS ESCRITOS (INTERTEXTUALIDADE OU TRANSFORMACIÓN)

PAUSA


UNHA RUPTURA DA VELOCIDADE Á QUE NOS SOMETE O CAPITAL

LENTITUDE

NON ESTAMOS TODOS DEMASIADO ATRAPADOS?


DEMASIADA COTA DE PROTAGONISMO PARA A PANTALLA DIXITAL?


QUIZAIS SEXA PRECISO AFONDAR
NO SENDEIRO DA FILOSOFÍA


ATÉ DENTRO DE POUCO...


PAUSA E DESPEDIDA