Je sens le vent de ce premier jour de soleil qui se gonfle d'espoir
aurais-je la force de sentir dedans ce qui vient de dehors?
aurais-je la chance de pouvoir devenir dehors ce que je suis dedans?
Sempre a mesma impresión cando chega o primeiro raio de sol
fóra e dentro
As nosas vidas son un permanente conflito
entre o que está fóra
e o que está dentro
Unha permanente negociación de emocións
para non sentirse derrotados
entre a esperanza do traballo ben feito
e a longa cadea de condeas que permanecen
Unha interminable e agotadora sensación
entre as palabras que escoito
e as palabras que gardo
protexéndoas da inutilidade da vanidade
un xesto tranquilo para salvalas
da persecución protagónica
da agonía de expoñerse sen sentido
E non obstante a política vive de palabras protagónicas
que morren na cinza da fachenda voz que as ergue
Escoitar
aprender
entender
Tan dificil é?
Unha man pode falar
e un beizo recolle o mel
só hai que deixar prender
o tempo das árbores
Escoito
aprendo
entendo
É difícil
pero a reconciliación entre dentro é fóra
ben merece o sacrificio
ça suffit, ne renonçons pas à nous-mêmes. C'est dans le miroir rouge que voyagent les mots et s'ensorcèlent, devenant poésie ou dénonce. Telle est ma quête, mon cher Jacques Brel.
lundi 15 avril 2013
samedi 13 avril 2013
RECUPERAR A LINGUAXE DAS REDES DO PENSAMENTO ÚNICO NEOLIBERAL
Non son precisas moitas páxinas para decatarse de que Clara Valverde escribe como fala: sen ambaxes, sen dobres xiros e sen artificios baleiros. Escrito nun estilo directo e reivindicativo, o seu último libro, No nos lo creemos. Una lectura crítica del lenguaje neoliberal (Icaria/ASACO, Barcelona, 2013), destapa as realidades que tece o neoliberalismos e como a linguaxe é a súa principal arma.
Antes de máis, unha observación: comentoume un amigo libreiro sensible co uso correcto das palabras que esta preocupación vive con máis intensidade nos países latinoamericanos. Como se aquí non nos interesase. E que erro cometemos entón! Nada hai máis perigoso: non decatarse de como as palabras usadas polo poder son as que constrúen imaxinario é renunciar ás esencias máis fondas da esquerda.
O libro conta cun pequeno prólogo de Carlos Jménez Villarejo que xa nos alerta de como a linguaxe, perversa, non en si, senón polo uso que dela se fai, inocula en amplas capas da sociedade, cada vez máis desposuída, desprotexida e, polo tanto, vulnerable, sentimentos de "culpa, duda, mentira y miedo" (p. 13).
Concordo plenamente con Clara Valverde, "el lenguaje es la primera y más necesaria arma del capitalismo neoliberal" (p. 17). As oligarquías, os poderes públicos asuxeitados voluntariamente, os medios de desinformación masiva sabiamente remunerados divulgan unha linguaxe determinada e así "se pueden imponer y mantener políticas injustas que aumentan las desigualdades" (p. 17).
Clara Valverde realiza un amplo percorrido e exemplifica con numerosos casos extraídos dos xornais e da realidade informacional e comunicativa documentadas manifestacións do que é o cerne da palabra desposuída da súa esencia, prisioneira na rede da perversión e da manipulación.
'Axuste' en vez de 'recorte'; 'crise económica' en vez de 'estafa', 'roubo' ou 'saqueo';'recargo temporal de solidariedade' (en vez de IRPF); 'desafortunado crecemento económico negativo' (en vez de dicir recesión); 'impacto asimétrico da crise' (en vez de aumento das desigualdades); 'medidas de aforro' (en vez de políticas que atacan dereitos laborais e salariais); etc.
A linguaxe neoliberal é imparable na súa serpeteante maneira de maltratar as palabras. 'As reformas son duras', 'hai que facer sacrificios', 'todo o mundo viviu por riba das súas posibilidades',...e outras frases semellantes para facer que a cidadania se sinta culpable. Cando asumimos a culpa, aceptamos resignados o castigo.
Pero, curiosamente, nós non temos a culpa da desfeita e da nula capacidade previsora de oligarcas financeiros e de permisivos e conniventes gobernadores. Non temos culpa do relato filmico triunfalista que ían construíndo: se son quen, eles, de construír a Cidade da Cultura, como non vou poder construír o meu humilde fogar?
Todo foi debidamente planificado. O convencemento chegou de todas partes: as leis permitían todo tipo de promoción urbanística; a política do privado impúñase ao alugueiro (quen non recorda o final do século XX en Compostela, cando o alugueiro dunha vivenda era case tan caro como ser "propietario"; como medraron Bertamiráns ou Cacheiras?); a publicidade, a ficción televisiva, todo, absolutamente todo ía nunha dirección. E os que alertabamos dos perigos fomos desprezados ou ignorados.
Son numerosos os exemplos documentados por Clara Valverde. A mentira para trasladar confusión. A repetición de que a situación é complicada e que, polo tanto, para saír desta complicada situación hay que deixar facer aos expertos. Ou como di El Roto "Asustarles con la crisis para que no reclamen" (p. 71).
Mentres a cidadania asista, co resignado medo, ás estratexias ideadas polos "expertos" para sacarnos desta "situación complicada", verá como terá que facer "máis con menos". Esta filosofía non deixou de asomar durante a discusión dos Orzamentos 2013 no Parlamento de Galicia: "imos facer máis con menos". Pero é mentira. Non se pode redistribuír mellor a riqueza con menos recursos económicos. Non se pode dotar mellor aos centros educativos con menos capacidade económica.
O último maltrato á palabra foi cando escoitamos ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, dicir no Pleno do Parlamento que o copago nos comedores escolares é unha medida redistributiva e que se fai por xustiza social. O mesmo argumento foi repetido na Comisión de Educación polo voceiro do PP, Román Rodríguez. O cumio da manipulación. Condicionar un servizo público, que xa é soportado coas finanzas da poboación, mediante a achega dunha contía diaria, cando antes non tiñan que facelo os nenos e nenas transportados, é unha medida redistributiva.
Só a manipulación e o uso masivo desta linguaxe polos medios de desinformación masiva farán que a cidadanía se crea esta quebra do servizo público da educación e que non saia ás rúas. Por iso, cómpre dicilo ben claro: o decreto de comedores, que condiciona o servizo público da educación, e introduce máis dificultades para os nenos e nenas transportados, é unha medida antisocial. Un roubo máis dos que perpetra a dereita mentres di que é polo noso ben.
En resumo, un brutal austericidio que fai que os dereitos de cidadania se convirtan en dereitos de desigualdade (p. 23).
dimanche 17 mars 2013
LADRÓNS ORGANIZADOS S.A.: UNHA PERIGOSA BANDA GOBERNA EUROPA
O anuncio da quita ao pobo de Chipre é unha auténtica barbarie. Non precisamos ser sabios para ver que á Europa do Sur, sobre todo a eses países que se consideran de "terceira" nos índices de impacto que manexan os cónclaves ultraliberais, os enriquecidos nos queren ver dominados e sometidos aos seus intereses e desexos máis perversos. Sadismo económico. Chipre xa sabe o que lle agarda e comezan a sangrar as súas carnes. Pero o pobo chipriota, sen dúbida, non é masoquista.
O acordado significa roubarlle diñeiro á xente para doarllo directamente aos poderosos. Nin sequera resiste unha mínima reflexión seria: é o mesmo gañar ou ter 99.000 euros no banco que 5.000 ou 1.000?? Para os que deciden aplicar unha quita do 6,75% semella que si.
En fin, unha auténtica banda de ladróns organizados destrúe as esperanzas da clase traballadora en toda Europa. E, de novo, os gobernantes chipriotas elixidos democraticamente, eluden cumprir coas súas promesas electorais e deixan o pobo aos pés dos cabalos da mafia ultraliberal.
A miña solidariedade co pobo chipriota. Precisamos artellar unha potente internacional da clase traballadora en Europa, quen de frear as veleidades golpistas (Grecia, Italia) e destrutivas desta perigosa banda.
dimanche 17 février 2013
AGE DENUNCIA A INXUSTA SENTENZA DO TRIBUNAL MILITAR MARROQUÍ AOS 24 ACTIVISTAS SAHARAUIS DO CAMPAMENTO DE GDEIM IZIK
Confirmouse o que Alternativa Galega de Esquerda,
a través do seu deputado Xabier Ron, denunciara hai 15 días a través dun
comunicado. O xuízo militar aos 24 activistas saharauis ía representar un
capítulo máis da opresión que soporta o pobo saharaui a mans de Marrocos, co
cómprice silencio de España e Europa. E confirmouse, por desgraza.
A primeiras horas da madrugada deste domingo 17 de
febreiro de 2013 coñecíase a sentenza dun xuízo militar carente da necesaria
obxectividade e neutralidade que todo xuízo precisa. Trátase dunha sentenza
ofensiva para o pobo saharaui e para todas aquelas persoas que defendemos a
autodeterminación do pobo saharaui e o cumprimento das resolucións da ONU.
A sentenza é unha auténtica ignominia e unha absoluta
inxustiza e vulnera as normas que deben rexer a xustiza e a equidade. Os 24
activistas di campamento de Gdeim Izik, o campamento da dignidade, na contorna
de El Aaiún, xa tiveron que sofrer situación de prisión preventiva durante máis
de dous anos (o cal vulnera o Pacto Internacional de Dereitos Civís e
Políticos), e foron inxustamente condeados por defender os dereitos do pobo
saharaui.
A relación das condeas non deixa lugar a dúbidas: 8
persoas, cadea perpetua; 4, 30 anos de cárcere; 7, 25 anos de cárcere; 2, 20 anos
de cárcere; 3, condeadas polo tempo xa cumprido de cadea.
Os 24 saharauis só se opuxeran ao violento
desmantelamento do campamento de Gdeim Izik o 8 de novembro de 2010.
Ante o silencio maioritario dos medios de
comunicación, que a penas deron conta do noso comunicado de hai 15 días,
queremos insistir hoxe en chamar a atención da sociedade galega ante este
brutal ataque aos dereitos humanos e ante unha sentenza que só pretende
amedrentar aos defensores da República Saharahui.
Pero non calaremos. AGE reitera o seu compromiso de
solidariedade co pobo saharaui e reclama que se atendan as resolucións da ONU
para devolverlle ao pobo saharaui as terras hoxe ocupadas por Marrocos e, desde
logo, esixe toda a presión internacional para que se lle devolva a liberdade a
estes 24 activistas inxustamente condeados.
17 de febreiro de 2013.
samedi 16 février 2013
A LECCIÓN DE LAURA
Recoñecemento da impotencia: non poder alterar o
estado das cousas, tal como están sucedendo. Ou sinxelamente, estar “jodido”.
Hoxe estiven en Compostela, xunto con outros compañeiros e compañeiras,
apoiando ás persoas afectadas pola nefasta lei das hipotecas, isto é, que
devoradas polo crédito hipotecario, as persoas están véndose expulsadas dos
seus fogares e, por riba, coa carga da débeda, que non queda saldada coa perda
dunha vivenda que estiveches pagando anos (quen devolve ese diñeiro
sufragado??)
Eramos máis que daquela vez, a primeira, pero menos,
sempre menos do que debe ser. Non sei que ten que acontecer para que a
solidariedade se manifeste a todos os niveis. Estamos falando de persoas que
están a piques de perder a súa vivenda. Non creo que sexa máis importante
celebrar un baile de disfraces que apoiar a estas persoas que o único que piden
é iso, apoio. Porque só coa presión social, coa constante presión cidadá,
poderemos mudar as malas leis, para que mesmo a caste política que nos mal
goberna se vexa na obriga de mudar de prácticas.
Hoxe, polo tanto, debíamos ser moitos máis. En caso
contrario, semellaría que o problema do acceso á vivenda en Compostela e
arredores, do mantemento da vivenda, non é problema.
Pero hoxe, ademais, a miña implicación foi máis
emocional. A maiores da empatía que sinto normalmente nas situacións de
padecemento, únese que as persoas afectadas son unha alumna miña e súa nai
(digo alumna, porque até o 12 de novembro fun o seu profe de francés). A carta
que leu Laura na Praza do Toural foi sinxela, pero chea de emoción. Ela,
solidaria, falaba en nome de todas as nenas e nenos que, coma ela, ven coma ás
súas nais, e pais, están atrapados no medo a perder a vivenda. Ela, sempre
cunha entereza digna de mencionar, reclamaba solucións.
Recoñezo que me emocionei, se ben sempre camuflo, en
público esa carga. En casa é máis doado deixar ir todo o regueiro de
sensacións. De aí esta escritura contínua para liberar a rabia que sinto. Rabia
porque ningunha Laura debera estar sometida a esta tensión. Ver a súa mamá
chorar tamén foi duro. Porque sabe que a súa filla –e ela- deberan disfrutar da
vida, sen máis. A nena pensar en estudar, en formarse, a nai, en defender esa
educación e formación. Pero non, as nosas leis obrigan a esta nai e súa nena a
loitar para non perdelo todo, para sobrevivir nesta selva capitalista.
Ao mesmo tempo, amais da simpatía e cariño que sempre
manifestou Laura, hoxe déume unha lección de madurez, impropia dunha nena da súa
idade.
mercredi 13 février 2013
LEVANTAR ACTA DOS XESTOS...
Vou ter que levantar acta das sesións do Pleno, xa que os xornalistas semellan un tanto desorientados e, así, contribúen a debuxar unha imaxe que é a que lle interesa ao PP trasladar de nós. Pero están errados. O PP está lonxe de ter un comportamento exemplar durante os Plenos. Pero o que acontece coa palabra polo medio, por moito que ás veces, ante certas acusacións, se produzan reaccións adversas e acaloradas por parte de todos e todas as presentes, quédase na confrontación política.
Ante certas informacións que son incompletas e para que non se digan "tonterías", é preciso aclarar certos aspectos.
En primeiro lugar, o que sucedeu tivo lugar cando rematou a intervención da compañeira Chelo Martínez a unha proposta do PP sobre os pacientes crónicos. Aí, cando lle toca o turno de réplica ao sr. Santalices acusa á sra. Martínez de declaracións que non foran pronunciadas pola deputada de AGE. Entón, nese preciso momento prodúcese un cruce de declaracións entre o sr. Santalices e a Sra Martínez.
En segundo lugar, cando remata ese cruce de declaracións é cando o sr. Santalices fai un xesto obsceno dirixido cara a nosa compañeira acompañado dun comentario con connotacións sexuais. Iso vémolo ao mesmo tempo Fajardo e Ron. Ese xesto é propio da taberna e da conversa de 'macho' á hora de definir o que lle farían a unha persoa (sexa home ou muller) que lles esperta certas sensacións sexuais. O xesto aseméllase á práctica de esquiar. Nalgúns países de América Latina empregase o verbo "coger" con ese xesto. Un xesto que eu considero feo e ofensivo.
En terceiro lugar, ao velo, tanto Fajardo coma Ron deciden comunicalo á Presidenta da Mesa...porque ese xesto era bastante máis grave do que provocara a expulsión -indebida- do Pleno de David Fernández onte, martes 12 de febreiro por mor do propio autor do xesto obsceno de hoxe. O sr. Santalices entón escúdase en que, non, non era un xesto dedicado a "ela" (entón, proba de veracidade: o xesto existiu) senón...a quen? ao propio Fajardo?
En cuarto lugar, o sr. Santalices dille a Fajardo que saia ao corredor que llo vai explicar. Saen dous máis do PP e eu decido saír tamén para que non aconteza nada que non deba acontecer.
En quinto lugar, hai tensión, pero dialéctica e verbal. Nese instante, eu dígolle ao sr. Santalices que "a palabra é política e que aí temos diverxencias e opinións diferentes, pero que os xestos obscenos non teñen cabida". El responde co tema dunhas declaracións de Fajardo nunha emisora de radio [pero, non o trago, o xesto nace nun momento determinado e despois dunha tensión determinada]. E eu, con tranquilidade, con espírito de mediación, insisto en que eses xestos non proceden. Mentres, chegara tamén Román do PP, co mesmo espírito de mediación. E entramos.
En sexto lugar, nada máis. Esta é a acta dos xestos. Para que non se digan tonterías.
dimanche 27 janvier 2013
ENTRE DÚAS LECTURAS, ENTRES DÚAS OPCIÓNS: OU A REVOLUCIÓN OU O NAUFRAXIO
Desde sempre practico a lectura paralela, cruzada, ou como se lle queira chamar ao feito de non poder dedicarlle toda a atención de lectura a un único libro. Sempre digo que é pola miña condición de "aspergeriano" non diagnosticado, xa que son incapaz de non ler tres ou catro libros ao mesmo tempo. Quizais por necesidade de conter a dispersión analítica. Ou para calmar a miña inquedanza permanente de curiosidade empírica.Neste fin de semana estes catro libros son:
1) Mortalidad, de Christopher Hitchens, un libro incrible onde o autor relata, cunha entereza atea impresionante os seus últimos meses de vida desde que lle diagnosticaran cancro de esófago.
2) Sobre la educación en un mundo líquido, de Zigmunt Bauman, que a través dunha conversa con Ricardo Mazzeo traslada a súa visión sobre a educación.3) La revolución de los vikingos. La victoria de los ciudadanos, de Elvira Méndez Pinedo, que, desde a súa privilexiada posición de vivir os acontecementos de forma directa, conta como se padeceu a crise-estafa en Islandia e como a cidadanía lle foi poñendo remedio.
4) España, destino Tercer Mundo. Endeudados, sin fábricas, sin empleos y atrapados por el corralito, de Ramón Muñoz, que conta o escenario -para algúns apocalíptico, para outros realmente posible- ao que imos en España debido ás malas e interesadas decisións da oligarquía política -e ao errado voto da cidadanía, todo hai que dicilo- e financeira.
Os dous últimos son ben interesantes por establecer os camiños diverxentes para atacar esta estafa.
O de Elvira achega as claves de por onde cómpre camiñarmos para empoderarnos como pobo. Para recuperarmos a soberanía. Establecer un novo proceso constituínte e impedir que o mercado domine as nosas vidas. O de Ramón introdúcenos niso que ninguén di que chegará como é un corralito que atrapará de forma masiva aos aforros da clase traballadora (se ben, para algúns xa chegou, pois as preferentes son un corralito inmisericorde). Recollendo palabras do libro: "éste es un libro en el que se augura un futuro triste y carente de escapatoria alguna. Por eso, su lectura no se recomiendo a optimistas impenitentes ni a votantes de partidos mayoritarios deseosos de escuchar que "todo se arreglará". Si acaso va dirigido a un tipo de lector inquieto, harto de leer las mismas mentiras que le han estado contando los medios de comunicación desde que comenzó la crisis".
O lector, a lectora será quen deba achegarse a estes libros e ver que camiño paga a pena percorrer: se o da revolución cidadá, indo de fronte e coas armas da desobediencia civil, pero de verdade e sen parar, sen repouso, para desarmar aos poderosos, ou se o da imposibilidade de escapar do naufraxio debido á imposibilidade de dita revolución.
lundi 21 janvier 2013
A DANZA NA MEMORIA
A DANZA NA MEMORIA
Sensación de abafo
o mercado en hora masa
as rúas ateigadas
e non obstante aquí
no corredor da residencia
mesturas de fríos
De novo vixía dos outros tempos
observo o encadeamento das accións
a secuencia dos tremores
a permanente anguria dos
familiares
De novo aí os vexo
el sempre vén
nunca falla
día tras día
Ela vive aquí ou quizais non
só está de paso atrapada
El xa non podía cuidala
demasiada tensión
a perda das respostas
era demasiado premante
De súpeto de fóra
unha melodía devólvenos
a sexta sinfonía de Tchaikovski
E ela emerxeu
o corredor de encontros
fíxose pista
unha volta e outra volta
e o seu rostro rexuvenecía
un vó de man
un paxaro pousándose no niño
e o seu corpo esquecía o tempo
Outro tendu e agora un jetté
os demais ollaban marabillados
a maxia dos movementos
armonía dun mundo que se esvae
Elegante ensínanos a traxedia
os sentimentos encadeados a unha
fatalidade
A melodía cesou
El recolléuna desvanecida exhausta
os demais aplaudiron
Ela ignoraba as razóns
aquilo era ela
a danza na memoria
non sabía máis
samedi 19 janvier 2013
CONSIGNANDO SILENCIOS ANTIDEMOCRÁTICOS
Podería ser unha pregunta. Refírome ao título deste comentario que será forzosamente breve porque até me produce unha especie de noxo mesturado con aldraxe falar deste tema.Admito que somos, AGE, unha forza indesexable. Para o PP, máis tamén para as outras dúas forzas, como se estivesemos trastornando non se sabe moi ben que situación natural.
Desde o principio, experimentei esa sensación de torpedeo, de obstaculización. Onde debera dicirse pluralidade, apareceron redución de iniciativas e de minutos. Queren un parlamentarismo reducido a unha rutina que mata e queren transmitir que non serve para nada (así terían doada a xustificación da amputación de deputados).Repito. Unha mestura de noxo e aldraxe. E insisto. Podo entender que os da oposición nos vexan con xenreira.
Pero non podo xustificar. Menos en democracia. Menos nos medios de comunicación...o silencio deliberado. A censura deliberada.
Pode ser que esaxere? Si?
Onte tivo lugar, ás 11h30, na sala azul do Parlamento a rolda de prensa de AGE para presentar as emendas á totalidade, de devolución coa presenza de todos os deputados e deputadas de AGE, agás eu, que non podía estar presente.
Hoxe procurei atender aos medios. E que me atopo sobre a rolda de prensa da TERCEIRA FORZA POLÍTICA DE GALICIA saida das urnas o 21 de outubro?
Mirei a través do motor de búsqueda de google. Mirei nalgún dos medios dixitais. Ollei algún dos medios en papel -xa escasos- de alcance nacional.
Agás un medio visible na zona sur. Rien de rien.
Esquecemento? Curioso. Porque os xornalistas recolleron fotos, comentarios, e recibiron as emendas. Decisións editoriais?
Insisto. Por respecto a máis de 200.000 persoas que optaron por AGE. Por respecto á Democracia, á Pluralidade Informativa. Isto non se entende, a menos que pensemos que estamos nun estado criptofascista, que impón a censura de maneiras pouco visibles para a maioría social.
O resultado é que hoxe as xentes de Galicia, sobre todo as que non acceden a internet, e consultan o que sae na prensa escrita, ignoran en que consisten as nosas propostas porque alguén así o decidiu.
jeudi 17 janvier 2013
INTERVENCIÓN NA COMPARECENCIA DO CONSELLO DE CULTURA GALEGA
CULTURA E BARBARIE
derrubemos as torres
Quixera, antes de máis, saúdar ao presidente do Consello
da Cultura Galega, así como aos membros do seu equipo de traballo. E en nome de
Alternativa Galega de Esquerda destacar a presentación das liñas de traballo executadas
e o bosquexo do que se proxecta realizar para este escurecido ano 2013.
Ao longo das diversas comparecencias de conselleiros e
conselleiras, que se están sucedendo desde a semana pasada, tivemos o
infortunio de escoitar fabulacións, mentiras e falsidades en relación ao poder
marabilloso que teñen os orzamentos do ano 2013: que con menos, se pode facer
máis, que con menos recursos se acada máis reparto e maior beneficio social.
Este discurso agocha unha política sinxelamente
destrutiva. Erosiona cada vez con máis forza as posibilidades da sociedade
galega en poder acceder á cultura. Porque
non esquezamos que as institucións públicas, todas aquelas que, en liñas
xerais, reciben axudas públicas, teñen a función de re-distribuír a riqueza.
Neste caso, o ben común que é a cultura.
E como se pode facer isto, como pode ter rango de
realidade o dereito á cultura cando, desde que comezou a gobernar o PP os
orzamentos dedicados á cultura só coñeceron amputacións sucesivas (lembremos, de 79 millóns no 2012 a 61 millóns o orzamento de cultura; e baixada do 5,5 % do Consello da Cultura Galega que se suma aos acusados recortes de anos anteriores).
Hai que dicilo. Máis aló da grandilocuencia dos números,
das porcentaxes e das cantidades que, en boca do poder, son unha operación de
distracción que perfora a capacidade de atención e impide a reflexión esencial,
queda a realidade da estratexia, da ideoloxía destrutiva que é a que conduce a
existencia destes números.
Esa ideoloxía capitalista, ultraliberal, busca o
"baleirado" cultural. A destrución do que é a cultura...en tanto que
expresión creativa dun pobo dono de si. Da cultura como empoderamento da sociedade.
Da Cultura como latexo que percorre as rúas das distintas vilas e alumea
experiencias que doutro xeito son inaccesibles.
Para a dereita a cultura non é investimento. É un produto
mercantilizado que debe competir e ofrecer rendibilidade económica. Por iso,
hoxe, a cultura fenece baixo o golpe das súas gadoupas. O goberno da Xunta
esquece, porque non ten ese tipo de memoria, que a cultura posúe unha enorme
rendibilidade social.
A barbarie á que nos queren levar é froito dunha única e
exclusiva teima: contentar a Don Mercado (así podemos entender que despois da
vida pública certa caste política remate os seus días no cemiterio dos asesores
en empresas privadas) e a súa Dona, chamada Déficit, que vé como os seus
adoradores lle entregan neste ano 2013 máis de 1.110 millóns. E falamos dunha
débeda en boa medida ilexítima, que socializa a estafa e provoca a degradación
dos servizos públicos e fai que a cultura quede reducida a unha mínima
expresión de supervivencia debido ao voluntarismo militante dos seus axentes
sociais.
Pero, o PP teima en dicir que todo vai ben. Acaso alguén
pode esquecer as palabras de Feijóo, de que estamos nunha Galicia solvente e
saneada? Entón, por que os axentes sociais que dinamizan a cultura se queixan
con amargura do incumprimento de promesas, da inacción do departamento de
cultura? Por que pequenas compañías teatrais se ven na obriga de pechar? Por
que os cineclubes malviven e pechan? Por que cáseque todas as voces autorizadas
falen de "precariedade", "inestabilidade", "debilidade"
ou "escaseza"? Que se seguimos así, asistiremos ao enterro das artes
escénicas en Galicia?
A cultura de base, a cultura en xeral languidece e vese
na obriga de facer exercicios malabares para cadrar menos recursos coas
funcións que teñen asignadas e que desexan manter. Isto tamén acontece, segundo
se desprende da traxectoria destes últimos anos, co Consello da Cultura
Galega.
Non se pode, e menos nestes tempos de crise-estafa,
renunciar ao papel de axente redistributivo. Non podemos aceptar, polo tanto,
máis rebaixas, máis recortes. Dicir hoxe non a unha liña cultural significa
perdela seguramente para sempre.
E iso é o que pode pasar. Na comparecencia que tivo o sr.
Villares o ano pasado xa avisaba da dificultade de poder manter actividades,
desenvolver o traballo e manter a velocidade de cruceiro. Se consideramos que
este ano a cousa segue baixando, pois temos máis do mesmo.
E non obstante, o Consello da Cultura Galega procura
responder aos obxectivos que se propón ano a ano. Un dos proxectos anunciados
na súa comparecencia do 2012 era facer do Consello un lugar de debate. E abofé
que o acadan, xa que un dos informes, aínda sometido a debate, sobre a
situación e perspectivas das artes escénicas, ofrece datos que a Xunta debera
ter en conta (se realmente lle preocupa a Cultura).
Nun contexto que nunca foi moi proclive para o
desenvolvemento do tecido cultural galego, hoxe os axentes sociais alertan de
que a precariedade, coa carga negativa que este termo confire a calquera
tarefa, se apodera do exercicio profesional, das políticas de creación e de
difusión.
Até 14 situacións de carácter negativo sacuden hoxe as
artes escénicas galegas e vounas enumerar de xeito rápido xa que son, en certo
modo, as que definen á situación xeral da cultura (e non só da cultura)
no noso país: o curtopracismo; a precariedade laboral; carencias graves nas
estratexias de creación, difusión, comunicación e promoción; ausencia de
política cultural; escasa democratización cultural; mercantilización; escasa
normalización da educación artística; o abandono do carácter comunitario; a
escasa dignificación por parte das administracións públicas, o cal se entende
visto o seu desexo de "desentenderse" da cultura e de avanzar nos
procesos de desmantelamento do carácter público, comunitario e local dos
espazos de creación-difusión.
Somos sabedores das queixas do sector cultural do noso
país. As queixas, as críticas, mesmo a indignación, chega desde todos os
sectores. Aínda nos preguntamos -e de aí que o teñamos que denunciar- por que a
Consellería de Cultura eliminou experiencias tan importantes como Camiños
de Cultura. Un circuito cultural que garantía que a maior parte dos
concellos pequenos e, principalmente, do rural galego tivesen acceso a unha
determinada programación cultural (teatro, música, maxia etc.). Circuito que,
ademais, permite ás compañías teatrais de pequeno formato, teatro de rúa e
circo, maxia, non só achegar a súa creación artística a pequenas localidades
(moitas do interior de Lugo e Ourense), senón sobrevivir na selva devoradora
que o capitalismo salvaxe da dereita nos quere impoñer como único hábitat.
Por iso, temos que derrubar as torres onde queren recluír
á cultura os adoradores de Don Mercado e Dona Déficit. Quedar nesas torres será
axudar ao PP no seu simulacro: isto é, gobernar a cultura galega sen crer nela.
Reiteramos desde Alternativa Galega de Esquerda que a
cultura é un ben común. E esixímoslle á Xunta de Galicia que cumpra coa súa
obriga, como poder público, de garantir o acceso á cultura, ao desenvolvemento
persoal e comunitario e de defender a nosa identidade cultural.
Comparativa
2012/ 2013
CONSELLO DA CULTURA GALEGA
|
|
2012
|
2013
|
variación
|
|
Gastos
de persoal
|
1.282.955
|
1.238.547
|
-
44.408
|
|
Gastos
correntes
|
1.037.000
|
985.150
|
-
51.850
|
|
Investimentos
reais
|
225.000
|
210.500
|
-
14.500
|
|
|
|
|
|
|
total
|
2.577.455
|
2.434.197
|
143.258
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Xabier Ron
Parlamento de Galicia, Comisión 3ª de Economía
Orzamentos 2013
Inscription à :
Articles (Atom)

