Recoñecemento da impotencia: non poder alterar o
estado das cousas, tal como están sucedendo. Ou sinxelamente, estar “jodido”.
Hoxe estiven en Compostela, xunto con outros compañeiros e compañeiras,
apoiando ás persoas afectadas pola nefasta lei das hipotecas, isto é, que
devoradas polo crédito hipotecario, as persoas están véndose expulsadas dos
seus fogares e, por riba, coa carga da débeda, que non queda saldada coa perda
dunha vivenda que estiveches pagando anos (quen devolve ese diñeiro
sufragado??)
Eramos máis que daquela vez, a primeira, pero menos,
sempre menos do que debe ser. Non sei que ten que acontecer para que a
solidariedade se manifeste a todos os niveis. Estamos falando de persoas que
están a piques de perder a súa vivenda. Non creo que sexa máis importante
celebrar un baile de disfraces que apoiar a estas persoas que o único que piden
é iso, apoio. Porque só coa presión social, coa constante presión cidadá,
poderemos mudar as malas leis, para que mesmo a caste política que nos mal
goberna se vexa na obriga de mudar de prácticas.
Hoxe, polo tanto, debíamos ser moitos máis. En caso
contrario, semellaría que o problema do acceso á vivenda en Compostela e
arredores, do mantemento da vivenda, non é problema.
Pero hoxe, ademais, a miña implicación foi máis
emocional. A maiores da empatía que sinto normalmente nas situacións de
padecemento, únese que as persoas afectadas son unha alumna miña e súa nai
(digo alumna, porque até o 12 de novembro fun o seu profe de francés). A carta
que leu Laura na Praza do Toural foi sinxela, pero chea de emoción. Ela,
solidaria, falaba en nome de todas as nenas e nenos que, coma ela, ven coma ás
súas nais, e pais, están atrapados no medo a perder a vivenda. Ela, sempre
cunha entereza digna de mencionar, reclamaba solucións.
Recoñezo que me emocionei, se ben sempre camuflo, en
público esa carga. En casa é máis doado deixar ir todo o regueiro de
sensacións. De aí esta escritura contínua para liberar a rabia que sinto. Rabia
porque ningunha Laura debera estar sometida a esta tensión. Ver a súa mamá
chorar tamén foi duro. Porque sabe que a súa filla –e ela- deberan disfrutar da
vida, sen máis. A nena pensar en estudar, en formarse, a nai, en defender esa
educación e formación. Pero non, as nosas leis obrigan a esta nai e súa nena a
loitar para non perdelo todo, para sobrevivir nesta selva capitalista.
Ao mesmo tempo, amais da simpatía e cariño que sempre
manifestou Laura, hoxe déume unha lección de madurez, impropia dunha nena da súa
idade.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire