samedi 13 novembre 2010

QUE É O DIÑEIRO?

Nesta ligazón explícase nun documental ben levado que é o diñeiro. O documental é un pouco longo, pero coido que na primeira media hora xa podedes aprehender o significado. E tamén pensar en como podemos disipar a néboa que nos envolve no camiñar que nos conduce de forma directa ao baleiro, ao acantilado...Que é o diñeiro?

vendredi 12 novembre 2010

GÜNTER WALLRAF E O "NOVO" RACISMO

Ler a Günter Wallraf, Con los perdedores del mejor de los mundos (Anagrama, 2010) representa un camiño cara ao peor de nós mesmos como sociedade. Por moito que fale da sociedade alemá, non deixa de ser unha luz sobre as zonas escuras da sociedade española, e tamén da galega.

Recollo algún fragmento inicial que ilustra perfectamente como reacciona a xente ante un "negro" (Wallraf disfrazouse de negro para levar a cabo o seu proxecto de investigación...."¿Como se vive en Alemania si uno es negro?".

Como grupo de apoio ía un grupo de persoas "brancas", a familia Hildebrandt. Nunha desas escenas, despois de que Wallraf tentara alugar unha vivenda, este é o diálogo entre a caseira e a familia Hildebrandt:

"Sra. Hildebrandt: Llegamos un poco pronto...
Casera: No es nada. Yo ya estaba muerta de miedo. Ha venido un inquilino, un negro. A ése no lo puedo aceptar yo en esta casa.
Sr. Hildebrandt: Ah, sí, el que acaba de irse.
Casera: Aquí no encaja. Quería echar un vistazo al piso, aunque claro, por teléfono no puedo saber cómo es. Pero en esta casa no.
Sra Hildebrandt: ¿Qué clase de gente vive en el edificio?
Casera: Qué quiere que le diga. Bueno extranjeros como ése no. Yo no quería, de ninguna manera, no quería, pero...un negro. Negro como el betún, no me gusta nada...." (pp. 15-16)
Esta experiencia é máis habitual de que podedes pensar. E nas nosas cidades tamén. Isto, é un comportamento racista.

Acerta Wallraf na seguinte reflexión:
"Esto probablemente significa la variante moderna del racismo: "No tengo nada en contra de ellos. Pero, por favor, aquí no. Aquí no encajan." El racismo rancio niega al otro en general la dignidad humana y el derecho a la existencia, y es perfectamente palpable cuando el extraño se atreve a entrar en la jurisdicción del blanco. El racista moderno lo trata de otra manera. Le reconoce dignidad humana y el derecho a la existencia, pero de un modo abstracto, sólo mientras se mantenga a distancia. Con todo, en su círculo, el blanco sigue tratándolo indignamente" (p. 29)

No libro hai moitos máis casos de como estamos construindo a sociedade. Mentres os discursos de intelectuais, de elites universitarias, de políticos sigan instrumentalizando ao migrante connotado etnicamente como "capital" laboral e demográfico, a nosa sociedade non sera unha sociedade de acollida. Ademais, permitiremos o reducionismo e alentaremos comportamentos racistas. Mentres sigamos mentindo sobre o "racismo" da sociedade do noso contorno, nada poderemos avanzar.

samedi 6 novembre 2010

FOISE O BO DE HERMINIO BARREIRO...MESTRE DE MESTRES


Hoxe, o mestre de mestres, Herminio Barreiro, foise, de forma apresurada; mais déixanos a súa lembranza de home marabilloso, bondadoso, que sempre dicía aprender, que sempre escoitaba aos máis mozos.

Tiven a honra de compartir charlas, actos, campañas co camarada Herminio Barreiro. Del aprendín moito.

Hoxe, quedamos un tanto orfos.

TEXTO DE HERMINIO BARREIRO PARA A HOMENAXE QUE ÍA RECIBIR MAÑÁ

Comunismo e predeterminación

Dicía Carlos Castilla del Pino que cando un contempla a súa propia vida dende a altura dos anos,dende moito máis alá del mezzo del camin della nostra vita, sempre atopamos algunha razón para arrepentirnos de algo.

Pero aínda que así sexa, non por iso un está disposto a renunciar á súa propia vida.

Ás veces, temos a impresión de que a nosa vida xa estaba escrita, ou, como se di a miúdo, o destino xa estaba escrito.

Mirando retrospectivamente, parece que a nosa vida só puidera ser así e non doutra maneira. Polo menos, así nos parece hoxe.

Se a min me preguntan por qué escollín o comunismo como ideal de vida e como o xeito máis eficaz de transformación do mundo, respondería falando das condicións sociais vividas, das circunstancias, de cómo a realidade determina a conciencia, da educación recibida e do selo propio tempo e dun país.

Pero hoxe –deben ser os anos- teño a impresión de que ese foi a única escolla posible. E como se pensase que non tiven ningunha outra posibilidade. En fin, é como unha sensación de predeterminación.

Agardemos, pois, que o socialismo sexa quen de destruír a barbarie.

mardi 2 novembre 2010

NOVA WEB DE FRAN P. LORENZO

Ola amigos e amigas que entrades nesta soleira vermella.

Hoxe engadín na columna da dereita a ligazón á web de Fran P. Lorenzo. Agardo que sexa do voso disfrute a súa lectura.

Coa razón
os xigantes de aceiro
non poden
nin poderán
xamais

ARTIGO DE ALFREDO IGLESIAS

Agradezo a cesión deste artigo, que terá continuación, de Alfredo Iglesias Diéguez. A irracionalidade leva a que persistan certos comportamentos dignos de ditaduras, pero que, en realidade, se insiren nunha dinámica onde os que dominan e teñen privilexios non queren que ninguén llos poda xa non eliminar, senón nin criticar. Supoño que a bo entendedor, poucas palabras, e que saberán interpretarme...

saúdos e apertas

**********************************************************

Eloxio do ateísmo (I)

Alfredo Iglesias Diéguez

“É aleccionador reflexionar sobre o extremismo ateo do século XX”

Benedicto XVI, logo de equiparar o ateísmo coa

“tiranía nazi, que pretendía erradicar a Deus da sociedade”

Reflexionemos, entón.

Posiblemente, ao pensar no ateísmo, evocamos intuitivamente a máxima que aparentemente o define: 'Deus non existe'. Porén, esa máxima, coa que nunca me atopei cómodo, reflicte un ateísmo vulgar ou, por dicilo dun xeito quizais contraditorio, cristián; máis axeitado sería, quizais, realizar a mesma afirmación en plural: 'os deuses e as deusas non existen'.

Con todo, tampouco esa afirmación sería certa. Acaso temos os ollos tan pechos que non vemos as numerosas manifestacións relixiosas realmente existentes? As diversas manifestacións arquitectónicas que se construíron e constrúen para honrar aos deuses e ás deusas (Partenón de Atenas, santuario sintoísta de Itsukushima...); as manifestacións artísticas e literarias que ensalzaron e ensalzan aos deuses e ás deusas (frescos da Capela Sixtina, relevo de Durga vencendo ao demo na cova de Mahisasaramardini...; a sumeria Epopeia de Gilgamesh, o Popol Vuh maia...); os innumerables rituais nos que se evoca unha vida despois da morte, unha das crenzas relixiosas máis espalladas polo orbe, e as manifestacións arquitectónicas a que deron lugar (as pirámides de Exipto, o Taj Majal da India...); as numerosas manifestacións de devoción persoal (dende as peregrinacións -como a que protagonizará o Papa Benedicto XVI a Santiago de Compostela-, que son tan frecuentes nalgunhas relixións -a Meca, Xerusalem ou Benarés son algúns deses lugares de peregrinación-, até o misticismo, que conduce á éxtase, ás visións e a obrar milagres, pasando por outras prácticas tan comúns como xexuar, dar esmola aos pobres, orar ou consultar oráculos); as numerosas expresións dun mesmo discurso ideolóxico, tanto teolóxico como filosófico, que son incomprensibles sen a idea de Deus; sen esquecer, por suposto, á multitude de persoas de diferente condición que ao longo da historia dedicaron as súas vidas a servir ás divinidades, nin, obviamente, aos millóns de vítimas inocentes, executadas, violadas ou atemorizadas, por xentes que, para realizar esas atrocidades, invocaron e invocan a existencia dos deuses e das deusas...

Daquela, semellante evidencia a prol da existencia dos deuses e das deusas obríganos honestamente a recoñecer a súa existencia. Porén, ante ese feito, cómpre optar entre dúas opcións: a primeira, aquela que manifestara hai xa 2.500 anos Epicuro, que nos animaba a desterrar calquera temor aos deuses e ás deusas, xa que non interveñen no noso mundo; a segunda, afirmar que os deuses e as deusas existen, certo, pero tan só como creacións humanas cun obxectivo evidente de dominación do pobo, aínda que a algunhas persoas procúralles gran conforto persoal.

Neste sentido, o ateísmo, en tanto que nos libera da tutela dos deuses e das deusas, é a condición necesaria da razón científica e da razón democrática, pero diso falaremos a vindeira semana.

dimanche 24 octobre 2010

ESNAQUIZANDO O BEN COMÚN. ORZAMENTOS DE AUSTERIDADE NEOLIBERAL

O ben común é o que beneficia a unha maioría social. Os servizos públicos pertencen a ese eido. E son, para as persoas que non teñen patrimonio, o seu patrimonio.

Os orzamentos do 2011 en Galicia, un documento cheo dunha xerga tecnocrática e posmodernista baleira de contido, xogan coa re-creación futurista dun Plan Estratéxico 2010-2014. Animo tamén a que sigan a presentación en ppt dos Orzamentos e verán como se debuxan as liñas dunha ficción digna de Nostradamus.

Unha lectura superficial diría que estamos no País das Marabillas, unha lectura reflexiva demostra que son un ataque en toda regra a varios eidos sociais que podemos considerar imprescindibles:
  • educación: redución de profesorado, de recursos e de formación. Aulas máis masificadas. Dificultades para atender a alumnado con necesidades educativas espeíficas e, desde logo, en aulas que chegan aos 30 discentes resulta moi difícil: a) atender a diversidade e heteroxeneidade da aula en materia de ritmos diversos na adquisición do que se require aprender; b) desenvolver aulas de lingua estranxeira con eficiencia; c) acadar o obxectivo dunha educación de calidade, eficaz e eficiente = degradación = desvío de alumnado e fondos para o ensino privado (véxase Programa Abalar que resulta unha desfeita organizativa en todos os seus aspectos nodulares e do que non se está dicindo toda a verdade e que, moito me temo, non se aplicará a todos os centros públicos por igual co que se discriminará a centros públicos que non poderán acceder nunha fase ulterior que nunca chegará a existir e...se non...ao tempo. As TIC, que son a panacea para o PP, demostran que estamos nunha Galicia con varias fendas, unha delas a dixital. Non ver isto é de incompetentes). A formación é malentendida e desviada da súa real función. Vulnérase o principio da autonomía de centros en nome de criterios que nada teñen que ver coas necesidades reais do centro e do seu alumnado. Cunde o desánimo na clase profesoral. A normalización do galego en franca regresión. Ataque en nome dun racismo lingüístico desaforado, irracional. Ante todos os ataques só cabe resistir, organizarse e loitar polo ensino público.
  • sanidade: introdúcese ao capital privado na construción, control e xestión de centros sanitarios. Fálase xa de que os centros de saúde sexan templos de consumo con tendas..., coma se fose un centro comercial. Externalízanse servizo sanitarios e desvíase a centros privados. Estratexia de degradación. A Atención Primaria está recibindo os golpes directamente na reordenación da xerarquización e na rebaixa dos recursos. Todo dirixido para xustificar a privatización e "lavarse as mans" ante todo. O 21 de novembro manifestación en Compostela para reivindicar que a sanidade non é un negocio empresarial, é un dereito que o Estado debe prestar de forma eficaz, eficiente, con calidade e sen discriminar.
  • servizos sociais: perden o seu rango de dereito, voltamos -sen termos saído del- ao concepto caritativo: aquí, todo, cáseque todo, está externalizado: entidades de caridade vencelladas á Igrexa Católica e ONG's desenvolven un rol que debera ser garantido polo Estado. A sinatura do pacto contra a pobreza é unha auténtica farsa con actores e actrices de renome político. Tal como os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio quedaron en nada...isto tamén. Non nos prestemos, por favor, a estes xogos de galería.
  • medio ambiente: os termos son os do mito do crecemento (acompañado de palabras de galería retórica: intelixente, sustentable, integrador) e do aumento da competitividade e da produtividade; séguese co tema infraestruturas viarias (VAP, vías de altas prestacións) e os anuncios de transporte metropolitano, comarcal e rural son, a día de hoxe, entelequias. En definitiva, séguese coa queima dos límites da nosa terra. Os modelos seguen sendo automoción e vivenda. As 3 R do ecoloxismo en canto ao tratamento dos obxectos-lixo (redución, reutilización, reciclaxe) non se re-coñecen na existencia da incineración. A costa e o rural terán que soportar novos ataques cementeiros...nesa "Galicia máis verde e competitiva". O tren de cercanías xa é un tren distanciado, sen paradas. Un tren que ten nome de paxaro AVE indica moi ben que non está pensado para pararse as veces que sexa preciso para facer esa función estruturadora e ecolóxica.
Outros eidos igualmente relevantes:
  • noitebús: argumentos falaces para xustificar a súa retirada; pero non, hai unha función ecolóxica e social: menos coches na estrada, menos riscos de accidentes, menos contaminación. E deixo a función económica para que os concellos en cuestión se mollen (moitos do signo PP).
  • cultura: seguimos co modelo cultural Cidade da Cultura que esnaquizará inxentes recursos públicos sen que saibamos que beneficio real lle achegará á poboación de Galicia...toda que será a que pague as cadeiras de 500 euros e os enormes salarios de persoas amigas do goberno de turno. Mentres, todo o que cheire a galego, alternativo, de beneficio colectivo...sinxelamente desaparece. O teatro vive con dificultade. E o cine en galego...non digamos.
E mentres acontece isto, a Xunta quere voltar ao enchufismo directo; ás concesións sen concurso público (por exemplo, plantas de biomasa); renova licenzas de software de pago (máis de 4 millóns de euros), cando deberamos ir co libre; desbalde diñeiro público na exaltación dunha crenza relixiosa (4 millóns de euros na visita do papa e non se sabe cantos no mantemento da doibre vía de financiación dos centros privados relixiosos); a Cidade da Cultura enlousará en tres anos 84 millóns de euros (recoñecidos); que política activa de creación de emprego está seguindo?? (xa temos unha taxa de desemprego recoñecida de 15,58%);

Como quere afortalar os servizos públicos se seguimos coa cantinela de non subir impostos aos que máis teñen (patrimonio e sucesión)? Como quere, na súa mente tecnocrática e crecementalista, con menos gasto público crecer economicamente? Como creará emprego con só 966,11 millóns en 4 anos (2010-2013)? E, por riba, pensa que coa creación da Axencia Tributaria Galega o soluciona todo: con cantos inspectores contará para atacar de verdade a fraude fiscal?

Os obxectivos estratéxicos do Plan Estratéxicos, para ter valor vinculante, máis aló da palabrería, deberan ir acompañados cunha memoria financeira e desglose ben clarificado por obxectivos e non por entes responsables.

Eu, véxoo así.

jeudi 21 octobre 2010

O VALOR DA PALABRA ESCRITA

O xoves pasado comezou a cruzada contra a crítica realizada por Fran P. Lorenzo na súa sección "Vai de Blog" no Galicia Hoxe. Unha cruzada análoga a aquela que se lanza contra as persoas que ousan criticar a monarquía. Os resultados son os mesmos: censura, ataque e difamación. E as consecuencias: eliminación da proba escrita e, se lles deixamos, eliminación dos "profanadores" (no simbólico, i.e., despedimento ou desprazamento a inframundo).

No meu particular xa estaba animado en escribir algo en contra do clima "alienado" que percibía no tocante á visita do papa. Non só polo desbaldimento de diñeiro público, senón polos paradoxos deste Estado que até se manifestan no artigo 16 da Constitución. E o artigo en dous días xa leva unha vintena de comentarios positivos e negativos.

A min preocúpame, pero ao mesmo tempo anímame, o poder que ten a palabra escrita. Porque, senón, a que obedece pretender silenciar a crítica nun medio tan masivo -ironía, pero a min xa me gustaría que fose así- coma Galicia Hoxe.

Preocúpame que a escena galega perda plumas e discursos de esquerdas. Ese aire de liberdade que dá, ás veces, ler un texto que non se axeonlla perante as forzas do sistema. Refírome, claro, a escena galega oficial: esa que pode chegar de forma máis doada á xente do común.

En fin, país....

samedi 9 octobre 2010

SOBRE A COMPOSTELA PAPAL

Pode que sexa raro, pero, a min non me produce ningunha ledicia o novo estado de sitio policial en que se vai converter -por enésima vez nesta xacobeo- Compostela. Xa non son unicamente as restricións en materia circulatoria nunha cidade de por si caótica e toda en obras.

E deixarei de lado os controis arbitrarios que, en nome da seguridade dun señor, van ter que soportar as persoas. E moito coidado coas persoas inmigrantes da nosa vila, agardo que a policiía non aproveite a ocasión para practicar o racismo institucional.

O que si digo é que as miñas críticas non son por ser ateo. Traballo a miúdo con cristiáns de base. E eles mesmos critican este tipo de fastos. Respecto absolutamente a todas as confesións relixiosas, pero no eido do privado e nos seus lugares de reunión.

Ver como os espazos públicos se converten en pantallas xigantes para retransmitir misa prodúceme o mesmo efecto que ante a ocupación para os partidos dun equipo de fútbol: decepción, tristeza e mesmo, por momentos impotencia ante o sendeiro que adopta a masa.

Aceptaria a masa que hoxe acepta o desbaldimento de diñeiro público que mañá as demais confesións relixiosas ocupen da mesma forma as rúas públicas? De seguro que tería que escoitar argumentos racistas para xustificar a non concesión do artellado do sistema público a esas confesións.

Canto custa o dispositivo securitario? canto diñeiro lle custa realmente isto á Xunta e ao Concello? Ofreceran unha factura desglosada á cidadanía? Ou é que xa a cidadania non reclama nada por tradición, por resignación???

A ver cantos, nestes días de mediatismo e populismo, dirán que é necesario separar a relixión (privado) dos asuntos do estado (público e ben común). Hai moita estratexia electoralista. Sei de sobras que os partidos políticos que gobernan Compostela calarán..e cónstame que noutros foros se teñen posicionado en contra de actos deste tipo.

A min, repito, non me produce ledicia unha Compostela-fortaleza, ...que vai contra esa famosa "austeridade" coa que nos roeron os petos e as nosas xa cativas economías familiares. Non sei, pode que sexa eu o raro. Pero digo o que penso. Sen hipocrisías.

jeudi 30 septembre 2010

SOBRE H.T. (HORROR TOTAL) E A SÚA VISIÓN DA FOLGA

Pensando sobre as declaracións do H.T. (Horror Total) nos medios de desinformación masiva da dereita cualificando de matóns e mafiosos aos sindicatos por animar, mediante os piquetes informativos, ao peche das empresas....

ENTÓN, PÍDOLLE QUE TEÑA A DECENCIA (QUE NON A TEN) DE OLLAR PARA O ENORME BANDULLO DOS SEUS AMIGOS E AÍ VERÍA A UN (PRESUNTO, NON VAIA A SER QUE SE ME ENFADEN) MAFIOSO QUE, CURIOSAMENTE, É XEFE DE ESPECULADORES E GRANDES PATRÓNS, E QUE, ESE SI, DEIXOU NA RÚA A CENTOS DE TRABALLADORES E TRABALLADORAS, QUE XUGOU COS AFORROS DE PERSOAS MIGRANTES DE LATINOAMÉRICA. SE NÓS PECHAMOS UN DÍA AS SÚAS EMPRESAS E LÁIANSE COMA CANS, ELES NON DUBIDAN EN PECHALA DE POR VIDA LARGANDO ÁS PERSOAS Á COLA DO DESEMPREGO...

H.T. HAI QUE SER POUCO INTELIXENTE PARA FALAR SEN SABER....VER QUE TODO O QUE CRITICAS O TES NA MESA DE ALMORZOS DE VELENO NEOLIBERAL...E MENUDOS COMENSAIS!!