samedi 9 octobre 2010

SOBRE A COMPOSTELA PAPAL

Pode que sexa raro, pero, a min non me produce ningunha ledicia o novo estado de sitio policial en que se vai converter -por enésima vez nesta xacobeo- Compostela. Xa non son unicamente as restricións en materia circulatoria nunha cidade de por si caótica e toda en obras.

E deixarei de lado os controis arbitrarios que, en nome da seguridade dun señor, van ter que soportar as persoas. E moito coidado coas persoas inmigrantes da nosa vila, agardo que a policiía non aproveite a ocasión para practicar o racismo institucional.

O que si digo é que as miñas críticas non son por ser ateo. Traballo a miúdo con cristiáns de base. E eles mesmos critican este tipo de fastos. Respecto absolutamente a todas as confesións relixiosas, pero no eido do privado e nos seus lugares de reunión.

Ver como os espazos públicos se converten en pantallas xigantes para retransmitir misa prodúceme o mesmo efecto que ante a ocupación para os partidos dun equipo de fútbol: decepción, tristeza e mesmo, por momentos impotencia ante o sendeiro que adopta a masa.

Aceptaria a masa que hoxe acepta o desbaldimento de diñeiro público que mañá as demais confesións relixiosas ocupen da mesma forma as rúas públicas? De seguro que tería que escoitar argumentos racistas para xustificar a non concesión do artellado do sistema público a esas confesións.

Canto custa o dispositivo securitario? canto diñeiro lle custa realmente isto á Xunta e ao Concello? Ofreceran unha factura desglosada á cidadanía? Ou é que xa a cidadania non reclama nada por tradición, por resignación???

A ver cantos, nestes días de mediatismo e populismo, dirán que é necesario separar a relixión (privado) dos asuntos do estado (público e ben común). Hai moita estratexia electoralista. Sei de sobras que os partidos políticos que gobernan Compostela calarán..e cónstame que noutros foros se teñen posicionado en contra de actos deste tipo.

A min, repito, non me produce ledicia unha Compostela-fortaleza, ...que vai contra esa famosa "austeridade" coa que nos roeron os petos e as nosas xa cativas economías familiares. Non sei, pode que sexa eu o raro. Pero digo o que penso. Sen hipocrisías.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire