mardi 30 novembre 2010

O CÍRCULO QUE SE PECHA SOBRE NÓS

Ás veces, é certo: en tempos de baleiro, a filosofía pode enchernos. Descubrín a André Comte-Sponville hai un par de anos. Un libro sobre o de Rerum natura de Lucrecio e outro sobre aforismos e diversos tipos de reflexións sobre a súa actividade filosófica.

Hoxe caín sobre un libro seu, La felicidad, desesperadamente (Paidós, 2010) e, o baleiro, enchéuse. Que é a filosofía? Quédome coa definición de Epicuro:

  • "A filosofía é unha actividade que, mediante discursos e razonamentos, procúranos a vida feliz"

A vida feliz entendida de forma filosófica, isto é, sabedoría. Unha felicidade que se acada en relación coa idea de verdade. E quédome coa reflexión de Comte-Sponville:

  • "Máis vale unha verdadeira tristeza que unha falsa alegría".
Tamén que, nesa procura, o esencial é
  • "non mentir e, antes, non mentirse. Non mentirse sobre a vida, sobre un mesmo, sobre a felicidade"
Estou agora absorto na circularidade filosófica que establece o primeiro capítulo do libro, "La felicidad fallida o las trampas de la esperanza" (pp. 21-36). Neste capítulo repousa a esencia que move os fíos da insatisfacción permanente na que semellan moverse esas persoas que sempre queren máis...pensando, erradamente, que así serán felices.

Recolle o autor unha anécdota que Malraux contaba. Logo de atoparse cun sacerdote, Malraux pregúntalle: "Padre, dígame que descubriu, en toda esta vida de confesor...?" E O sacerdote responde: "La primera que la gente es mucho más desgraciada de lo que creemos. La segunda, que no hay grandes personas". Sublime!

Por iso, ensina Comte-Sponville, temos que aprender a filosofar, isto é tender a esa procura de felicidade (sabedoría), antes de que sexa moi tarde, definitivamente tarde. Eu diría que desde que poñemos o pé nunha escola a filosofía debera acompañarnos.

O sendeiro reflexivo lévamos a interrogarnos por que as persoas non son felices. E o motivo pode repousar no desexo e na carencia.

  • "Non hai amor feliz: mentres o desexo é carencia, a felicidade escápasenos"
Desexamos o que non temos. E proxectamos idea de felicidade sobre esa "conquista". Gústame a ilustración da anécdota de Proust na magna obra Na procura do tempo perdido. En efecto, mentres Albertine está lonxe del, sofre e padece, necesítaa e faría todo o que puidese para estar con ela; mais, cando está con ela abúrrese e está disposto a todo con tal de que marche.

Será certo o que Comte-Sponville di? Que é doado amar a quen non temos, a quen non vive con nós, que iso é estar namorado e que, cando temos o que xa non nos falta e nos aburrimos temos vida de parella e que iso "rara vez é suficiente para a felicidade"?

  • "A vida oscila, coma un péndulo, da dor ao hastío. Sofremento porque desexo o que non teño e sofro por esa carencia; aburrimento porque teño o que desde ese instante xa non desexo"
Si, concordo, o filosofar pode encher un baleiro e fai que un tenda ao camiño da sabedoría. E sabendo que somos, e cales son os nosos límites, e se descubrimos que podemos vivir de forma suficiente...quizais tendamos a esa felicidade, fin último da filosofía.

BANCA ÉTICA FRONTE A BANCA CONVENCIONAL

O amigo Raúl Asegurado expón e contrapón os intereses e fins da banca ética fronte á convencional. Desde AIS O PETO, asociación de interese solidario, ata FIARE GALIZA, pasando por COOP 57, hai formas alternativas e máis xustas de empregar o diñeiro...

E como proba, relacionada coas fusións e outras idioteces do sistema bancario español, a xenerosa oferta do goberno, que podedes ler na seguinte ligazón, onde se prometen axudas a cambio de peches de sucursais e despidos de traballadores e traballadoras...si señor...política social.

lundi 29 novembre 2010

SI EL HOMBRE PUDIERA DECIR, DE LUIS CERNUDA


Si el hombre pudiera decir lo que ama,
Si el hombre pudiera levantar su amor por el cielo
Como una nube en la luz;
Si como muros que se derrumban,
Para saludar la verdad erguida en medio,
Pudiera derrumbar su cuerpo,
Dejando sólo la verdad de su amor,
La verdad de sí mismo,
Que no se llama gloria, fortuna o ambición,
Sino amor o deseo,
Yo sería aquel que imaginaba;
Aquel que con su lengua, sus ojos y sus manos
Proclama antes los hombres la verdad ignorada,
La verdad de su amor verdadero.


Libertad no conozco sino la libertad de estar preso
en alguien
Cuyo nombre no puedo oír sin escalafrío;
Alguien por quien me olvido de esta existencia mezquina,
Por quien el día y la noche son para mí lo que quiera,
Y mi cuerpo y espíritu flotan en su cuerpo y espíritu
Como leños perdidos que el mar anega o levanta
Libremente, con la libertad del amor,
La única libertad que me exalta,
La única libertad por que muero.

Tú justificas mi existencia:
Si no te conozco, no he vivido;
Si muero, sin conocerte, no muero, porque
no he vivido

(Andrés Rubio, El árbol rojo. Versos para ceremonias laicas. 40 poetas ponen voz a nacimientos, bodas y funerales, Demipage, Madrid, 2010, pp. 19-20)

dimanche 28 novembre 2010

O DEREITO A ESCOITAR RELATOS

1. Todo neno e nena, sen distinción de etnia, idioma ou relixión, ten dereito a escoitar os máis fermosos contos da tradición oral dos pobos, especialmente aqueles que estimulen a súa imaxinación e a súa capacidade crítica.
2. Todo neno e nena ten dereito a esixir que seus pais e súas nais lle conten contos a calquera hora do día.
3. Todo neno e nena que por unha ou outra razón non teña a ninguén que lle conte contos, ten absoluto dereito a pedirlle ao adulto da súa preferencia que llos conte, sempre e cando este demostre que o fai con amor e tenrura, que é como se contan os contos.
4. Todo neno e nena ten dereito a escoitar contos sentado ou sentada no colo dos seus avós e avoas.
5. Todo neno e nena está no dereito de saber quen son os principais autores de contos. As persoas adultas están na obriga de poñer as súas historias ao alcance dos nenos e nenas.
6. Todo neno e nena goza a plenitude do dereito de coñecer as fábulas, os mitos e lendas da tradición oral do seu país.
7. O neno e a nena teñen dereito a inventar e contar os seus propios contos, así como a modificar os xa existentes.
8. O neno e a nena teñen dereito a esixir contos novos. Os adultos están na obriga de nutrirse permanentemente de novos e imaxinativos relatos, propios ou non, con ou sen reis, longos ou curtos...O único obrigatorio é que estes sexan fermosos e interesantes.
9. O neno e a nena sempre teñen dereito a pedir outro conto e a pedir que lle conten un millón de veces o mesmo conto.
10. Todo neno e nena ten dereito a medrar acompañado das aventuras de "Polgariño" e "Merlín", daquel cabalo que era tan bonito..."

Este decálogo reprodúzoo do suplemento Lecer do Galicia Hoxe (28-11-2010), onde se fala das fermosas iniciativas do "atrapador de contos", Anxo Moure....

AS XUNTANZAS PERIGOSAS

Hai unha novela francesa bastante reveladora do que acontece cando te xuntas de forma perigosa con xente coa que é preferible, quizais, manter distanciada nun primeiro momento. A novela é Les liaisons dangereuses.

Isto non é unha presuposta ración de elitismo literario. Sabemos que esa novela foi levada ao cine...e tamén que o presidente do Estado lévaa ao escenario político con enorme profusión.

Onte, sen ir máis lonxe, nunha foto de familia ben ilustrativa, ZP reforzaba a súa relación cos donos das fortunas enonómicas máis importantes do Estado e máis aló. Eses mesmos que recibiron enormes contías económicas porque non foron quen de percibir que estouraba a ilusión creada por eles e inoculada, coa compricidade de todos os medios de persuasión, no imaxinario social. Eses mesmos que, coa reforma laboral, aínda reciben máis liberdade pra despedir aos seus traballadores e traballadoras.

Resulta que ainda queren máis carnaza. Podemos tremer...ou podemos actuar. Os de abaixo non podemos seguir soportando os seus pés sobre as nosas gorxas...ou si?

Acelerar as reformas significa menos recursos pra os de abaixo, menos servizos públicos, menos defensas contra o ataque.

Non hai remedio posible dentro do capitalismo salvaxe. O neoliberalismo levou a ilusión irlandesa ao pozo. Agora coñecerán a receita neoliberal en todo o seu esplendor....diñeiro a cambio de privatizar servizos públicos. Ese é o pastel que buscan os poderosos. A xustificación téñena. A nós non deixar que nos convenzan de que é polo noso ben.

vendredi 26 novembre 2010

PINTADAS XENÓFOBAS E RACISTAS EN COMPOSTELA



Unha enorme parede da avda de Lugo en Compostela, e quen sabe se máis espazos, víronse sacudidos pola man racista e xenófoba da ignorancia, da estupidez e da imbecilidade humana máis absurda.

A reacción do grupo de Esquerda Unida foi radical. Puxémonos en contacto co Foro de Inmigración e elaboramos un comunicado que apoiamos con fotos.

O acto perpetrouse no manto que ofrece a noite para a covardía.

As mensaxes son ofensivas, directamente racistas e xenófobas.

Sempre hai xente que banaliza estes actos xenófobos e racistas, que non lle dá importancia. Eu penso que non se pode banalizar: a súa mensaxe destrutiva, populista e demagóxica prende. Queda no imaxinario.

Cando entrarán a paz, a concordia, o respecto, a relación intercultural neses imaxinarios? Ese é o duro reto do futuro...porque, de non acadalo, non haberá sociedade xusta e menos democracia.

Agardemos que o concello limpe canto antes este golpe á convivencia.

jeudi 25 novembre 2010

NÓS

Entregamos de nós
a vida enteira
en espasmos
en xiros
e agardamos na soleira da porta
á procura dunha ollada
dun sorriso
o ánimo preciso para saír e camiñar
sequera con medos arcaicos
tan primitivos que roen

Entregamos tanto de nós
día a día
que doe
cando no espello ves ausencias

Entregamos tanto de nós
día a día
que doe
cando nas mans respiras a soidade
devoradora
profanadora

Entregamos de nós
a vida enteira
ás veces sen nada
a cambio de todo
non queda nada

As rúas cementan nas torres
as esperanzas liberadoras das utopías

agarda nunha caixa forte a chave

Remata o día
e ao durmir soñamos de novo
que mañá ao espertar

quizais

algo quede en nós

19-novembro-2010

"Porque cada día hai que procurar as razóns para amar e ser"

mardi 23 novembre 2010

NON XOGUEMOS COAS VIDAS HUMANAS!

Semella que houbo exercicios militares con armas e fogo reais na fronteira, delicada e incerta, que separa o Norte do Sur do que debera ser, quizais, unha única e unida Corea. Eses exercicios, a pesar dos avisos do goberno do Norte para que se suspenderan, proseguiron e foron considerados como unha ameaza real. Ameaza á que o Norte respondeu con fogo e os do Sur con máis fogo real...Hai mortos e feridos...

Por favor non xoguemos coas vidas humanas....e menos en nome dunha territorialidade que debera resolver a diplomacia...se realmente existise esa palabra e se realmente fose unha negociación limpa entre Norte e Sur sen presenza dos EE.UU. desexosos de seguir coas súas estratexias en todo o planeta.

A Paz é o camiño! Sempre!

dimanche 21 novembre 2010

EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA


Faltan poucas horas. O desafío está lanzado. E non só contra as políticas privatizadoras da dereita de Feijóo, senón contra a propia climatoloxía -chuvia e negrura no ceo- e contra a nosa propia apatía como sociedade.

O capitalismo, escola da resignación, non pode levarse todo o que custou tanto esforzo á clase traballadora acadar.

Ás 12 h na Alameda de Compostela están convocadas todas as plataformas comarcais das distintas áreas sanitarias integradas dentro de SOS SANIDADE PÚBLICA e que agrupan a sindicatos, organizacións sanitarias, organizacións políticas, asociacións veciñais...

Agardemos un éxito de xente razoable. Que non teñan escusas para silenciar a protesta indignada da xente.

Os servizos públicos como SANIDADE, ENSINO, SERVIZOS SOCIAIS non poden colocarse baixo o paraugas cheo de buratos do lucro, da competividade empresarial. O ben público é o noso patrimonio. A nós demostrar que o queremos manter.

Xa vos contarei.

***

Éxito, como resposta, ollade o video que divulga Galicia Confidencial.

Apertas. E cómpre seguir na loita.