dimanche 21 avril 2013

OS SOÑOS ESMORECEN NAS PANTASMAS ATRAPADAS NA MEMORIA DE PEDRA

Hai pantasmas en moitas vilas de Galicia. Resulta curioso que en todas nas que tiven ocasión de vivir esa pantasma agoniza prisioneira da indiferenza, do abandono dos edificios que constrúen a súa memoria. 

Pode que esaxere. Ou será que vivo na emoción da perda. Vexo eses vellos edificios que antano daban acubillo a proxeccións de relatos de soños cheos de verdades censuradas. Tanto ten. Como abría os ollos de neno! Lembro as proxeccións no Jofre de Ferrol, por unhas pesetas. Lembro o Madrid-Paris da mesma vila. Ou as salas de Mugardos. De Vilalba. De Brión...uns metros máis arriba de onde vivo. Só as pedras sosteñen a memoria dos soños. 

O relato da posmodernidade levouse todo por diante. Competir. Ese era o novo reto. Non alumear soños. Non abrir as mentes a viaxes tan extraordinarias que sempre permanecen, como ben di no seu relato memorial o escritor chairego Agustín Fernández Paz. 

Maldita competitividade! E pouco a pouco foinos quedando o refuxio de cineclubes -que esmorecen-, ou de salas de cine en mans de empresarios convencidos do cine de autor (lembro os Cines Compostela, onde se podían ver relatos do cine independente, de autor, de calidade). Ver os relatos en versión orixinal, con subtítulos en castelán (que pracer sería que fosen en galego, que gran paso daríamos na normalización da nosa lingua)....onde?

Poucos espazos quedan. Ir a unha sala de cine dentro dun centro comercial é, hoxe, a antítese do que significa 'ir ao cine'. Espectacularización do sin-sentido. Salas dentro de máquinas que compiten contra todo o que sexa "diferente". O pensamento único penetra no imaxinario desde esas salas. Imperio do consumismo e do individualismo. 

Alta Films, unha produtora que se atrevía co cine de autor anuncia o peche. Unha punta máis na cruz das diferenzas.

Gobernos que gobernaron en contra das diferenzas e da pluralidade cultural e lingüística encargáronse de ir minando a capacidade de resistencia. Cando vexo que en Francia un 40,2 % é cine nacional, fronte ao 17,9 % do Estado español, xa sabemos que todo o que se fai desde os poderes públicos é nada. Sen unha lexislación que protexa o noso cine (e penso nas inconmensurables dificultades que pode ter un realizador galego para, primeiro crear un relato fílmico na nosa lingua, e segundo dalo a coñecer nas salas de Galicia), só queda a devastación do pensamento único. Sabe máis a nosa mocidade dos costumes americanos, ca dos que teñen os nosos veciños europeos. Aí tamén, a través do cine, faise Europa. Eu aprendín italiano coas películas en versión orixinal que antes emitían na 2. 

Pantasmas axítanse na pedra da memoria atrapada. 

Veremos mañá se acertan os que son aínda optimistas, ou os que somos máis pesimistas a este respecto.




lundi 15 avril 2013

DEDANS ET DEHORS...TAN DIFÍCIL É ESCOITAR?

Je sens le vent de ce premier jour de soleil qui se gonfle d'espoir

aurais-je la force de sentir dedans ce qui vient de dehors?

aurais-je la chance de pouvoir devenir dehors ce que je suis dedans?




Sempre a mesma impresión cando chega o primeiro raio de sol

fóra e dentro

As nosas vidas son un permanente conflito 
entre o que está fóra
e o que está dentro 

Unha permanente negociación de emocións 
para non sentirse derrotados 
entre a esperanza do traballo ben feito
e a longa cadea de condeas que permanecen

Unha interminable e agotadora sensación
entre as palabras que escoito
e as palabras que gardo
protexéndoas da inutilidade da vanidade

un xesto tranquilo para salvalas 
da persecución protagónica
da agonía de expoñerse sen sentido

E non obstante a política vive de palabras protagónicas
que morren na cinza da fachenda voz que as ergue

Escoitar
aprender
entender

Tan dificil é?

Unha man pode falar
e un beizo recolle o mel
só hai que deixar prender
o tempo das árbores

Escoito
aprendo
entendo

É difícil
pero a reconciliación entre dentro é fóra
ben merece o sacrificio







samedi 13 avril 2013

RECUPERAR A LINGUAXE DAS REDES DO PENSAMENTO ÚNICO NEOLIBERAL

Non son precisas moitas páxinas para decatarse de que Clara Valverde escribe como fala: sen ambaxes, sen dobres xiros e sen artificios baleiros. Escrito nun estilo directo e reivindicativo, o seu último libro, No nos lo creemos. Una lectura crítica del lenguaje neoliberal (Icaria/ASACO, Barcelona, 2013), destapa as realidades que tece o neoliberalismos e como a linguaxe é a súa principal arma. 

Antes de máis, unha observación: comentoume un amigo libreiro sensible co uso correcto das palabras que esta preocupación vive con máis intensidade nos países latinoamericanos. Como se aquí non nos interesase. E que erro cometemos entón! Nada hai máis perigoso: non decatarse de como as palabras usadas polo poder son as que constrúen imaxinario é renunciar ás esencias máis fondas da esquerda. 

O libro conta cun pequeno prólogo de Carlos Jménez Villarejo que xa nos alerta de como a linguaxe, perversa, non en si, senón polo uso que dela se fai, inocula en amplas capas da sociedade, cada vez máis desposuída, desprotexida e, polo tanto, vulnerable, sentimentos de "culpa, duda, mentira y miedo" (p. 13). 

Concordo plenamente con Clara Valverde, "el lenguaje es la primera y más necesaria arma del capitalismo neoliberal" (p. 17). As oligarquías, os poderes públicos asuxeitados voluntariamente, os medios de desinformación masiva sabiamente remunerados divulgan unha linguaxe determinada e así "se pueden imponer y mantener políticas injustas que aumentan las desigualdades" (p. 17). 

Clara Valverde realiza un amplo percorrido e exemplifica con numerosos casos extraídos dos xornais e da realidade informacional e comunicativa documentadas manifestacións do que é o cerne da palabra desposuída da súa esencia, prisioneira na rede da perversión e da manipulación.

'Axuste' en vez de 'recorte'; 'crise económica' en vez de 'estafa', 'roubo' ou 'saqueo';'recargo temporal de solidariedade' (en vez de IRPF); 'desafortunado crecemento económico negativo' (en vez de dicir recesión); 'impacto asimétrico da crise' (en vez de aumento das desigualdades); 'medidas de aforro' (en vez de políticas que atacan dereitos laborais e salariais); etc.

A linguaxe neoliberal é imparable na súa serpeteante maneira de maltratar as palabras. 'As reformas son duras', 'hai que facer sacrificios', 'todo o mundo viviu por riba das súas posibilidades',...e outras frases semellantes para facer que a cidadania se sinta culpable. Cando asumimos a culpa, aceptamos resignados o castigo. 

Pero, curiosamente, nós non temos a culpa da desfeita e da nula capacidade previsora de oligarcas financeiros e de permisivos e conniventes gobernadores. Non temos culpa do relato filmico triunfalista que ían construíndo: se son quen, eles, de construír a Cidade da Cultura, como non vou poder construír o meu humilde fogar?

Todo foi debidamente planificado. O convencemento chegou de todas partes: as leis permitían todo tipo de promoción urbanística; a política do privado impúñase ao alugueiro (quen non recorda o final do século XX en Compostela, cando o alugueiro dunha vivenda era case tan caro como ser "propietario"; como medraron Bertamiráns ou Cacheiras?); a publicidade, a ficción televisiva, todo, absolutamente todo ía nunha dirección. E os que alertabamos dos perigos fomos desprezados ou ignorados.


Son numerosos os exemplos documentados por Clara Valverde.  A mentira para trasladar confusión. A repetición de que a situación é complicada e que, polo tanto, para saír desta complicada situación hay que deixar facer aos expertos. Ou como di El Roto "Asustarles con la crisis para que no reclamen" (p. 71).

Mentres a cidadania asista, co resignado medo, ás estratexias ideadas polos "expertos" para sacarnos desta "situación complicada", verá como terá que facer "máis con menos". Esta filosofía non deixou de asomar durante a discusión dos Orzamentos 2013 no Parlamento de Galicia: "imos facer máis con menos". Pero é mentira. Non se pode redistribuír mellor a riqueza con menos recursos económicos. Non se pode dotar mellor aos centros educativos con menos capacidade económica. 

O último maltrato á palabra foi cando escoitamos ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, dicir no Pleno do Parlamento que o copago nos comedores escolares é unha medida redistributiva e que se fai por xustiza social. O mesmo argumento foi repetido na Comisión de Educación polo voceiro do PP, Román Rodríguez. O cumio da manipulación. Condicionar un servizo público, que xa é soportado coas finanzas da poboación, mediante a achega dunha contía diaria, cando antes non tiñan que facelo os nenos e nenas transportados, é unha medida redistributiva. 

Só a manipulación e o uso masivo desta linguaxe polos medios de desinformación masiva farán que a cidadanía se crea esta quebra do servizo público da educación e que non saia ás rúas. Por iso, cómpre dicilo ben claro: o decreto de comedores, que condiciona o servizo público da educación, e introduce máis dificultades para os nenos e nenas transportados, é unha medida antisocial. Un roubo máis dos que perpetra a dereita mentres di que é polo noso ben. 

En resumo, un brutal austericidio que fai que os dereitos de cidadania se convirtan en dereitos de desigualdade (p. 23).


dimanche 17 mars 2013

LADRÓNS ORGANIZADOS S.A.: UNHA PERIGOSA BANDA GOBERNA EUROPA

O anuncio da quita ao pobo de Chipre é unha auténtica barbarie. Non precisamos ser sabios para ver que á Europa do Sur, sobre todo a eses países que se consideran de "terceira" nos índices de impacto que manexan os cónclaves ultraliberais, os enriquecidos nos queren ver dominados e sometidos aos seus intereses e desexos máis perversos. Sadismo económico. Chipre xa sabe o que lle agarda e comezan a sangrar as súas carnes. Pero o pobo chipriota, sen dúbida, non é masoquista.

O acordado significa roubarlle diñeiro á xente para doarllo directamente aos poderosos. Nin sequera resiste unha mínima reflexión seria: é o mesmo gañar ou ter 99.000 euros no banco que 5.000 ou 1.000?? Para os que deciden aplicar unha quita do 6,75% semella que si.

En fin, unha auténtica banda de ladróns organizados destrúe as esperanzas da clase traballadora en toda Europa. E, de novo, os gobernantes chipriotas elixidos democraticamente, eluden cumprir coas súas promesas electorais e deixan o pobo aos pés dos cabalos da mafia ultraliberal. 

A miña solidariedade co pobo chipriota. Precisamos artellar unha potente internacional da clase traballadora en Europa, quen de frear as veleidades golpistas (Grecia, Italia) e destrutivas desta perigosa banda.

dimanche 17 février 2013

AGE DENUNCIA A INXUSTA SENTENZA DO TRIBUNAL MILITAR MARROQUÍ AOS 24 ACTIVISTAS SAHARAUIS DO CAMPAMENTO DE GDEIM IZIK


Confirmouse o que Alternativa Galega de Esquerda, a través do seu deputado Xabier Ron, denunciara hai 15 días a través dun comunicado. O xuízo militar aos 24 activistas saharauis ía representar un capítulo máis da opresión que soporta o pobo saharaui a mans de Marrocos, co cómprice silencio de España e Europa. E confirmouse, por desgraza.

A primeiras horas da madrugada deste domingo 17 de febreiro de 2013 coñecíase a sentenza dun xuízo militar carente da necesaria obxectividade e neutralidade que todo xuízo precisa. Trátase dunha sentenza ofensiva para o pobo saharaui e para todas aquelas persoas que defendemos a autodeterminación do pobo saharaui e o cumprimento das resolucións da ONU.

A sentenza é unha auténtica ignominia e unha absoluta inxustiza e vulnera as normas que deben rexer a xustiza e a equidade. Os 24 activistas di campamento de Gdeim Izik, o campamento da dignidade, na contorna de El Aaiún, xa tiveron que sofrer situación de prisión preventiva durante máis de dous anos (o cal vulnera o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos), e foron inxustamente condeados por defender os dereitos do pobo saharaui.

A relación das condeas non deixa lugar a dúbidas: 8 persoas, cadea perpetua; 4, 30 anos de cárcere; 7, 25 anos de cárcere; 2, 20 anos de cárcere; 3, condeadas polo tempo xa cumprido de cadea.

Os 24 saharauis só se opuxeran ao violento desmantelamento do campamento de Gdeim Izik o 8 de novembro de 2010.

Ante o silencio maioritario dos medios de comunicación, que a penas deron conta do noso comunicado de hai 15 días, queremos insistir hoxe en chamar a atención da sociedade galega ante este brutal ataque aos dereitos humanos e ante unha sentenza que só pretende amedrentar aos defensores da República Saharahui.

Pero non calaremos. AGE reitera o seu compromiso de solidariedade co pobo saharaui e reclama que se atendan as resolucións da ONU para devolverlle ao pobo saharaui as terras hoxe ocupadas por Marrocos e, desde logo, esixe toda a presión internacional para que se lle devolva a liberdade a estes 24 activistas inxustamente condeados.

17 de febreiro de 2013.

samedi 16 février 2013

A LECCIÓN DE LAURA





Recoñecemento da impotencia: non poder alterar o estado das cousas, tal como están sucedendo. Ou sinxelamente, estar “jodido”. Hoxe estiven en Compostela, xunto con outros compañeiros e compañeiras, apoiando ás persoas afectadas pola nefasta lei das hipotecas, isto é, que devoradas polo crédito hipotecario, as persoas están véndose expulsadas dos seus fogares e, por riba, coa carga da débeda, que non queda saldada coa perda dunha vivenda que estiveches pagando anos (quen devolve ese diñeiro sufragado??)
 
Eramos máis que daquela vez, a primeira, pero menos, sempre menos do que debe ser. Non sei que ten que acontecer para que a solidariedade se manifeste a todos os niveis. Estamos falando de persoas que están a piques de perder a súa vivenda. Non creo que sexa máis importante celebrar un baile de disfraces que apoiar a estas persoas que o único que piden é iso, apoio. Porque só coa presión social, coa constante presión cidadá, poderemos mudar as malas leis, para que mesmo a caste política que nos mal goberna se vexa na obriga de mudar de prácticas.



Hoxe, polo tanto, debíamos ser moitos máis. En caso contrario, semellaría que o problema do acceso á vivenda en Compostela e arredores, do mantemento da vivenda, non é problema.



Pero hoxe, ademais, a miña implicación foi máis emocional. A maiores da empatía que sinto normalmente nas situacións de padecemento, únese que as persoas afectadas son unha alumna miña e súa nai (digo alumna, porque até o 12 de novembro fun o seu profe de francés). A carta que leu Laura na Praza do Toural foi sinxela, pero chea de emoción. Ela, solidaria, falaba en nome de todas as nenas e nenos que, coma ela, ven coma ás súas nais, e pais, están atrapados no medo a perder a vivenda. Ela, sempre cunha entereza digna de mencionar, reclamaba solucións.



Recoñezo que me emocionei, se ben sempre camuflo, en público esa carga. En casa é máis doado deixar ir todo o regueiro de sensacións. De aí esta escritura contínua para liberar a rabia que sinto. Rabia porque ningunha Laura debera estar sometida a esta tensión. Ver a súa mamá chorar tamén foi duro. Porque sabe que a súa filla –e ela- deberan disfrutar da vida, sen máis. A nena pensar en estudar, en formarse, a nai, en defender esa educación e formación. Pero non, as nosas leis obrigan a esta nai e súa nena a loitar para non perdelo todo, para sobrevivir nesta selva capitalista.



Ao mesmo tempo, amais da simpatía e cariño que sempre manifestou Laura, hoxe déume unha lección de madurez, impropia dunha nena da súa idade.



Graciñas Laura. Un bico para ti e túa nai. 
video da intervención

mercredi 13 février 2013

LEVANTAR ACTA DOS XESTOS...

Vou ter que levantar acta das sesións do Pleno, xa que os xornalistas semellan un tanto desorientados e, así, contribúen a debuxar unha imaxe que é a que lle interesa ao PP trasladar de nós. 

Pero están errados. O PP está lonxe de ter un comportamento exemplar durante os Plenos. Pero o que acontece coa palabra polo medio, por moito que ás veces, ante certas acusacións, se produzan reaccións adversas e acaloradas por parte de todos e todas as presentes, quédase na confrontación política.

Ante certas informacións que son incompletas e para que non se digan "tonterías", é preciso aclarar certos aspectos. 

En primeiro lugar, o que sucedeu tivo lugar cando rematou a intervención da compañeira Chelo Martínez a unha proposta do PP sobre os pacientes crónicos. Aí, cando lle toca o turno de réplica ao sr. Santalices acusa á sra. Martínez de declaracións que non foran pronunciadas pola deputada de AGE. Entón, nese preciso momento prodúcese un cruce de declaracións entre o sr. Santalices e a Sra Martínez. 

En segundo lugar, cando remata ese cruce de declaracións é cando o sr. Santalices fai un xesto obsceno dirixido cara a nosa compañeira acompañado dun comentario con connotacións sexuais. Iso vémolo ao mesmo tempo Fajardo e Ron. Ese xesto é propio da taberna e da conversa de 'macho' á hora de definir o que lle farían a unha persoa (sexa home ou muller) que lles esperta certas sensacións sexuais. O xesto aseméllase á práctica de esquiar. Nalgúns países de América Latina empregase o verbo "coger" con ese xesto. Un xesto que eu considero feo e ofensivo.

En terceiro lugar, ao velo, tanto Fajardo coma Ron deciden comunicalo á Presidenta da Mesa...porque ese xesto era bastante máis grave do que provocara a expulsión -indebida- do Pleno de David Fernández onte, martes 12 de febreiro por mor do propio autor do xesto obsceno de hoxe. O sr. Santalices entón escúdase en que, non, non era un xesto dedicado a "ela" (entón, proba de veracidade: o xesto existiu) senón...a quen? ao propio Fajardo? 

En cuarto lugar, o sr. Santalices dille a Fajardo que saia ao corredor que llo vai explicar. Saen dous máis do PP e eu decido saír tamén para que non aconteza nada que non deba acontecer.

En quinto lugar, hai tensión, pero dialéctica e verbal. Nese instante, eu dígolle ao sr. Santalices que "a palabra é política e que aí temos diverxencias e opinións diferentes, pero que os xestos obscenos non teñen cabida". El responde co tema dunhas declaracións de Fajardo nunha emisora de radio [pero, non o trago, o xesto nace nun momento determinado e despois dunha tensión determinada]. E eu, con tranquilidade, con espírito de mediación, insisto en que eses xestos non proceden. Mentres, chegara tamén Román do PP, co mesmo espírito de mediación. E entramos.

En sexto lugar, nada máis. Esta é a acta dos xestos. Para que non se digan tonterías.

dimanche 27 janvier 2013

ENTRE DÚAS LECTURAS, ENTRES DÚAS OPCIÓNS: OU A REVOLUCIÓN OU O NAUFRAXIO

Desde sempre practico a lectura paralela, cruzada, ou como se lle queira chamar ao feito de non poder dedicarlle toda a atención de lectura a un único libro. Sempre digo que é pola miña condición de "aspergeriano" non diagnosticado, xa que son incapaz de non ler tres ou catro libros ao mesmo tempo. Quizais por necesidade de conter a dispersión analítica. Ou para calmar a miña inquedanza permanente de curiosidade empírica.

Neste fin de semana estes catro libros son:

1) Mortalidad, de Christopher Hitchens, un libro incrible onde o autor relata, cunha entereza atea impresionante os seus últimos meses de vida desde que lle diagnosticaran cancro de esófago.

2) Sobre la educación en un mundo líquido, de Zigmunt Bauman, que a través dunha conversa con Ricardo Mazzeo traslada a súa visión sobre a educación.

3) La revolución de los vikingos. La victoria de los ciudadanos, de Elvira Méndez Pinedo, que, desde a súa privilexiada posición de vivir os acontecementos de forma directa, conta como se padeceu a crise-estafa en Islandia e como a cidadanía lle foi poñendo remedio.

4) España, destino Tercer Mundo. Endeudados, sin fábricas, sin empleos y atrapados por el corralito, de Ramón Muñoz, que conta o escenario -para algúns apocalíptico, para outros realmente posible- ao que imos en España debido ás malas e interesadas decisións da oligarquía política -e ao errado voto da cidadanía, todo hai que dicilo- e financeira.

Os dous últimos son ben interesantes por establecer os camiños diverxentes para atacar esta estafa.

O de Elvira achega as claves de por onde cómpre camiñarmos para empoderarnos como pobo. Para recuperarmos a soberanía. Establecer un novo proceso constituínte e impedir que o mercado domine as nosas vidas. O de Ramón introdúcenos niso que ninguén di que chegará como é un corralito que atrapará de forma masiva aos aforros da clase traballadora (se ben, para algúns xa chegou, pois as preferentes son un corralito inmisericorde). Recollendo palabras do libro: "éste es un libro en el que se augura un futuro triste y carente de escapatoria alguna. Por eso, su lectura no se recomiendo a optimistas impenitentes ni a votantes de partidos mayoritarios deseosos de escuchar que "todo se arreglará". Si acaso va dirigido a un tipo de lector inquieto, harto de leer las mismas mentiras que le han estado contando los medios de comunicación desde que comenzó la crisis".

O lector, a lectora será quen deba achegarse a estes libros e ver que camiño paga a pena percorrer: se o da revolución cidadá, indo de fronte e coas armas da desobediencia civil, pero de verdade e sen parar, sen repouso, para desarmar aos poderosos, ou se o da imposibilidade de escapar do naufraxio debido á imposibilidade de dita revolución.



lundi 21 janvier 2013

A DANZA NA MEMORIA


A DANZA NA MEMORIA


Sensación de abafo
o mercado en hora masa
as rúas ateigadas
e non obstante            aquí
no corredor da residencia
mesturas de fríos

De novo            vixía dos outros tempos
observo o encadeamento das accións
a secuencia dos tremores
a permanente anguria dos familiares

De novo            aí os vexo
el sempre vén
nunca falla
día tras día

Ela vive aquí ou quizais non
só está de paso            atrapada
El xa non podía cuidala
demasiada tensión
a perda das respostas
era demasiado premante

                       
De súpeto            de fóra
unha melodía devólvenos
a sexta sinfonía de Tchaikovski

E ela emerxeu
o corredor de encontros
fíxose pista
unha volta            e outra volta
e o seu rostro rexuvenecía
un vó de man
un paxaro pousándose no niño
e o seu corpo esquecía o tempo

Outro tendu            e agora un jetté
os demais ollaban marabillados
a maxia dos movementos
armonía dun mundo que se esvae

Elegante            ensínanos a traxedia
os sentimentos encadeados a unha fatalidade


A melodía cesou
El recolléuna            desvanecida            exhausta
os demais aplaudiron

Ela ignoraba as razóns
aquilo era ela
a danza na memoria
non sabía máis

samedi 19 janvier 2013

CONSIGNANDO SILENCIOS ANTIDEMOCRÁTICOS

Podería ser unha pregunta. Refírome ao título deste comentario que será forzosamente breve porque até me produce unha especie de noxo mesturado con aldraxe falar deste tema.

Admito que somos, AGE, unha forza indesexable. Para o PP, máis tamén para as outras dúas forzas, como se estivesemos trastornando non se sabe moi ben que situación natural.

Desde o principio, experimentei esa sensación de torpedeo, de obstaculización. Onde debera dicirse pluralidade, apareceron redución de iniciativas e de minutos. Queren un parlamentarismo reducido a unha rutina que mata e queren transmitir que non serve para nada (así terían doada a xustificación da amputación de deputados).

Repito. Unha mestura de noxo e aldraxe. E insisto. Podo entender que os da oposición nos vexan con xenreira.

Pero non podo xustificar. Menos en democracia. Menos nos medios de comunicación...o silencio deliberado. A censura deliberada.

Pode ser que esaxere? Si?

Onte tivo lugar, ás 11h30, na sala azul do Parlamento a rolda de prensa de AGE para presentar as emendas á totalidade, de devolución coa presenza de todos os deputados e deputadas de AGE, agás eu, que non podía estar presente.

Hoxe procurei atender aos medios. E que me atopo sobre a rolda de prensa da TERCEIRA FORZA POLÍTICA DE GALICIA saida das urnas o 21 de outubro?

Mirei a través do motor de búsqueda de google. Mirei nalgún dos medios dixitais. Ollei algún dos medios en papel -xa escasos- de alcance nacional.

Agás un medio visible na zona sur. Rien de rien.

Esquecemento? Curioso. Porque os xornalistas recolleron fotos, comentarios, e recibiron as emendas. Decisións editoriais? 

Insisto. Por respecto a máis de 200.000 persoas que optaron por AGE. Por respecto á Democracia, á Pluralidade Informativa. Isto non se entende, a menos que pensemos que estamos nun estado criptofascista, que impón a censura de maneiras pouco visibles para a maioría social.


O resultado é que hoxe as xentes de Galicia, sobre todo as que non acceden a internet, e consultan o que sae na prensa escrita, ignoran en que consisten as nosas propostas porque alguén así o decidiu.