jeudi 29 mai 2014

A MORTE


A MORTE

Quixen facelo cando todo tiña sentido
cando a miña vida era camiño andado
sen pretextos que o xustificasen
sen culpables nin facianas ás que acusar
simplemente quixen facelo

Escribín milleiros de versos satánicos
sen Deus atado á miña perversión
nin aos meus desexos de ser
invencible nos meus delirios
e mastiqueinos coa forza da loucura

Vivín cada unha das imaxes
que a noite de beizos en membros
erectos quería dedicarme
amei os sabores todos
sen decatarme de que nada
nada me ataba a ningunha pel

Atei na miña torturada alma
a todas esas mans descarnadas xa
e fixen delas a cinza
que lava os sentidos e ara
cóxegas de silencio sen destino xa

Subín ao cumio para ollar
como o fume da mediocridade escribe
as páxinas desta mundo sen futuro
e alumeei a vela da inocencia
atrapada nas pedras deste castelo en ruínas

E mergulleime no teu río sen auga
coa intención de odiarte para amarte
de vivirte para matarme
e alí quedou o meu corpo para sempre
alí a miña alma por fin liberada

Brión, 29-maio-2014


mercredi 28 mai 2014

INTERVENCIÓN SOBRE O MUSEO ARQUEOLÓXICO PROVINCIAL DE OURENSE

Veño de intervir no Pleno do Parlamento sobre unha iniciativa do Grupo Mixto que pide a reapertura do Museo Arqueolóxic Provincial, pechado desde o ano 2000, debido a unhas obras de rehabilitación que nunca rematan, xa que os dous proxectos presentados foron desbotados....


INTERVENCIÓN XABIER RON

SOBRE APERTURA MUSEO ARQUOLÉOXICO PROVINCIAL DE OURENSE



Estamos ante unha historia de desidia, de ineptitude, de ineficacia, de vulneración de dereitos culturais, de desbaldimento de recursos públicos. Unha máis das numerosas mostras da actitude neglixente da Xunta de Galicia en materia de protección do patrimonio cultural galego: Coeses, Marin, Burela, Ferrol Vello, son mostras desa indigna actitude.



Mais antes de reflictir as razóns que provocan a afirmación destes feitos, fagamos un pouco de historia, esa que danan as nosas autoridades culturais tanto galegas como estatais.



O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense constitúe, xunto co de Pontevedra, un referente patrimonial e cultural de Galicia, xa dende o século XIX pola importancia tanto de actividades como de fondos bilbliográficos e culturais entre os que destacan os materiais arqueolóxicos recollidos en boa parte das intervencións arqueolóxicas realizadas na provincia dende principios de século (colección epigráfica, numismática, fondos bibliográficos e materiais de xacementos como Castromao, San Cibrán de Las, San Tomé e da propia cidade de Ourense).



O Museo está nun edificio de fábrica románica, á que se lle engadiron elementos construtivos doutros estilos arquitectónicos e escultóricos posteriores (gótico, renacentista e barroco), o Pazo Episcopal, na céntrica Praza Maior de Ourense, declarado o 3 de xuño de 1931 Monumento Histórico-Artístico, e que alberga desde 1951 os fondos arqueolóxicos e os fondos artísticos.



Iniciándose este séc. XXI, decidiuse proceder ao peche do museo para a súa rehabilitación, o que implicaba escavación arqueolóxica en case toda a súa planta, e que achegou resultados positivos en canto a restos arqueolóxicos. Os vestixios de época romana atopados relaciónanse posiblemente coas fases iniciais de poboamento da cidade de Ourense (estes achádegos se complementan cos rexistrados noutros lugares da cidade e recentemente musealizados como é o caso dos restos da área das Burgas).



Nese lonxano 2000 as autoridades culturais decidiron trasladar os fondos (40.000 pezas) a un lugar afastado e inaxeitado para a súa consulta pública, ao Centro de Formación Profesional Ocupacional A Carballeira.



Eis a primeira decisión errada e que, ollando o resultado de toda esta desfeita, supuxo a vulneración de dereitos culturais da poboación ourensá e galega. Falamos da provincia con máis patrimonio románico, e a cidadanía non pode consultalo debido á unha xestión nefasta das administracións culturais da Xunta e do estado. Debido á ineptitude. Á ineficacia. O traslado destes fondos a unha zona apartada da cidade nun edificio sin acondicionamento para a exposición de pezas, representa unha eiva na promoción turística e cultural da cidade e provincia de Ourense, conseguindo deste xeito alonxar e invisibilizar o coñecemento da nosa historia á propia cidadanía.



En efecto, as persoas que acoden a Ourense atraídos polos vestixios arqueolóxicos e o patrimonio de Ourense vense atrapadas nunha historia silenciada. Milleiros de alumnos e alumnas do sistema educativo básico e superior víronse privados do coñecemento da súa historia. Isto é vulnerar o dereito á cultura.



A rehabilitación tiña que estar rematada no 2003. Estamos no 2014. Como chamarlle a este despropósito nacional? Que aconteceu cos proxectos realizados por Alfredo Freixedo e por Lapayese, proxectos desbotados? Canto diñeiro público custaron eses proxectos?



E agora, para esgotar de forma definitiva a paciencia d cidadanñia e a capacidade de indignación, o 20 de maio de 2014 coñecíamos que as obras do Museo serán retomadas ao longo do 2016 ou mesmo no 2017, se se cumpren as previsións do goberno do estado...isto é, se deciden seguir coa política de recortes en materia cultural ou non. Como confiar entón? Teremos que agardar outros 10 anos? 10 anos máis de vulneración de dereitos culturais?

E a Xunta que fai, asistir como convidada de pedra? Semella que a Consellería só decide actuar cando se producen eventos culturais lucrativos, que rouban o patrimonio público para entregalo ao sector privado, como acontece en Monterrei.



Ese novo proxecto debe representar unha posta en valor dos restos aparecidos nas excavacións arqueolóxicas realizadas no seu interior (empedrado posiblemente románico, restos romanos, tumbas de inhumación…), a adaptación do espazo interior para unha correcta exposición e almacenamento dos fondos do museo así como o acondicionamento do edifcio para a realización de actividades de coñecemento e divulgación da cultura. En definitiva dotar á cidade dun espazo de exposición e divulgación como acontece en todas as cidades capital de provincia.



Mais, aspecto inportante, mentres o museo non sexa rehabilitado é prioritario dotar aos fondos do museo provincial dun espazo adecuado tanto para a súa exposición como consulta, así como a promoción da ubicación deste espazo provisional para o seu coñecemento. O espazo de A carballeira non é o lugar axeitado para a promoción do patrimonio ourensá. Non pode silenciarse a historia de Ourense, non pode agocharse o xermolo da identidade de Ourense en tanto que pobo.



A cidadanía demostra, cando se abren as portas do Museo Arqueolóxico, por exemplo o Día do Museo, o 18 de maio, que quere o seu patrimonio, que o quere coñecer, xa que coñecer é o piar para comprometerse coa súa defensa, preservación e divulgación. De feito, na exposición sobre a restauración no museo, que tivo lugar na Fundación Novacaixagalicia, contabilizáronse máis de 6000 visitas. E, como demostración de que hai compromiso cidadá reivindicar a salvagarda de dereitos culturais, temos a campaña cidadá iniciada na plataforma dixital Change.org.

SOBRE AS TÁCTICAS E ESTRATEXIAS PARA FACER A REVOLUCIÓN

Percorrendo boa parte de Galicia, con motivo das recén celebradas Eleccións Europeas 2014, tiven ocasión de adquirir o libriño editado por milrazones, de Santander, a cargo de Andrew Boyd e Dave Oswald Mitchell, Bella revuelta. La caja de herramientas para hacer la revolución (+ El relato de seis casos en España), 2014.

A súa lectura é ben interesante. Ofrécenos unha serie de ferramentas para realizar accións que permitan amosar a nosa indignación ante as políticas violentas levadas a cabo polo capitalismo salvaxe, ultraliberal. 

Como definen os editores, o libro "despliega las tácticas, principios y teorías centrales que inspiran el activismo creativo, ofreciendo herramientas analíticas para quienes propugnan cambios para aprender de sus propios éxitos y fracasos" (p. 9). 

En efecto, isto é importante, non todo é efectivo nin é válido para os múltiples contextos en que se teñen que producir as loitas pola transformación social. Hai numerosas advertencias sobre os aspectos máis beneficiosos e os máis negativos das 13 tácticas descritas (pp. 13-51), dos 18 principios (pp. 52-99), das 10 teorías (pp. 100-128); os editores engaden, ademais, un exemplo do acontecido no Estado español a través de 6 casos: AcampadaSol (pp. 131-134), Campeones del paro (pp. 135-137), Fiesta#CierraBankia (pp. 138-140), Récord mundial de gente gritando: "No vas a tener casa en la puta vida" (pp. 141-144), La bolsa o la vida (pp. 145-147), No somos números (pp. 148-150). 

Cada unha das tácticas, dos principios e das teorías é obra de distintos autores e autoras, que dalgunha maneira se significaron en accións directas, e do conxunto descríbense os contextos de uso máis habitual, acóllense casos significativos de aplicación, descríbense os principios chave e os posibles erros que pode espertar, as consecuencias que pode conlevar non reparar con precisión en todos os elementos que se deben ter en conta á hora de planificar unha acción directa, "que trata del poder. Una acción directa inteligente evalúa las dinámicas de poder y encuentra un modo de transformarlas".

Realmente, as persoas interesadas en organizar ben os actos de tácticas, tales como "accións disruptivas creativas", "folgas de débeda", "accións directas", "teatro electoral guerrilleiro", "folgas xerais" (cun novo enfoque), etc., teñen aquí razóns para o estudo e valoración de como levalas a cabo de forma pacífica, e que cumpran co obxectivo de chegar á conciencia da sociedade, creando a hexemonía social necesaria para transformar desde abaixo o estado actual da siuación de estafa, de abafo en que vivimos.

S.O.S. ALERTA...A LENTA DESTRUCIÓN DO NOSO PATRIMONIO


As pedras non son unicamente pedras. Non. A súa dureza fálanos de memoria, de vidas, de emocións atrapadas na súa textura, modeladas co paso do tempo. As pedras son compañeiras esenciais na construción dos nosos fogares. Quen non acompañou coa súa man o agarimo da auga nas pedras?

Emerxen en toda Galicia, porque, quizais, somos almas atrapadas na pedra. Como non abrir os ollos con abraio agarimoso ao percibir as ruínas das Torres de Altamira? Como non exclamar ante as sempre enigmáticas construcións castrexas de Baroña?

As pedras son a testemuña que, entre silencios e temores, asisten ao desleixo da administración pública. Elas, aínda así, érguense como referente do noso patrimonio histórico e cultural, en perfecta simbiose coa nosa paisaxe, coa nosa natureza.

E no entanto, nestes anos asistimos a un lento, progresivo e constante proceso de deterioro das nosas pedras.

Como non aldraxarse tal como fai a veciñanza de Monterrei cando coñece que as autoridades culturais queren rehabilitar o seu Castelo para destinalo a hotel, danando o espazo monumental medieval, e entregándoo ao lucro privado?

Como non indignarse coa acción de destrución levada a cabo polas nosas autoridades ante o achado na parroquia lucense de Coeses dunha necrópole, un castro e un túmulo de 3.000 anos de antigüidade no trazado previsto para a A-54 entre Lugo e Santiago. O goberno da Xunta de Galicia, lonxe de protexer os intereses da cidadanía galega, actúa en beneficio das grandes empresas e permite que o noso pasado, pendente de estudar, sexa destruído para sempre.

Os perpetradores quixeron ignorar as normas do coñecemento histórico e da microtoponimia, e permitiron que as obras do trazado da autovía A-54 pasase por elementos construtivos patrimoniais de importancia capital para a coñecemento do noso pasado.

Outros exemplos veñen dados pola construción da variante de Portosin, precisamente, preto do Castro de Baroña, cuxo trazado ameaza con arrasar con xacementos que a toponimia e a historia sinalan como memoria silenciada que respira debaixo da terra.

O mesmo acontece en Castrelo, no concello de Burela, onde, no ano 2004, se atopou un sitio arqueolóxico cando se realizaban as obras vencellas á nova estrada de acceso ao porto da localidade de Burela. Despois de nove anos, non é de recibo comprobar como todo o que se descubriu esmorece, como se degrada pola propia natureza e como, ante as medidas de desprotección, cae ante a acción do expolio. Esta situación foi denunciada por diversos colectivos (Colectivo Cultural Buril; Asociación Cultura do País; ADEGA e Mariñapatrimonio) ante o Servizo de Patrimonio da Xunta e no propio Parlamento de Galicia por AGE.

Outra circunstancia: dous castros (Subidá, Pidreira), o petroglifo laberíntico de Mogor e outras pegadas arqueolóxicas do noso pasado (mámoas), presentes no Concello de Marín, quedan desprotexidos debido a que a Xunta de Galicia avalou o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín. 
 
E que dicir do Ferrol Vello, do Ferrol da Ilustración. En datas recentes produciuse un feito que emblematiza a actitude de indiferenza, de desleixo das nosas autoridades culturais ante o noso patrimonio cultural. A inicios de marzo caía unha parede medianeira da casa de Carvalho calero. Unha caída que responde ao mal que corroe o barrio de Ferrol Vello, o espazo primixenio da cidade, en clara situación de perda da identidade que a definiu durante séculos.

As pedras, en efecto, non son só pedras. Erosionadas por anos de abandono, confésannos o desinterese do Partido Popular no Concello para aprobar o plan especial de protección e rehabilitación de Ferrol Vello. Un sinxelo paseo permite contemplar a paisaxe de laio das pedras en ruínas, dende a praza de Ferrol Vello ate a rúa Curuxeiras.

A Xunta de Galicia declarou o barrio de Ferrol Vello como ben de interese cultural, o que debera garantir unha protección integral que vencella a todas as administración públicas. Logo de 3 anos nada se fixo e o barrio segue degradándose, segue esmorecendo.

Si. Como recollíamos no inicio, as pedras en Galicia, en Ferrol, son depositarias da nosa identidade e veñen a dicirnos todo o que falta por facer en política patrimonial cultural, para preservar as pegadas que nos definen como pobo.

S.O.S. ALERTA...PAREMOS A DESTRUCIÓN DO NOSO PATRIMONIO.

Xabier Ron, 27-maio-2014.

vendredi 7 mars 2014

PANERO, DESDE A LOUVANZA DA LOUCURA

Non hai moito. Pero pode que un par de anos. Poldras propuxérame participar nun proxecto artístico que xiraba ao redor de certas pasaxes do libro de Erasmo de Rotterdam que serían interpretadas artisticamente polo propio Poldras, por Isabel Somoza e Xavier de Sousa. 

Recollera o reto baixo forma de visión. Collín as pasaxes latinas de Erasmo e dinlles unha versión galega despois de ter dialogado coas traducións existentes en galego e castelán. E xunto con iso, dialoguei con Erasmo e cos gravados dos tres artistas.

O meu diálogo partiu da necesidade de poñer en relevo que a loucura non debe estigmatizarse. Desfacendo os estereotipos que a levan a vivir entre muros, mediacamentos e a ollada de incromprensión da sociedade. 

Entón, como xa levaba tempo familiarizado con Panero, decidín coller fragmentos dos seus Poemas da Loucura; acollín a riqueza da Princesa Inca e Alda Merini, que comparten con Panero frecuentar os corredores do que a sociedade chama loucura, e mesmo deitei algúns versos pertencentes ao poemario inédito, Identidades do Corpo.

Creo que as persoas que teñades a ben ler o catálogo da exposición veredes que os versos seleccionados son acaídos, fermosos, que constrúen unha imaxe de tenrura e comprensión. Algo moi escaso cando falamos da "loucura". 

Hoxe, en que sabemos que Panero nos deixou, só podo experimentar a miña tristura. A soidade en que me movo como poeta é, desde hoxe, máis fonda, máis escura. Os loucos, as loucas estamos dentro, iso din; mais, como dicía Sartre, l'enfer c'est les autres (o inferno son os demais). 

Por riba, soubemos que ninguén recolle o seu corpo. Pido entón que esa sociedade, a que logo enxalza ou fai louvanzas na prensa ou nos cenáculos mediáticos que acuda e recolla a alma do poeta para que poda repousar na escena do mundo, a dos seus versos.

dimanche 23 février 2014

A FRACTURA HIDRAÚLICA, A FRACTURA DA TERRA, A CREBA DA VIDA

Non é a primeira vez, e non será a última. Seguro. Os pequenos artigos de Anna Bogaz Cerezuelo nesa imprescindible sección "las caras ocultas del poliedro" que ofrece El Viejo Topo (febrero 2014) son, para min, e non estou tolo, coma o achado dun fosil ou dunha unha peza de arqueoloxía: a autora deixa sentado o esencial da historia que quere contar, mais queda no aire o esencial para seguir pesquisando e indagando. Cando menos cando un se quere documentar con rigor sobre un feito concreto. 

O artigo en cuestión (p. 6) trata da fracturación hidraúlica, que aquí, os amantes da linguaxe neocolonial definen como fracking. 

Vén definido como unha técnica de extracción de gas natural de arxilas compactadas, situadas a grande profundidade, coñecidas como depósitos de Shale Gas. E, como non, ao igual que toda técnica destinada a procurar enerxía fosil ao tempo que demoucar os límites da sustentabilidade da terra, o invento foi posto en marcha polos EE.UU. 

O procedemento, segundo o relato de Anna Bogaz é o seguinte: 
a) perfórase en vertical ate chegar ás arxilas compactadas e logo en horizontal durante un ou dous quilómetros; 
b) despois inxéctanse millóns de litros de auga, lubricantes químicos e are a presión para fracturar a rocha e permitir que flúa o metano. Para acadar isto, úsase unha mestura de 600 compoñentes químicas, descoñecidas publicamente, xa que as corporacións implicadas gardan a información. E como digo eu, e di calquera: se reservas esa información, é que nada bo pode saír dela. 

No entanto, na realización de traballos de campo aí onde se produciran esas fracturacións atopáronse en acuíferos e pozos de auga potable próximos restos químicos que son perigosos para o medioambiente e para as persoas, xa que son canceríxenos, e afectan de diversas maneiras aos organismos humanos. 

Anna Bogaz cita aos documentais Gas Land e Gas Land 2 que fan un percorrido polas localidades afectadas por esas fracturas hidraúlicas. 

Mais Anna tráenos tamén o documental a Guerra do Fracking, de Pino Solanas, que dura uns 88 minutos, e que podedes ver na ligazón que se adxunta no título. Está producida por Cine Sur S.A. coa colaboración de Asociación Civil Proyecto Sur Cultural. 

Amosa moi ben a idiotez dos nosos gobernantes, en xeral. Incapaces de ver os límites da terra. De ver os perigos que representa non variar a folla de ruta do modo de vivir nesta terra. "Queremos ir por todo" di a presidenta de Arxentina. E así nos vai. 

Aquí, no estado español, tamén comeza a asomar este desexo de perforar a terra á procura do (maldito) gas. As empresas do sector fosil procuran un marcco que lles sexa propicio. En Galicia, a iniciativa de AGE, acadouse un acordo para unha moratoria. Insuficiente. Só un pequeno paso. O certo é que no senado do estado aprobaron non prohibilo. En Francia foi prohibido. Vexan o esquema que alumea moi ben como se procede. É clariño.  Equiparable á megaminería a ceo aberto. E é, como ben se define no documental, un capítulo máis da guerra do petróleo. 

Baixémonos deste xeito de vivir. Xa. Ou o camiño será de non retorno. Hai que decrecer nas formas de vivir a enerxía. E hai que desenvolver esoutros camiños non contaminantes, renovables, ecolóxicos. 


mercredi 12 février 2014

SOBRE LOITA DE CLASES E OUTRAS REFLEXIÓNS

Günther e Hannah
Non crean. O relato comeza na noite dos tempos. A loita de clases existe desde que hai un membro das clases enriquecidas que se abate sobre un membro das clases desposuídas, someténdoo ao empobrecemento. Mais, migos e amigas lectoras, non se alporicen nin anoxen. Non vou ir por ese sendeiro. 


Voume adentrar no pensamento que abrolla nun libro de feitura exquisita e que a min, como filósofo vital e antropológo, me seducen. E como son xeneroso quero compartir con vostedes estas miñas consideracións sobre o que Günther Anders reflicte no seu libro La batalla de las cerezas. Mi historia de amor con Hannah Arendt (Paidós, 2013) sobre a loita de clases nas súas ricas e fondas conversas filo-amorosas con Hannah Arendt.

Antes de comezar a liña dos pensamentos, uns breves apuntes sobre a orixe do libriño. Xusto un día despois de morrer Hannah, no Nadal de 1975, Anders recompila as notas que elaborara logo do seu matrimonio con Hannah, que durou 8 anos, entre 1929-1937. 

Notas que debuxan unha Hannah aínda incipiente no seu pensamento antropolóxico, filosófico e político, mais cuxas consideracións, recollidas e mediadas por Günther, alumean o xermolo do que sería o cerne do seu compromiso ao longo de toda a súa vida.

***

Günther consideraba que os filósofos e pensadores que vivían no contexto anterior da segunda guerra mundial, que se fundamentou na creba da lóxica do humanismo e da razón ao impoñerse a barbarie do nazismo, eran, en certo modo, fanfarrones metafísicos, cun rol preponderante, desde logo, para Heidegger. 

A parte que máis me interesa, polas concomitancias preocupantes co que vexo hoxe en día, inda que nunha distancia epidérmica que hai que considerar, é a que se dá á resposta de Günther á pregunta de Hannah: 

"A quen lle convén que os seres humanos nos tomemos metafisicamente falando demasiado en serio?". (p. 44)

A resposta de Günther, 4 anos maior que Hannah, é a seguinte: 

"Para os que detentan o poder, para os que ocupan as clases superiores, resulta moi práctico "consolar" aos desposuídos, aos integrantes das clases inferiores, aos que "non ocupan centro algún", nin económico, nin político, e xa que é máis cómodo crerse as propias mentiras, para eles tamén lles resulta vantaxoso crer que, dalgún modo, todo "xira ao redor deles".  Noutras palabras: o cultivo do anticopernicanismo emocional é tamén -por non dicir preponderadamente- unha ferramenta ao servizo da enaxenación política, un modo de ofuscar o entedemento das persoas cuxa vida está cada día máis gravemente ameazada polos que detentan o poder político, económico ou técnico, dos que levan unha vida cada vez máis deshumanizada e así ocultar o feito de que nada, absolutamente nada, "xira" eo redor "deles". Para enganar aos humillados, os poderosos empregan o singular. A "antropoloxía filosófica", en efecto, rara vez fala de seres humanos, en plural, senón case sempre do ser humano, nun "singular platónico". A antropoloxía filosófica é -se me permites acuñar un termo paralelo ao vocablo "monoteísmo"-"monoantropismo". (pp. 44-45). 

Hannah escoita a resposta de seu compañeiro e modifica o termo: "Digamos mejor "monoandrismo", xa que "o ser humano se presenta sempre baixo a forma dun varón" (p. 45)

Hannah segue engadindo consideracións baixo forma de pregunta, mais que sinalan a orientación do seu pensamento: "O que queres dicir é que agochar as diferenzas de poder resulta moi vantaxoso, verdade?"

Günther segue apontalando o súa primeira resposta: "o singular da "antropoloxía filosófica" é a única ferramenta académica coa que un pode eliminar do mundo eses dous feitos cuxa existencia só de mala gana se admite: a "sociedade de clases" e a "colonización" (p. 46)

"En resumen: la clase dominante niega su propia superioridad de clase. Más exactamente: demoniza o termo "loita de clases"; enténdase ben: só a palabra, que cualifican de "destrución da paz interior" e "conspiración contra o pobo alemán", e iso para poder soster a súa propia loita de clases (ou perseverar na vitoria xa hai tempo garantida), ao mesmo tempo que imputan a loita de clases exclusivamente á clase que eles dominan e combaten. Prohíbese aos vencidos percibir o feito da súa derrota, non digamos ya falar dela." (p. 47)

A conversa en forma de resposta prosegue:
"Mediante o singular de "o home" cegámonos a nós mesmos fronte á miseria dos humillados e desfavorecidos e fronte ao feito da loita de clases. Canto máis miserable e esclava é a vida dos nosos semellantes, tanto máis sistematicamente, tanto máis pedantemente nos enganamos a nós mesmos e enganámolos a eles coa antropoloxía filosófica" (pp. 48-49)

Hannah, entón, introduce a seguinte afirmación: 
"Ou sexa, que todos os filósofos son conscientemente uns farsantes. 
- Nin sequera iso.
- A ver, que quere dicir iso agora? -preguntou irritada. 
- Que a maioría dos profesores de filosofía son demasiado tontos como para enganarse a si mesmos, carecen de medios para facelo. Hai algún que outro farsante, mais a maioría están enganados. 
- Quen, por exemplo?
- ¿Quen non ten medios?
- ¿E quen ten medios?
- (...) os científicos da cultura, sobre todo os filósofos da universidade, non ten nin idea de a quen alimentan e de quen os alimenta, isto é, de quen os premia. Nin sequera saben que se venden a si mesmos." (p. 49)

Máis adiante, Günther e Hannah amplian o abano e lanzan a posibilidade de que calquera traballador, mesmo nos casos en que se actúa de boa fe, co convencemento de independencia e de sermos libres de influencias, podemos ser "empregados" (p. 50).

***
Conclúamos. Resulta admirable, desde logo, como desde unha crítica ao modelo que era dominante no pensamento da antropoloxía filosófica, Günther e Hannah desmontan a falta de compromiso dos pensadores, que son os que deberan pensar e alertar da realidade actancial levada a cabo polo poder económico, político e técnico. Eis o caldo de cultivo ideal para que se estableza e se estenda o nazismo. E hoxe, para que se estendan o austericidio e o seu contrapunto fortalecedor, a ultradereita xenófoba. 

Facerlle crer aos que non teñen nada, que importan e que se preocupan por eles. Con auténtico lavado de cerebro. Con manipulación e propaganda e coa conseguinte alienación. Etiquetas que podemos aplicar ao feito de que as clases desposuídas son as que fan posible a aplicación dos programas de exterminio-os verdugos voluntarios de Hitler, dicía Goldhagen. Mais, quen son os culpables? Non as clases desposuídas, que non dispoñen de todos os factores formativos fundamentais. Mais si os pensadores que son os que as deberan ter, pero que perpetran o engano e negan o seu propio rol emancipador. 

Podemos dicir que é o que acontece, con excepcións, no sistema educativo, ben incorporado na maquinaria capitalista, onde en vez de educar, emancipar, liberar e empoderar ás xeracións futuras, as clases docentes aceptan un rol de perpetrador dun sistema capitalista, que fai da clasificación, da competitividade, da mercantilización, do individualismo, as regras do seu xogo. Non educar na emancipación é non dar o paso de marcar a liña que separa o rol docente do rol deseducador que queren os xestores do sistema capitalista e os que detentan o poder.

É o mesmiño ca hoxe. Os medios para inocular a propaganda dos poderosos e criminalizar o pensamento e as accións alternativas que se ven marxinalizadas e, polo tanto, relegadas do escenario da espectacularización. A loita de clases é negada polos vencedores e non é asumida polos que están sendo asoballados. Xa Günther o dicía: a vitoria estaba xa garantida daquela porque o nazismo non deixaba de ser unha poderosa maquinaria ao servizo das poderosas oligarquías, da alta política e da técnica. 

Hoxe seguimos simplemente nese sendeiro que só foi minimizado polo empuxe do que acontecia no bloque soviético, e polas loitas e protestas dos sectores da esquerda e do sindicalismo. Iso que se chamou estado de benestar e que nas últimas décadas o neoliberalismo está demoucando a pasos axigantados.

A loita de clases é a loita dos de arriba contra os de abaixo. Pero para que non se perciba, elimináronse termos como clase obreira, proletariado, e outras. E o singular, como ben detectou o filósofo xermano, só é unha ferramenta para agochar esa realidade diversa, múltiple. 

Si, hoxe máis que nunca, cómpre recuperar a nosa linguaxe, a da esquerda alternativa e transformadora.  Mais sen a conciencia de clase de cada segmento das clases esfareladas, demoucadas, manipuladas e alienadas, non poderemos construír a hexemonía social necesaria para que as institucións e as normas que emanan delas estean ao servizo dos dereitos das persoas.



samedi 25 janvier 2014

ET SI

Et si le silence était le cri des absents

Serions-nous
capables
au moins
d'écouter leurs plaintes?


Et si ce silence était le cri de ton absence

Serais-je 
capable
au moins
d'écouter tes larmes?

Et si 

Pourtant tout au long 
de ma solitude 
je n'ai fais qu'écouter 
tous les silences
qui me parlent d'un amour
toujours présent
toujours absent

J'ai pris les feuilles mortes
du livre à moitié lu
elles tremblent encore
et perlent mes mains
des plaisirs 
des caresses de tes lêvres
sur les paupières de mon coeur

Et si ce silence 
était ma seule preuve
la seule existence de ton amour?

Dedicado a quen vive en silencio
as distancias que queren matar
os amores todos
25-xaneiro-2014

vendredi 27 décembre 2013

ÊTRE NEIGE QUI RÊVE

Je rêve 
sous la neige
de tes mains
qui frémissent
au son des promesses 

Une quête
de sens et de retours
qui caressent le rouge
de nos sens et sans
que personne nous puisse
empêcher
d'être neige qui rêve

Toi et moi
fondus sous les larmes 
d'un temps qui s'étire 
et enmène la force
de la beauté
nous sommes déjà mémoire
attrapée dans la rigueur
de l'eau qui ne cesse de couler

Demain
quelle mélodie nous énivrera?
Et déjà nous souffrons 
les regards silencieux des amoureux
qui auront trop de temps sur eux


En pensant à l'amour partagé, 27 décembre 2013


lundi 9 décembre 2013

SOBRE RUÍNAS, POESÍA INDIGNADA PARA ALUMEAR TODO...O QUE QUEDA POR FACER

En tempos de miseria humana, en que o cálculo egoísta vén suplir a solidariedade, ler o poemario de Xesús Rábade Paredes, Sobre ruínas (Alvarellos, 2013), poemas que naceron entre 2007 e 2013 ao frío dos recortes e da estafa das oligarquías e da inopia/connivencia dos partidos que nos desgobernaron, un reconcíliase...sobre todo coa poesía.

O poemario contén catro fiestras poéticas (Poética(s), Soñar no exilio, Recadeiros de luces e de sombras, Sobre ruínas)

Como vivo con liberdade falar da poesia que me ata ao máis fondo da esencia que debe posuír esta necesidade de escribir, vou relatar brevemente algúns poemas que atacan emocións para abrir preguntas sobre o presente ruínoso que nos queren deixar os poderosos. Só abro as dúas primeiras fiestras. Agardo, aínda así, que a lectora e o lector curioso teñan os desexos de afondar nos versos do poeta Xesús Rábade Paredes. 

Primeira fiestra

Nove poemas. Se ben eu son do ritmo liberado da rima, recoñezo que o poema que abre esta fiestra, Cor mate, e Da razón do cantor, que a pecha, sonetos en toda regra, teñen unha feitura que non deixa de atrapar. Desde o punto de vista da emoción quédome con Tenzón, un berro contra "a ditadura da moral do correcto", e con O poeta pallaso, onde o verso "o tempo que non fomos é acaso o que máis dura", lévame a considerar todo aquilo que proxectamos e deixamos no caixón da velocidade, máis morrendo lentamente, como se esvae o noso tempo.  

Segunda fiestra

Dezasete poemas.

Sen dúbida, a fiestra da indignación, alumeada por ese sol de inverno que deixa un frío inmenso nos corazóns de milleiros e milleiros de persoas, sen que a alienación, desapareza, tanto peso ten ese Cuarto Poder vendido por partes.

Palabra alzada en armas

"á cúpula blindada dos ladróns das finanzas,
ministros disfrazados
de lacaios de banca vergonzantes,
aos gobernos rendidos que protexen aos capos
e poñen na indixencia a quen lles paga,
a quen tan ben lles paga, aplaude e vota." 


Nada que celebrar, acaso o poema que resume a sensación que hoxe teño. Non hai nada, nada que celebrar. Cada día que pasa representa a retirada dun ladrillo máis da casa común:

"Arrenegados sexan os tolleitos de espírito,
os tatexos e mudos porque si, 
os áfonos na fala de noso que falamos.
Sexan eternamente amén malditos 
os ruíns de abxurar,
falsos de traizoar e perxurar.
Maldita sexa a casta ruín dos malnacidos."

Moi intenso tamén o poema Partir o pan...."no reino da mentira"....

Alento...que me acompaña ao mesmo tempo que leo a biografía de Marcos Ana, Vale la pena luchar. Aínda que sexa só por iso, pola compensación ética de facer o correcto, sempre paga a pena loitar.