dimanche 27 janvier 2013

ENTRE DÚAS LECTURAS, ENTRES DÚAS OPCIÓNS: OU A REVOLUCIÓN OU O NAUFRAXIO

Desde sempre practico a lectura paralela, cruzada, ou como se lle queira chamar ao feito de non poder dedicarlle toda a atención de lectura a un único libro. Sempre digo que é pola miña condición de "aspergeriano" non diagnosticado, xa que son incapaz de non ler tres ou catro libros ao mesmo tempo. Quizais por necesidade de conter a dispersión analítica. Ou para calmar a miña inquedanza permanente de curiosidade empírica.

Neste fin de semana estes catro libros son:

1) Mortalidad, de Christopher Hitchens, un libro incrible onde o autor relata, cunha entereza atea impresionante os seus últimos meses de vida desde que lle diagnosticaran cancro de esófago.

2) Sobre la educación en un mundo líquido, de Zigmunt Bauman, que a través dunha conversa con Ricardo Mazzeo traslada a súa visión sobre a educación.

3) La revolución de los vikingos. La victoria de los ciudadanos, de Elvira Méndez Pinedo, que, desde a súa privilexiada posición de vivir os acontecementos de forma directa, conta como se padeceu a crise-estafa en Islandia e como a cidadanía lle foi poñendo remedio.

4) España, destino Tercer Mundo. Endeudados, sin fábricas, sin empleos y atrapados por el corralito, de Ramón Muñoz, que conta o escenario -para algúns apocalíptico, para outros realmente posible- ao que imos en España debido ás malas e interesadas decisións da oligarquía política -e ao errado voto da cidadanía, todo hai que dicilo- e financeira.

Os dous últimos son ben interesantes por establecer os camiños diverxentes para atacar esta estafa.

O de Elvira achega as claves de por onde cómpre camiñarmos para empoderarnos como pobo. Para recuperarmos a soberanía. Establecer un novo proceso constituínte e impedir que o mercado domine as nosas vidas. O de Ramón introdúcenos niso que ninguén di que chegará como é un corralito que atrapará de forma masiva aos aforros da clase traballadora (se ben, para algúns xa chegou, pois as preferentes son un corralito inmisericorde). Recollendo palabras do libro: "éste es un libro en el que se augura un futuro triste y carente de escapatoria alguna. Por eso, su lectura no se recomiendo a optimistas impenitentes ni a votantes de partidos mayoritarios deseosos de escuchar que "todo se arreglará". Si acaso va dirigido a un tipo de lector inquieto, harto de leer las mismas mentiras que le han estado contando los medios de comunicación desde que comenzó la crisis".

O lector, a lectora será quen deba achegarse a estes libros e ver que camiño paga a pena percorrer: se o da revolución cidadá, indo de fronte e coas armas da desobediencia civil, pero de verdade e sen parar, sen repouso, para desarmar aos poderosos, ou se o da imposibilidade de escapar do naufraxio debido á imposibilidade de dita revolución.



lundi 21 janvier 2013

A DANZA NA MEMORIA


A DANZA NA MEMORIA


Sensación de abafo
o mercado en hora masa
as rúas ateigadas
e non obstante            aquí
no corredor da residencia
mesturas de fríos

De novo            vixía dos outros tempos
observo o encadeamento das accións
a secuencia dos tremores
a permanente anguria dos familiares

De novo            aí os vexo
el sempre vén
nunca falla
día tras día

Ela vive aquí ou quizais non
só está de paso            atrapada
El xa non podía cuidala
demasiada tensión
a perda das respostas
era demasiado premante

                       
De súpeto            de fóra
unha melodía devólvenos
a sexta sinfonía de Tchaikovski

E ela emerxeu
o corredor de encontros
fíxose pista
unha volta            e outra volta
e o seu rostro rexuvenecía
un vó de man
un paxaro pousándose no niño
e o seu corpo esquecía o tempo

Outro tendu            e agora un jetté
os demais ollaban marabillados
a maxia dos movementos
armonía dun mundo que se esvae

Elegante            ensínanos a traxedia
os sentimentos encadeados a unha fatalidade


A melodía cesou
El recolléuna            desvanecida            exhausta
os demais aplaudiron

Ela ignoraba as razóns
aquilo era ela
a danza na memoria
non sabía máis

samedi 19 janvier 2013

CONSIGNANDO SILENCIOS ANTIDEMOCRÁTICOS

Podería ser unha pregunta. Refírome ao título deste comentario que será forzosamente breve porque até me produce unha especie de noxo mesturado con aldraxe falar deste tema.

Admito que somos, AGE, unha forza indesexable. Para o PP, máis tamén para as outras dúas forzas, como se estivesemos trastornando non se sabe moi ben que situación natural.

Desde o principio, experimentei esa sensación de torpedeo, de obstaculización. Onde debera dicirse pluralidade, apareceron redución de iniciativas e de minutos. Queren un parlamentarismo reducido a unha rutina que mata e queren transmitir que non serve para nada (así terían doada a xustificación da amputación de deputados).

Repito. Unha mestura de noxo e aldraxe. E insisto. Podo entender que os da oposición nos vexan con xenreira.

Pero non podo xustificar. Menos en democracia. Menos nos medios de comunicación...o silencio deliberado. A censura deliberada.

Pode ser que esaxere? Si?

Onte tivo lugar, ás 11h30, na sala azul do Parlamento a rolda de prensa de AGE para presentar as emendas á totalidade, de devolución coa presenza de todos os deputados e deputadas de AGE, agás eu, que non podía estar presente.

Hoxe procurei atender aos medios. E que me atopo sobre a rolda de prensa da TERCEIRA FORZA POLÍTICA DE GALICIA saida das urnas o 21 de outubro?

Mirei a través do motor de búsqueda de google. Mirei nalgún dos medios dixitais. Ollei algún dos medios en papel -xa escasos- de alcance nacional.

Agás un medio visible na zona sur. Rien de rien.

Esquecemento? Curioso. Porque os xornalistas recolleron fotos, comentarios, e recibiron as emendas. Decisións editoriais? 

Insisto. Por respecto a máis de 200.000 persoas que optaron por AGE. Por respecto á Democracia, á Pluralidade Informativa. Isto non se entende, a menos que pensemos que estamos nun estado criptofascista, que impón a censura de maneiras pouco visibles para a maioría social.


O resultado é que hoxe as xentes de Galicia, sobre todo as que non acceden a internet, e consultan o que sae na prensa escrita, ignoran en que consisten as nosas propostas porque alguén así o decidiu.

jeudi 17 janvier 2013

INTERVENCIÓN NA COMPARECENCIA DO CONSELLO DE CULTURA GALEGA


CULTURA E BARBARIE
derrubemos as torres

Quixera, antes de máis, saúdar ao presidente do Consello da Cultura Galega, así como aos membros do seu equipo de traballo. E en nome de Alternativa Galega de Esquerda destacar a presentación das liñas de traballo executadas e o bosquexo do que se proxecta realizar para este escurecido ano 2013.

Ao longo das diversas comparecencias de conselleiros e conselleiras, que se están sucedendo desde a semana pasada, tivemos o infortunio de escoitar fabulacións, mentiras e falsidades en relación ao poder marabilloso que teñen os orzamentos do ano 2013: que con menos, se pode facer máis, que con menos recursos se acada máis reparto e maior beneficio social.

Este discurso agocha unha política sinxelamente destrutiva. Erosiona cada vez con máis forza as posibilidades da sociedade galega en poder acceder á cultura. Porque non esquezamos que as institucións públicas, todas aquelas que, en liñas xerais, reciben axudas públicas, teñen a función de re-distribuír a riqueza. Neste caso, o ben común que é a cultura.

E como se pode facer isto, como pode ter rango de realidade o dereito á cultura cando, desde que comezou a gobernar o PP os orzamentos dedicados á cultura só coñeceron amputacións sucesivas (lembremos, de 79 millóns no 2012 a 61 millóns o orzamento de cultura; e baixada do 5,5 % do Consello da Cultura Galega que se suma aos acusados recortes de anos anteriores).

Hai que dicilo. Máis aló da grandilocuencia dos números, das porcentaxes e das cantidades que, en boca do poder, son unha operación de distracción que perfora a capacidade de atención e impide a reflexión esencial, queda a realidade da estratexia, da ideoloxía destrutiva que é a que conduce a existencia destes números.

Esa ideoloxía capitalista, ultraliberal, busca o "baleirado" cultural. A destrución do que é a cultura...en tanto que expresión creativa dun pobo dono de si. Da cultura como empoderamento da sociedade. Da Cultura como latexo que percorre as rúas das distintas vilas e alumea experiencias que doutro xeito son inaccesibles.

Para a dereita a cultura non é investimento. É un produto mercantilizado que debe competir e ofrecer rendibilidade económica. Por iso, hoxe, a cultura fenece baixo o golpe das súas gadoupas. O goberno da Xunta esquece, porque non ten ese tipo de memoria, que a cultura posúe unha enorme rendibilidade social.

A barbarie á que nos queren levar é froito dunha única e exclusiva teima: contentar a Don Mercado (así podemos entender que despois da vida pública certa caste política remate os seus días no cemiterio dos asesores en empresas privadas) e a súa Dona, chamada Déficit, que vé como os seus adoradores lle entregan neste ano 2013 máis de 1.110 millóns. E falamos dunha débeda en boa medida ilexítima, que socializa a estafa e provoca a degradación dos servizos públicos e fai que a cultura quede reducida a unha mínima expresión de supervivencia debido ao voluntarismo militante dos seus axentes sociais.

Pero, o PP teima en dicir que todo vai ben. Acaso alguén pode esquecer as palabras de Feijóo, de que estamos nunha Galicia solvente e saneada? Entón, por que os axentes sociais que dinamizan a cultura se queixan con amargura do incumprimento de promesas, da inacción do departamento de cultura? Por que pequenas compañías teatrais se ven na obriga de pechar? Por que os cineclubes malviven e pechan? Por que cáseque todas as voces autorizadas falen de "precariedade", "inestabilidade", "debilidade" ou "escaseza"? Que se seguimos así, asistiremos ao enterro das artes escénicas en Galicia?

A cultura de base, a cultura en xeral languidece e vese na obriga de facer exercicios malabares para cadrar menos recursos coas funcións que teñen asignadas e que desexan manter. Isto tamén acontece, segundo se desprende da traxectoria destes últimos anos, co Consello da Cultura Galega.

Non se pode, e menos nestes tempos de crise-estafa, renunciar ao papel de axente redistributivo. Non podemos aceptar, polo tanto, máis rebaixas, máis recortes. Dicir hoxe non a unha liña cultural significa perdela seguramente para sempre.

E iso é o que pode pasar. Na comparecencia que tivo o sr. Villares o ano pasado xa avisaba da dificultade de poder manter actividades, desenvolver o traballo e manter a velocidade de cruceiro. Se consideramos que este ano a cousa segue baixando, pois temos máis do mesmo.

E non obstante, o Consello da Cultura Galega procura responder aos obxectivos que se propón ano a ano. Un dos proxectos anunciados na súa comparecencia do 2012 era facer do Consello un lugar de debate. E abofé que o acadan, xa que un dos informes, aínda sometido a debate, sobre a situación e perspectivas das artes escénicas, ofrece datos que a Xunta debera ter en conta (se realmente lle preocupa a Cultura).

Nun contexto que nunca foi moi proclive para o desenvolvemento do tecido cultural galego, hoxe os axentes sociais alertan de que a precariedade, coa carga negativa que este termo confire a calquera tarefa, se apodera do exercicio profesional, das políticas de creación e de difusión.

Até 14 situacións de carácter negativo sacuden hoxe as artes escénicas galegas e vounas enumerar de xeito rápido xa que son, en certo modo, as que definen á situación xeral da cultura (e non só da cultura) no noso país: o curtopracismo; a precariedade laboral; carencias graves nas estratexias de creación, difusión, comunicación e promoción; ausencia de política cultural; escasa democratización cultural; mercantilización; escasa normalización da educación artística; o abandono do carácter comunitario; a escasa dignificación por parte das administracións públicas, o cal se entende visto o seu desexo de "desentenderse" da cultura e de avanzar nos procesos de desmantelamento do carácter público, comunitario e local dos espazos de creación-difusión.

Somos sabedores das queixas do sector cultural do noso país. As queixas, as críticas, mesmo a indignación, chega desde todos os sectores. Aínda nos preguntamos -e de aí que o teñamos que denunciar- por que a Consellería de Cultura eliminou experiencias tan importantes como Camiños de Cultura. Un circuito cultural que garantía que a maior parte dos concellos pequenos e, principalmente, do rural galego tivesen acceso a unha determinada programación cultural (teatro, música, maxia etc.). Circuito que, ademais, permite ás compañías teatrais de pequeno formato, teatro de rúa e circo, maxia, non só achegar a súa creación artística a pequenas localidades (moitas do interior de Lugo e Ourense), senón sobrevivir na selva devoradora que o capitalismo salvaxe da dereita nos quere impoñer como único hábitat.

Por iso, temos que derrubar as torres onde queren recluír á cultura os adoradores de Don Mercado e Dona Déficit. Quedar nesas torres será axudar ao PP no seu simulacro: isto é, gobernar a cultura galega sen crer nela.

Reiteramos desde Alternativa Galega de Esquerda que a cultura é un ben común. E esixímoslle á Xunta de Galicia que cumpra coa súa obriga, como poder público, de garantir o acceso á cultura, ao desenvolvemento persoal e comunitario e de defender a nosa identidade cultural.

Comparativa 2012/ 2013
CONSELLO DA CULTURA GALEGA

2012
2013
variación
Gastos de persoal
1.282.955
1.238.547
- 44.408
Gastos correntes
1.037.000
985.150
- 51.850
Investimentos reais
225.000
210.500
- 14.500




total
2.577.455
2.434.197
143.258









 Xabier Ron
Parlamento de Galicia, Comisión 3ª de Economía
Orzamentos 2013

jeudi 29 novembre 2012

O SEÑOR NÚÑEZ, ESQUIZOFRENIA NO PAÍS DAS MARABILLAS CON "EDUARDO MANOSTIJERAS"...OU COMO RESULTA UNHA TORTURA ESCOITAR MENTIRAS E DATOS MANIPULADOS

O segundo acto rematou. E durou. Teño que admitir que tanto formalismo e protocolo roe o meu interior. A política non precisa de prácticas impostadas nin de xestos forzados.

Comezamos ás 11h30. Até as 15h se prolongaron as intervencións. As intervencións dos voceiros dos grupos presentes no Parlamento tiñan previsto unha duración de 35 minutos, sendo a do candidato de tempo libre...é xusta esta anomalía? Se no turno de mañá non é tan problemático, nas réplicas da tarde (iniciouse ás 17h) só lle dan a cada voceiro 10 minutos e o sr Núñez estivo "largando" desde as 17h40 até as 18h37 minutos....é xusto isto? A oposición ten que dicir o que quere en 10 minutos e o sr. candidato 60 minutos?

Non podo ser obxectivo.  Lóxico, non?

Considero que na primeira tandada estiveron ben as intervencións de AGE (o sr Núñez faltoulle o respecto deliberadamente varias veces á hora de nomear as nosas siglas políticas...ou ben é realmente iletrado e non sabe lelo correctamente e debera recibir apoio educativo dun departamento de audición e linguaxe), estivo tamén ben a do BNG e regular (cun inicio realmente baixo, e con carencias ideolóxicas no soporte discursivo) a do PSdG.

Na tanda da tarde estivo, penso, moi ben Beiras (AGE). Atacou directamente as mentiras que tanto poboaron as palabras do sr. Núñez pola mañá. Por momentos sublime na acusación directa e levándoos a confrontarse co seu pasado, coas súas políticas destrutivas. Levando a rebelión cívica ao Parlamento.


Unha cousa quedou clara: o sr. candidato é un hábil manipulador dos datos e, como se fose un ferreiro, dálle a forma que desexa aos mesmos, pero a realidade é teimuda. Estouraralle nos fouciños cando a cidadanía acade un grao de conciencia crítica tal que as mentiras e a manipulación masiva inoculada desde as grandes corporacións mediáticas   xa non sexan capaces de agochar a globalidade do panorama. E outro aspecto emerxeu: Puy é un mal locutor que procura empatizar mentres coloca o discurso no mundo do abstracto (o das exportacións foi un claro exemplo), do mercantilismo, comportándose, ao igual ca o seu xefe, nun adorador da xestión empresarial (privada).

Ambos, o Sr. Núñez e o seu fiel seguidor practicaron hoxe o dialéctico xogo de ser oposición da oposición. Demostraron unha absoluta insensibilidade real, mais aló da retórica amable que só empregou, xunto con promesas en forma de títulos de Leis, mentres sabia que saía na TVG.

Insensibles e algo desnortados. Semellaba que era a primeira vez que ían sentarse no epicentro rector da política galega. Mesmo, nalgún momento, daba a impresión de que o bipartito viña de perder as eleccións, tal como se facía lembranza das herdanzas (malignas para o PP) do bipartito. Raiaba. Que fixo o Sr. Núñez ao longo destes 4 anos?? Semella que nada se consideramos as súas teimas. Ah, non! Si hai algo, insistir que hoxe vivimos nunha Galicia "saneada e solvente". En que Galicia vive? Eu véxoo a medio camiño hoxe dunha esquizofrenia: vive no País das Marabillas en compañía de "Eduardo Manostijeras"; e non recoñece que mentres el afirma facelo  "chachipiruli" todo (claramente falso), o das Tesoiras segue levando ao conxunto do estado a un baleiro, a un acantilado ben fondo.

Invocan a "crisi" (mira que se pronuncia mal esta palabra no Parlamento!). Nalgún momento, se non recordo mal foi o Puy, chegan a acusar de forma velada do endebedamento ás propias familias. Sitúanse sempre no discurso económico, de tal forma que a política non ten nada que ver co que acontece nese discurso. Pero, claro, é unha auténtica burrada. Queren levarse ben coas oligarquías mentres simulan botarlles en cara aos xestores das caixas o destino que en hoxe en día o caramelo bancarizado.

Pero resulta que todo, todo, parte dun sistema político viciado, que se axeonllou en perfecta sintonía ante o sector financeiro para que este acadase unha regulación que lle fose, en todo momento, beneficiosa. Quen dixo que o capital non quere regulación? O que quere é unha lei feita á súa medida para poder seguir gañando espazos de poder e decisión políticas. O que está podre é a Democracia por mor da cobiza do Capital que se está facendo dono das nosas institucións e das Leis que aí se promulgan. Por iso é preciso combinar a acción no Parlamento coa mobilización nas Rúas. Mentres non academos darlle a volta e expulsar da toma de decisións aos poderes económicos e financeiros, o Parlamento será sempre unha cámara de tortura nas súas múltiples manifestacións metafóricas. 






mardi 27 novembre 2012

FEIJÓO NO PAÍS DAS MARABILLAS OU COMO MENTIR SEN RUBORIZARSE


Xa saín do abraio. Durou bastante tempo a escenificación: desde as 9h30 até as 11h10. Demasiado tempo para ter que escoitar como a palabra pode ser secuestrada para participar, moi ao seu pesar, na textualidade dun discurso cheo de irrealidades, de profecías irrealizables, en definitiva de mentiras.


O candidato a presidente describiu, con total impunidade, un país irreal. Só lle faltou unha presentación en power point e teríamos a perfecta charla dun xestor dunha empresa privada que presenta o seu balanzo.

Orde-rigor-planificación. Austeridade. Crecemento. Leis. Plan Estratéxico. Estas foron, sen dúbida, as palabras máis recorrentes. E tamén as que se vían dotadas de menor realidade semántica. Lanzadas directamente ao baleiro.

Feijóo empregou os datos para desvialos da súa dura e crúa realidade. Mesmo semellaba que viña de chegar, como esquecendo que estivo 4 anos antes. Ou quizais fose unha forma de asumir que, en efecto, a lexislatura anterior, se caracterizou pola inacción en materia de emprego e polos recortes de todo tipo.

A crise non é só económica. E non foi un ente abstracto o seu causante. Foron as políticas de dereitas, as políticas ultraliberais, as causantes da desfeita sistémica.

A quen quere enganar aludindo de forma velada á herdanza do PSOE (estado) ou Bipartito (nación)?

A quen quere enganar coas promesas ou profecías de crecemento no que podemos definir ano santo de transición económica  2014??

Que significa para este personaxe  blindar os servizos públicos? Quizais que os vai converter en herméticos e que para usalos deberemos ter que pagar cada vez máis?

Como pode empregar sen ruborizarse a figura de “modelo de cidadáns esforzados” como xustificación da suposta “aceptación” dos recortes? A recente folga xeral demostra que a xente non os acepta.

Ao longo do seu discurso empregou os cualificativos de “saneada”, “solvente” como esencia do seu exemplar goberno...pero esquece dicir que con el pasouse de 3500 millóns de euros de débeda a 7.000.

Por moito que lance balóns fóra, a súa política ten moito que ver coa perda das caixas para a sociedade. Esquece dicir cal foi o seu rol no tema das preferentes. Ou cal será a súa actuacion no tema dos despedimentos dos 2000 traballadores que se pensa se producirán unha vez se acepte o diñeiro de Europa. Non se trata dunha banca nacionalizada??

Houbo un longo intre en que adoptou o traxe de profeta. Nostradamus foi un principiante. Feijóo profetiza que o 2014 será ano santo de transición económica. Profetiza, ao igual que o seu líder, Mariano Rajoy, que é lóxico demorar os desafiuzamentos durante dous anos porque as condicións económicas negativas que provocaron o lanzamento desaparecerán no 2014. Simple coincidencia?

E lanza o seu fondo para o crecemento, como se con nomealo, o traballo vai abrollar. É un perfecto sinónimo dos polígonos industriais: noméanse, fanse invocando os milleiros de postos de traballo e...quedan sometidos ao esquecemento.

O peor momento foi cando falou de investigación. Para min un insulto. Un ataque ante os numerosos casos que coñezo de degradación das condicións de traballo de colegas, ante os casos de despedimentos, ante os casos de mil e unha promesas incumpridas en materia de estabilidade.

E veña a falar de Leis. E así chega a Lei do Emprendedor  con non se sabe moi ben que “triquiñuelas” en concepto de bonificacións e exencións (imposto de sucesión, de transmisión patrimonial...) para convencernos de que será unha panacea. 

E para chegar ao corazón, alude á mocidade, a quen recomenda como primeira saída, o autoemprego. E lánzase, así, como se fose natural a sucesión, a falar de automoción, de plan Abalar (¿?), todo aderezado dunha planificación ordenada (sic) a medio e longo prazo (sabe que quere dicir con isto?).

E entón xorde a palabra totem: austeridade. Nada se libra da austeridade neoliberal: salarios, número de deputados e deputadas, concellos, ..... E trememos cando nesa liña discursiva sae unha nova Lei de Réxime Financeiro e, peor, unha Lei do Empregado Público.

Moitas cousas máis habería que citar. Todas as que figuran no apartado dedicado á ordenación do territorio...que son para tremer e non sei se de frío ou de medo.

Duro momento foi cando se puxo a falar do rural...e do sector lácteo. Nese momento uns compañeiros do Sindicato Labrego Galego e outras organizacións agrarias fixeron uso da liberdade de expresión para despregar no palco de convidados unha pancarta e berrar que ese señor estaba mentindo e que o sector lácteo está en grave perigo (cómpre dicir que se lanzaron enriba deles como se fosen terroristas e mesmo foron identificados pola policía autonómica; lamentable: o Parlamento....casa do pobo...ja!). Na súa mente ultraliberal...que entenderá por “plan de industrialización do rural galego”? O que está permitindo en Corcoesto, coas nocivas minas de ouro?

Cando falou dos servizos públicos (sanidade, educación, sector social) déume a impresión de, se pechaba os ollos, estar asistindo a unha mestura de dúas accións fílmicas: a de Alicia no país das marabillas e a desa (insoportable, para min e a miña compañeira) publicidade que anuncia unha compresa e que fai que a muller vaia saltando polas rúas feliz.....

samedi 24 novembre 2012

NON SE TRATA DE OUTRA COUSA QUE DE RESPECTAR A DECISIÓN POPULAR...

Canso estou de ler, ás veces o fago, pero realmente cansa a falla de análise política e o insulto e descalificación desmesuradas.

Resulta que andar polos corredores do parlamento, a falta de 3 días de que se produza o inicio do ciclo político co debate de investidura do candidato, debe ser considerado como algo normal. Pois non. Mirade. Todo o que puidemos facer debémosllo á xenerosidade dos traballadores e traballadoras do Parlamento. E tamén, como non, á dos xornalistas, xa que, por exemplo eu, estiven ocupando a sala de prensa.

Teño que considerar normal que nos traten como unha forza "intrusa". É obvio que AGE vulnera o seu status quo: de que outra forma se pode nomear cando vemos que se considera que salas, despachos, etc, son propiedade de grupos políticos e non da soberanía popular que di quen debe estar arriba, abaixo e no medio.

As persoas falsas andan dicindo de todo, pero sen ter nin idea de nada.

E tamén estou algo anoxado coas editoriais dos medios:

como é posible que non fagan pedagoxía co esnaquizamento dos usos parlamentarios (que non abroiara o alporizamento polo feito de que cando máis pluralidade hai, menos representantes políticos hai na Mesa do Parlamento, demostra que, ao igual que o PP. consideran ao Parlamento como algo carente de sentido democrático), co número de membros das comisións parlamentarias ou coa asignación de espazos.

É o mesmo ocupar un espazo de 180 metros cadrados ca un de 230?? Se tan lindo e fermoso é o novo espazo...por que non se vai para alí o grupo que, segundo o reconto dos votos, quedou en cuarto lugar?? Pregúntome sempre os motivos de que vaian á procura do baleiro reflexivo.

Non se trata de pataletas. Trátase de que se respecte o voto emanado das urnas. Pero, tal como aconteceu coa Mesa, sabemos que as acomodadas organizacións do Parlamento non cren nas decisións democráticas.





samedi 17 novembre 2012

AS PALABRAS PRONUNCIADAS NA CONSTITUCIÓN DO PARLAMENTO DE GALICIA

Onte, varias persoas convidadas non puideron escoitar na sala de convidados e convidadas as palabras pronunciadas por nós, deputados e deputadas de Alternativa Galega de Esquerda. O camarada e ilustre representante da nosa memoria republicana Xesús Redondo Abuín pediume que as deixase escritas.

Velaquí van:



Si, acato por imperativo legal gardar fidelidade á Constitución e ao Estatuto de Galicia, e loitar, en base ás miñas conviccións republicanas, para que sexan verdadeiros garantes dos dereitos sociais e cívicos do pobo galego, polos que tanto loitaron os nosos camaradas.



Acompaño estas palabras con dúas imaxes pertencentes a un dos momentos máis emotivos da miña vida política. O momento de entrar na sala do hemiciclo, despois de que 200 persoas nos acompañasen desde a Praza de Galicia até a entrada do Hórreo. Emoción que vén cargada con moita responsabilidade.
A outra imaxe, unha panorámica onte estamos os 75 deputados.

O discurso de Beiras, aproveitando a presidencia da Mesa de Idade foi, sinxelamente, unha maxistral lección de como elaborar un discurso e dicir baixo unha aparente e inofensiva articulación textual como a democracia galega ía caer no sinsentido, como asi foi, logo das votacións á Mesa do Parlamento.

dimanche 11 novembre 2012

RAZÓNS E MOTIVOS SOBRAN

Sempre que asoma unha data esencial, unha data de folga xeral, vén tamén a necesidade de achegar argumentos que animen, impulsen, etc. 

O certo é que pode resultar raro ter que facelo. A data xa era coñecida en tempos electorais. E, de feito, as alertas xa dicían que os ataques calculados das oligarquías dominantes ían incrementarse unha vez pasada a data do 21 de outubro de 2012 en Galicia e Euskadi. 

Debido ao resultado electoral en Galicia, con maioría absoluta do PP, neses intres en que as voces resoan no espazo público, teño escoitado argumentos ben curiosos como, "pois agora, que se fastidien, xa que ese é o seu voto, eu non vou á folga". 

Podo entender a frustración polo resultado electoral. É lóxica. Pero mal faríamos, en primeiro lugar, en non valorar os resultados electorais na súa xusta medida, posto que só un 24%, creo, da poboación apoiou a continuidade de Feijóo. Os restantes quedaron en casa ou foron a outras organizacións como AGE que asomou con forza, rompendo o status quo acomodado do Parlamento de Galicia. 

En segundo lugar, considerando que a decisión de facer folga debe ser unha decisión política e ideolóxica cómpre pensar que, se estás en contra das políticas que nos fan vivir peor, e ter menos dereitos e un horizonte escurecido, ao quedar en casa non é que se fastidien os que votaron a Feijóo, senón que perxudicas a loita pola recuperación dos dereitos perdidos e beneficias ás políticas destrutivas das oligarquías dominantes que queren que o 14 de novembro de 2012 sexa un día máis, sen máis. 

En terceiro lugar, quero engadir un factor que non pode permanecer alleo: os medios de desinformación masiva, controlados polos poderes dominantes, non deixan de manipular e agochar a realidade máis crúa. Así fan cos suicidios derivados das políticas de recortes (quedarse sen traballo, quedarse sen vivenda, etc...). Quizais, a etiqueta que mellor cadre sexa a de alienación. E, así, moitas persoas, da clase traballadora, votan a quen máis os está atacando. E tamén algo de culpa temos na esquerda cando non sabemos baixar de forma pedagóxica aos espazos onde máis se abate a alienación.

Pero non. Non podemos deixalo ir. É difícil, pero mesmo os que teñen medo teñen que dicir non a ese medo paralizante. Esther Vivas e Josep María Antentas din que como cidadáns perdimos o medo, pero que como traballadores permanece a resignación. A min, francamente, resúltame difícil practicar unha separación entre as dúas condicións.

Precisamente, coido incluso que a folga xeral asocia nun todo indisociable a condición de cidadanía e de clase traballadora. Dicir que non teño medo como cidadán, e logo non vou á folga xeral por medo (a categoría de resignación é menos categorizante), resulta algo complexo de entender.

Se a patronal experimenta que nada a pode frear, seguirá abafándonos cada vez con máis forza. Hai exemplos de resistencia: aí temos aos 7 traballadores de telefónica en folga de fame, defendendo o posto de traballo dun compañeiro despedido de forma improcedente, como ditamina a sentencia do xuízo. Día si e día tamén vemos ao sector de educación saír ás rúas reclamando que non se siga destrozando aos servizos públicos básicos. Vemos ás persoas afectadas polas preferentes reclamar unha solución ao roubo que padeceron. 

A dimensión europea da xornada de loita e folga xeral debe animarnos tamén. Rachemos coa etiqueta de PIGS que nos regalan os voitres que babexan sobre os nosos servizos públicos. Rachemos coa Europa involucionista que queren construír os amantes do capital. 

Somos parte da mesma clase traballadora.


vendredi 2 novembre 2012

AMAR O LATÍN OU COMO WILFRIED STROH NOS LEVA COA MAXIA DAS PALABRAS AO BERCE QUE SOMOS

Os meus alumnos e alumnas saben que o latín é para min fundamental. Emerxe no medio das miñas charlas sobre a lingua francesa baixo formas diversas: sentencia, citas, etimoloxías, reflexións filosóficas, versos, de todo un pouco vai abroiando. 

Considero imprescindible esa viaxe permanente para explicar que somos esa lingua todos os días, por moito que unha morea de persoas que se autoproclaman sabias digan, en moitas ocasións de forma sempre pexorativa, que é lingua morta -de feito, ante o avance do globish, algúns din que mesmo o francés que ensino é lingua morta-, que non serve para nada, etc. 

Por iso, que ledicia comezar a ler o libro de Wilfried Stroh, experto en todos os eidos que estouran cando aparece o latín. O hoxe profesor emérito de Filoloxía Clásica da universidade Ludwig Maximilian de München ensinara entre 1972 e 1976 en Heidelberg. O libro, en alemán chámase Latein is tot, es leben Latein, que foi traducido con acerto por Fruela Fernández, como El latín ha muerto, ¡Viva el latín! en proxecto ideado por Ediciones del Subsuelo, de Barcelona, neste ano 2012. 

O libro na súa edición xermana naceu no 2007 e tivo tanto éxito a saída que tiveron que editala de novo nese ano, e no 2008 en edición de peto, e acadou moi cedo máis de 100.000 exemplares vendidos...pas mal pour le latin!!

No 2008 traduciuse ao francés. Por desgraza, e acontece moito coa produción científica nada en Alemaña, tivemos que agardar 5 anos para ter unha edición en lingua castelá. Pero a espera paga a pena. Aquel que sinta curiosidade, desexos de coñecer o avanzar nos seus coñecementos non se sentirá defraudado. 

Wilfried Stroh non exerce un estilo tradicional no sentido de asoballar con evolucións fonéticas, con disgresións sobre a morfoloxía. Non, el dálle forma de anécdota ao coñecemento e provoca un dobre saber que é difícil de describir. Cómpre vivilo. 

O erudito defende a necesidade de ensinar o latín non como repertorio de traducións da lingua de partida á lingua de chegada e cun enorme aparello teórico, senón coa metodoloxía de calquera lingua estranxeira. Con vida. 

"No es en absoluto casual que, como demuestran unas impresionantes estadísticas, quienes estudian latín en el instituto destquen también en el resto de las asignaturas y lleguen a aprender el resto de idiomas ofertados. No es banal la afirmación de que, mediante el latín, se puede desarrollar el razonamiento lógico(...). En cualquier caso, la experiencia revela que quien habla latín aprende con más facilidad otros idiomas" (pp.24-25). 

Quen estudara a Filoloxía Románica sabe do que se fala: coa aprendizaxe do latín vestímonos coas debidas ferramentas para todas as linguas da Romania. Esa viaxe aprendida é a que levo a cabo nas miñas aulas. Vida e paixón. Amare. 

E remato coa reflexión final do capítulo inicial (Introitus) (p. 26): 

"En cualquier caso, se podrá demostrar que la lengua latina es, al menos hasta el día de hoy, la lengua más exitosa del mundo, (regina linguarum). Y su biografía, que congrega a los personajes y acontecimientos más fascinantes de la historia europea, es tan rica en sucesos y tan entretenida como una novela de aventuras. Así que, si algún lector se enamorara del héroe de esta biografía hasta el punto de inscribirse en el próximo curso de latín disponible, daría una gran alegría al autor de esta obra. 
Legite. Lean!
Operae pretium erit. No lo lamentarán"