dimanche 6 octobre 2019

A INTELIXENCIA DEFÍNENOS A TODAS AS PERSOAS...SEN EXCLUSIÓNS DE NINGÚN TIPO

A orixe destas palabras nace na lectura do artigo xornalístico, “La maldición de la inteligencia, cuando ser listo se vuelve en tu contra”, publicado en La Voz de Galicia de hoxe, domingo 6 de outubro de 2019, asinado por Andrea Presedo. O tratamento será crítico e explicativo, contrastando as supostas realidades que trata o artigo coa nosa experiencia como docente, que xa entra na súa terceira década.

1º) Non é para nada acertado mesturar o que é propio da intelixencia co que é natural de ser listo. O titular do artigo contén unha falacia por simplificación. Unha simple consulta no diccionario da RAE xa nos informa que non son sinónimas e que, como moito, e non en todos os casos, ‘ser listo’ podería ser unha das demostracións prácticas da intelixencia.

2º) A intelixencia non é algo que determine só a algunhas persoas...A intelixencia defínenos a todos os seres humanos. É consubstancial...sen ningún tipo de exclusións ou segregacións, a pesar da diversidade da súa manifestación. Calquera das 5 primeiras acepcións da RAE manifesta esa natureza humana, diversa na súa execución e aplicación.

3º) Hai unha deliberada ‘sobre-interpretación’ ao redor das etiquetaxes da diferenza. Unha práctica que hoxe conleva unha abusiva medicalización e conduce a un (indebido) tratamento educativo non igualador. De feito, se non se iguala...cáese no risco de segregación interna dentro da aula. Cómpre non perder de vista o real –a diversidade é consubstancial a todo grupo humano- e tender ao necesario: unha educación igualadora, que reduza as desigualdades de partida.

4º) Fanse afirmacións estatísticas sen base científica, ou cando menos o 40% de suposto acoso escolar cara ao alumnado con ‘superdotación’ non está demostrado mais que no recurso ao concepto da autoridade. Non se pode contrastar, ergo, pode ser falso ou errado.

5 º) Hoxe en día cométese o terrible erro de pensar que todo grupo de alumnos e alumnas é homoxéneo e, baixo esa perspectiva, establécese unha especie de comportamento e actitude de ‘normalidade’, onde se marca unha determinada imaxe de sociabilidade que está moi lonxe de ser ‘común’. Así, claro está, esténdese a figura do ‘raro’, do ‘friki’, do ‘asocial’, do ‘solitario’, etc. Ante isto, loxicamente, non produce abraio que os supostos síntomas de acoso dun neno ou nena superdotada coincidan coa definición dun neno ou nena con asperger ou outro trastorno.

6º) Sempre temos a tendencia de practicar a epojé, a dúbida metodolóxica, e neste caso, dubidamos dos supostos éxitos da autora do libro ‘La maldición de la inteligencia’...(Pregunta maliciosa: cantos comprarán o libro despois de ler este artigo de LVG??).

7º) Que significa ser intelixente? Como é posible que esa suposta ‘superdotación’ –en España eufemizada ou tratada como ‘altas capacidades’...que lembra moito a iso de ‘altas prestacións’- sexa diferente entre países? É realmente mensurable nun número a intelixencia?

8º) Non todas as persoas sentimos da mesma forma, nin actuamos ante unha mesma situación de xeito idéntico. Un alumno ou alumna chega á aula cunha maleta de influencias, de desexos, de intereses, de motivacións que obedecen a circunstancias moi diversas. O persoal docente ten que actuar dunha maneira dobre: a) abrindo a maleta, ollar a súa composición para entender ao alumnado; b) pechala e deixala na entrada da aula para ‘conducir fóra dese marco’ ao alumnado, i.e. educar desde un punto de vista etimolóxico.

9º) O acoso escolar non é acoso escolar en función da diferenza, de se un é superdotado, homosexual, lesbiana, asperger, cego, xordo, etc...Non, porque iso suporía un terrible e perigoso reducionismo que, por riba, sería segregador. O acoso escolar pode afectar a todo o alumnado –teña ou non algún tipo de diversidade funcional- e é tarefa do equipo docente prever esas situacións e correxilas no caso de se produciren. O acosador ou acosadora opera desde un gran problema educacional e un complexo de inferioridade e verte a súa xenreira sobre o alumno ou alumna que considera máis feble ou do que coñece a súa febleza (que non ten por que corresponderse cunha diversidade funcional: ser tímido, ou desexar pensar e ler en soidade non son discapacidades, desde logo).

A nosa experiencia como docente, que se alimenta, ademais, da experiencia como alumno –sendo etiquetado como ‘diamante en bruto’, algo absurdo, tanto coma os números actuais de coeficiente intelectual- levounos a coñecer multitude de alumnos e alumnas que sobresaían polos seus excelentes resultados académicos aos que lles engadían, ademais, accións relevantes en materia de deporte, de creación literarias ou musical, de manifestación dunha especial empatía e solidariedade, etc. É iso ser intelixente? Pode ser, pero hai múltiples variables e non todas as persoas teñen que facer un ‘pleno al quince’ en todo...por iso, intelixentes sómolo todas as persoas. A verdadeira complexidade está en sacarlle partido en todos os eidos da vida tanto individual como social. Iso implica, necesariamente, educar tamén nas zonas escuras da vida, na existencia das dificultades, na proliferación do negativo, do rugoso e do áspero cando vivimos en sociedade, pero que temos que ‘convivir’...e, para iso, cómpre respectar ao outro, tal como é.

Cómpre educar tamén na frustración, i.e., non desenvolver unha educación asentada na mentira, senón na verdade dos tempos que corren, que non son os mellores para as persoas....sexan estas superdotadas ou non!!! A perfección debe ser só unha aspiración ética de mellora, nunca un fin dogmático ao que se chega competindo.

PD. Se un fai unha procura na rede sobre o alcance do concepto 'intelixencia' e solicita unha imaxe verá, con tristura,  como existe un terrible predominio do que se denomina 'intelixencia artificial'....Isto nunca debe facernos 'descreer' da consubstancialidade humana da intelixencia...(a capacidade de razonar, de coñecer, comprender e argumentar...)

vendredi 26 juillet 2019

A CURIOSA FÁBULA DOS CLANS 'TENGO', 'TONGO' E 'TANGA'

Hai pouco que chegou ás miñas mans o manuscrito, esvaído nalgunhas alturas, pero cuxa grafía aínda se pode ler se un sabe algo de paleografía, e con marxes algo líquidas, sen definir con regra ou pauta, sinalando a súa precaria formalización. 

Sexa como sexa, a min chegou e, como hai tempo que gardo silencio ante todo o balbordo exterior, que de tan alto xa nin o oio, quero deixar constancia do que nos conta o manuscrito do que vos falo.

Escrito nun francés algo deturpado, conta a fábula dos clans 'Tengo', 'Tongo' e 'Tanga'. Respectarei a súa grafía no que segue sen necesidade de entrecomillar, que é gravoso de máis. 

Resulta que nun país que se parece bastante ao noso, sexa este Galicia ou España, o mundo coñecido finalizaba e comezaba onde quería o clan Tengo, cuxas políticas de acaparamento non coñecían par e o pobo espallado só podía sofrer e padecer, desexando que os outros dous grandes clans, os Tongo e os Tanga medrasen e trouxesen, como prometían cando falaban, pan, teito, traballo e dignidade. 

Os Tengo aplicaban aínda taxas que proviñan, non da Idade Media, senón dos Tengo do Alén, que eran moito máis poderosos e cobizaban todo o que fose susceptible de formar parte da súa riqueza. A ostentación, xa se sabe, forma parte do poder. No entanto, sabedores de que hai que facer gala de certa xenerosidade, aplicaban unha interesada política de 'don' con certos sectores do pobo, para que, así, non houbese moita intención de revolución entre os pequenos clans. 

Por debaixo deles, os Tongo e os Tanga loitaron para facerse escoitar e prometeron novos paraísos e asaltos aos ceos dos mitos. Claro, a xente sen pan, sen teito, sen traballo e da dignidade demoucada, necesitaba crer nalgo. Era a súa única esperanza despois de anos de escuridade e de facer cola ante os celeiros dos ricos Tengo.

Chegaron novos aires, case parecidos a este cambio climático que abafa parte do continente, e os Tengo, sen que o puidesen prever, caeron ante o empuxe do Tongo; e os Tanga, que devecían por derrocar todas as políticas dos Tengo, querían, como fose, unirse aos Tongo para teren máis poder de confirmación dos desexos de boa parte do pobo. Algunha pasaxe do manuscrito incide en que a unión dos dous clans era posible de dúas maneiras, unha delas máis clara pola súa simpleza (alianza de intereses concertados e garantidos), outra máis escura pola súa complexidade (goberno conxunto).

Pero os aires cálidos foron crueis: as colleitas prometidas morreron, e os Tengo sorrían porque tiñan case todas as terras, todo o gran e a semente acumulada nos seus impresionantes celeiros.

Era necesario que os Tongo e os Tanga reaccionasen: foron días e días de curioso diálogo ao redor dunha mesa, pero as pombas mensaxeiras eran as que levaban, sempre, unha parte distorsionada, a que escoitaba, por boca dos pregoeiros, o pobo. Di a voz narrativa que era moi pouco útil ler esas mensaxes pois todo podía ser mentira e manipulación.

Todo apunta, segundo o que contén o manuscrito, que só quedaba unha opción, plantar unha semente que medraba rápido, nun par de semanas, e que podía producír alimentos suficientes para calmar a fame do pobo. 

Era o primeiro paso necesario. Imprescindible. Pero só quedaba unha terra o suficientemente produtiva para sementar, compartida entre os Tongo e os Tanga, se ben, todo hai que dicilo, os Tongo dispuñan da beira máis regada, e os Tanga da zona que recibía máis sol, complementábanse ben, xa que logo. O pobo celebrouno: pronto comerían. Os Tongo e os Tanga tiñan, non obstante, que se poñer de acordo antes da nova lúa, tiñan un par de meses para sementar. Tempo suficiente, de houber vontades, di o manuscrito, a estas alturas xa con evidentes vacilacións gráficas, desta curiosa fábula. 

Mais chegou a lúa nova e o campo non foi sementado. O narrador afirma que existiron unhas fortes discusións sobre o sentido da sementeira e de quen comezaría a colleitar o alimento para distribuír ao pobo, pensando así no mérito que tería a ollos do pobo. Non obstante, a voz narradora dinos que para o pobo tanto tiña quen fose o primeiro...só querían que se puidese comer e camiñar, por fin, lonxe dos agoiros negros dos Tengo. 

Despois de que pasou a lúa nova, chegaron interminables días de moita fame...Debeu ser moita, pois o manuscrito contén aquí unha iluminación cunha imaxe dun demo caracterizado cunha enorme boca con sangue e dentes infernais que zuga o que semella a alma das persoas. Si, debeu morrer moita xente dos Tongo, dos Tanga e moitos clans pequenos deixaron de existir. 

O manuscrito remata de forma abrupta, cando anuncia que os Tengo, unha vez que morría a xente, abriron as portas dos celeiros. E que eran ringleiras e ringleiras de persoas desesperadas que acudían a pedir unha pequena remesa para plantar...si...a cambio da dignidade...

Pregúntome que pasaría cos líderes dos clans Tongo e Tanga...


vendredi 12 avril 2019

SOBRE A NECESARIA CRÍTICA AO HIPERCAPITALISMO DIXITAL

Devoreino. O martes accedeu aos meus ollos polígrafos e o xoves xa engulira as súas páxinas (non chegan a 140). Referímonos ao libro do economista galego Albino Prada, Crítica del hipercapitalismo digital (Catarata/Fundación 1º de maio, Madrid, 2019).

Pode que sexa que estea escrito de maneira áxil, mesmo aí onde aparecen datos económicos ou táboas sinópticas. Ou pode que as súas teses veñen a dotar de forza o pensamento que levamos anos vertendo neste noso blog, nos diversos artigos de opinión que, de cando en vez, mandamos a medios como Praza Pública, así como nunha mesa de debate, que xa presentamos no Congreso do CILEC en Coruña no 2017, e en Vigo o pasado 30 de novembro de 2018 na Libraría Cartabón. Unha mesa en que reflexionamos sobre as consecuencias da dixitalización e da robotización na nosa vida e na sociedade.

Albino Prada ofrécenos un percorrido crítico sobre o actual hipercapitalismo e, no seu último capítulo, algunhas propostas de solución (pp. 108-134). Como é habitual cando comentamos ou presentamos libros, non imos entrar en todos os aspectos dignos de atención, senón que nos limitaremos a certos puntos de reflexión e debate.

Un dos aspectos nos que coincidimos plenamente é na crítica á obsesión cuantificadora do coñecemento científico, onde, por exemplo, a avaliación externa acaba por ser nada imparcial e científica, pois no que é unha nova modalidade da censura, dúas persoas anónimas, movidas quizais por certas fobias, practican unha selección negativa do que convén ou non publicar nunha revista científica. Por momentos, ademais, esa selección vén coincidir con certa onda de pensamento dominante ou hexemónico, favorable aos intereses dos axentes do sistema 'infocapitalista' (denominación de Albino Prada).

Esa obsesión penetrou en todos os eidos....e a esquerda, sobre todo a que practica o posmodernismo relativista, tamén se deixou colonizar pola obsesión, pola xerga e por certos conceptos do capitalismo salvaxe:

"No se libra de tal mutación la acción política y social, que se transforma en espectáculo electoral, a imagen de cualquier deporte competitivo gestionado por burocracias parlamentarias, trabajadores del aparato, empresas de servicios y financiadores profesionales" (p. 23) .

O hipercapitalismo dixital aséntase nunha distorsión esencial: aprópiase das rendas e do traballo social a través dunha privatización que opera baixo máscaras que algúns aínda hoxe poden considerar de esquerdas. Por exemplo, nese eido están Uber, Airbnb, Deliveroo, que demoucan os dereitos laborais de forma impune e que, en realidade, non son empresas colaborativas, senón empresas rentistas como as define Prada. As que actúan no eido da vivenda, especulan co prezo que posúe e hoxe baleiran os centros das cidades, inaccesibles para a clase traballadora, principalmente para a mocidade. Este proceso de especulación rentista vén da man dunha retirada do Estado social, e dun constante incremento das didicultades para acceder a servizos públicos.

Outros dos aspectos esenciais: a robotización da vida ten graves consecuencias sobre o emprego e sobre os sistemas de protección social. Por iso, ante unha situación de deterioro crecente, a solución, como sostén Prada, pasa por establecer unha renda básica, que debe ser a estratexia social prioritaria. Os datos que achega Albino Prada, tomados de fontes oficiais como a Contabilidade Nacional e a EPA, son elocuentes:

a) mesma produción no 2016 ca antes da crise...pero con moitas menos horas de traballo, isto é, con menos empregos...uns 2M500 mil empregos menos.

b) sector industrial: 2015 = 2002 en produción, pero cun 34% de horas menos.

Vexamos, polo miúdo, o que acontece en determinados sectores, os que máis avanzaron nos procesos de dixitalización:
automatización:-258.600 empr.
comercio: -87.200
transporte e loxística: -80.000
finanzas: -43.000

Isto é, -469.200 empregos, se contamos os que se crearon no eido da informatización e dixitalización, resulta que, entre o 2010 e 2016, perdéronse 340.000 empregos. A EPA rexistra un déficit de 612.000 empregos.

Un exemplo elocuente: Skype ten máis clientes que a British Telecom e posúe unha plantilla de 200 persoas, mentres que a Bristish, con menos clientes, emprega a 90.000 persoas. Entón, quen perde coa dixitalización? Resulta evidente, e só unha mente tecnófila non verá os males que a acelerada dixitalización trae ás nosas sociedades. Forma parte da falacia tecnolóxica (p. 53), pensar que o mundo melloraría coas pantallas. Prada chámalle a este proceso, e con razón, 'abducción neoliberal'.

Nun dos apartados, a construción do suxeito neoliberal, botamos en falta as achegas do pensamento de Harmut Rosa (a aceleración) e de Byung Chul-Han (a autoexplotación na sociedade do rendemento). Convertémonos en proconsumidores, propietarios e aforradores, mentres que desapareceu a palabra 'traballador'. A nivelación oligárquica desde a crise produciuse por abaixo, degradando e empobrecendo a toda a clase traballadora. Para esta nivelación, a oligarquia abduciu o Estado, que se converteu en cómplice, de tal forma que as institucións e as leis están ao servizo dos seus intereses.

Cómpre resistirse. Negarse, como di Albino Prada, a aceptar estas regras. Esta toma de conciencia sería moi necesaria para ir eliminando do noso imaxinario a falacia tecnolóxica e dixital. O economista galego non fala abertamente de socialismo, non obstante, formula unhas solucións que teñen o beneficio de conter a máquina do capitalismo salvaxe. André Gorz hai décadas xa avanzara a necesidade de poñer en marchas reformas non reformistas, isto é, reformas que supuxesen unha clara contestación ao capitalismo. A renda básica (que ben defende Albino Prada) pode ser unha desas ideas, xa que liberar ao ser humano para posuír unha certa dignidade do traballo precario que lle concede o capital, podería permitirlle usar o seu tempo libre en tomar conciencia da necesidade de non só frear o capitalismo, senón poñer ás persoas por riba dos intereses do mercado. E iso só pode acontecer co socialismo.

dimanche 7 avril 2019

O XORNALISMO-MERCENARIO OU O TRIUNFO DAS FAKE NEWS OU DA DELIBERADA MENTIRA

Non hai día que lea a prensa e non me indigne. Mais hai niveis de tolerancia. O meu rebasou hoxe ao ler determinada nova máis propia da ciencia ficción, da especulación máis insana, da futuroloxía máis perversa, que convertía cada liña non nunha especulación -sequera argumentada-, senón nunha acusación e nunha gran mentira.

Certamente, foi a través da propaganda como o nazismo logrou inocular o virus do odio que lle permitiu practicar logo o xenocidio. Convencer a través de mentiras que o OUTRO xudeu é un cancro para a sociedade, que era o culpable de todos os males. Primeiro, facer crer as mentiras; en segundo lugar, cando a mentira coloniza o pensamento e o imaxinario, xa se pode dar o seguinte paso: pasar das palabras aos actos; finalmente, co proceso de deshumanización completado, pódese exterminar...E todo...todo...comezou coa palabra deturpada do seu valor, convertida nunha gran mentira, que acusaba falsamente e que deixaba sen defensa ao OUTRO xudeu.

Hoxe, e xa falamos diso neste blog, chámanlle a iso 'fake news' ou 'posverdade', isto é converter unha mentira en verdade para favorecer certas estratexias do poder. 

Ollo, non quero xeralizar, mais o certo é que no medio do bosque dun xornalismo-mercenario dominado polos intereses corporativos da patronal, desexosa de facer caixa, asoman poucas pólas dun xornalismo de calidade e ética profesional.

A ética profesional faría que non se puidesen escribir artigos sen contrastar, convertendo unha 'imbecilidade' nunha verdade incriminatoria. Un artigo xornalístico ten que informar contrastando e acudindo a diversas fontes se se trata de dar un enfoque problemático. 

No entanto, o que fan algúns que se cren Nostradamus é directamente atribuír comportamentos e accións a determinadas persoas ou colectivos no futuro, baixo unha disimulada forma de acusación, da que non se poden defender as persoas e colectivos afectados. Unha vulgar mentira para contentar a algún amo. Noxento exercicio de xornalismo mediocre. Para quen le...un insulto, ademais. Como creo na liberdade de expresión, libre son de responder desta maneira a ese insulto. Sei moi ben que estas palabras non chegarán a ter o raio de acción da mentira do desalmado. Mais, fronte ao poder enorme que teñen de crear imaxinario -con esa intención poden mentir e acusar-, xusto é, ao meu entender, que esta miña liberdade de expresión se contrapoña á súa mentira...e nada mellor que permaneza na palabra escrita a defensa que realizo sobre esa gran mentira. Non é preciso dar nomes, o desalmado sabe ben quen é e o que fai. O seu xefe tamén o sabe. Son os donos da caixa do xornalismo-mercenario. 

Defendo aquí ás persoas que ousan escribir respectando o código de ética profesional que debe caracterizar a todo exercicio xornalístico. Hai notables documentos e manifestos que deberan ser guia dun xornalismo de calidade. Eles mesmos os elaboraron. Mais, o certo é, que o xornalismo-mercenario non sabe atender á ética que si respectan outros compañeiros e compañeiras de profesión.

Como dixo unha vez Gabriel García Márquez: "La ética no es una condición ocasional, sino que debe acompañar siempre al periodismo como el zumbido al moscardón".

dimanche 17 mars 2019

O SAHARA NON É DE MARROCOS, NUNCA O FOI. EN RESPOSTA A UNHA IMBECILIDADE COLONIAL E FALSA

Onte, ao redor do medio día, o meu móbil comezaba a estremecerse de máis coas mensaxes indignadas por unha nova que saía de boca dun personaxe público español en Marrocos. En concreto, todos me alertaban dun tal Jorge Verstrynge Rojas. 

E a verdade é que as súas declaracións -se é que non hai manipulación por parte de Marrocos- producíronme un anoxo difícil de conter. Pola realidade que ben coñezo do pobo saharauí, sometido a unha brutal ocupación e violación sistemática de dereitos humanos no seu propio territorio. E polos amigos e amigas de SOGAPS e da FRONTE POLISARIA, que deben estar non só aldraxados, senón abraiados ante a imbecilidade ou estupidez que puideron ler.

Pode que teña que ver co seu nacemento en Tánxer e a súa nacionalidade franco-española. Ou pode que sexa debido a unha amizade co rei de Marrocos. O caso é que a frase que emerxía no Ministerio de Cultura e Información do Reino de Marrocos de boca deste persoeiro: "le Sahara est marocain et il l'a toujours été" (O Sahara é de Marrocos e sempre o foi) representa unha aldraxe.

Non se corresponde coa realidade política contemporánea, en que o Sahara Occidental está pendente de culminar o seu proceso de descolonización [responsabilidade de España como potencia administradora] e camiñar cara a súa independencia. Neste mesmo blog hai sobrada información sobre todos os atropelos que sofre o pobo saharauí, polo que non vou reiteralos hoxe aquí.

Por riba, dicir que é unha creación de Arxelia significa ignorar todos os estudos arqueolóxicos e antropolóxicos que demostran a antigüidade das sociedades gandeiras predecesoras do pobo saharauí. 


Este funesto personaxe, especialista en bandazos e de mudar de chaqueta, supoñemos que en función dunha conveniencia nada ideolóxica, debera rectificar as súas declaracións ou cando menos aclararnos e houbo manipulación nas súas palabras. Para ben da verdade -na época da falsidade, das 'fake news'- e da necesaria reparación que precisan os amigos e amigas do pobo saharauí así como os seus representantes. 

O SAHARA NON É DE MARROCOS, NUNCA O FOI E NON É UHA CREACIÓN DE ARXELIA

mardi 5 mars 2019

CANDO NADA TEN SENTIDO. VERSOS FERIDOS PARA JON SÁEZ

Xantei coa nova. Algo que nunca desexas recibir: a morte dun camarada. Non o crin. Pensei que alguén errara coas siglas. Preguntei. Non, non había marxe para o erro, tristemente. Ao redor das 14h30 enterábame que o compañeiro Jon Sáez morrera atropelado en San Cibrao das Viñas. 

Sempre que morre un mozo coñecido ou amigo experimento unha creba no meu interior. Un esgazamento. Non hai morte entendida cando un é novo. Sempre se nos escapa. Ficamos orfos de todo. 

Cando pecho os ollos vexo ao Jon entusiasta, intrépido, ás veces de máis, como debe ser na mocidade. Vexo ao Jon alegre, unha sana alegría, cun sorriso que contaxiaba. Lembro as súas imitacións e non podo evitar sorrir.

Grazas Jon pola túa xenerosidade, por ese compromiso  coa esquerda, co comunismo e coa República que nos unía no PCG e en EU. 

Ninguén morre cando o lembramos, cando permitimos que salfira a nosa memoria. 

Pola miña banda, camarada Jon, lembrareite.  

Todo o meu agarimo e forza para a túa familia e amizades.

Apertas desde un chuvioso e frío Brión. 


VERSOS FERIDOS

Desafío 
frío

non hai versos amables
só un laio
pola inmisericorde 
morte

No combate de Don Carnal
perdimos ao irmán
ao camarada

A fouce e o martelo
ondea xa no ceo dos ateos
a forxa do compromiso 
permanece
tan inalterable 
como o esperanza nosa
que hoxe serve para honrarte

'España mañana será republicana'

Para Jon Sáez, 05-03-2019

 
 

lundi 4 mars 2019

POR QUE VOU IR Á FOLGA O 8M

Cando comecei a escribir estas liñas ignoraba en realidade cara a onde me levaría o texto. Só sabía que quería partir da aseveración seguinte, NON SON FEMINISTA, non como unha provocación, antes ben como unha toma de conciencia e como unha denuncia do uso e abuso da caracterización por parte non só das mulleres, o cal sería lóxico, senón mesmo por parte dos homes que, mesmo algúns que teñen espazo propio na representación política, tenden a fracturar ao atribuír trazos secundarios (feminismo liberal, facendo un mal uso, por outra banda, do valor de liberal).

Concordo coa observación de June Fernández cando afirma que "a tarefa principal dun home que se di feminista é recoñecer os seus privilexios e emendalos, e que isto pasa por retroceder, por ceder espazos, por escoitar máis e falar menos" ("Los riesgos de una feminista profesional", La Marea, marzo 2919, nº 69, pp. 46-47). Isto concorda, en certo sentido, coa miña forma de ser: escoitar reflexivamente e só falar se é preciso. En canto ao acto en si, o de emendar, lembro que Berto Romero decidiu el mesmo igualar o seu salario ao da súa compañeira de reparto. Actos así son a potencia da igualdade que debemos conquerir.

A toma de conciencia acompáñase da observación e da reflexión de que os homes non debemos ocupar un espazo que debe gozar da representación (se non única, si maioritaria) da muller. Non son feminista. Non. Participo das súas reivindicacións e tanto podo eloxiar como criticar cando se realizan actos confusos que poden conducir a procesos de exclusión antes que a unha sociedade inclusiva...tal como o fago cos representantes masculinos que insisten en perpetúar os piares dunha sociedade capitalista, machista, exclúinte e desigual.

Hoxe, cando todo é susceptible de ser levado á tribuna do espectáculo, cando os termos son desposuídos do seu valor, cando todo o mundo,de forma interesada, se declara feminista, tal como se declara non racista, pregúntome, de forma deliberadamente retórica e inxénua, como é que cada ano morren ducias de mulleres asasinadas polos seus compañeiros ou centos viven nun inferno de terror que silencian baixo unha pel magoada.

Sempre fun activista polos dereitos humanos, desde que teño lembranza, e practiquei, sempre desde a esquerda, a ética e o respecto polos outros seres humanos que me rodean, que comparten conmigo este mundo. A loita pola igualdade radical entre todas as persoas, sexan de onde sexa, sexa cal sexa o seu sexo, a súa etnia, a súa condición.

A folga é a mellor ferramenta que ten a clase traballadora para defenderse da patronal, para reclamar os seus dereitos, para esixir melloras. O 8M irei á folga por solidariedade coas mulleres e porque onde hai conflito, resistencia e loita ten que existir conciencia de clase e unidade da clase traballadora.

dimanche 20 janvier 2019

50 ANOS DO ASASINATO DE ENRIQUE RUANO


Lola, Enrique e Javier
Hoxe, 20 de xaneiro de 2019, de novo, un acontecemento memorial convoca estas liñas. O mes de xaneiro, de feito, é un mes especial para as persoas que nos preocupamos de saber que fixemos para descubrir que somos. Baixo a barbarie nazi, ou baixo a cruenta represión do franquismo, o silencio non pode ser a carta de presentación desta (devaluada e secuestrada) democracia.

Un silencio que vén da man da negación, desde sempre, pero sobre todo hoxe, cando triunfan as dúas caras dunha moeda que desfai a existencia da verdade e dos feitos: o posmodernismo relativista da esquerda e a posverdade da dereita. Hoxe, de novo, cando os medios amigos arroupan unha literatura revisionista, que quere dulcificar o que significou a Ditadura e colaborar con ela, cómpre loitar contra toda sorte de negacionismo ou como afirma, de forma directa e admirable Mercedes Monmany en Ya sabes que volveré (2018), “la infame peste del negacionismo, del falseamiento de la Historia y a la igualmente perversa relativización, que aún hoy aparece por doquier” (p. 12).

Hoxe, queremos lembrar un feito, o asasinato do estudante de Dereito Enrique Ruano Casanova, acontecido hai xusto 50 anos, cando a sociedade comezaba a sacudir e crebar, de forma cada vez máis insistente, as cadeas que impoñía a Ditadura. Esta, incapaz de asumir que existía unha crecente demanda de dereitos e liberdades e de democracia, decretou o Estado de Excepción. Mais non por iso os actos de resistencia habían de cesar. Un deses actos consistía en lanzar octavillas nas rúas para contrarrestar a información manipulada do franquismo.

Enrique e a súa irmá, Margot, pertencían a unha familia de clase acomodada, mais, como moitos mozos e mozas que accedían a unha determinada formación, non compartían o ideario dunha familia que non discordaba abertamente do réxime franquista. Enrique Ruano militaba na Fronte de Liberación Popular (coñecido como Felipe), que o réxime vinculaba ao comunismo. Militancia que o convenceu da necesidade de proletarizarse e quería traballar de peón. Militancia que o relacionou con quen sería a súa compañeira sentimental, Lola González Ruiz, e con Javier Sauquillo, que sería asasinado na ‘Matanza de Atocha’, o 24 de xaneiro de 1977.

Recuperamos a secuencia dos acontecementos do recente libro de Manuel Espín, Los años rebeldes. España 1966-1969 (Madrid: Kailas, pp. 193-199; o estilo é divulgativo; para un estudo específico e detallado, o artigo de Ana Domínguez Rama dentro do libro que ela mesma edita, Enrique Ruano, memoria viva de la impunidad del franquismo, Madrid: Ediciones Complutense, 2011).

O 17 de xaneiro de 1969 deteñen a Enrique Ruano Casanova, xunto con outras tres persoas, José Bailo, Abilio Villena e Lola González Ruiz, e lévano ás dependencias policiais. Non se lle permite nin alimentarse nin durmir para presionalo e que delate aos seus compañeiros, así os franquistas poderían acceder ao piso franco e incautar o material de contestación.

A súa moza, Lola González Ruiz, tamén é interrogada nas dependencias da Dirección Xeral de Seguridade. Mais as chaves do piso franco tíñaas Margot, a irmá, que soporta as torturas para dar tempo aos do piso a que podan fuxir. Finalmente, o 20 de xaneiro tres membros da Brigada Político-Social levan custodiado a Enrique esposado ao rexistro do piso, no sétimo andar da antiga rúa General Mola, nº 60, hoxe Príncipe Vergara. Atopan alí un dos diarios que elabora Enrique, por consello do seu psiquiatra, Carlos Castilla del Pino, como terapia. Horas máis tarde, o corpo do mozo aparece morto no patio interior do edificio. A policía e o réxime preséntano como suicidio: “arrolló al Inspector señor Colino Hernán y huyendo precipitadamente del piso, tras abrir su puerta se arrojó a un patio interior y al parecer ha fallecido de resultas de la caída…” (esta parte do sumario recollémola do artigo de Francisco Pereña, presentado no número de Viento Sur de hai dez anos, nº 102, marzo, pp. 103-108, e que figura tamén no libro editado por Ana Domínguez Rama).

Non obstante, certos feitos contribúen a pensar que non foi un suicidio, senón un asasinato:

  1. Non deixaron ver o cadavre
  2. Non se coñeceron os datos da autopsia
  3. Non deixaron sequera publicar unha esquela (ata morrer Franco)
  4. Negación do acopio de probas

Unha pequena paréntese para sinalar que o procedemento que se describe lémbranos, e moito, ao asasinato do saharauí Said Dambar, o 22 de decembro de 2010, cuxo corpo non recibiu a familia, nin a autopsia, e que, de comprobarse que morrera dun disparo, significaría a ruptura do alto ao fogo por parte de Marrocos e a MINURSO podería intervir. Semellanzas nada casuais entre réximes fundados no atropelo e na violencia.

Volvamos a 1969: o réxime usou perversas estratexias para manipular, degradar e ‘criminalizar’ e sentar así a ‘culpabilidade’ de Enrique Ruano Casanova, como por exemplo, apoiándose no Diario, deixar constancia de desequilibrio e dependencia de criterio (loxicamente, acusando ao comunismo de ser o instigador). O ABC, en primeira instancia, difunde esta mentira. O Estado de Excepción fora prolongado ata marzo, polo que o franquismo lograba minimizar calquera posible repercusión mediática. O 30 de maio de 1969, o ABC rectificará a súa crónica anterior pola evidente violación da intimidade que se producira.

Segundo o seu psiquiatra a idea do suicidio non se sostén. En 1994 o Tribunal Supremo reabre o caso, mais a ausencia de probas (debido á súa evidente destrución, tal como a desaparición dunha parte da clavícula, que foi serrada e onde, supostamente, estaría a proba do disparo recibido, previo a ser tirado desde a fiestra do sétimo andar) impide que se dea unha sentenza plenamente reparadora. Para máis datos, recomendamos a lectura das páxinas de Manuel Espín.

Hoxe, 20 de xaneiro de 2019, 50 anos despois do seu asasinato en mans das forzas de seguridade da Ditadura franquista, cómpre lembrar a Enrique Ruano Casanova, un mozo que adquiriu unha conciencia política que lle fixo ir contra a acomodada vida que podía ter para defender a necesidade de liberdade, de dereitos e de Democracia. 

P.D. Cando xa tiñamos rematada esta crónica, na prensa anúnciase que o Premio Comillas de Historia, Biografía e Memorias entrégase a un escritor mozo, nado no 1992, Javier Padilla, pola súa novela, que podemos denominar histórico-memorial, en que reconstrúe a amizade e amor que houbo entre Enrique, Lola e Javier. Sen dúbida, un libro a ler.   



lundi 14 janvier 2019

100 ANOS SEN ROSA LUXEMBURG, ASASINADA POLA COVARDÍA DA BARBARIE



De maneira inevitable, Rosa Luxemburg acompañoume desde hai bastante tempo a través do seu pensamento e as súas obras. Hoxe, 15 de xaneiro de 2019, cúmprense 100 anos do seu asasinato a mans dos miserentos que capitaneaban, entroutros, Ebert e Noske.

Con ela morreu tamén asasinado Karl Liebknecht. O nome de Rosa Luxemburg únese na memoria deses tempos convulsos ao doutra ilustre muller revolucionaria, Clara Zetkin que, xunto con Rosa e Karl idearon e puxeron en marcha o partido espartaquista e participaron na do Partido Comunista Alemán, cuxo congreso fundacional tivo lugar en plena Revolución xermana, o 31 de decembro de 1918.

Rosa nacera en Polonia o 5 de marzo de 1871 e desde moi nova demostrou o seu compromiso humano coa causa dos máis desfavorecidos, coa causa da clase obreira sendo así, que aos 18 anos xa ten que fuxir para non ser detida. Trasládase a Zúrich, onde coñece a Leo Jogiches en 1891 e co que manterá unha relación ata 1907.

Compartimos o criterio daqueles que a identifican polo seu humanismo socialista, polo seu pacifismo, pola súa constante denuncia do militarismo e do imperialismo e radical defensa do internacionalismo. Loxicamente, non imos coindicir en todo, mais Rosa sabería dialogar e discrepar con nós, argumentando. Pero naquel mundo que lle tocou vivir, debeu loitar non só contra o machismo, senón contra as traicións daqueles que deberan erguer a bandeira da liberdade, do socialismo e da democracia.

Rosa sabía que o principal era a toma de conciencia para poder artellar algo, mesmo o proceso revolucionario: a clase traballadora debía ser consciente da súa condición. Rosa non abrazou ningún dogma, todo era perfectamente discutible. De feito, unha das súas consideracións máis interesantes que destacamos é a que realiza sobre a liberdade:

“A liberdade é sempre unicamente liberdade para quen pensa de modo distinto [...] e perde toda eficacia cando a liberdade se volve privilexio”

Isto é...en nome da liberdade non se pode, precisamente, atacar o seu fundamento que é, tamén, o que sucede hoxe, onde a liberdade é só apariencia e vive sometida ao imperio da arbitrariedade e de dogmas (un deles o do pensamento correcto) así como de leis realizadas para demoucala (lei mordaza).

Coñeceu o cárcere en numerosas ocasións e non por iso renunciou á súa loita. Exemplo de coherencia e insistencia ideolóxica. Coherencia que non acompañou a algúns personaxes que abrazaron a causa ‘socialista’ para traizoala e tinguila de sangue e morte como foron Ebert e Noske. Estes foron os contrarrevolucionarios covardes que dispararon contra o pobo, contra a clase traballadora. Estes foron os covardes que puxeron prezo á vida de Rosa e Karl por 100 mil marcos. Rosa víase na obriga de durmir cada noite nun sitio diferente para evitar que a matasen.

Os usurpadores do socialismo planificaron decididamente a morte dos desexos de emancipación do pobo e reprimiron cunha brutal violencia o proceso revolucionario, tal como o exemplifica a histórica manifestación do 5 de xaneiro de 1919, en Berlín, onde centos de milleiros de persoas solicitaban poder tomar as rendas do seu futuro e, despois de elixires un comité revolucionario, Liebknecht anunciaba que se debía derrocar o goberno de Ebert (non así Rosa que pensaba que todo era demasiado prematuro e que faltaba organización e que todo podería rematar nunha matanza...como así foi). Ebert e Noske limparon con sangue a Revolución, aínda non se sabe realmente cantas persoas morreron ese día.

10 días despois detiveron a Luxemburgo, Liebknecht e Pieck. Despois de seren torturados, son executados por quen, anos despois, formaría parte das forzas de seguridade do nazismo ben dirixidos polos traidores e covardes. Rosa Luxemburg recibiría o disparo na tempa do tenente Kurt Vögel, que pasará á historia por ser o asasino da chama ardente da Revolución.

Este 15 de xaneiro de 2019, cando as mulleres saian á rúa a pedir que non se negocien gobernos sobre os seus dereitos como en Andalucía, o espírito de Rosa Luxemburg, de seguro, andará con nós recordando a esencial loita pola emancipación do ser humano.

A Rosa Luxemburg, 15 de xaneiro de 2019, no Centenario do seu asasinato


Xabier Ron