A orixe destas palabras nace na lectura do artigo
xornalístico, “La maldición de la inteligencia, cuando ser listo
se vuelve en tu contra”, publicado en La Voz de Galicia de hoxe,
domingo 6 de outubro de 2019, asinado por Andrea Presedo. O
tratamento será crítico e explicativo, contrastando as supostas
realidades que trata o artigo coa nosa experiencia como docente, que
xa entra na súa terceira década.
1º) Non é para nada acertado mesturar o que é
propio da intelixencia co que é natural de ser listo. O titular do
artigo contén unha falacia por simplificación. Unha simple consulta
no diccionario da RAE xa nos informa que non son sinónimas e que,
como moito, e non en todos os casos, ‘ser listo’ podería ser
unha das demostracións prácticas da intelixencia.
2º) A intelixencia non é algo que determine só
a algunhas persoas...A intelixencia defínenos a todos os seres
humanos. É consubstancial...sen ningún tipo de exclusións ou
segregacións, a pesar da diversidade da súa manifestación.
Calquera das 5 primeiras acepcións da RAE manifesta esa natureza
humana, diversa na súa execución e aplicación.
3º) Hai unha deliberada ‘sobre-interpretación’
ao redor das etiquetaxes da diferenza. Unha práctica que hoxe
conleva unha abusiva medicalización e conduce a un (indebido)
tratamento educativo non igualador. De feito, se non se
iguala...cáese no risco de segregación interna dentro da aula.
Cómpre non perder de vista o real –a diversidade é consubstancial
a todo grupo humano- e tender ao necesario: unha educación
igualadora, que reduza as desigualdades de partida.
4º) Fanse afirmacións estatísticas sen base
científica, ou cando menos o 40% de suposto acoso escolar cara ao
alumnado con ‘superdotación’ non está demostrado mais que no
recurso ao concepto da autoridade. Non se pode contrastar, ergo, pode
ser falso ou errado.
5 º) Hoxe en día cométese o terrible erro de
pensar que todo grupo de alumnos e alumnas é homoxéneo e, baixo
esa perspectiva, establécese unha especie de comportamento e
actitude de ‘normalidade’, onde se marca unha determinada imaxe
de sociabilidade que está moi lonxe de ser ‘común’. Así, claro
está, esténdese a figura do ‘raro’, do ‘friki’, do
‘asocial’, do ‘solitario’, etc. Ante isto, loxicamente, non
produce abraio que os supostos síntomas de acoso dun neno ou nena
superdotada coincidan coa definición dun neno ou nena con asperger
ou outro trastorno.
6º) Sempre temos a tendencia de practicar a
epojé, a dúbida metodolóxica, e neste caso, dubidamos dos supostos
éxitos da autora do libro ‘La maldición de la
inteligencia’...(Pregunta maliciosa: cantos comprarán o libro
despois de ler este artigo de LVG??).
7º) Que significa ser intelixente? Como é
posible que esa suposta ‘superdotación’ –en España eufemizada
ou tratada como ‘altas capacidades’...que lembra moito a iso de
‘altas prestacións’- sexa diferente entre países? É realmente
mensurable nun número a intelixencia?
8º) Non todas as persoas sentimos da mesma forma,
nin actuamos ante unha mesma situación de xeito idéntico. Un alumno
ou alumna chega á aula cunha maleta de influencias, de desexos, de
intereses, de motivacións que obedecen a circunstancias moi
diversas. O persoal docente ten que actuar dunha maneira dobre: a)
abrindo a maleta, ollar a súa composición para entender ao
alumnado; b) pechala e deixala na entrada da aula para ‘conducir
fóra dese marco’ ao alumnado, i.e. educar desde un punto de vista
etimolóxico.
9º) O acoso escolar non é acoso escolar en
función da diferenza, de se un é superdotado, homosexual, lesbiana,
asperger, cego, xordo, etc...Non, porque iso suporía un terrible e
perigoso reducionismo que, por riba, sería segregador. O acoso
escolar pode afectar a todo o alumnado –teña ou non algún tipo de
diversidade funcional- e é tarefa do equipo docente prever esas
situacións e correxilas no caso de se produciren. O acosador ou
acosadora opera desde un gran problema educacional e un complexo de
inferioridade e verte a súa xenreira sobre o alumno ou alumna que
considera máis feble ou do que coñece a súa febleza (que non ten
por que corresponderse cunha diversidade funcional: ser tímido, ou
desexar pensar e ler en soidade non son discapacidades, desde logo).
A nosa experiencia como docente, que se alimenta,
ademais, da experiencia como alumno –sendo etiquetado como
‘diamante en bruto’, algo absurdo, tanto coma os números actuais
de coeficiente intelectual- levounos a coñecer multitude de alumnos
e alumnas que sobresaían polos seus excelentes resultados académicos
aos que lles engadían, ademais, accións relevantes en materia de
deporte, de creación literarias ou musical, de manifestación dunha
especial empatía e solidariedade, etc. É iso ser intelixente? Pode
ser, pero hai múltiples variables e non todas as persoas teñen que
facer un ‘pleno al quince’ en todo...por iso, intelixentes sómolo
todas as persoas. A verdadeira complexidade está en sacarlle partido
en todos os eidos da vida tanto individual como social. Iso implica,
necesariamente, educar tamén nas zonas escuras da vida, na
existencia das dificultades, na proliferación do negativo, do rugoso
e do áspero cando vivimos en sociedade, pero que temos que
‘convivir’...e, para iso, cómpre respectar ao outro, tal como é.
Cómpre educar tamén na frustración, i.e., non
desenvolver unha educación asentada na mentira, senón na verdade
dos tempos que corren, que non son os mellores para as
persoas....sexan estas superdotadas ou non!!! A perfección debe ser
só unha aspiración ética de mellora, nunca un fin dogmático ao
que se chega competindo.
PD. Se un fai unha procura na rede sobre o alcance do concepto 'intelixencia' e solicita unha imaxe verá, con tristura, como existe un terrible predominio do que se denomina 'intelixencia artificial'....Isto nunca debe facernos 'descreer' da consubstancialidade humana da intelixencia...(a capacidade de razonar, de coñecer, comprender e argumentar...)
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire