mardi 8 novembre 2011

A REVOLVERSE CONTRA A FARSA. HAI ALTERNATIVAS


Que abafo! Recoñezo que non tiven, nin sequer un chisco, desexos de prender a tele e ver ese debate. Nada podían dicirme que non soubese xa, pola política feita por un, desde o goberno, e pola rancia oposición feita polo outro. Un debate a dous, cando xa tiveron ocasión de enfrontarse no Parlamento. Ambos, lamentables nas súas políticas: os primeiros, porque non teñen credibilidade; os segundos, porque irían moito máis lonxe do que anuncia o seu programa cheo de barbaridades. Recomendo a lectura dos programas, antes que deixarse levar por feiras mediáticas. E analizar. E reflexionar.

Os medios de comunicación, lóxico, vendidos a esta farsa bipartidista. Ninguneo de todas as demais opcións políticas...ás que, iso si, para quedar "ben", serán interrogados sobre, "que vos pareceu". E esas opcións políticas aproveitarán para denunciar a pantasmal derrota da democracia. E xa está. O de todas as feiras.

Por riba, cada minuto do debate valeu ao redor de 6.000 euros. Lícito en tempos de naufraxio? Cando nos falan de austeridade? Tanto coma o desbaldimento existente na CdC, inaugurando hoxe alí un congreso de escaparate, mentres os axentes culturais fenecen por falta de aire financeiro.

Todo é brutalmente noxento. O peor é que este espectáculo normalizouse. Acéptase. E, temo non equivocarme, despois do 20N, todo irá a peor. Porque vexo o cautiverio no que vive a actitude social.

Mentres, existen alternativas. Pero, claro. Hai que ser valente e cambiar o maldito chip neuronal que induce a seguir con comportamentos adquiridos, automatismos inducidos que, o 20 N, resultarán moi nefastos. Hai alternativas, por moito que pseudo-programas informativos das numerosas canles da TDT contribuísen a insistir en que todo é a cara A da moeda ou a cara B.

Hai alternativas, como proclama un libro de Vicenç Navarro, Juan Torres e Alberto Garzón. Mais, para velas, cómpre ler, diversificar as lecturas, e non contentarse co que inoculan a meirande parte dos medios, servidores fieis do sistema. Comparar as posibilidades co que se formula nos diferentes programas políticos e logo ver quen se achega máis a esas alternativas.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire