lundi 14 novembre 2011

STOPPT DAS EURO-DESASTER! DE MAX OTTE


Unha primeira advertencia: prefiro deixar o título en alemán. O título castelán, ¡Frenad el desastre del euro! (Ariel, Barcelona, 2011, tradución de Lluís Miralles de Imperial) focalízao todo ao redor da moeda única, e deixa entrever como unha certa positividade debido á necesidade de salvala. Pero Max Otte amosa moitas e duras críticas cara ao euro das que podemos citar as seguintes: “también la crisis del euro era previsible teniendo en cuenta la errónea construcción” (p. 21); “el euro no ha unido a Europa, sino que la ha escindido” (p. 31); “el actual camino conduce al desastre y que la separación y la salida de la zona euro deben ser posibles” (pp. 40-41). A última delas en resposta a un libelo, O euro é necesario, publicado por 50 grandes xefes de grandes grupos empresariais en Alemaña e Francia en xuño de 2011. Por iso, penso que Max Otte pide antes que se pare o desastre cara ao que camiña Europa, e unha desas solucións, mesmo, pode ser a saída do euro (“abogo ya desde hace tiempo por separar a Grecia, Irlanda, Portugal y España de la eurozona”, p. 44).

Segunda advertencia: Max Otte non é anticapitalista. Todo o contrario. El mesmo dirixe un Centro de Investimento de Valores e é xestor independente de fondos. Dígoo para que lle quede claro aos “amantes” das prácticas neoliberais que, mesmo sen ler nada, me acusan de “comunista”. Max Otte realiza unha crítica en toda regra á submisión da política ante os oligarcas financeiros: “podría ofrecer innumerables testimonios de cómo la oligarquía financiera daña a nuestro ser social, de cómo socava nuestra sociedad del rendimiento y nuestra democracia y cambia las reglas legales en su beneficio” (p. 22).

De feito, o acontecido nestes días con Papadimos e Monti, en Grecia e Italia, respectivamente, é moi elocuente: ambos son tecnócratas economistas que, en primeira instancia, foron culpables da situación actual. Nin máis nin menos. Os donos do xogo especulador financeiro sitúan auténticos fans da dura política de axustes neoliberais, que non poñerán en dúbida as “medidas de presión” dos órganos de decisión neoliberais. E o pobo? Déuse conta da gran estafa? Dentro dunha perfecta retórica do medo, de que non é posible estar fóra do euro, aceptaron que nin sequera houbese que pasar polas urnas para poñer un presidente no seu país. Derrota sen paliativos da DEMOCRACIA. Que nome lle daríamos se en vez de vir vestidas con traxe, garabatas e portadocumentos, esas persoas viñesen vestidas de uniformes militares?

De forma tráxica, esta situación correspóndese perfectamente coa descrita por Max Otte no seu libro: “hoy los grandes y poderosos bancos de inversión (...) se encuentran sin asomo de dudas en la cúspide de la cadena alimentaria. Estas instituciones son las que actúan más rápido, cuentan con los ingenieros financieros más capacitados y además disponen de las mejores relaciones con círculos gubernamentales. Regularmente encontramos a colaboradores de Goldman Sachs como ministros de finanzas en los Estados Unidos u ocupando otros cargos importantes en el gabinete. También Mario Draghi, el nuevo presidente del Banco Central Europeo, se encontraba anteriormente al servicio de Goldman Sachs. Estos poderosos actores cuentan con la colaboración de sociedade auditoras, gobiernos complacientes y agencias de regulación para conseguir sus objetivos” (pp. 14-15).

A análise de Otte é breve, pero clara para quen non posúa coñecementos afondados para introducirse no discurso económico hoxe imperante. Céntrase en describir en que consisten os hedge funds ou as sociedades Private Equity, as normativas de capital propio para o sector das finanzas, e a imposición sobre as rendas do capital. E a conclusión, loxicamente, é que estes axentes son os que se nutren do diñeiro público e, desde logo, non se emprega dito diñeiro en investir: “han sofocado progresivamente al sector de la banca comercial y la economía real y la han sometido a sus intereses. (...). Y en lugar de frenar la especulación, ésta es incluso promovida por la actual situación legal y la regulación del mercado financiero. Sin embargo, los mercados financieros no regulados son altamente peligrosos” (p. 16).

O léxico que empregan os grandes medios de comunicación está cheo de recursos retóricos belicistas para describir a situación económica. Os propios políticos actúan como se decidir politicamente fose estar nun campo de batalla. Isto só esperta –de forma deliberada- medos no imaxinario social e bloquea accións de transformación máis democráticas. Estamos nas antípodas do que acontecía hai menos dunha década, a pesar de que había síntomas –denunciados xa por quen escribe isto- claros do que hoxe temos.

1º) Hai menos dunha década en vez de medo inoculábase no imaxinario social o conto de “somos todos libres para” ser os protagonistas do “soño americano” (vivir no hiperconsumismo/desbaldimento como se todos fosemos ricos, cunha exacerbada cultura da propiedade que precisaba do endebedamento familiar, cos mesmos actores: medios, publicidade, decisións políticas e financeiras); 2º) xa se vivían as primeiras inestabilidades e crises locais (Xapón en 1997, elocuente paradigma), pero todo era superable, todo era pasaxeiro...dicíase...e seguíase co conto; 3º) en medio dun incremento da retórica do medo e da falacia “non hai alternativas” puxéronse en marcha políticas de axustes neoliberais (recurte de salarios, aumento da precariedade laboral, aumento idade de xubilación, privatización servizos públicos, aumento de impostos indirectos (mentres que as rendas do capital tributan menos que as do traballo), etc.); 4º) sendo a consecuencia lóxica, o freo en seco da economía real, polo que os protagonistas do soño americano viven agora o pesadelo (desemprego; desprotección social; desfiuzamentos; e un longo etcétera); 5º)...e o futuro???

Será como queiramos que sexa. Como di Max Otte, para realizar os cambios precisos, é necesaria vontade política. E ten moita razón o alemán cando di que os mercados financeiros “no son sino estructuras económicas, jurídicas y políticas que fueron creadas por el hombre. Son el resultado de la forma en que todos nosotros hacemos política y economía, y no su base predeterminada” (p. 20). Por iso, hai alternativas.

No noso país, cunhas eleccións o 20 N, cómpre ver quen ten esa vontade política e votar en consecuencia. Ver quen quere establecer normas para regular ao mercado e sometelo ás necesidades sociais; quen quere establecer un marco de fiscalidade xusta, progresiva, que grave a quen máis ten e redistribúa a riqueza; quen quere loitar contra a fraude fiscal e achega propostas; en definitiva, quen quere máis democracia para unha sociedade máis xusta. E votar en consecuencia. Eu, como supoñedes, téñoo claro.

E, de ser certo que a negrura máis absoluta vai rematar por cubrir ao gris escuro de hoxe, os que cremos nunha luz distinta para facer política, deberemos reunirnos, renunciar aos matices diferenciadores, renunciar ao nome mesmo que nos dá nome, organizar a resistencia e alumear un novo sendeiro.

13-novembro-2011

Xabier Ron

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire