un libro imprescindible |
0. “No vacilaremos en tomar las medidas oportunas
para lograrlo. Nuestro primer objetivo es el déficit, el segundo es el déficit
y el tercero, el déficit”, así xustificaba o ministro de Facenda, Cristóbal
Montoro, o maior recorte orzamentario da democracia no estado español, que se
sitúa nos 27.300 millóns de euros. Sirva o mantra de Montoro para introducir as
presentes liñas que falan da coartada para o recorte, o déficit e, unido a el,
a débeda pública.
1. A filosofía ultraliberal imprégnao todo. Domina
a linguaxe e transmite ideas falsas sobre a economía e por iso vólvese
instrumento de segregación e enmascaramento. Fala da inevitabilidade, como se
os mercados fosen entes abstractos, sen nome e apelidos e sen intereses. Pero
non é así. Non hai espírito santo nin maxias: todo responde a unha decisión
política de persoas concretas.
2. A solidariedade é un termo que os ultraliberais
empregan, pero que non saben entender na súa verdadeira dimensión, de aí que a
redución do gasto público, o control das contas públicas ligado ao déficit e os
procedementos de vixilancia sobre os orzamentos nacionais supoñan unha
vulneración das normas democráticas da soberanía nacional e sexan fondamente
insolidarios.
3. As politicas europeas son insustentables e
antisociais. O Colectivo de Economistas Aterrados afirma, sen ambaxes,
que son reformas estruturais perigosas para a cohesión social e o equilibrio no
reparto das posibilidades de realización [1]. A prolongada política de
bonificación ás rendas elevadas –das que coñecemos unha nova mostra na decisión
de Rajoy de recompensar aos defraudadores nos Presupostos 2012- contrasta coa
ineficaz armonización fiscal europea.
4. O Banco Central Europeo (BCE) non serve tal como
está concebido, xa que obriga aos Estados membros a financiar a súa débeda
pública nos mercados financeiros, quedando así en mans de voitres
especuladores. Neste eido, particularmente perxudiciais son os Credit
default swaps (CDS), que conforman un mercado especulativo coa débeda
soberana, parasitario e desestabilizador [1].
Temos que transformar o funcionamento institucional e
financeiro de Europa, ou imos directos cara ao abismo. Como afirma Martín Seco,
a Unión Europea, “desde su creación, está inmersa en un lenguaje engañoso e
hipócrita” [2].
As normas consignadas nos Tratados europeos, desde
Maastricht, son unha ofrenda ao desastre que estamos padecendo, tal como
alertabamos algúns na década dos 90 do século pasado, sendo por iso definidos
‘catastrofistas’ ou mesmo, de forma falaz, ‘antieuropeístas’. Pero o paradoxo é
que a UE se fixo de “espaldas a los ciudadanos, ocultándoles la dimensión y las
consecuencias de los acuerdos y disimulando los intereses económicos que
impulsaban el proceso” [2]. Por iso, non podemos desentendernos de
Europa.
5. A construción europea non pode facerse tendo en
conta estes mecanismos insolidarios. A cláusula de “non salvamento” (no
bail-out) do Tratato de Maastricht é absurda e incomprensible. O feito de
que os países teñan prohibido recorrer ao BCE para financiar os seus déficits
derivou no entreguismo destes países ás esixenzas da industria financeira,
incluíndo ese niño de víboras, as nefastas axencias de cualificación [2].
A crise actual é unha mostra da carencia de mecanismos de solidariedade
financeira en Europa: os fondos de rescate non o son, antes ben son unha proba
máis da deriva e do entreguismo.
Entreguismo ben visible na obriga de introducir a “regra
de ouro” nas Constitucións nacionais sobre o déficit público estrutural
limitado ao 0,5% do PIB. Aberrante: o único beneficiario é toda a engranaxe da
industria financeira. E se para iso hai que dar un “golpe de estado
tecnocrático” faise e punto: Grecia e Italia teñen presidentes que non foron
votados pola súa cidadanía. Ao mesmo tempo, a contracción do gasto público
relega a millóns de persoas a vivir no limite das súas posibilidades de
realización, cando non na pobreza (en España, máis do 21% da poboación).
6. Todas as medidas ultraliberais apelan a rebaixar
o gasto público para controlar o déficit, o anatema dos ultraliberais, fonte de
todo mal. Non obstante, os países como España deficitarios en infraestruturas e
niveis baixos de bens e servizos sociais, educación, sanidade, protección
social, etc., están na obriga de forma transitoria a endebedarse para
mellorar [2]. Lembremos que o gasto social de España sempre
estivo lonxe da media europea. Todas as medidas actuais hipotecan o noso futuro
ao restarnos capacidade de mellora e facilitar os procesos de privatización [1].
7. Débense impoñer mecanismos de armonización
fiscal en Europa e nos seus Estados membros. Temos que conquistar as
institucións europeas, democratizalas e mudar o paradigma económico actual.
Entón poderemos impoñer unha serie de medidas de cooperación: o BCE e os bancos
nacionais deben prestar diñeiro, garantir a débeda pública e incentivar a
creación de emprego; impedir a especulación coa débeda pública; fiscalizar
impositivamente as transaccións financeiras e establecer un imposto excepcional
sobre as grandes fortunas; en definitiva regular os mercados e a industria
financeira, ao mesmo tempo que se fortalece o sector público. Non é imposible
facelo. É cuestión de ideoloxía e vontade política.
Non queda outra, temos que anular o nefasto poder absolutista
da industria financeira e artellar unha verdadeira solidariedade entre os pobos
de Europa...sempre que, claro está, consideremos que é preciso seguir formando
parte da construción europea do futuro.
Bibliografía
[1] Economistas aterrados, Europa
al borde del abismo, Pasos Perdidos / Barataria, 2012, p. 16-21, 38-39,
58-59, (impagable a análise dedicada a España, pp. 121-140).
[2] Juan Francisco Martín Seco, Economía. Mentiras y Trampas,
Península, Barcelona, 2012, p. 21, 23, 46-52 (clarificador panorama sobre o
BCE), 73-79 (de lectura obrigada para profanos no eido déficit público).
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire