dimanche 20 mai 2012

RESISTIR EN MEDIO DOS NEGROS PRESAXIOS

Resulta difícil escoitar os relatos en primeira persoa de anguria e desesperación da poboación grega. Emociónome e percorre o meu corpo unha sacudida que me traslada a un futuro totalmente incerto, escuro. Esfórzome, certo é, en resistir. En ter esperanza. Que é posible cambiar o rumbo da nave porque o poder soberano reside en nós. Ou debe residir: en Grecia, berce da democracia, isto xa non é nin sequera certo. Pero, despois de comprobar como amigos e familiares xa experimentan as dificultades extremas desta viaxe...ante a perspectiva de que todo empeore -cando menos mentres estea no goberno a dereita e que a Merkel siga no seu trono de superioridade- déixome levar polo pesimismo máis rocoso. 

Recoñezo que procuro erguerme e non ler a prensa pola mañá: por supervivencia, para aguantar a tarefa de educar en tempos de negros presaxios, sen caer no pesimismo. Non escoito tampouco a radio. E non obstante, todo chega a min alto e claro. Tanto ten: os relatos sobre a desgraza abrollan en todas partes. 

Mesmo, eu que entrei tarde nas redes sociais (só en facebook, certo é), despois de que entrase no xogo especulador da bolsa, o que nos leva á deriva,  xa se me foron os desexos de non permanecer coma un animal tecnofóbico. Pero, demos! Eu son fondamente anticapitalista! E non quero contribuír a esa merda especulativa, aí onde se decide quen vai pasar fame. Por iso, creo que des-conectarei os meus pasos do facebook. Por coherencia. Un simple xesto váleme para tentar mantela. 

En fin...e por riba, esta semana (22 de maio) unha folga do ensino -con merecida xustiza reivindicativa- no Estado, que non será tal en Galicia, porque só CC.OO. a convoca, mentres que se desmarcan os demais sindicatos que no Estado si a fan (esquizofrenia?). 

En que demos pensan os sindicatos en xeral?? Podemos permitirnos o luxo de perder unha arma de loita así, de calquera forma? Que éxito se agarda teña a folga? Para que servirá, realmente, perder 100 euros se o ensino non se vai paralizar? Por que existen dúas plataformas en defensa do ensino? 

En fin...fatal. Non temos remedio neste recuncho. Todos debilitándonos. O inimigo, mentres, sorrí.

Remato cuns versos de Marcos Ana, Poemas de la prisión y de la vida (tabla Rasa / Ediciones Urano, 2011), escritos no cárcere en tempos do ditador Franco:


MALDITOS SEAN:
Los que atizan el fuego entre las piedras del Odio,
para servir su puchero.

MALDITOS SEAN:
Los que quieren enturbiarnos la sangre con el viejo
terrón de la trinchera.

MALDITOS SEAN:
Los que cosen banderas con cenizas de muerto para
sembrar el aire de rencores.

MALDITOS SEAN: 
Los que quieren dejarnos para siempre en los bordes
opuestos de una herida.

MALDITOS SEAN: 
Malditos en tu nombre
España, sean, 
orque viven de tu pena y la mía
y hacen de nuestro dolor su trono.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire