É habitual, cando comeza o curso, que os políticos que nos desgobernan
comecen a facer as súas grandilocuentes declaracións, baixo o interesado
ollar dos medios de comunicación, cada vez máis amigos pola necesidade
que introduce o “pan” dado a dedo e sen publicidade para “relatar novas
positivas sobre Galicia” –inda que sexa a costa de mentir, mentirse e
mentirnos–. Declaracións que, erguéndose por riba do ben e do mal, coma
superhomes nietzcheáns, prescinden do máis mínimo criterio crítico e
aseveran sobre a “normalidade” do inicio de curso.
Recoñezo que non sei a que se refiren con normalidade. Ando perdido
cando, no día a día, falando coa familia, percibes como as cousas son
máis difíciles no traballo, onde “che piden máis horas e non rechistes”,
onde o prezo da vida se encareceu de forma exponencial ao mesmo tempo
que recortaban salarios, que introducían repagos en sanidade e
educación, que aumentaba o IVE (o imposto máis insolidario, xa que grava
ao que máis ten igual ca o que menos ten). Os propios datos oficiais,
do Instituto Galego de Estatística, afirman que 6 de cada 10 familias
chega con dificultades a fin de mes. É iso normalidade?
Non acepto ese discurso da normalidade, da patoloxía da normalidade que
intenta facernos ver que é normal vivir abafado, cando hai tanto
desemprego en Galicia (93.000 familias con todos os seus membros en
paro; 33.000 sen ningún tipo de ingreso) e que mesmo se está producindo
un incremento de traballadores e traballadoras pobres porque o miserable
salario que lles dan xa non chega para facer fronte a aluguer (ou
hipoteca) e aos gastos correntes, e xa non digamos facerlle fronte a
imprevistos (un informe de Cáritas afirmaba que 650.000 galegos e
galegas están en risco de exclusión social).
Hai tanta “normalidade” que mesmo o inicio de curso xa constitúe un
gasto en materia educativa nada doado de afrontar (uns 723 euros de
media debido a que os prezos dos libros de texto, dos materiais
complementarios como atlas, dicionarios, e restante material escolar
certamente experimentou unha forte suba nestes anos de crise).
Neste contexto o PP obriga ás familias galegas de facerlle fronte ao
pago do servizo de comedor, un servizo educativo esencial nestes tempos.
De forma maquiavélica retorcen as palabras e afirman que é un decreto
xusto. Mais, eu, sen moita idea de matemática, póñome a contar e
comprobo que antes, co anterior decreto –ollo, falo dos centros que
asume a Xunta de forma directa– o 92% do alumnado non pagaba nada polo
uso do servizo de comedor, mentres que a partir de agora, e coas contas
asentadas a partir dos datos do 2012, esa gratuidade (relativa, xa que a
pagamos a través dos nosos impostos) vai beneficiar a un 56%. Vostedes
comparen, 92 fronte a 56. Certo é que o anterior decreto presentaba
eivas...pois mellórese! Mais o que non procede é que se empeore a
situación, que é o que acontece con este decreto, imposto, xa que a
comunidade educativa e órganos representativos coma o Consello Escolar
de Galicia teñen dito non ao decreto.
Si, “normalidade”: que llo pregunten ás direccións dos centros, que se
viron atacadas por máis trámites burocráticos. Que llo digan a esas
familias que no curso pasado tiñan o servizo de comedor gratuito e que,
agora, debido á teima da dereita, teñen que pagar. Todo adquire tanta
normalidade que equiparan no seu imaxinario unha parella que teña un
salario de 1.125 euros ao mes cada un con quen gaña 5.000 euros. O PP,
de forma cínica, di que iso é xusto. Coma o feito de que unha parella de
mileuristas pague 50 euros.
O PP manipula e minte. Os seus membros non teñen reparo en facelo no
Parlamento de Galicia, onde fan exposicións que acumulan datos que non
se contrastan e logo son magnificados polos medios amigos do sistema
vixente que, ao mesmo tempo, fai todo o posible para silenciar as
propostas alternativas que veñen desde o grupo parlamentar ao que
represento Alternativa Galega de Esquerda. O lóxico é que se contrapoñan
as informacións de todas as forzas políticas e que non se practique o
silencio informativo que é a forma moderna que adquire a censura.
Por iso, vémonos na obriga de usar estas posibilidades comunicativas
para denunciar, por exemplo, que neste contexto de crise o Partido
Popular dixo non a unha iniciativa que pretendía que se puxera en marcha
un plan para detectar carencias nutricionais nas escolas públicas de
Galicia e actuar en consecuencia
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire