Non sei canto durará esta serie de artigos. Só sei que hoxe redacto
o primeiro para o Diario de Ferrol. Mais sei que non é o
primeiro: levo anos alertando, dos que destacarei os que escribín
para Altermundo, xa que, en
esencia do que se trata é de entender que precisamos unha Europa
distinta: nin a Europa dos Oligarca-Mercaderes, nin a Europa dos
Mercenarios do Medo. Recollo as seguintes palabras a modo de ponte:
"A democracia,
un barco no medio dun océano salvaxe e encrespado, o treboento
ultraliberalismo. E diríxeno de forma organizada cara ás rochas.
Sabendo que hai opcións nihilistas, queremos impedir que o barco
siga ese rumbo, cómpre reparar as fugas e redireccionar a nave á
espera de que sexamos quen de navegar nas augas doutro modelo
produtivo. Nese impedir está o noso futuro. O problema: liberar o
barco do peso que o escora cara á dereita máis extrema."
(Xabier Ron, "Directo cara ás rochas ou salvamos o barco?",
Altermundo,
2-xullo-2012).
É lóxico que a cidadanía teña medo: todas as conquistas sociais
están sendo esnaquizadas pola voracidade dos Oligarca-Mercaderes
que, sen considerar os custos sociais, seguen coa máxima do capital
de acadar cantos máis beneficios mellor.
Ese medo é o que fai, por exemplo, que se estea aceptando a
imposición de condicións laborais cada vez máis duras, cada vez
con menos dereitos. Mais tamén é saber enfrontarse a ese mesmo medo
o que anima as loitas contra os poderosos, como a que se libra contra
Arcelor-Mittal; o que sustenta o peche de traballadores contra o
desmantelamento da súa empresa; o que implica aos traballadores para
recuperar coa súa unión empresas; o que fai que a xente saia á rúa
para dicir non ao calculado e insistente proceso de privatización
dos servizos públicos esenciais.
Non é de agora. Non. As voces que
hoxe alertan sobre a unión de partidos da Extrema Dereita esqueceron
facelo cando os partidos supostamente máis democráticos
interiorizaron proclamas xenófobas, ou cando non cuestionan que todo
parte da adopción das políticas ultraliberais por parte da
socialdemocracia. A construción da Europa-Fortaleza, coa aprobación
da Directiva da Vergoña,
e en datas recentes co Regulamento
do Parlamento Europeo
e do Consello polo que se crea un Sistema Europeo de Vixilancia de
Fronteiras (EUROSUR)
(22 de outubrode 2013) só serve para alimentar a Europa dos
Mercenarios do Medo. Por iso, non me equivoco se afirmo que
Oligarca-Mercaderes e Mercenarios do Medo son facianas dun mesmo
fenómeno.
A Europa dos Oligarco-Mercaderes non é solidaria, nin cooperativa.
Mais a que queren os Mercenarios do Medo tampouco. Non nos enganemos.
Fronte a esa Europa do Medo, escura, que vive da confrontación e de
rexeitamento do OUTRO, convén reclamar a EUROPA DA LUZ, esa que os
posmodernistas e relativistas, tamén supostamente de esquerdas, se
encargaron de dinamitar.
Os Mercenarios do Medo usan termos
asociados a bondades. Así, dentro dunha mensaxe populista e sen
contido programático real, con presentarse como Alianza
Europea pola Liberdade, coidan
que teñen moito gañado. E pode que así sexa...se lles deixamos, os
que somos de esquerdas.
Non nos cansaremos de insistir en que cómpre reflexionarmos todas as
cuestións que están en xogo: a) Queremos formar parte de Europa? b)
AEuropa de hoxe responde á imaxe que tiña a sociedade hai 30 anos?
c) Podemos construír unha Europa distinta? d) Como construímos esa
Europa distinta? Aceptando unha moeda única común? e) Con que
mecanismos artellamos unha Europa dos Pobos?
Un programa de esquerdas, hoxe, ten que proxectar estas cuestións e
ver como responder ás mesmas desde a confrontación dialéctica para
ver a que síntese se pode chegar. Non facelo ou prometer arcadias
imposibles significaría mentirse e mentir á cidadanía.
Un programa de esquerdas non pode
aceptar a hexemonía dos Oligarca-Mercaderes actual. Toda a
textualidade dos escritos sobre o Funcionamento de Europa, que
salvaron en Lisboa o NON de Francia e Holanda a aquela mal chamada
Constitución Europea, debe ser suprimida. Esa debe ser a primeira
tarefa do novo tempo: a elaboración dunha Carta de Dereitos e
Deberes dos Pobos de Europa, respectuosa cos tempos de cada nación.
Unidade dentro da diversidade. Seguir o sendeiro da Estratexia
Europa 2020 significa aceptar a
política dos Oligarca-Mercaderes. É preciso, polo tanto, rachar
coas regras que hoxe converten en imperio a linguaxe das finanzas e
da economía.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire