O 17 de abril de 2015, na Sala de Exposicións do Concello de Brión inaugúrase unha exposición fotográfica que nace grazas á creatividade de Pablo Charlón e Manu Pumarega e que ten o acertado título de VAGAMUNDOS.
Son fotos de viaxes diversas que realizaron e onde eran quen de rescatar para inmortalizalos momentos pétreos, humanos, áereos. Exipto, Italia, Grecia, Cuba, son espazos privilexiados desas olladas. E agora podemos disfrutar das mesmas. Tiven a sorte que quixesen contar coas miñas palabras para o folleto de presentación e algunhas máis para a propia exposición.
Deixo aquí o texto que escribín para ese folleto e o cartaz da inauguración. Como é lóxico gustaríame que algún amigo ou amiga se achegase para poder respirar esas imaxes e soñar horizontes.
VAGAMUNDOS
Vivimos atrapados. Entre cadeas mentais e físicas que nos pechan os
horizontes necesarios para sentir o latexar dos nosos soños. Ao saírmos,
entre a néboa da mañá, quizais, só andamiaxes de cemento gris que nos
abafan. Ou esa incansable rutina de idas e voltas ao redor dun traballo.
Ou xirando coa lámpada de Aladino para que ese duro traballo duro
apareza. Tanto ten. Así renunciamos a nós mesmos.
Mais, como dicía Thoreau, “ningunha riqueza é quen de comprar o necesario tempo libre, a liberdade”. Témola que conquistar. E unha desas conquistas é alimentada pola nosa imaxinación. Mais precisamos de ourives coma Pablo Charlón e Manu Pumarega.
Convite a que deixemos na soleira os malos
pensamentos. A que respiremos as imaxes. Deambulemos entre as súas
formas. Deixémonos caer nas redes do enfeitizo. Non existen fronteiras
que nos impidan camiñar. Sintamos o agarimo desa luz quencer a nosa
ialma. Que se fundan en nós os amores todos. Unha foto ben pode ser o
noso fogar. O lugar onde todo pode comezar.
Maxestuosas
demostracións da creatividade. Pedras que gardan memorias. Cores rosas,
verdes e azuis para alumear un difícil sorriso ante o marrón. Herdanzas
de dignidades nas mans do coiro. Esperanza. Escritas que debuxan
universos míticos. Olladas á procura do sentido. A natureza que
transpira coa Nai Terra.
E, extenuados de sensacións, ao fin do
camiño, cando saiamos desta viaxe, sintamos a aperta da utopía e
berremos ante os horizontes futuros que, si, somos libres de vagar polo
mundo.
Xabier Ron
Brión, 5 de marzo de 2015
Brión, 5 de marzo de 2015
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire