samedi 25 février 2012

NÓS E O MEDO ANTE A DEREITA E A OFENSIVA NEOLIBERAL

Non é doado falar do medo. "O medo garda a viña e non quen a vindima", "O que ten cú, ten medo", recóllese no Refraneiro galego de Taboada-Chivite. O saber popular sempre deu forma de sentenza ao medo: quizais, unha forma de dominalo.

O medo maniféstase. Exprésase. E cando se impón ao resto das nosas emocións, asoballándoas, fainos actuar. De que forma? Esa é unha interesante cuestión que ten tantas respostas como persoas hai.

Pode que me equivoque, pero, nas diferentes manifestacións, concentracións e protestas vividas o domingo 19 de febreiro e o xoves 23 de febreiro, en contra da reforma laboral e en contra da reforma da función pública, podía albiscar na unión daquelas persoas o desexo de vencer o medo. O colectivo como protección. O NÓS que resgarda ao EU dos adversarios exteriores que o circundan.

Outra cousa é a utilidade, hoxe que todo se move en rendibilidades, dos nosos actos. Só como exteriorización dun enorme descontento fronte ao que é inxusto? Como demostración "interesada" de que é posible ir máis aló nas futuras accións de protesta?

De todo puiden escoitar. Mesmo un amigo espúxome un rápido discurso non improvisado sobre as folgas xerais en Galicia e sobre as condicións para o seu éxito ou non. Os sindicatos mesmo están organizando charlas pedagóxicas nas súas asembleas e centros de traballo para comprobar o grao de implicación das bases nunha suposta folga xeral. Está ben comprobalo. Faise porque existe temor. Os dirixentes temen un posible fracaso na convocatoria e, xa que logo, a posible des-posesión de instrumentos que presentar aos belixerantes políticos da dereita para convencelos de que están equivocados.

Non se cometa, de todos os xeitos, o erro de tratar unha folga xeral coma se esta fose un fin en si mesmo. Como se non existisen outras modalidades de resistencia e de confrontación. A folga xeral debe ser un medio para demostrarlle a quen elabora normas inxustas que se equivoca e que debe retroceder. E sabedora de que isto é así a patronal quere conculcar ese dereito.

Diversas circunstancias serven para, en cada un de nós, dar forma ás nosas dúbidas, aos nosos temores, aos nosos medos. E esas circunstancias dan e quitan sentido á nosa vida. Por iso, hoxe, cando o presente se conxuga de forma inestable e veloz, non debe causarnos abraio o permanente temor perante o futuro. Os propios belixerantes sábeno: describen con fatalismo as letras do noso futuro co fin de ir modelando e esculpindo as imaxes do medo no noso interior. O propio Séneca advertíanos contra isto: "Calamitosus est animus futuri anxius" (Desgraciado é o espírito angustiado polo futuro").

A ese medo responden as conversas sobre o vindeiro mes de marzo, sobre o momento posterior ás eleccións andaluzas e asturianas, sobre o momento no que se anuncien os orzamentos para o 2012. Os axentes neoliberais e os da dereita que nos malgobernan non desaproveitan ocasión para introducir a perspectiva fatalista perante o futuro, mesmo ante o micrófono supostamente pechado, eloxiando a capacidade de abnegado sacrificio do pobo que supostamente aceptaría resignado os sacrificios necesarios para sacar "España" da crise. Todo está perfectamente estudado. Calculado. Coma nun xogo militar no que se trata de ir introducindo pezas nas liñas inimigas para, no momento oportuno, dar o golpe conquistador. Xogan co medo do pobo.

Como suxeitos, indivíduos situados fronte a unha situación de incertidume, de temor á perda do que se ten (unha mínima seguridade laboral para facerlle fronte aos gastos da vida), é factible que decidamos non facer nada que presupoña desestabilizar esa delicada estabilidade. Unha amiga, cando debatíamos sobre se faría ou non  folga no caso de convocarse de forma unitaria (todo o que non sexa unitario é un erro, ou como di un amigo historiador, un rito; téñase en conta onde se desenvolve o escenario principal na toma de decisións sobre a reforma laboral), alporizouse e díxome: "olla a prensa de hoxe e verás como mesmo os sindicatos, que afirman desexar tumbar a reforma laboral, xa a están aplicando cos seus propios traballadores......entón, por que teño que arriscarme e perder o que me queda?".

E é que semella que os efectos de castigo derivados dunha folga serán superiores aos efectos beneficiosos. Por iso, a resignación, a abnegada obediencia ás imposicións (algúns poden chamalo mesmo prudencia) poden impoñerse aos desexos de loita, de reparación, de xustiza, de traballo digno e con dereitos.

E pode ser certo. Por que, en caso de facerse unha folga xeral como ditan os cánones de loita obreira (con unidade sindical, coa cooperación da forza política da esquerda, coa pedagoxía necesaria para paralizar o consumo enerxético e a produción do país), quen nos garante que o PP vai escoitar ao pobo? Alguén escoitou o que berrou durante incesantes días e noites o pobo grego? Modificou unha liña dos documentos Sarkozy despois das numerosas e concurridas manifestacións e folgas que paralizaron Francia durante días e días?

Que nos queda entón? Aceptalo, sen máis?

Eu digo non.


Cómpre camiñarmos xuntos, vencendo ese medo que nos afoga cando estamos sós. NÓS xuntos somos algo máis ca unha suma desconexa de persoas. Podemos debuxar un escenario ideal: comezamos desde xa cun clima permanente de mobilización nos centros de traballo (peches (incluídos centros de ensino), redución / paralización nas cadeas de produción, etc.), animamos a unha derrota da dereita en Andalucía e Asturias, e lle engadimos unha convocatoria unitaria de folga xeral, de seguemento masivo, que dure algo máis ca un día, que poña os luminosos indicadores de consumo enerxético cáseque a cero, que paralice o consumo, que obstaculice o xogo especulativo dos mercados: todo isto, .... que efectos tería?

En todo caso, o futuro a medio prazo pasa pola conquista dos escenarios onde se toman as decisións que máis nos afectan. Mentres as institucións europeas, mentres os países europeos dominantes estean en mans da dereita e das oligarquías financeiras, nada se pode facer.

Por iso, considero que os procesos constituíntes do novo futuro, que deben dar corpo a unha nova democracia, pasan pola re-conquista do imaxinario social, pola recuperación da educación como emancipación, e onde a mobilización permanente, crítica e constante da clase traballadora se una á conquista das institucións onde se elaboran as leis, para que estas sexan voz do corpo social da maioría. 


dimanche 12 février 2012

A FÁBULA DO DEUS-MERCADO OU COMO O SANGUE SE VOLVEU VERDE

Todo acontecera un venres. Como a traizón. No remate da semana laboral para moitas persoas. Sen querer deixar tempo de reacción. Un luns sería máis doado organizar toda unha semana de contestación. Mais, aínda así o escándalo estalou, pero todo era máis controlable. Para os máis contestatarios, o máis aldraxante foi comprobar, ao día seguinte, que omitiran de forma deliberada na súa presentación pública detalles non tan pequenos que amosan a baixa catadura moral dos suxeitos.

Todo acontecera un venres. Todo se fixo para honrar ao Deus Mercado e aos seus profetas. Son poucos, pero a súa caste domina o mundo. Entraron no xogo democrático para desvirtualo, para dominar á súa vontade á masa. E puxeron o diñeiro necesario para construir imperios mediáticos e financeiros quen de dominar os escenarios de decisión supostamente democrática.

O sacrificio tivo lugar na cova central. Ao redor dun altar de metacrilato conectado ao Deus Mercado, unha cohorte de adoradoras e de acólitos, ornados coas mellores garabatas e portadocumentos de marca e cos mellores bolsos de pel natural e zapatos de marca, brandían extasiados, un coitelo chamado Reforma Laboral. Sobre o altar, atados e indefensos, dous corpos ben seleccionados, o dunha traballadora e o dun traballador. Lanzando vivas ao Deus Mercado, unha tras outra, diferentes rostros que representaban ao BCE, ao FMI, ao BM, á OMC, aos países poderosos da UE, á CEOE, á Banca, en definitiva á dereita e á oligarquía financeira, e realizando o conxuro do eloxio ao coitelo Reforma Laboral asestaban por turnos unha coitelada sobre o traballador, sobre a traballadora. Do altar o sangue fluía a través de tubos cara a unha pantalla de índices de competitividade e acumulación de capital e volvíase de cor verde.

Mentres iso acontecía, en directo a través da rede óptica, millóns de persoas, de xeonllos, observaban o espectáculo. Os profetas dispuxérono todo para que detrás de cada espectador houbese un látego inmaterial: "ou aceptas con abnegada resignación ou 'iso' é o que che agarda. Tes que escoller entre vivir de xeonllos ou morrer desangrado nas oficinas de culto do desemprego".

Algúns xa foran rodeados polos garantes dos profetas e a cada movemento sospeitoso recibian unha descarga de paos. Sempre os alcumaran antisistema e eran seres 'perigosos' para o mantemento da orde mundial.

Outros, menos dos que se pensaría, ousaron erguerse e negáronse a aceptar a chantaxe dos profetas. Ao día seguinte, foron expulsados do 'paraíso' laboral de forma procedente e conforme á norma que emanaba do coitelo do Deus Mercado.

Os demais, dubidaron nun inicio entre erguerse ou seguir de xeonllos. Finalmente, o peso das ataduras económicas de todo tipo, o sentimento de medo ante a morte laboral, provocaron unha aceptación en masa das novas condicións de traballo e que representan unha nova forma de escravitude.

Todo acontecera un venres de febreiro, segundo me contou meu avó. Non acerta, debido ao alzheimer, a dicirme que sucedeu nos meses que seguiron á presentación do sacrificio humano. Díxome que algúns antisistema e contestatarios se uniran, pero non me soubo aclarar se os profetas retrocederon ou non. Terei que agardar a medrar un pouco e desfacer a censura que impide a libre información en internet para enterarme.



dimanche 5 février 2012

DE QUE FALAMOS CANDO SE FALA DE CAMBIO?

0. Non adoito falar dos demais partidos políticos e das súas cuestións internas, pero, entendendo que os medios de comunicación, namorados seguidores do bipartidismo, fixeron todo o posible para que me dese por enterado, algo vou dicir ao respecto.

1. Comezarei polo BNG. En primeiro lugar, dicir que me abraia, de forma positiva, o feito de que as decisións se dean de forma asemblearia. Procurando manter o máximo de horizontalidade posible. Por suposto, non quere dicir isto que o modelo por delegación sexa malo, xa que nas asembleas de base todas as persoas poden participar, debatir os documentos, procurar consensos e votar en consecuencia, co que a delegación elixida representa o sentir da asemblea de base (se ben, sempre queda a sorpresa e o posible cambio de voto debido a  circunstancias que os corredores sempre alimentan).

En función ás novas que ían saíndo na prensa daba a sensación que, tendo en conta os resultados das asembleas comarcais, unha das plataformas gañaría doadamente. Pero, sorpresas do modelo directo, a conclusión foi que as votacións debuxaron dúas visións políticas que deberan ser complementarias pero que todo apunta a que serán antagónicas máis por problemas de personalismos, de ataques e deslexitimacións persoais (a este respecto, increíble o de internet, xa que o anonimato permite auténticas barbaridades), que por confrontación sobre a visión de país que queren uns e outros. E, polo que foi saíndo nos días posteriores, pode que saia do BNG algún dos partidos que a conforman para iniciar unha aventura en solitario (ou irían conxuntamente, tal como fixeron nesta asemblea?). En calquera caso, ollando o resultado final semella que os que estaban seguirán co control da organización -e non me postulo sobre si é bo ou malo, só constato o feito votado pola asemblea- polo que podemos dicir que nada cambiou substancialmente.

2. Onte anunciouse que os votantes delegados do congreso do PSOE decidiron, por escasa marxe de votos (22 votos), entregar o futuro inmediato do partido a Rubalcaba, o perdedor das eleccións presidenciais. Cabeza visible do equipo ZP, culpado (e culpable) pola deriva cara a dereita e actor principal dos ataques máis claros contra os dereitos da clase traballadora. Carmen Chacón, que tamén hai que relacionar con esa política, tiña acadado as simpatías como portadora de "aires de renovación" e "garantía de cambio". Non serei eu que diga que é certo isto último. En calquera caso, coa victoria de Rubalcaba só cabe pensar que os pesos pesados do partido estarán máis a gusto e que os aspectos esenciais vanse manter. Polo tanto, cambio? de que?

3. Resulta curioso comprobar como se tende a reproducir o modelo bipartito -tantas veces criticado, pero sempre se remata por ofrecer unha dualidade conforntativa como alternativas- tanto na asemblea do BNG (coa confrontación entre dúas plataformas,, xa que a terceira lista en discordia MGS, como algúns prevían de forma acusadora e quizais excesiva, tendo en conta que é estratexia política, apoiou en todo momento a unha das outras dúas ecuacións, contribuíndo así a que a asemblea fose vista en realidade coma unha confrontación entre dúas partes; se clicades podedes ler a entrevista que lle realizou Galicia Confidencial ao voceiro de MGS, Rafa Villar, que explica o seu punto de vista sobre a asemblea; podedes ver tamén a entrevista que Praza Pública lle fai ao representante de Encontro Irmandiño Martiño Noriega) como na do PSOE, se ben nesta máis acusada, xa que todo xirou ao redor do personalismo dos dous contendentes (agardemos que as anunciadas primarias non sexan un tour de force entre dúas opcións nada máis) e cunha escasa proxección programática.

4. O certo é que xorden en Galicia novas organizacións (que serán partidos) coa arela de "cambio", "transformación" e sempre co desexo expreso de achegar o que as demais "esquerdas" non achegan.Case semella que xorden por encantamento. Nos discursos iniciais falan coma se todo o que pronuncian fose algo único (por moito que outras organizacións conteñan nos seus programas aspectos éticos de non ao maltrato animal, ecolóxicos de non ás nucleares, de non ao desbaldimento de recursos, etc.), diferenciador, con algo de mítica/mística fundacional. Pero, non será o personalismo o que alimenta esa diferenza?

5. Contemplo esta atomización da "esquerda" con preocupación porque intúo que esa diferenza vai permitir o triunfo máis doado ainda das caras da moeda neoliberal e que vai ser cada vez máis difícil confluír, xa que esa diferenza será esgrimida como insalvable (dogma da pureza).

vendredi 3 février 2012

CRÁTER, DE OLGA NOVO

Olga Novo leva o verso da terra na súa ialma. Vexo nela a esencia do nós máis íntimo. E, non obstante, é ela quen se manifesta. O seu mundo. Pobra do Brollón. O rural emerxe, poderoso símbolo, para evocar tempos que se esvaen.

"O meu xenoma é unha rede de estradas secundarias
que incomunican a montaña ó val" (p. 15)

Xa somos maiores, Olga. Ti aínda non tanto, claro. Hai nostalxia e homenaxe ao que fai que ti sexas ti. A descrición dos lazos que unen a voz poética á terra fan que desexemos perdernos na noite estrelada e escoitar o lobo rumiar a fame dos tempos. Ese lobo que viches tan de preto que "desde aquela o meu medo é un gurú que ouvea na noite"

Non quero estender máis este convite ás "emanacións vitais" de Olga Novo "que poetiza o abandono do mundo rural galego e o seu resistente corazón residual, en loita contra o esquezo e o desleixo, e tentando sempre integrar a morte na vida e a vida na morte" (p. 7)

Só quero rematar con algunhas das imaxes coas que Olga Novo homenaxea ao seu padre:

"Maos.
O frío traballou nas túas maos coma un obreiro inverno tras inverno. Carretou toneladas de graos baixo cero á túa sombra. Labrou a artrose dos teus dedos coma un artesán maldito. Metéuseche tan dentro que apenas distinguimos a xeada de ti. (...). Non se sabe se foron antes as túas maos ou as cicatrices. (...). O teu corazón sacha coas maos agarradas á terra. Aquelas maos que descoñecen a ortografía pasan humildes pola la dunha ovella sen rabuñar o día. (...). As túas maos que non rezan pero cren nas estrelas e no poder dunha nube cargada de auga. (...). A terra das túas unllas é a única herdanza que desexo As túas maos papá as túas maos anciás de ouro e de fariña As túas maos nas miñas" (pp. 43-44)

CRÁTER, de OLGA NOVO, limiar de Carmen Blanco, editorial Toxosoutos, colección Nume, 2011.

mercredi 1 février 2012

COMO A ESTUPIDEZ ACADA O PODER....PREGUNTO?

A verdade é que lin dúas veces o discurso do ministro de Educación. Infumable. Digno da opereta numérica dos que adoran dar números que, pretenden, expliquen realidades. Son tecnócratas, claro. Empregan palabras que foron característica dos discursos progresistas pero para prostituir o seu significado. Manipulan a lingua para manipular a conciencia. Mais, a realidade é así porque eles, que tiveron o poder hai 8 anos nada fixeron para que mellorase o ensino público, é así porque os que estiveron hai nada só aplicaron unha renovadora cosmética sen atreverse co esencial (por exemplo, a presenza da relixión).

Pero agora, en nada, así como quen pensa no retrete mentres se alivia, alumean unha idea e queren impoñela a todo o mundo, así semella que actúan os gurús da reforma destrutiva. É o triunfo da estupidez. Falan do respecto e din que ten que ver, claro, con que somos, os docentes, malos, que digo!, somos moi malos, que non sabemos facer nada. Esquecen que a dimensión educativa non se cingue á escola, que ten unha dimensión contextual moi importante e relevante: sistema político-económico que determina as condicións de clase, si, xa sei, fala Marx, pero é que se demostra que ten máis razón que nunca. Hoxe denúnciase que debido aos recortes en Grecia, hai nenos e nenas desnutridos na escola. 

o ensaio manipulado por Wert
Os argumentos para deslexitimar a materia de educación para a cidadanía son pura mentira, tal como recolleu, para sorpresa positiva, algún xornal. Estes argumentos, citados logo dunha entrevista na SER, foron os que lle deron, por se non tiñan bastante co alento dos 'opusdesinos', os folgos para cargarse a materia. Un libro escrito para denunciar, que non é manual de texto -e xa me gustaría que o fose para acabar coa farsa que domina á burocrática escola de hoxe-, que é un alegato a favor da democracia e unha denuncia dos atropelos do sistema capitalista. Pero eles saben mentir, porque os que escoitan, non queren/saben pensar.

De novo, e xa van moitas, toca trastornar o currículo, a estrutura do sistema educativo. Para o noso país, Galicia, é unha desfeita o que pretenden facer. Iremos comentándoo pouco a pouco ao longo das vindeiras semanas. Pero o que si debemos pedir é que os de "galería e pacotilla" se dignen en explicarnos como se vai reconfigurar a plantilla de profesorado en Galicia e como van a esmagar (perdón, respectar) os dereitos laborais acadados despois duns 15 anos de traballo (pensando, sobre todo, nos CPI's, onde a desaparición dun curso implicaría unha morte segura da etapa da ESO e a "deslocalización" de profesorado e alumnado).

Mala cousa que gobernen a "cousa pública" aqueles que non cren nela e que só desexan rematar co proceso de degradación e destrución da xa reducida igualdade de oportunidades que existe. A receita de 3 anos de bacharelato é un pé para acelerar a concertación desta fase nos privados.

Un ano máis, non vai haber oposicións para acceder á función pública docente en Galicia. Un ano máis milleiros de persoas sinten frustración despois de ter estudado durante dous anos, algunhas pagando academias, outras despois de ter pagado o máster de capacitación correspondente. Que destino lles agarda? O desemprego? Emigrar? E logo din que as reformas (sic) se fan para evitar o fracaso escolar...pero se hai unha enorme masa de persoal sobradamente preparado....que lles destinades a estas persoas Vázquez-Wert?????

vendredi 20 janvier 2012

CANTA HIPÓCRITA, CANTA, QUE O TEMPO É QUEN XULGA

Cantas mentiras tivemos que escoitar nestes días. A morte, din, iguálao todo, a ricos e pobres. Mais é mentira. Da mesma forma que son mentiras as louvanzas e os panexíricos encendidos que tiven que escoitar. Aínda que  procurei non atender ao circo mediático, o certo é que ese panexírico asulagouno todo. E a base de mentiras e manipulacións históricas. Pero esa é precisamente a herdanza da "modélica" transición, onde os tiranos, os aduladores franquistas seguiron en posesión dos seus títulos e dos seus privilexios. Nada se pode facer cando a historia a seguen escribindo eles, os vencedores da guerra incivil.
E resulta que, case, o que morreu, é o inventor da democracia. El! Precisamente el! Que non a quería!
Pero si soubo castrala, desposuíla das súas esencias. E así lle vai á democracia nesta Galicia. Iso si que é o seu ben, unha cracia sen "demo"...porque, quen sabe, o demo era el.

Por iso, só digo, canta hipócrita, canta, que o tempo será quen te xulgue. As hemerotecas resisten ben o paso do tempo.

O MUNDO ÁS AVESSAS


O día a día comeza coa negrura, coa escuridade sobre un horizonte cada vez máis difuminado. Xa non abres o xornal. Demasiados intereses en xogo como para poder aprehender  a verdade desde un único medio. Entón escoitas a rúa como se pronuncia neste inverno escaso de auga.

E o medo inoculado cada día cunha forte compoñente de resignación asoma nas palabras dos improvisados discursos. Acéptase cada anuncio de recurte de dereitos con abnegada resignación. Algún até di, “pero se mesmo os sindicatos van aceptar que o traballo completo pase a tempo parcial”. E o xesto que acompaña a esa afirmación xa non é de indignación, non, é de calada e resignada aceptación. Como se non houbese outra saída. Os publicistas neoliberais triunfan.

Cada día un compañeiro, unha compañeira queda sen traballo. E non só no eido da investigación, onde xa é quimera pretender traballar para o país. Falo dos eidos máis dispares. As oligarquías financeiras e os seus cómplices nos gobernos fixeron que a palabra ERE sexa sinónimo de “morte” laboral. E ese medo á morte laboral imponse nas conversas e imponse á necesaria acción cidadá de contestación.

***
A democracia é unha ilusión. Espello e mentira. Capturada polas redes do Estado e este en mans das oligarquías. Un terrible cheiro a podredume inúndao todo. E os seus axentes perpetradores son terriblemente hipócritas. A verdade é que aínda teño o poder de anoxarme cando escoito aos que recén saíron do goberno falar de atentado á democracia por parte do goberno entrante...: acaso xa non existe memoria a curto prazo e esquecen que todas e cada unha das medidas desde o 2008 adoptadas polo PSOE foron contrarias aos dereitos da clase traballadora? Que a conxelación da que se fala faise sobre unha baixada do 5% realizada por eles? Que o aumento da idade para xubilarse foi cousa deles? Que a taxa de reposición do 10% -favorecendo a merma de calidade da función pública- foi cousa deles? Que o cambio sen plebiscito da Constitución foi asunto deles...dos dous, do PP e PSOE??

***
Cada día que pasa a Cidade da Cultura representa para Galicia unha coitelada sobre o debilitado corpo da Cultura en xeral. Hai aeroportos sen avións, de “persoas”, pero sen persoas que viaxen. Aquí temos unha nova terminal digna dun aeroporto de gran cidade europea, e unha vella terminal que aínda non chegara ao seu tope de viaxeiros e da que non sabemos cal será o seu futuro. O tema é construír, tirar para adiante e “xa se verá”.

No Gaiás hai tamén un enorme continente, pero non hai quen queira colonizalo. Os contidos cando se queren impoñer...non atraen. Achéganse namorados megalómanos e tamén críticos que queren reafirmar a súa crítica. Pero sobre todo van os perdidos  e obrigados excursionistas de axencias, e as “chantaxeadas” (¿?) asociacións de diverso signo (cultural, lingüistico, literario...) que, probablemente a cambio dalgún apoio ou subvención económica, se ven na obriga de desenvolver as súas actividades nun espazo inhóspito, non preparado, sequera, para as mesmas.

E agora queren levarse o museo Granell. Aos espazos que fan da cidade de Compostela un lugar de cultura. Nada mellor que a proximidade para todo: para o abastecemento en provisións, para o lecer e tamén para a cultura. Xa quedan poucos espazos. Fóronos pechando todos. Foron caendo. A cultura de base ten que reorganizarse permanentemente para loitar contra o baleiro ao que o queren someter os escuros alquimistas.

***

A política de igualdade de oportunidades foi sempre, mesmo na suposta época de vacas gordas, unha quimera. Cantas veces tivemos que denuncialo! Fomos sempre un país que en materia social, tal como describiu Vicenç Navarro, estivo no furgón de cola de Europa. Pretender agora que hai que volver a eses tempos simplemente, é un insulto á intelixencia. As taxas de desemprego sempre foran das máis elevadas. Os salarios dos máis baixos. As pensións das máis baixas. As leis sobre a inmigración sempre restritivas. Non. Cómpre cambiar de ollada e de reflexión. En caso contrario, non existirá saída á gran estafa financeira.
***

Que os antidemócratas xulguen aos demócratas son realidades cando o sistema político, xudicial e económico está en mans de quen está desde que a amnesia colectiva se disparara a finais dos anos 70. Nunca desapareceron. Souberon utilizar as institucións para impoñer o carácter antidemócrata ás institucións democráticas. Así nos vai.

É lóxico entón que certos corruptos e delincuentes saian ben parados. Nun páis onde certas institucións son tabú, a corrupción é sempre dos de fóra do núcleo primitivo, pero, como di Salvador López Arnal, os vasos comunicantes existen. Mais, como todo é “modificable” non sería de extrañar que un divorcio apareza como solución exculpatoria.

***
Que 20.000 persoas se manifesten por un equipo de fútbol representa unha negación ou unha afirmación? A resposta viría dada pola magnitude da vindeira concentración en defensa dos nosos dereitos cidadáns. Eu, de antemán, xa coñezo, e ogallá me equivoque, a resposta.

***

Todo é tan absurdo que, por momentos, considero que as miñas esperanzas están, hoxe, nos pobos francés e alemán. Que Sarkozy e Merkel perdan as súas eleccións, que cheguen forzas máis progresistas e de esquerdas sería o primeiro paso para suavizarmos as pendentes que o futuro nos depara.

É un mal menor? Pode ser. Teño en mente que o programa natural dominante é o capitalismo e que este, para seguir maximizando beneficios, precisa meterlle o dente con forza ao ben público e seguir insistindo na fenda das desigualdades. Polo tanto, a acción cidadá deberá encamiñarse en conter os ataques, en defender o ben público e en solidificar un programa de acción conxunto que faga da igualdade de dereitos, de oportunidades e de deberes a súa máxima. Unha cidadanía contestataria, emancipada, será a mellor maneira de obrigar ao aparello do(s) Estado(s) a modificar a súa folla de ruta.

jeudi 5 janvier 2012

NOVO ESPAZO PARA A POESÍA EN GALEGO

Chegoume hoxe vía o amigo e poeta Xoan Carlos Domínguez Alberte. Un espazo, Escollas Electivas (tedes unha ligazón permanente na columna da dereita), onde se pode expresar o creado e onde un pode re-crearse cos versos de poetas. Precisamente, hoxe, cando abres o xornal e ves que o panorama sempre semella que pode ser máis escuro, requirimos de instrumentos propios para dicir como ruxe a nosa ialma ante a perda.

Non vou aseverar como é ou como debe ser a poesía, nin como debe ser a persoa poeta, mais sempre me lembro daquela resposta de Rilke a un soldado mozo e que parafraseo libremente aquí: "mestre, cando saberei que son poeta? - Se ao chegares a casa precisas escribir para expresar as túas emocións, entón, es poeta".

Feliz andaina para a iniciativa lanzada por Suso Díaz e Maripaz Paz, que os versos non lles/nos falten para dixerir mellor os presaxios de agoiro que nos lanzan os mercados..., a mellor maneira de lle facer honra ao cabodano de Celso Emilio Ferreiro, quen soubo acompañar verso, reflexión e acción política...

jeudi 8 décembre 2011

NOVA RADIO EN GALEGO VÍA ONLINE

Grazas a unha amiga veño de enterarme da iniciativa. Trátase dunha nova radio en galego que emite vía on-line, chámase anfiteatrogzradio e podedes acceder a ela premendo na ligazón, ou indo á columna da dereita. 

Reproduzo a mensaxe que figura na súa páxina en lugar central: 

AnfiteatroGZradio é un proxecto de radio online en Idioma Galego. Pretendemos, a curto prazo, encher as 24 horas do día con programación de diversos contidos. O obxectivo é crear unha emisora no noso idioma, que fomente os grupos musicais galegos, a literatura do noso País... e todo canto teña cabida no mundo da cultura. Asimesmo queremos darlle cobertura a todos os blogs do blogomillo por medio do noso "player".



Precisamos dunha media diaria de 130 horas de audiencia (entre todos os oíntes)... se é que queremos seguir mantendo o dominio. Axúdanos a que este proxecto de radio en Galego vaia adiante. Ter aberto o reproductor da emisora (en play), o maior tempo posíbel, fai que contabilice, a prol nosa, minutos ou horas de audiencia. Bótanos unha man. Escóitanos!!

jeudi 1 décembre 2011

LÈVRES DONT JE SUIS AFFOLÉ

Lèvres dont je suis affolé
je reviens du serment
enfoui dans les entrailles
d'une langue qui vous a aimé
autant qu'elle a su 
autant qu'elle a pu

L'ombre des arbres au loin
n'est que le miroir de nos rêves
s'agitant et s'envolant
pendant que notre temps s'effondrait



Et l'eau de ce lac 
va et vient cruellement
tendrement et se sèche
peu à peu

Finalement l'ordre des vers
revient et l'envers
se révolte et je replonge dans l'enfer
lèvres dont je suis affolé

VERSIÓN AO GALEGO (con cambios de ánimo)

Beizos que me tolean
volvo do xuramento
afundido nas entrañas
dunha lingua que vos amou
tanto como soubo
tanto como puido

A sombra das árbores ao lonxe
é o espello dos nosos soños
tremendo e voando
mentres o noso tempo se esvaece

E a auga desa lagoa
vai e vén con crueldade
con dozura e sécase
pouco a pouco

Ao fin a orde do verso
volve e o reverso
rebélase e mergúllome no inferno de novo
beizos que me tolean
***
Quen coñeza a Baudelaire saberá recoñecer a deliberada intertextualidade que tendo coa súa mestría. O poema naceu e pensouse en francés.