vendredi 20 mars 2020

MARTIN DE PADROZELOS NON É O PRIMEIRO TROBADOR DA NOSA LÍRICA MEDIEVAL

Captatio benevolentiae
Hai días en que un se pode alterar por calquera cousa, certo. Máis, se cabe, cando vivimos separados da familia, das amizades e da natureza e podemos comprobar a natureza inconsciente -por ser suave- dalgunhas persoas durante este confinamento forzoso. Por iso, quizais, cando unha amizade me mandou a través de telegram o que parecía un documental sobre a nosa lírica medieval sentinme, de primeiras, contento. Mais, en canto comecei a escoitar o que se dicía sobre Martin de Padrozelos, anoxeime e, en canto avanzaba no seu visionado, o anoxo multiplicábase, tanto ía contra os piares das evidencias científicas ao erguer a condición de ciencia o que son simples desexos e teimas un tanto oportunistas. En efecto, digo oportunistas porque o produto faise coa achega de diñeiro público do programa dedicado a publicitar o Xacobeo 2021. Tentarei explicalo con moderación, rexistrando as incongruencias científicas e deixando de lado as fermosas evocacións paisaxísticas do documental. 

Os inicios da nosa lírica
A lírica medieval galega e portuguesa ten unhas datas imprecisas de inicio, mais despois dos minuciosos e científicos estudos de José Antonio Souto Cabo (2012), de Antonio Resende de Oliveira (1994), Henrique Monteagudo (2009) ou mesmo de quen escribe (2003, 2015), coñecedores da documentación e das datacións dos trobadores da nosa lírica, podemos establecer -coa lóxica prevención en estudos asentados en documentación medieval- uns inicios a partir da década de 1175, se atendemos á produción conservada nos nosos cancioneiros. E se consideramos os autores que figuran na Tavola Colocciana e dos que non se nos conservou a produción por accidentes (mutilacións) nos cancioneiros, na década de 1165, con certa probabilidade a través da figura de Johan Velaz, peza chave como describe Souto Cabo (2012: 17-21, 31-41).

Johan Velaz era fillo de Vela Goterrez e Sancha Ponce de Cabrera e, en consecuencia, descendía por liña paterna dunha Trava, Toda Perez, que casou con Guterre Vermudez, pai do posible trobador. Johan Velaz tivo cando menos 5 irmáns e 1 irmá, tal como recolle a documentación. Dos datos despréndese que debeu nacer ao redor da década de 1145-1155 e que morreu entre o 5 de xullo e o 7 de decembro de 1181. A reconstrución prosopográfica e xenealóxica permite relacionalo con varios dos trobadores dos inicios: Osoir'Eanes, Roi Diaz dos Cameiros, Pero Rodriguez da Palmeira, Garcia Mendiz d'Eixo, Johan Soarez Somesso, Fernan Paez de Talamancos. Polo tanto, se naceu en 1145, ao redor de 1160 xa podia estar en idade de crear ou 1170, se collemos a data de 1155 como nacemento.

En todo caso, unindo a produción conservada e a perdida, podemos establecer o eixo 1165-1175 como momento inicial da nosa lírica, algo que vén corroborar o que establecéramos nun traballo do ano 2003 e que se asentaba nun máis antigo do ano 1998.
  
Estes datos non se dan á lixeira, responden a un duro traballo de pesquisa documental, de análise e reflexión para poder reconstruír as prosopografías e as árbores xenealóxicas. Sempre existirán, loxicamente, novas posibilidades, pero derivadas do que nos ofrezan novos achados ou novas lecturas do xa existente que reparen en eivas realizadas.

Por iso, non se pode dicir, de forma taxativa, para maior gloria dun produto audiovisual -supoñendo que así se divulgará máis pola sorpresa que representaría- que Martin de Padrozelos é o primeiro trobador da nosa lírica. 

 Iso é o que acontece co documental de menos de media hora que coñecín divulgado a través da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), que ten por nome Trobador no camiño: andares pola lírica de Martín de Padrozelos (https://www.youtube.com/watch?v=nm3bwdWrQ4Q). O documental, xunto cunha recreación musical das cantigas de Martin de Padrozelos a cargo do grupo musical A Quenlla, forma parte do proxecto que dita APECSA leva a cabo cunha axuda da Xunta de Galicia a través do programa 'O teu xacobeo'. 

 
A interpretación musical das cantigas: controversia entre ciencia, divulgación e recreación libre
Nada temos con que se musiquen con criterio divulgativo as cantigas de calquera trobador e, neste caso, as de Martin de Padrozelos. Cómpre lembrar, iso si, que estas cantigas non contan con notación musical nos cancioneiros e que o seu rexistro é obrigadamente o da monodia e que non se anotaba o acompañamento instrumental.

Existen entre os investigadores aínda moitas discordancias musicolóxicas e filolóxicas sobre a execución musical das cantigas e como interviñan nela os instrumentos. Por iso, a interpretación actual dun repertorio medieval coma o das nosas cantigas debe ser algo moi ben explicado para sabermos se o que se ofrece é un intento máis ou menos arqueolóxico de recuperación do noso patrimonio musical ou se, pola contra é unha divulgación asentada na recreación libre dos nosos textos medievais ou mesmo unha deliberada e arriscada experimentación. Só cómpre dicilo, informar e non pretender nada que non sexa o que se vai ofrecer. Por iso, cando Martinho Santalha ou Dulce Fdez Graña, dúas das voces expertas que falan, din que o de Padriozelos era 'poesía cantada' (35ss, Martinho Santalha) non din nada, xa que non se sabe realmente como se cantaban. Entón, que se nos ofrece musicalmente das cantigas de Martin de Padrozelos? Unha interpretación arqueolóxica? Unha recreación libre?

Non se afirma no documental, mais partamos da seguinte afirmación do filólogo-musicólogo Antòni Rossell (2013: 353): "No olvidemos que cualquier interpretación del repertorio monódico medieval con pretensiones arqueológicas es pura hipótesis, y expresiones como “música medieval revidiva” son pura entelequia".

No documental, non obstante, Yaiza Seijo, unha das músicas que participa no proxecto chega a dicir que o seu traballo musicolóxico é fermoso porque consiste en "recuperar as orixes da música galega" (17m). Esta afirmación fálanos de arqueoloxía e é ousada de máis, sobre todo cando ela mesma di que o seu labor consistiu en arranxar violonchelo e coros.

Que hai gusto e estética na interpretación que realiza a Quenlla, iso é indubidable, mesmo diremos que hai ideoloxía. Como lembra Rossell (Ibid.: 353): "Mientras algunas de las interpretacions/grabaciones comercializadas responden a la intuición de los intérpretes, otras están respaldadas por minuciosos estudios musicológicos y filológicos y llevan detrás largas investigaciones y a ninguna de ellas les podremos negar un valor estético".

Desde logo, hai unha discordancia entre o que se ofrece e o que se pretende. Consultada unha compañeira musicóloga, Estrela Gómez, sobre a natureza da interpretación do repertorio de Padrozelos, deseguida xorde que a interpretación é tonal, cunha organización acórdica e que no plano rítimico non se acolle aos modos nin ao ritmo prosódico. Resulta evidente que é unha recreación libre de textos medievais e que non pode pretender ter ningunha intención historicista desde o punto de vista musical. Aparecen varios instrumentos ao mesmo tempo -imaxinade ao bo de Martin de Pradozelos a cabalo e levando todos os instrumentos- e de forma frecuente varias voces. No fondo, trátase dunha estética romántica ancorada no suposto tradicionalismo das cantigas de amigo que nos levaría nunha liña do tempo artificiosa de forma directa a Rosalía de Castro e ao noso cancioneiro popular actual. Unha liña que esquece que o repertorio monódico medieval era litúrxico e aristócrata. E que a austeridade na interpretación debe ser a norma e non unha excepción.

Poderíamos concluír con Rossell que "aún hoy continuamos debatiéndonos entre lo que nos gusta y lo que la investigación musicológica y filológica nos indica para una interpretación lo más próxima posible a la música medieval". No entanto, cómpre coherencia e mesura para non dicir que esta musicalización significa recuperar as orixes da nosa música medieval ou que a música 'recuperada' conduce á nosa identidade (27m).


 
O desexo como ciencia
Danse afirmacións que son abraiantes e que repousan nun mero desexo ou, no caso de Xulio Pardo de Neyra, nunha teima, pois así podemos definir a evolución que se deu entre a publicación de seu libro en 2005, onde un interrogante acompañaba o título da obra (Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa?) e a declaración coa que abre o documental: "Martin é o primeiro trobador da lírica galega"(Julio Pardo de Neyra, 57''). Teima que se converte xa en obsesión evidente na reelaboración en forma de artigo da súa teoría no ano 2015.

Que hai da súa colocación nos cancioneiros? Como entrou na nosa tradición manuscrita? Podemos falar de cronoloxía sen ter en conta estes datos codicolóxicos? Sen considerar a documentación medieval? Apoiándonos só na existencia dunha inscrición nun bordo de madeira nunha casa , si centenaria, pero que probablemente non sexa de finais do século XI-inicios do XII como queren os autores do documental?

Apoiándose nun Martinus Petri presente na documentación de Samos durante a segunda metade do século XI, nado ao redor de 1075 e aínda vivo en 1149, fillo dun Pero Peláez, posuidor de bens en Lóuzara e do que, Pardo de Neyra (2005: 115), con absoluta forza taxativa afirma: "calquera pregunta que nos fagamos ao respecto apunta a que se trata do poeta aludido, quen por iso queda convertido en trobador". Semella un dogma de fe, xa que non se poden levar os inicios da nosa lírica sen probas a finais do século XI. No documental di  que sería "un nobre, un fidalgo, non un cabaleiro especialmente ben posicionado na sociedade daquel momento [...] senón un nobre achegado [..] ao mosteiro de Samos" (Pardo de Neyra, 3m20s). De novo, son meras especulacións. Despois, o relato deixa caer preguntas -que só a ciencia documentalista podería responder- sobre a posibilidade de que Martin de Padrozelos fose monxe no mosteiro, lugar en que mesmo podería ter vivido (18m). Sen dúbida, na formulación destas preguntas pesou o artigo que o propio Pardo de Neyra publicou no 2015, onde introduce como novidade ao que xa recollera na obra de 2005, o feito de que "Quizás hubiese sido monje y, tras exclaustrarse, decidiese vivir y cultivar sus bienes de Praducelo, hipótesis que muy bien se adaptan a los datos ofrecidos en su única cantiga de amor, por la que, además, constata la temprana asunción de los moldes provenzales por parte de las esferas intelectuales de Galiza".

Estas afirmacións de Pardo de Neyra son perigosas, xa que divulga o que é un desexo/teima/obsesión como evidencia científica cando non existe ningunha base minimamente científica que permita mantela.

As voces femininas que interveñen como expertas, como Dulce Fernández Graña, usan o estereotipo para definir a textualidade das cantigas de Martin de Padrozelos, e eloxiando, quizais en exceso, o que é retórica e uso axeitado de motivos poeticos propios da cantiga de amigo e de santuario. Entendemos todo isto dentro do mecanismo de gap que manifesta o documental, xa que se escoitan moitos lugares comúns anacrónicos sobre a muller cantada nas cantigas de amigo ('sensibilidade feminina'?).

Outros dos estereotipos éo o de considerar que os xograres eran simples executantes das composicións dos trobadores (Dulce Fdz-Graña, 15m). Mais poderiamos sinalar outras delicadezas (sic) como dicir que a consolidación da nosa lírica provén do tradicionalismo das cantigas de santuario. Unha mostra máis que vincula unha certa deriva romántica asentada nos atributos que conformarían a identidade galega.

 
Samos e o Camiño de Santiago
Resulta evidente que existe un gran desexo de vincular -e xustificar?- o proxecto coa promoción do Camiño de Santiago. Mais, para iso, non era preciso alterar os avances que se produciron en investigación da nosa lírica medieval. Ninguén con criterio pode ignorar que o Camiño de Santiago artella como nó de comunicación esa zona, entrando polo Cebreiro, e baixando por Triacastela e Samos. Ou que nesa zona conservamos un dos xacementos arqueolóxico máis importantes de Galicia, a Cova de Eirós, e que require de especial protección (tal como solicitamos nós no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016). A fermosura das imaxes é evidente. Iso non está en discusión aquí, senón as pretensións que adquire o envoltorio coa recreación da vida e música de Martin de Padrozelos.

Insistimos en que un desexo ou teima non substitúe -ou non debe facelo- a evidencia asentada en datos científicos de tipo documental ou codicolóxico. Desexo érao o de Uxío Novoneyra, que xa relacionara nun artigo en El Progreso (10-10-1954) a Martin de Padrozelos con esa casa centenaria e con San Xoan de Lóuzara, alentado en que nunha aldea de Lóuzara se celebraba a San Salvador, o santo aludido nas cantigas de santuario de Padrozelos. Mais iso pode ser tanto certo...como non. O que non dixo, porque non se podía dicir era que o de Padrozelos era o primeiro trobador.

Recompilemos o que sabemos de maneira máis científica

Que di a súa colocación nos cancioneiros?
Segundo os estudos de Resende de Oliveira, Martin de Padrozelos foi inserido na nosa tradición manuscrita en tanto que parte integrante dun probable Cancioneiro de Xograres Galegos (CXG). Todos os autores deste CXG, previsiblemente, desenvolveron a súa actividade poética e musical grosso modo entre 1240 e 1290.

Que di a toponimia presente en dúas das súas cantigas?
Hai anos (en 1996) en LPGP rexistramos sobre a posibilidade de que fose natural da parroquia lucense de San Xoán de Lóuzara, onde existe un Padrucelo e a famosa casa centenaria chamada Martin á que se refería Uxío Novoneyra en 1954, mais, como este mesmo manifestara non existe o topónimo Valongo, que debería dar nome á parroquia que se situaría baixo a advocación de San Salvador. 

No documental, no entanto, maniféstase claramente que Valongo sería un monte da zona...raro que o poeta do Courel non o coñecese. Pardo de Neyra insiste en que debe identificarse co regato de Valelongo que daría nome a unha localidade homónima no Cebreiro. Esta hipótese non nos semella acaída, xa que, por norma, os santuarios invocados exercen de polo de atracción do espazo en que se situan e pouco sentido tería separar o santo invocado (San Salvador) do territorio (Valongo). Todo apela a que cómpre situar o santo advocado nunha igrexa parroquial.

Anos despois, Oliveira (2001) quédase coa existencia, na contorna do mosteiro de Montederramo, dos topónimos Padrozelos e Valongo, “sinalizando, talvez, a região onde nasceu”. No traballo que presentamos no ano 2019 na homenaxe a Antón Fraguas analizamos esta afirmación e concluimos que non existe o topónimo Valongo no concello de Montederramo, mais nada impide que o autor sexa orixinario dunha localidade e que, por circunstancias que se nos escapan, estivese vinculado a outra zona, como por exemplo San Martiño de Valongo no concello ourensán de Cortegada.

En datas máis recentes, Souto Cabo (2018) pensa que o topónimo que designa a orixe do autor é o actual Peroselo, aldea de San Miguel de Augasantas no concello pontevedrés de Cotobade, preto do lugar de Martin e a 400 metros do lugar de Santo André de Valongo, no mesmo concello.

Que evidencias documentais posuímos?
De forma fidedigna quizais ningunha. A única que podemos achegar, froito dos nosos traballos na documentación medieval (Ron Fernández, 2019: 333, n. 22), é a dun Martin Perez Pradoçellos, rexistrado en 1281 no mosteiro de Montederramo en tanto que beneficiado no testamento de dona Maria Meendez e que analizamos con fondura nun traballo exhaustivo que estamos realizando sobre a documentación de Montederramo e as parentelas aristocráticas (Montederramo I, doc. 413, 1281-setembro-04. Torbeo), dato que non descoñece Pardo de Neyra, mais que desbota para manter a súa hipótese "impossível e inverosímil” como di Souto Cabo (2018).

Conclusión
Como se pode ver, estamos lonxe de poder afirmar cal é o concreto lugar de orixe de Martin de Padrozelos, pero o que si somos quen de aseverar é que non é un autor de finais do século XI e inicios do XII. Cómpre que insistamos, nun traballo xa vello (2003), nós recuabamos a data de inicio da nosa lírica cara a 1175, apoiándonos en evidencias tanto documentais como codicolóxicas. Moi probablemente, o primeiro dos nosos trobadores pode ser, como quere Souto Cabo, Johan Velaz, vinculado aos Trava, parentela na que repousan os inicios e a consolidación da lírica medieval.

En definitiva, Martin de Padrozelos non é o primeiro trobador da lírica medieval galega e portuguesa.


Bibliografía
  • Montederramo = Lorenzo, Ramón / Pérez, M (2016), Colección Documental do Mosteiro de Montederramo. Sécs. XII-XVI, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 3 vols [vol. I]
  • Monteagudo, Henrique (2009), Letras primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lirica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito, A Coruña: Pedro Barrié de la Maza.
  • Oliveira, António Resende de (1994), Depois do espectáculo trovadoresco, Lisboa: Colibri.
  • Oliveira, António Resende de (2001), O trovador galego-português, Lisboa: Notícias.
  • Pardo de Neyra, Xulio (2005), Martín de Padrozelos, o primeiro trobador galego-portugués?, Noia: Toxosoutos.
  • Pardo de Neyra, Xulio (2015), "Literatura y proceso identitario: Martín de Padrozelos y los inicios de la Literatura Gallega. Proyecto didáctico y perspectiva filológica", URL:http://oceanide.netne.net/articulos/art7-5.php. Oceánide número 7, ISSN 1989-6328.
  • Ron Fernández, Xabier (2003), "Coordenadas históricas: tempo e espacio", in A lingua das cantigas. Congreso da Lingua Medieval Galego-portuguesa na rede, World Wide Web, http://www.vieiros.com/galego.org/lingua-dascantigas/relatorios/ron.html.
  • Ron Fernández, Xabier (2015), A fenomenoloxía do don na lírica románica das primeiras xeracións, tese de doutoramento inédita, Facultade de Filoloxía, USC.
  • Ron Fernández, Xabier (2019), "Reflexións críticas sobre o espazo nas cantigas de santuario da lírica medieval galega e portuguesa", Antonio Fragas: laboris causa. Trigo limpo candeal, edición ao coidado de Luís Cochón e Justo Beramendi, Cadernos Ramón Piñeiro, XXXIX, pp. 325-351.
  • Rossell, Antoni: review of: Vox Suavis, La voz del olvido. Música de tradición oral española - Cantigas de amigo, [France]: Harmonia Mundi, 2012, in: Medievalia. Revista d'Estudis Medievals, 16 (2013), p. 353-358, http://recensio.net/r/04ebbaf914e6471fac451a0d5ab31fe5
  • Souto Cabo, José António (2012), Os cavaleiros que fizeram as cantigas. Aproximação às origens socioculturais da lírica galego-portuguesa, Niteròi: Editora da Universidade Federal Fluminense.
  • Souto Cabo, José António (2018), "Martim Codax e o fenómeno jogralesco na Galiza sul-ocidental", in The Vindel Parchment and Martin Codax. The Golden Age of Medieval Galician Poetry, edited by Alexandre Rodríguez Guerra and Xosé Bieito Arias Freixedo, John Benjamins Publishing Company.


dimanche 13 octobre 2019

SEN POSIBILIDADE DE ACCEDER A UNHA VIVENDA DIGNA

Outra columna máis...que nace ao albur das lecturas dominicais. Desta volta, sobre o alugueiro e o acceso a unha vivenda digna. Un dereito que estoura debido a diversos motivos que veremos de seguida.

Os titulares de LVG, dentro da súa edición local de Compostela, son evidentes: "Solo hay pisos para alojar a 320 personas"; "Las pocas viviendas que hay para alquilar son indecentes y carísimas".

Non será porque non o advertimos xa hai algún tempo neste mesmo blog: o acceso á vivenda está envolto nunha burbulla que terá gravísimas consecuencias sociais. Agora, como vemos nos titulares, os propios medios recollen testemuñas que deberan anoxar aos poderes públicos. 

O defensor do público debera ser un contrapeso fronte ás dinámicas salvaxes da selva do mercado capitalista. Mais, por desgraza para os nosos dereitos, actúa coma un mero xestor dos intereses mercantís e 'deixa facer', emulando o dito de Vincent de Gournay, pronunciado no século XVIII, "laissez faire, laissez passer". 

Compostela está a piques de chegar a un punto de non retorno e ser definida 'inhabitable' para futuras xeracións. Hoxe, as dinámicas do capital e o 'deixa facer' expulsan cara ás localidades veciñas a duciais e ducias de persoas, tal como acontecera nos inicios de século XXI, até que rebentaron as costuras da burbulla inmobiliaria nos anos 2007-2008. 

Este 'deixa facer' ten / terá gravísimas consecuencias de tipo social e convivencial se o servidor do ben público non decide atrancar o paso ao dito de Vincent de Gournay e poñer en marcha outro tipo de políticas. Mais o servidor público debe abandonar a covardía e garantir os dereitos da cidadanía, consagrados no texto constitucional, e defender e afortalar os servizos públicos. 

Mais...non se preocupen...seguiremos sen dúbida a peor. Non o dubiden as persoas lectoras. Vexamos con brevidade, quizais panóptica, O QUE HAI e, sobre todo, O QUE NON HAI. 

1) NON HAI...ética individual e colectiva. Desaparecida, podemos dicir que está en búsqueda e captura. HAI cobiza e especulación co valor de uso que debe caracterizar a vivenda. HAI un desaforado desexo de gañar sempre máis diñeiro, aínda que sexa tendo vivendas en miserable estado de habitabilidade. 

2) NON HAI...unha oferta de alugueiro para responder ás necesidades sociais. NO FONDO...segue a sacrosanta idealización do SER PROPIETARIO, por iso, nada se fai co alugueiro. NON HAI parque público de vivendas en réxime de alugueiro social...HAI un enorme parque de vivendas baleiro (circa 9000 en Compostela). HAI unha oferta ilegal e legal (desmesurada) de pisos para turismo de masas tanto de forma individual como a través de palataformas como AIRBNB [Todo...un cancro para o dereito constitucional a unha vivenda digna]. En Alemaña, cidades recuperan de fondos de investimento os centos de vivendas que compraron a prezo de ganga...triste dar diñeiro aos canallas, desde logo, pero veremos se non é, debido á inoperancia dos nosos gobernantes, o único sendeiro...

3) NON HAI ningún tipo de control sobre esa oferta de pisos turísticos. O 'deixa facer' é a única estratexia do xestor público dos intereses privados. A este respecto, recomendamos a lectura do libro de Ian Brossat, La ciudad uberizada (Katakrak, Iruñea-Pamplona, 2019) e como, desde o seu rol de tenente alcalde de París e da súa responsabilidade de 'Vivenda, Emerxencia habitacional, e Vivenda Sostible', desde o 2014, se desvive para frear o monstro AIRBNB e todas as prácticas de presión que desenvolve a plataforma rentista (en nada colaborativa)...que, por riba, declara millonarios beneficios (en Francia, no 2016 declarou só 330 880 euros cando presumía de ter 10 millóns de franceses como usuarios) que non repercuten na caixa común da facenda pública para seren redistribuídos.

Conclusións apresuradas: 

1) O futuro goberno...se quere pasar á historia futura como goberno de esquerdas, ten que, unido a unha acción de servizo público das administracións nacionais, provinciais e locais:

a) Traballar para solucionar o problema de acceso a unha vivenda digna e garantir o dereito constitucional que nos asiste.
a.1) Crear un parque público de vivendas en réxime de alugueiro social.
a.2) Aproveitar a forza da lei para que as vivendas baleiras se incorporen a ese parque público.
a.3) Dispoñer de ferramentas normativas que impidan o lucro e a especulación e poñer límites ás plataformas como AIRBNB e ás propias asociacións de pisos turísticos que nacen ao abeiro do 'cheiro a diñeiro fresco' que trae o turismo de masas.
a.4)  Ao mesmo tempo, hai que meterlle o dente ao mercado do traballo e derrogar a reforma laboral para recuperarmos dignidade en contratos, condicións, dereitos e salarios.
a.5) Garantir un sistema de pensións público digno.

Corolario
Sen ética é imposible a vida pública. Precisamos unha ética solidaria con todas as persoas sexan de onde sexan. Necesitamos unha xustiza redistributiva e equidade social sen exclusións. 

Verémolo...despois do 10 N????


mercredi 9 octobre 2019

NOVO BLOG 'COMPARTINDO HAIKUS'

Só para aqueles e aquelas que se achegan a este blog con ollada de docente...como a comunicación que presentei en León no I Congreso Internacional 'Educación Crítica e Inclusiva' tivo unha moi boa acollida, decidín crear un blog dedicado en exclusiva ao proxecto educativo que levo a cabo no IESP de AMES...sen ningunha outra motivación que ensinar e aprender. O blog chámase 'Compartindo haikus' e pode accederse a el pinchando no propio espazo do blog que (teño que actualizar) do IESP de AMES.

dimanche 6 octobre 2019

A INTELIXENCIA DEFÍNENOS A TODAS AS PERSOAS...SEN EXCLUSIÓNS DE NINGÚN TIPO

A orixe destas palabras nace na lectura do artigo xornalístico, “La maldición de la inteligencia, cuando ser listo se vuelve en tu contra”, publicado en La Voz de Galicia de hoxe, domingo 6 de outubro de 2019, asinado por Andrea Presedo. O tratamento será crítico e explicativo, contrastando as supostas realidades que trata o artigo coa nosa experiencia como docente, que xa entra na súa terceira década.

1º) Non é para nada acertado mesturar o que é propio da intelixencia co que é natural de ser listo. O titular do artigo contén unha falacia por simplificación. Unha simple consulta no diccionario da RAE xa nos informa que non son sinónimas e que, como moito, e non en todos os casos, ‘ser listo’ podería ser unha das demostracións prácticas da intelixencia.

2º) A intelixencia non é algo que determine só a algunhas persoas...A intelixencia defínenos a todos os seres humanos. É consubstancial...sen ningún tipo de exclusións ou segregacións, a pesar da diversidade da súa manifestación. Calquera das 5 primeiras acepcións da RAE manifesta esa natureza humana, diversa na súa execución e aplicación.

3º) Hai unha deliberada ‘sobre-interpretación’ ao redor das etiquetaxes da diferenza. Unha práctica que hoxe conleva unha abusiva medicalización e conduce a un (indebido) tratamento educativo non igualador. De feito, se non se iguala...cáese no risco de segregación interna dentro da aula. Cómpre non perder de vista o real –a diversidade é consubstancial a todo grupo humano- e tender ao necesario: unha educación igualadora, que reduza as desigualdades de partida.

4º) Fanse afirmacións estatísticas sen base científica, ou cando menos o 40% de suposto acoso escolar cara ao alumnado con ‘superdotación’ non está demostrado mais que no recurso ao concepto da autoridade. Non se pode contrastar, ergo, pode ser falso ou errado.

5 º) Hoxe en día cométese o terrible erro de pensar que todo grupo de alumnos e alumnas é homoxéneo e, baixo esa perspectiva, establécese unha especie de comportamento e actitude de ‘normalidade’, onde se marca unha determinada imaxe de sociabilidade que está moi lonxe de ser ‘común’. Así, claro está, esténdese a figura do ‘raro’, do ‘friki’, do ‘asocial’, do ‘solitario’, etc. Ante isto, loxicamente, non produce abraio que os supostos síntomas de acoso dun neno ou nena superdotada coincidan coa definición dun neno ou nena con asperger ou outro trastorno.

6º) Sempre temos a tendencia de practicar a epojé, a dúbida metodolóxica, e neste caso, dubidamos dos supostos éxitos da autora do libro ‘La maldición de la inteligencia’...(Pregunta maliciosa: cantos comprarán o libro despois de ler este artigo de LVG??).

7º) Que significa ser intelixente? Como é posible que esa suposta ‘superdotación’ –en España eufemizada ou tratada como ‘altas capacidades’...que lembra moito a iso de ‘altas prestacións’- sexa diferente entre países? É realmente mensurable nun número a intelixencia?

8º) Non todas as persoas sentimos da mesma forma, nin actuamos ante unha mesma situación de xeito idéntico. Un alumno ou alumna chega á aula cunha maleta de influencias, de desexos, de intereses, de motivacións que obedecen a circunstancias moi diversas. O persoal docente ten que actuar dunha maneira dobre: a) abrindo a maleta, ollar a súa composición para entender ao alumnado; b) pechala e deixala na entrada da aula para ‘conducir fóra dese marco’ ao alumnado, i.e. educar desde un punto de vista etimolóxico.

9º) O acoso escolar non é acoso escolar en función da diferenza, de se un é superdotado, homosexual, lesbiana, asperger, cego, xordo, etc...Non, porque iso suporía un terrible e perigoso reducionismo que, por riba, sería segregador. O acoso escolar pode afectar a todo o alumnado –teña ou non algún tipo de diversidade funcional- e é tarefa do equipo docente prever esas situacións e correxilas no caso de se produciren. O acosador ou acosadora opera desde un gran problema educacional e un complexo de inferioridade e verte a súa xenreira sobre o alumno ou alumna que considera máis feble ou do que coñece a súa febleza (que non ten por que corresponderse cunha diversidade funcional: ser tímido, ou desexar pensar e ler en soidade non son discapacidades, desde logo).

A nosa experiencia como docente, que se alimenta, ademais, da experiencia como alumno –sendo etiquetado como ‘diamante en bruto’, algo absurdo, tanto coma os números actuais de coeficiente intelectual- levounos a coñecer multitude de alumnos e alumnas que sobresaían polos seus excelentes resultados académicos aos que lles engadían, ademais, accións relevantes en materia de deporte, de creación literarias ou musical, de manifestación dunha especial empatía e solidariedade, etc. É iso ser intelixente? Pode ser, pero hai múltiples variables e non todas as persoas teñen que facer un ‘pleno al quince’ en todo...por iso, intelixentes sómolo todas as persoas. A verdadeira complexidade está en sacarlle partido en todos os eidos da vida tanto individual como social. Iso implica, necesariamente, educar tamén nas zonas escuras da vida, na existencia das dificultades, na proliferación do negativo, do rugoso e do áspero cando vivimos en sociedade, pero que temos que ‘convivir’...e, para iso, cómpre respectar ao outro, tal como é.

Cómpre educar tamén na frustración, i.e., non desenvolver unha educación asentada na mentira, senón na verdade dos tempos que corren, que non son os mellores para as persoas....sexan estas superdotadas ou non!!! A perfección debe ser só unha aspiración ética de mellora, nunca un fin dogmático ao que se chega competindo.

PD. Se un fai unha procura na rede sobre o alcance do concepto 'intelixencia' e solicita unha imaxe verá, con tristura,  como existe un terrible predominio do que se denomina 'intelixencia artificial'....Isto nunca debe facernos 'descreer' da consubstancialidade humana da intelixencia...(a capacidade de razonar, de coñecer, comprender e argumentar...)

vendredi 26 juillet 2019

A CURIOSA FÁBULA DOS CLANS 'TENGO', 'TONGO' E 'TANGA'

Hai pouco que chegou ás miñas mans o manuscrito, esvaído nalgunhas alturas, pero cuxa grafía aínda se pode ler se un sabe algo de paleografía, e con marxes algo líquidas, sen definir con regra ou pauta, sinalando a súa precaria formalización. 

Sexa como sexa, a min chegou e, como hai tempo que gardo silencio ante todo o balbordo exterior, que de tan alto xa nin o oio, quero deixar constancia do que nos conta o manuscrito do que vos falo.

Escrito nun francés algo deturpado, conta a fábula dos clans 'Tengo', 'Tongo' e 'Tanga'. Respectarei a súa grafía no que segue sen necesidade de entrecomillar, que é gravoso de máis. 

Resulta que nun país que se parece bastante ao noso, sexa este Galicia ou España, o mundo coñecido finalizaba e comezaba onde quería o clan Tengo, cuxas políticas de acaparamento non coñecían par e o pobo espallado só podía sofrer e padecer, desexando que os outros dous grandes clans, os Tongo e os Tanga medrasen e trouxesen, como prometían cando falaban, pan, teito, traballo e dignidade. 

Os Tengo aplicaban aínda taxas que proviñan, non da Idade Media, senón dos Tengo do Alén, que eran moito máis poderosos e cobizaban todo o que fose susceptible de formar parte da súa riqueza. A ostentación, xa se sabe, forma parte do poder. No entanto, sabedores de que hai que facer gala de certa xenerosidade, aplicaban unha interesada política de 'don' con certos sectores do pobo, para que, así, non houbese moita intención de revolución entre os pequenos clans. 

Por debaixo deles, os Tongo e os Tanga loitaron para facerse escoitar e prometeron novos paraísos e asaltos aos ceos dos mitos. Claro, a xente sen pan, sen teito, sen traballo e da dignidade demoucada, necesitaba crer nalgo. Era a súa única esperanza despois de anos de escuridade e de facer cola ante os celeiros dos ricos Tengo.

Chegaron novos aires, case parecidos a este cambio climático que abafa parte do continente, e os Tengo, sen que o puidesen prever, caeron ante o empuxe do Tongo; e os Tanga, que devecían por derrocar todas as políticas dos Tengo, querían, como fose, unirse aos Tongo para teren máis poder de confirmación dos desexos de boa parte do pobo. Algunha pasaxe do manuscrito incide en que a unión dos dous clans era posible de dúas maneiras, unha delas máis clara pola súa simpleza (alianza de intereses concertados e garantidos), outra máis escura pola súa complexidade (goberno conxunto).

Pero os aires cálidos foron crueis: as colleitas prometidas morreron, e os Tengo sorrían porque tiñan case todas as terras, todo o gran e a semente acumulada nos seus impresionantes celeiros.

Era necesario que os Tongo e os Tanga reaccionasen: foron días e días de curioso diálogo ao redor dunha mesa, pero as pombas mensaxeiras eran as que levaban, sempre, unha parte distorsionada, a que escoitaba, por boca dos pregoeiros, o pobo. Di a voz narrativa que era moi pouco útil ler esas mensaxes pois todo podía ser mentira e manipulación.

Todo apunta, segundo o que contén o manuscrito, que só quedaba unha opción, plantar unha semente que medraba rápido, nun par de semanas, e que podía producír alimentos suficientes para calmar a fame do pobo. 

Era o primeiro paso necesario. Imprescindible. Pero só quedaba unha terra o suficientemente produtiva para sementar, compartida entre os Tongo e os Tanga, se ben, todo hai que dicilo, os Tongo dispuñan da beira máis regada, e os Tanga da zona que recibía máis sol, complementábanse ben, xa que logo. O pobo celebrouno: pronto comerían. Os Tongo e os Tanga tiñan, non obstante, que se poñer de acordo antes da nova lúa, tiñan un par de meses para sementar. Tempo suficiente, de houber vontades, di o manuscrito, a estas alturas xa con evidentes vacilacións gráficas, desta curiosa fábula. 

Mais chegou a lúa nova e o campo non foi sementado. O narrador afirma que existiron unhas fortes discusións sobre o sentido da sementeira e de quen comezaría a colleitar o alimento para distribuír ao pobo, pensando así no mérito que tería a ollos do pobo. Non obstante, a voz narradora dinos que para o pobo tanto tiña quen fose o primeiro...só querían que se puidese comer e camiñar, por fin, lonxe dos agoiros negros dos Tengo. 

Despois de que pasou a lúa nova, chegaron interminables días de moita fame...Debeu ser moita, pois o manuscrito contén aquí unha iluminación cunha imaxe dun demo caracterizado cunha enorme boca con sangue e dentes infernais que zuga o que semella a alma das persoas. Si, debeu morrer moita xente dos Tongo, dos Tanga e moitos clans pequenos deixaron de existir. 

O manuscrito remata de forma abrupta, cando anuncia que os Tengo, unha vez que morría a xente, abriron as portas dos celeiros. E que eran ringleiras e ringleiras de persoas desesperadas que acudían a pedir unha pequena remesa para plantar...si...a cambio da dignidade...

Pregúntome que pasaría cos líderes dos clans Tongo e Tanga...


vendredi 12 avril 2019

SOBRE A NECESARIA CRÍTICA AO HIPERCAPITALISMO DIXITAL

Devoreino. O martes accedeu aos meus ollos polígrafos e o xoves xa engulira as súas páxinas (non chegan a 140). Referímonos ao libro do economista galego Albino Prada, Crítica del hipercapitalismo digital (Catarata/Fundación 1º de maio, Madrid, 2019).

Pode que sexa que estea escrito de maneira áxil, mesmo aí onde aparecen datos económicos ou táboas sinópticas. Ou pode que as súas teses veñen a dotar de forza o pensamento que levamos anos vertendo neste noso blog, nos diversos artigos de opinión que, de cando en vez, mandamos a medios como Praza Pública, así como nunha mesa de debate, que xa presentamos no Congreso do CILEC en Coruña no 2017, e en Vigo o pasado 30 de novembro de 2018 na Libraría Cartabón. Unha mesa en que reflexionamos sobre as consecuencias da dixitalización e da robotización na nosa vida e na sociedade.

Albino Prada ofrécenos un percorrido crítico sobre o actual hipercapitalismo e, no seu último capítulo, algunhas propostas de solución (pp. 108-134). Como é habitual cando comentamos ou presentamos libros, non imos entrar en todos os aspectos dignos de atención, senón que nos limitaremos a certos puntos de reflexión e debate.

Un dos aspectos nos que coincidimos plenamente é na crítica á obsesión cuantificadora do coñecemento científico, onde, por exemplo, a avaliación externa acaba por ser nada imparcial e científica, pois no que é unha nova modalidade da censura, dúas persoas anónimas, movidas quizais por certas fobias, practican unha selección negativa do que convén ou non publicar nunha revista científica. Por momentos, ademais, esa selección vén coincidir con certa onda de pensamento dominante ou hexemónico, favorable aos intereses dos axentes do sistema 'infocapitalista' (denominación de Albino Prada).

Esa obsesión penetrou en todos os eidos....e a esquerda, sobre todo a que practica o posmodernismo relativista, tamén se deixou colonizar pola obsesión, pola xerga e por certos conceptos do capitalismo salvaxe:

"No se libra de tal mutación la acción política y social, que se transforma en espectáculo electoral, a imagen de cualquier deporte competitivo gestionado por burocracias parlamentarias, trabajadores del aparato, empresas de servicios y financiadores profesionales" (p. 23) .

O hipercapitalismo dixital aséntase nunha distorsión esencial: aprópiase das rendas e do traballo social a través dunha privatización que opera baixo máscaras que algúns aínda hoxe poden considerar de esquerdas. Por exemplo, nese eido están Uber, Airbnb, Deliveroo, que demoucan os dereitos laborais de forma impune e que, en realidade, non son empresas colaborativas, senón empresas rentistas como as define Prada. As que actúan no eido da vivenda, especulan co prezo que posúe e hoxe baleiran os centros das cidades, inaccesibles para a clase traballadora, principalmente para a mocidade. Este proceso de especulación rentista vén da man dunha retirada do Estado social, e dun constante incremento das didicultades para acceder a servizos públicos.

Outros dos aspectos esenciais: a robotización da vida ten graves consecuencias sobre o emprego e sobre os sistemas de protección social. Por iso, ante unha situación de deterioro crecente, a solución, como sostén Prada, pasa por establecer unha renda básica, que debe ser a estratexia social prioritaria. Os datos que achega Albino Prada, tomados de fontes oficiais como a Contabilidade Nacional e a EPA, son elocuentes:

a) mesma produción no 2016 ca antes da crise...pero con moitas menos horas de traballo, isto é, con menos empregos...uns 2M500 mil empregos menos.

b) sector industrial: 2015 = 2002 en produción, pero cun 34% de horas menos.

Vexamos, polo miúdo, o que acontece en determinados sectores, os que máis avanzaron nos procesos de dixitalización:
automatización:-258.600 empr.
comercio: -87.200
transporte e loxística: -80.000
finanzas: -43.000

Isto é, -469.200 empregos, se contamos os que se crearon no eido da informatización e dixitalización, resulta que, entre o 2010 e 2016, perdéronse 340.000 empregos. A EPA rexistra un déficit de 612.000 empregos.

Un exemplo elocuente: Skype ten máis clientes que a British Telecom e posúe unha plantilla de 200 persoas, mentres que a Bristish, con menos clientes, emprega a 90.000 persoas. Entón, quen perde coa dixitalización? Resulta evidente, e só unha mente tecnófila non verá os males que a acelerada dixitalización trae ás nosas sociedades. Forma parte da falacia tecnolóxica (p. 53), pensar que o mundo melloraría coas pantallas. Prada chámalle a este proceso, e con razón, 'abducción neoliberal'.

Nun dos apartados, a construción do suxeito neoliberal, botamos en falta as achegas do pensamento de Harmut Rosa (a aceleración) e de Byung Chul-Han (a autoexplotación na sociedade do rendemento). Convertémonos en proconsumidores, propietarios e aforradores, mentres que desapareceu a palabra 'traballador'. A nivelación oligárquica desde a crise produciuse por abaixo, degradando e empobrecendo a toda a clase traballadora. Para esta nivelación, a oligarquia abduciu o Estado, que se converteu en cómplice, de tal forma que as institucións e as leis están ao servizo dos seus intereses.

Cómpre resistirse. Negarse, como di Albino Prada, a aceptar estas regras. Esta toma de conciencia sería moi necesaria para ir eliminando do noso imaxinario a falacia tecnolóxica e dixital. O economista galego non fala abertamente de socialismo, non obstante, formula unhas solucións que teñen o beneficio de conter a máquina do capitalismo salvaxe. André Gorz hai décadas xa avanzara a necesidade de poñer en marchas reformas non reformistas, isto é, reformas que supuxesen unha clara contestación ao capitalismo. A renda básica (que ben defende Albino Prada) pode ser unha desas ideas, xa que liberar ao ser humano para posuír unha certa dignidade do traballo precario que lle concede o capital, podería permitirlle usar o seu tempo libre en tomar conciencia da necesidade de non só frear o capitalismo, senón poñer ás persoas por riba dos intereses do mercado. E iso só pode acontecer co socialismo.

dimanche 7 avril 2019

O XORNALISMO-MERCENARIO OU O TRIUNFO DAS FAKE NEWS OU DA DELIBERADA MENTIRA

Non hai día que lea a prensa e non me indigne. Mais hai niveis de tolerancia. O meu rebasou hoxe ao ler determinada nova máis propia da ciencia ficción, da especulación máis insana, da futuroloxía máis perversa, que convertía cada liña non nunha especulación -sequera argumentada-, senón nunha acusación e nunha gran mentira.

Certamente, foi a través da propaganda como o nazismo logrou inocular o virus do odio que lle permitiu practicar logo o xenocidio. Convencer a través de mentiras que o OUTRO xudeu é un cancro para a sociedade, que era o culpable de todos os males. Primeiro, facer crer as mentiras; en segundo lugar, cando a mentira coloniza o pensamento e o imaxinario, xa se pode dar o seguinte paso: pasar das palabras aos actos; finalmente, co proceso de deshumanización completado, pódese exterminar...E todo...todo...comezou coa palabra deturpada do seu valor, convertida nunha gran mentira, que acusaba falsamente e que deixaba sen defensa ao OUTRO xudeu.

Hoxe, e xa falamos diso neste blog, chámanlle a iso 'fake news' ou 'posverdade', isto é converter unha mentira en verdade para favorecer certas estratexias do poder. 

Ollo, non quero xeralizar, mais o certo é que no medio do bosque dun xornalismo-mercenario dominado polos intereses corporativos da patronal, desexosa de facer caixa, asoman poucas pólas dun xornalismo de calidade e ética profesional.

A ética profesional faría que non se puidesen escribir artigos sen contrastar, convertendo unha 'imbecilidade' nunha verdade incriminatoria. Un artigo xornalístico ten que informar contrastando e acudindo a diversas fontes se se trata de dar un enfoque problemático. 

No entanto, o que fan algúns que se cren Nostradamus é directamente atribuír comportamentos e accións a determinadas persoas ou colectivos no futuro, baixo unha disimulada forma de acusación, da que non se poden defender as persoas e colectivos afectados. Unha vulgar mentira para contentar a algún amo. Noxento exercicio de xornalismo mediocre. Para quen le...un insulto, ademais. Como creo na liberdade de expresión, libre son de responder desta maneira a ese insulto. Sei moi ben que estas palabras non chegarán a ter o raio de acción da mentira do desalmado. Mais, fronte ao poder enorme que teñen de crear imaxinario -con esa intención poden mentir e acusar-, xusto é, ao meu entender, que esta miña liberdade de expresión se contrapoña á súa mentira...e nada mellor que permaneza na palabra escrita a defensa que realizo sobre esa gran mentira. Non é preciso dar nomes, o desalmado sabe ben quen é e o que fai. O seu xefe tamén o sabe. Son os donos da caixa do xornalismo-mercenario. 

Defendo aquí ás persoas que ousan escribir respectando o código de ética profesional que debe caracterizar a todo exercicio xornalístico. Hai notables documentos e manifestos que deberan ser guia dun xornalismo de calidade. Eles mesmos os elaboraron. Mais, o certo é, que o xornalismo-mercenario non sabe atender á ética que si respectan outros compañeiros e compañeiras de profesión.

Como dixo unha vez Gabriel García Márquez: "La ética no es una condición ocasional, sino que debe acompañar siempre al periodismo como el zumbido al moscardón".

dimanche 17 mars 2019

O SAHARA NON É DE MARROCOS, NUNCA O FOI. EN RESPOSTA A UNHA IMBECILIDADE COLONIAL E FALSA

Onte, ao redor do medio día, o meu móbil comezaba a estremecerse de máis coas mensaxes indignadas por unha nova que saía de boca dun personaxe público español en Marrocos. En concreto, todos me alertaban dun tal Jorge Verstrynge Rojas. 

E a verdade é que as súas declaracións -se é que non hai manipulación por parte de Marrocos- producíronme un anoxo difícil de conter. Pola realidade que ben coñezo do pobo saharauí, sometido a unha brutal ocupación e violación sistemática de dereitos humanos no seu propio territorio. E polos amigos e amigas de SOGAPS e da FRONTE POLISARIA, que deben estar non só aldraxados, senón abraiados ante a imbecilidade ou estupidez que puideron ler.

Pode que teña que ver co seu nacemento en Tánxer e a súa nacionalidade franco-española. Ou pode que sexa debido a unha amizade co rei de Marrocos. O caso é que a frase que emerxía no Ministerio de Cultura e Información do Reino de Marrocos de boca deste persoeiro: "le Sahara est marocain et il l'a toujours été" (O Sahara é de Marrocos e sempre o foi) representa unha aldraxe.

Non se corresponde coa realidade política contemporánea, en que o Sahara Occidental está pendente de culminar o seu proceso de descolonización [responsabilidade de España como potencia administradora] e camiñar cara a súa independencia. Neste mesmo blog hai sobrada información sobre todos os atropelos que sofre o pobo saharauí, polo que non vou reiteralos hoxe aquí.

Por riba, dicir que é unha creación de Arxelia significa ignorar todos os estudos arqueolóxicos e antropolóxicos que demostran a antigüidade das sociedades gandeiras predecesoras do pobo saharauí. 


Este funesto personaxe, especialista en bandazos e de mudar de chaqueta, supoñemos que en función dunha conveniencia nada ideolóxica, debera rectificar as súas declaracións ou cando menos aclararnos e houbo manipulación nas súas palabras. Para ben da verdade -na época da falsidade, das 'fake news'- e da necesaria reparación que precisan os amigos e amigas do pobo saharauí así como os seus representantes. 

O SAHARA NON É DE MARROCOS, NUNCA O FOI E NON É UHA CREACIÓN DE ARXELIA

mardi 5 mars 2019

CANDO NADA TEN SENTIDO. VERSOS FERIDOS PARA JON SÁEZ

Xantei coa nova. Algo que nunca desexas recibir: a morte dun camarada. Non o crin. Pensei que alguén errara coas siglas. Preguntei. Non, non había marxe para o erro, tristemente. Ao redor das 14h30 enterábame que o compañeiro Jon Sáez morrera atropelado en San Cibrao das Viñas. 

Sempre que morre un mozo coñecido ou amigo experimento unha creba no meu interior. Un esgazamento. Non hai morte entendida cando un é novo. Sempre se nos escapa. Ficamos orfos de todo. 

Cando pecho os ollos vexo ao Jon entusiasta, intrépido, ás veces de máis, como debe ser na mocidade. Vexo ao Jon alegre, unha sana alegría, cun sorriso que contaxiaba. Lembro as súas imitacións e non podo evitar sorrir.

Grazas Jon pola túa xenerosidade, por ese compromiso  coa esquerda, co comunismo e coa República que nos unía no PCG e en EU. 

Ninguén morre cando o lembramos, cando permitimos que salfira a nosa memoria. 

Pola miña banda, camarada Jon, lembrareite.  

Todo o meu agarimo e forza para a túa familia e amizades.

Apertas desde un chuvioso e frío Brión. 


VERSOS FERIDOS

Desafío 
frío

non hai versos amables
só un laio
pola inmisericorde 
morte

No combate de Don Carnal
perdimos ao irmán
ao camarada

A fouce e o martelo
ondea xa no ceo dos ateos
a forxa do compromiso 
permanece
tan inalterable 
como o esperanza nosa
que hoxe serve para honrarte

'España mañana será republicana'

Para Jon Sáez, 05-03-2019

 
 

lundi 4 mars 2019

POR QUE VOU IR Á FOLGA O 8M

Cando comecei a escribir estas liñas ignoraba en realidade cara a onde me levaría o texto. Só sabía que quería partir da aseveración seguinte, NON SON FEMINISTA, non como unha provocación, antes ben como unha toma de conciencia e como unha denuncia do uso e abuso da caracterización por parte non só das mulleres, o cal sería lóxico, senón mesmo por parte dos homes que, mesmo algúns que teñen espazo propio na representación política, tenden a fracturar ao atribuír trazos secundarios (feminismo liberal, facendo un mal uso, por outra banda, do valor de liberal).

Concordo coa observación de June Fernández cando afirma que "a tarefa principal dun home que se di feminista é recoñecer os seus privilexios e emendalos, e que isto pasa por retroceder, por ceder espazos, por escoitar máis e falar menos" ("Los riesgos de una feminista profesional", La Marea, marzo 2919, nº 69, pp. 46-47). Isto concorda, en certo sentido, coa miña forma de ser: escoitar reflexivamente e só falar se é preciso. En canto ao acto en si, o de emendar, lembro que Berto Romero decidiu el mesmo igualar o seu salario ao da súa compañeira de reparto. Actos así son a potencia da igualdade que debemos conquerir.

A toma de conciencia acompáñase da observación e da reflexión de que os homes non debemos ocupar un espazo que debe gozar da representación (se non única, si maioritaria) da muller. Non son feminista. Non. Participo das súas reivindicacións e tanto podo eloxiar como criticar cando se realizan actos confusos que poden conducir a procesos de exclusión antes que a unha sociedade inclusiva...tal como o fago cos representantes masculinos que insisten en perpetúar os piares dunha sociedade capitalista, machista, exclúinte e desigual.

Hoxe, cando todo é susceptible de ser levado á tribuna do espectáculo, cando os termos son desposuídos do seu valor, cando todo o mundo,de forma interesada, se declara feminista, tal como se declara non racista, pregúntome, de forma deliberadamente retórica e inxénua, como é que cada ano morren ducias de mulleres asasinadas polos seus compañeiros ou centos viven nun inferno de terror que silencian baixo unha pel magoada.

Sempre fun activista polos dereitos humanos, desde que teño lembranza, e practiquei, sempre desde a esquerda, a ética e o respecto polos outros seres humanos que me rodean, que comparten conmigo este mundo. A loita pola igualdade radical entre todas as persoas, sexan de onde sexa, sexa cal sexa o seu sexo, a súa etnia, a súa condición.

A folga é a mellor ferramenta que ten a clase traballadora para defenderse da patronal, para reclamar os seus dereitos, para esixir melloras. O 8M irei á folga por solidariedade coas mulleres e porque onde hai conflito, resistencia e loita ten que existir conciencia de clase e unidade da clase traballadora.