mardi 29 mars 2011

COMO CORRÍAN...INAUGURA QUE SAÍMOS NA FOTO!!


Que espectáculo! Mi má! Febre inaugural ao longo de todo o mes de marzo. Xa rematou. Menos mal. A min, especialmente, producíame unha mestura entre risa e abraio ver a un enorme séquito de políticos -cheguei a contar máis de 25 persoas nun acto así en Compostela- inaugurar....UNHA RÚA!!!

Por suposto esa e outras rúas inauguradas xa existían antes. Nada habería máis sensato que facer ben o traballo e que sexan os propios veciños e veciñas quen, co seu ir e vir cotián, a "inauguren". Sen farándulas. Sen procurar a foto de galería.

Mesmo, hai uns días, algún político dicía que a Lei Electoral, que prohibe inaugurar e visitar obras desde as 00:01 do día de hoxe, os ía deixar sen traballo.

A que rol reducen o seu traballo. Mi má! Así nos vai. Só queren saír nas fotos.

E o máis terrible é que estes cambios os decidiron en "comandita" eles, os maioritarios, PP, PSOE e outros partidos no centro das desfeitas (Madrid). Iso si, deixaron sen tocar os aspectos que realmente democratizarían a Lei e os procesos electorais.

Por covardía democrática? Por medo á perda?

En fin, declaro que me alegra non ter que ver en precampaña os caretos (e caretas?) dos candidatos por todas partes: marquesiñas, farolas, e en canto espazo -os poderosos e afortunados (de fortuna económica)- podían mercar. Alégrome. Que curren e pateen as rúas! Pero só neses 15 días...e chega, penso eu.

Son tempos de insensatez plena. Síntoo. Pero esa é a realidade. Agora, tal como pasara coa famosa foto de iate en tempos de Quintana, sae a do barco-narcotráfico de Rajoy. Perfecto fume de distracción do elemental. Non vaia a ser que pensemos demasiado.

E mentres, claro, a política de verdade ausente. En tempos de guerra, as bombas que se lanzan sobre Libia son os diñeiros que din nos faltan para sanidade, educación e servizos sociais. Pero, tanto ten. Ah! Claro...as bomabas lanzadas protexen aos civís....Entón, pregunto: como é que fuxen e chegan a Lampedusa, por exemplo?

Ah! E como me temía, xa vexo unha certa escuridade informativa, unha clara dirección das mensaxes en beneficio, claro está, do Goberno Central. Pra saber algo, só queda algún medio de internet alternativo e algunha cadea de televisión estranxeira.


En fin...

mardi 22 mars 2011

SOMOS CADA VEZ MÁIS IMBÉCILES...ASÍ DE CLARO


Si, cada vez somos máis imbéciles: como mínimo. E lamento se alguén se sinte ofendido, pero embarcarse nunha guerra ben merece, como mínimo, este calificativo.

E nesa imbecilidade até nos cremos, porque interesa non cuestionarse nada, de tan aborregados que estamos, os argumentos belicistas astutamente lanzados desde a OTAN-EE.UU.

E xa somos como esa gran masa desinformada que, desde a súa butaca de salón, co bandullo ben cheo de hamburguesas e cervexa, berraba cheo de ledicia por un morto descoñecido, e que choraba, se lograba enterarse, por un heroe morto. Só os ben informados, só os que coñecían os efectos devastadores da guerra, loitaron para o retorno do exército...como loitamos aquí en contra da guerra de Iraq.

Pero, o sofá non servirá para afogar a falta de conciencia e o feito de que, cando un país declara a guerra a outro, e con alegría decide intervir con armas, matando inocentes -pregúntome porque habería que negarlle a condición de civil a unha persoa seguidora de Gadafi, por exemplo-, é un país inimigo. E xa se sabe o que supuxo iso na guerra de Iraq, pero semella que a nosa memoria desmemoriada -xa se sabe o que sucede coa herdanza do golpe de estado e a ditadura franquista- é prisioneira da súa propia idiotez.

Agardo que os pobos de España non sexan como a case totalidade da clase política: só IU e BNG dixeron non. Serán tan pro-belicistas e están tan convencidos dos motivos da guerra? Ou, como dicía Boris Vian, farémonos eco do seu compromiso pacifista e berraremos que non estamos na terra para matar a xente inocente.

Pero, ollo, o peor será informarse, ben, desde agora, xa que o aparato de Estado, de seguro, presionará para que non vexamos o que debemos ver.

Cada vez somos máis imbéciles porque nos parecemos cada vez máis aos imperialistas ianquis. Así é. E que non veñan os pro-belicistas a moralizar(me) coas bondades desta guerra. Non o acepto.

Eu seguirei protestando e denunciando o hipócrita modo de vida de España, que é o do capitalismo, o do neocolonialismo, o do control de recursos de países alleos, o de comerciar (armas e demais produtos) mentres conveña ou invadir cando non.

Mañá, ás 20h30 teño boas razóns para dicir NON Á GUERRA, NON ÁS GUERRAS. Eu estarei na Praza do Toural. Agardo que esteamos moitos e moitas compostelás. E que nas restantes cidades de Galicia estean moitos e moitas galegas.

Só lles digo aos pro-belicistas unha cousa sinxela: que sexan responsables e acepten as consecuencias dos seus actos.

samedi 19 mars 2011

NON...MÁIS GUERRAS NON...


Estas liñas son un laio impotente para botar fóra de min a sensación de que este mundo camiña ao desastre. Abraio coa facilidade con que se declaran guerras. Guerras que traen mortes e que, non o esquezamos, en liñas xerais, nunca traen paz, senón que inoculan a xenreira, o odio de forma tan fonda que non se pode extraer o seu veleno do corpo.

Dicía, xa hai uns días, que en nome do petróleo, non. Pois será en nome do petróleo. E a guerra librada en terreo alleo só levará a morte de inocentes, tal como a guerra de Irak, de onde provén a imaxe, ou como a de Afganistán, ou nos bombardeos de avións sen tripulación dos EE.UU. que descargan, de forma cobarde, as súas bombas sobre inocentes no Paquistán. Non quero guerras. Guerras que o do outro lado libra con armas vendidas por Europa e outros, entre eles a hipócrita España. E quen armou aos rebeldes? Ao fin, resultará que nós mesmos armamos o conflito en Libia.

E que podemos pensar cando nin sequera foron capaces de romper relacións diplomáticas con Israel cando fixo o que fixo co pobo palestino? E que acontece co que suceden no Bahrein, no Iemen e noutras latitudes...?

Que diríamos se a participación de España declara o noso territorio obxectivo de ataques. Tan superiores nos cremos que ousamos bombardear ou declarar guerras, matando persoas, pensando que imos saír impunes de tal feito?

A violencia só trae violencia. E a morte, máis morte.

A Paz, está de loito...de feito, nunca se quitou esa negrura...só nos actos da construción da utopía pacifista...hoxe máis lonxa ca nunca.

Non aprendimos nada da historia. Así nos vai. Así nos irá.

dimanche 13 mars 2011

SOBRE CINE QUE NON SE VE


O outro día batín, case de casualidade, nos andeis do videoclub, cun film, Retornos (producida por Vaca Films, dirixida por Luis Avilés) que me deixou abraiado por varias circunstancias: a) é unha boa cinta, de boa calidade, con guión, argumentos fóra do habitual e unha moi boa interpretación; b) é galega, no elenco de actores (Federico, Morris, Xosé Barato, ....) e actrices (María Bouzas), nas localizacións (Coristanco, Laracha, A Coruña...), na cultura reflictida e mesmo na lingua, que sae de forma natural -e subtitúlase en castelán-; c) non logro descifrar se esta película estivo presente nas salas de cine de Galicia. Lancei a pregunta no facebook e as respostas eran que aprendían sobre o filme ao ler a miña pregunta.

Que demos sucede para que películas que, de seguro, algunha axuda pública levarían e que esforzo de distinto tipo significaron, non se proxecten nas nosas salas??

Esta interrogante enlázoa coa cuestión que se formula Enrique González Macho, presidente de Alta Films, "¿Por qué no hay cine independiente en televisión?" (Fotogramas, marzo 2011, p. 10). Como recolle o autor esa ausencia non se debe a unha carencia de oferta. Haina, e de calidade. E por riba, como di González Macho, "es mucho más barato que el cine made in USA". E, con razón, sinala que as televisións autonómicas e privadas non teñen ningunha vontade para sairse dos camiños trazados polas majors norteamericanas. E lanza unha observación interesante, se coñecesemos canto diñeiro destinan esas televisións a comprar produtos made in Hollywood, "probablemente nos daría vergüenza ajena", pero trátase dun dos segredos mellor gardados. E, finalmente, apunta á ausencia de vontade política para modificar ese camiño empredido que só leva á perda de diversidade cultural.

Pois si, non hai cine independente na televisión e tampouco nas salas de cine -agás excepcións xa recoñecidas por premios en festivais- e tampouco hai cine galego nas salas de cine galegas, ambas dominadas polo mesmo modelo de pensamento. E todo ao servizo de divulgar o mesmo ideario socioeconómico (a golosina visual, que describiu Ramonet). E coa desastrosa clase política que hoxe domina Galicia, nada se pode facer pra promocionar o cine realizado en Galicia e na nosa lingua.

Remata González Macho amosando a súa decepción: "Días funestos para quienes desean ver algo diferente al más de lo mismo". Agardemos ter as forzas para reverter esta negrura e iluminar con novos focos o futuro.

samedi 5 mars 2011

SOBRE CULTURA, MUSEOS E CIDADE DA CULTURA


A reflexión de hoxe bebe de dúas inquedanzas que levan tempo axitando o compromiso do autor coa cultura de Galicia. E rexurdiron hoxe baixo a forma de dúas lecturas, a dunha nova sobre o Museo do Pobo Galego ("¿Un pobo sen museo?", Galicia Hoxe, 5-03-2011, [non poño ligazón para non desviar a vosa lectura do que máis me interesa]) e do especial que a revista Tempos Novos lle dedicou á Cidade da Cultura (CdC) no número do mes de febreiro (nº 165).

1. Preocúpame, e moito, o futuro dos contedores culturais de Galicia. Baixo a xustificación da austeridade neoliberal, as partidas destinadas aos máis emblemáticos espazos da nosa cultura de base redúcense en moito, provocando graves situacións de sustentabilidade.

Eis o que se anuncia hoxe na preocupante nova do Galicia Hoxe. O Museo do Pobo Galego froito desa irresponsable política cultural dos nosos (des)gobernadores pode verse na obriga de solicitar un ERE que afectaría aos 10 traballadores e traballadoras ou mesmo a pechar salas.

Este Museo leva xa 35 anos de divulgación da nosa cultura antrolóxica e etnográfica ben coñecidos e recoñecidos pola nosa sociedade en base a unha eficaz política de visitas guiadas para centros docentes. En si, polo tanto, é patrimonio. O novo non é forzosamente mellor.

Hoxe tratará o padroado da institución a posibilidade de cobrar 3 euros pola visita. Isto, por suposto, presenta a necesidade de re-pensar como ofrecemos a cultura á sociedade e re-pensar o modelo da gratuidade para todo. E liga coa segunda reflexión.

2. Non nos podemos quedar só nas consecuencias da austeridade neoliberal. Cómpre collermos en consideración tamén o compromiso da cidadanía. Está disposta a cidadanía a militar culturalmente en defensa do noso patrimonio (cultural, literario, paisaxístico, ...)? Isto é é consciente a cidadanía galega que a cultura hai que preservala, mantela e defendela? E que para iso é preciso compromiso activo, militancia?

De forma discursiva e ideolóxica, ligo esta reflexión coas excelentes respostas de Manoel Santos á necesidade dun novo medio de comunicación en galego ("Os medios de comunicación galegos", Galicia Hoxe, 05-03-2011). El conclúe que non, que para ter un medio alternativo debería ser "expresión das necesidades populares, e non parece que as necesidades populares galegas precisen del. Isto é non xorde primeiro o medio e despois a masa crítica que o apoia senón ao revés. Do contrario, xa tería xurdido, e non se terían esfarelado proxectos como Vieiros e A Nosa Terra sen que ninguén movese un dedo". E láiase pola carencia dun compromiso militante que permita precisamente a aparición e mantemento desde medio alternativo. Esta circunstancia adéntrase na terceira e última reflexión.

3. Non podo menos que estar en contra das liñas argumentais do especial sobre a CdC. E máis, se contrastamos coa realidade cada vez máis minguante dos nichos da cultura de base galega de sempre. Os diferentes textos (tanto dos analistas pertencentes ao medio, coma o das colaboracións) procuran establecer o camiño de "como facela estratéxica para o país".

Pasan da crítica que realizaron no pasado á xustificación de certas accións políticas e sobre todo a xustificar o futuro. Empregan un argumentario posmodernista e imaxinan unhas potencialidades que é imposible a CdC sexa quen de artellar:

"sobre o papel debería facer participe (sic) do fenómeno cultural a unha parte ampla da cidadanía que actualmente non conecta coas institucións existentes, e ensanchar as posibilidades do sistema cultural galego." O feito de que sexa un "complexo é [un] activo para convertelo nun espazo con vitalidade cultural ". E afírmase tamén que outro "indicador de éxito é que o proxecto sexa apropiado polo tecido cultural galego, e en canto espazo público polo conxunto da cidadanía (p. 22).

Hai máis fragmentos análogos. Mesmo asentan o desexo de que a CdC sexa "un distribuidor turístico para o conxunto do país" e que "os turistas fagan consumo cultural" (p. 25). No fondo, non se afasta moito da idea xa enunciada na prensa de que a CdC é como a Catedral...e xa sabemos como esmoreceu o comercio tradicional na zona vella e en que consiste o "consumo cultural" xerado ao redor da Catedral.

Pregúntome, con sinceridade, en que Galicia viven os autores do especial.

Amais de desexar que non se rematen de construir os outros 3 edificios previstos, teño a ben pensar que os existentes non deben servir como argumentario cultural. De facerse, darase un paradoxo que xa comeza a albiscarse: a procura de rendibilidade do modelo CdC conlevará a perda de sustentabilidade dos espazos culturais até o de agora consolidados -se ben con dificultades debido a unha carencia de militancia. As partidas destinadas a estes últimos reduciranse cada vez máis porque en tempos de crise, e mais coa política antigalega do PP, a cultura galega sobra.

Considerando que é impopular, o ideal sería aventurar a desaparición por invisibilidade da CdC. Mais iso é dificil que aconteza. Sería desexable, xa que a posta en marcha e mantemento da maquinaria suporán ducias de millóns de euros cada ano. Porque o modelo CdC é un modelo propio ao capitalismo. Isto é importante non perdelo de vista. Non é un modelo de cultura de base. [A este respecto, déixovos cunha visión sobre os oito anos de vida do C.S. A Revolta, un modelo de cultura de base que tenta autoxestionarse, polo tanto de compromiso militante, coas raíces ben asentadas na vida de barrio]

Por iso, a CdC debe mudar de nome e perder de vista o referente cultural. Debe destinarse a outros fins non consumistas (reagrupamento de fins administrativos, telemáticos, etc..., que permitan fuxir dos elevados alugueres que agora mesmo se pagan debido á dispersión administrativa...).

E deixémonos de estratexias posmodernistas para xustificar o inxustificable.

mercredi 2 mars 2011

PERO...DE QUE "MILAGRO" NIN QUE CONTO FALAMOS?

Hai que ser realmente moi inconsciente para dicir que no 2010 houbo "un milagro xacobeo". O presidente galego vive nunha nube -ignoro se tóxica, pero seguramente contaminada de tanto andar polos aires- e totalmente afastado da terra.

Tanto coma os peregrinos que viñan a Compostela e acababan perdidos debido a un camiño mal sinalado e no que a picaresca funciona mellor que a fe.

Pero, claro, é posible que o presidente se refira a que o constante aumento da taxa de desemprego en Galicia, o aumento da temporalidade e da precariedade, son obra e graza do santo venerado no Xacobeo. Pois... mellor sería que non fixese nada....por favor!!!

Nun tempo de dous anos -incluido o da milagre xacobea- o goberno deste presidente levou a cabo unha destrución sistemática da cultura galega de base (que xa tiña dificultades para (auto)manterse). Onte mesmo anunciabase que por 300 euros se carga o portal de contidos audiovisuais galegos, flocos.tv, que tan bo uso lle daba, por exemplo, no meu centro educativo, o persoal docente para as súas clases. E que dicir da nosa lingua: ten que demostrar a súa valía loitando pola súa existencia porque o goberno que vive dela...ten o santo morro de atacala.

A sanidade entregada a capital privado e que xa nos convocou aos galegos e galegas nas rúas. A educación rebaixada e confrontada: hoxe mesmo vemos como a Xunta -a través da súa consellería de educación- fai deixación de funcións no tema da nena de Arteixo. Fotos para a galería é o que fai o conselleiro nestes días. O abalar é unha pedra filosofal que segmenta aínda máis o sector educativo entre centros que teñen e centros que non. E onde o teñen, non funciona.

O sector social confrontado a ver como se privatizan centros de atención para as persoas maiores. Como se nega o equilibrio económico a programas de prevención que levan décadas funcionando.

Seguimos cunha política que lle dá as costas ao seu patrimonio: tanto ten a nosa riqueza nese sentido, pásase a escavadora e logo ceméntase. Que desaparece un castro...pois...non pasa nada.

Que seguimos co modelo de ladrillo e automóbil... e a oferta supera con creces á demanda dunha poboación castigada? Pois...non pasa nada.

Que lle mentimos aos nosos investigadores e negamos programas de consolidación? Pois, non pasa nada...aproveitamos que Alemaña nos reclama.

En nome da austeridade neoliberal o diñeiro vai cara onde convén: por exemplo, á cidade da cultura, enlousado de diñeiro público para "toda a vida".

Sería realmente interminable dicir en que acertou a dereita.

U-la milagre xacobea, señor presidente?

Ah! é verdade! vostede non ten competencias, pobre homiño, e como será que si as ten para cobrar por algo que non existe (se non ten competencias....non existe). Mmmm, xa sei, por iso vai á catedral, a pedirlle ao santo que siga, por obra e graza, concedéndonos os dons deste pasado 2010, o da milagre xacobea.

samedi 26 février 2011

PEL PARA UNHA FOUCE


teño frío e medo

ao lonxe

na porta do tempo

o verdugo da fouce

lacera sombras no camiño

valo e arame de sangues

que tinguiron vidas e memorias

para el

nada

non somos nada

quizais

unha foto na retina en branco e negro

ou pode que unha historia cíclica

de campos que concentran

vidas para matar esperanzas


e berros de guturalidade para unha benvida

“o traballo liberaravos”

unha mentira máis

para escarnio do amor


es o que vales

es o que gañas

se caes érgueste só de pel

queimada

incinerada


banquete de poderosos

o mercado e o traballo

en mans do capital

son unha barreira máis

un impedimento

un sofremento

unha fouce que sega tempos


mañá

cando se erga a barreira

o tempo será triste pó

dunha memoria silenciada

queimada

incinerada


(iluminación creada por Xosé Poldras, versos re-creados a posteriori, sobre a secuencia onírica que evoca e provoca a imaxe, o 23 de febreiro de 2011)

mercredi 23 février 2011

INDIGNEZ-VOUS! INDIGNÁDEVOS!


Stéphane Hessel, 93 anos, que sobreviviu aos campos de concentración nazis de Buchenwald e Dora. Co-redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948, ergue a súa voz para dicir basta xa de indiferenza, basta xa de torcer a ollada cara a outro lado. Edítao en Francia Indigènes, unha pequena casa de edición que, polo de agora, está en Montpellier. A edición en galego verá a luz en Factoría K, e en castelán na editorial Destino (da que se comenta que a primeira edición está xa vendida case sen saír da imprenta. En Francia, máis de 1 millón de exemplares vendidos. A edición francesa que teño nas mans é de xaneiro de 2011.

Para animar a que o leades, só citarei estas liñas:

"Aux jeunes, je dis: regardez autour de vous, vous y trouverez les thèmes qui justifient votre indignation -le traitement fait aux immigrés, aux sans-papiers, aux Roms. Vous trouverez des situations concrètes qui vous amènent à donner cours à une action citoyenne forte. Cherchez et vous trouverez!"

"Á mocidade dígolle: mirade ao voso redor, atoparedes os temas que xustifican a vosa indignación -o trato dado aos inmigrantes, aos sen papeis, aos xitanos. Atoparedes situacións concretas que vos impulsan a emprender unha acción cidadá forte. Buscade e atoparedes!"

O berro de xustiza de Hessel interesa porque achega unha luz interesante sobre o significado do traballo que se realizaba na Resistencia e o programa de futuro. E interesa sobre todo polo seu posicionamento claro en defensa dos Dereitos Humanos e por incidir na necesidade dunha Cultura de Paz.

lundi 21 février 2011

A QUEN LLE CORRESPONDE O PREMIO Á MELLOR INTERPRETACIÓN NO FILME QUE ESNAQUIZOU O ARTIGO 47 DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA?

“Todos os españois teñen dereito a disfrutar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito regulando a utilización do solo de acordo co interés xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanísica dos entes públicos” (Constitución Española, art. 47)

Sinopse: incumprimento sistemático por parte dos poderes públicos da súa función de control da especulación e incumprimento na provisión das condicións e normas para a realización plena deste dereito constitucional.

Argumento: Os gurús da economía do libre mercado, perfectamente aliñados coas oligarquías dominantes, non queren admitir que esa liberdade, cando non vai da manda xustiza social, está destinada a beneficiar a uns poucos en detrimento da masa social. Eses poucos convértense en “acaparadores” dun ben que debe ter un valor de uso e non un valor de cambio. Orixinouse así unha ofrenda ao Deus Mercado en forma de promocións urbanísticas de todo tipo e pelaxe baixo a acción dos axentes privados vencellados á actividade urbanistica como ben ilustra Miguel Martínez, profesor da Universidade de La Rioja.

Así, elaborouse –e queren seguir igual- unha ficción narrativa (a burbulla inmobiliaria) cunha necesidade que é ben real. Sería difícil conceder o premio ao personaxe que máis e mellor contribuiu na consolidación desta ficción. Pero podemos nomear a propietarios de solo, promotores inmobiliarios, empresas construtoras, axentes de mediación na compra-venda de bens inmobles, técnicos individuais ou estudos que realizan os proxectos urbanísticos, compradores finais e investidores temporais, bancos e entidades financeiras, empresas aseguradoras, empresas de taxación, etc, que, grazas a unha excelente cobertura manipuladora e inoculadora de pensamento único (patróns e modelos televisivos, publicidade,...) foron quen de crear/inventar ex nihilo unha clase social baseada na cultura da propiedade, des-ideoloxizada politicamente, atomizada laboral e sindicalmente, hipnotizada –alienación de Marx- pola fábula/ilusión (mentira) da posesión mediante un diñeiro ficticio (crédito, hipoteca). Uns personaxes que se viron amparados por unha lexislación permisiva para coa especulación inmobiliaria e que contaron para a produción final do relato fílmico co manto protector dos poderes públicos (desexosos de ter máis capacidade de financiación e non de frear a especulación).

Consecuencias: Esa película inzou o espazo galego de edificios que nunca respiran (milleiros en calquera cidade grande galega) ou respiran como moito un mes ou dous ao ano (outros milleiros). O espazo galego perdeu a súa materialidade ecolóxica para pasar a definirse en termos de urbanización. A gran mentira estoura agora en forma de milleiros de desahucios diarios en todo o Estado e en verse atados a unha débeda hipotecaria que os bancos e entidades financeiras queren cobrar. Mais..que lles pasou aos culpables da creación-destrución da burbulla? En liñas xerais, e no noso país, nada. Seguen xogando coas súas cartas trucadas na economía de casino.

Concordamos con Jean-Paul Dollé (L’inhabitable capital, 2010) cando di que este ben, a vivenda, a casa, representa a forma máis elemental de existir e de situarse no mundo. A crise chegou por moitos e diversos motivos, pero poderíamos citar o desaforado proceso construtivo que contribuia a desfasar a oferta sobre a demanda: máis produtos que demandantes a un prezo de “mercado” que afastaba, en primeira instancia, ás persoas que querían vivir nesas casas. O prezo, ademais, inflábase. Xeneralizando, practicáronse dúas vías de incremento: a) unha persoa (rica, por suposto) adquiría varios produtos para dedicarse a empregalos como bens gananciais sexa alugando (con contrato ou sen el), sexa mantendo a vivenda baleira (como produto mercantil para revender cando “mellore” o mercado, i.e., permita gañar diñeiro sobre o prezo pagado polo produto ou, nalgúns casos, como modo de rendibilizar o diñeiro gañado sen declarar); b) alentando fóra das fronteiras de Galicia a compra de segundas vivendas a persoas de economías mais solventes que a galega. Consecuencia: vivendas baleiras case todo o ano; deterioro paisaxístico, medioambiental e social; “expulsión” das xentes dos lugares afectados cara a outros onde os prezos ainda se mantiñan “razonables” (pero non xustos).

Esta realidade urbanística, que mantén uns prezos de mercado e fóra de calquera xustiza social, provoca, en tempos de naufraxio e crise, con cada vez máis dramas familiares pola carencia de emprego, o aumento de persoas “desposuídas”.

Cantos poderes públicos optaron por crear un parque público de vivendas dignas en réxime de aluguer e a un prezo xusto? Cantos poderes públicos exerceron con man firme e ética a tarefa constitucional de frear a especulación?

Ter abrigo, ter onde resgardarse e vivir de forma digna é un dereito constitucional do que nos privaron e queren seguir privando (a non ser mantendo a ficción que deu lugar á burbulla). Fronte a ese relato baseado na cultura da propiedade, faise máis necesario ca nunca un novo relato social e solidario. Cómpre adecuar oferta a demanda e asentar o aspecto inmobiliario sobre a xustiza social. O control debe ser tamén unha tarefa da cidadanía, que debe participar mediante (auto)planificación e (auto)xestión colectivas. Ese relato non é posible dentro da lóxica do capitalismo, desexoso de seguir acumulando e maximizando beneficios como sexa. Só agardamos que xa non teña tantos influxos sobre boa parte da masa social a fábula/ilusión (mentira) da posesión tan ben implantada polos hipnotizadores do capital.

20-febreiro-2011.

Xabier Ron

dimanche 13 février 2011

JE NE SUIS PAS SUR TERRE POUR TUER DES PAUVRES GENS


Boris Vian, un xenio, auténtico. Morreu novo, pero tivo tempo de tocar as artes nas súas diferentes manifestacións. Aínda marabilla o canto antibelicista, Le déserteur (O desertor), do que vos deixo coa canción que se pode escoitar en youtube.

Hoxe, son máis precisos que nunca estes cantos antibelicistas. Cando o concepto de guerra é manipulado e agochado noutras estratexias de colonización e ocupación.

Monsieur le Président
Je vous fais une lettre
Que vous lirez peut-être
Si vous avez le temps

Je viens de recevoir
Mes papiers militaires
Pour partir à la guerre
Avant mercredi soir

Monsieur le Président
Je ne veux pas la faire
Je ne suis pas sur terre
Pour tuer des pauvres gens

C'est pas pour vous fâcher
Il faut que je vous dise
Ma décision est prise
Je m'en vais déserter

Depuis que je suis né
J'ai vu mourir mon père
J'ai vu partir mes frères
Et pleurer mes enfants

Ma mère a tant souffert
Elle est dedans sa tombe
Et se moque des bombes
Et se moque des vers

Quand j'étais prisonnier
On m'a volé ma femme
On m'a volé mon âme
Et tout mon cher passé

Demain de bon matin
Je fermerai ma porte
Au nez des années mortes
J'irai sur les chemins

Je mendierai ma vie
Sur les routes de France
De Bretagne en Provence
Et je dirai aux gens:

Refusez d'obéir
Refusez de la faire
N'allez pas à la guerre
Refusez de partir

S'il faut donner son sang
Allez donner le vôtre
Vous êtes bon apôtre
Monsieur le Président

Si vous me poursuivez
Prévenez vos gendarmes
Que je n'aurai pas d'armes
Et qu'ils pourront tirer


OBS. La version initiale des 2 derniers vers était: "que je tiendrai une arme , / et que je sais tirer ..." Boris Vian a accepté la modification de son ami Mouloudji pour conserver le côté pacifiste de la chanson !

Tradución de andar por casa, feita só a título informativo e sen afán "estético":

Señor Presidente
escríbolle unha carta
que vostede lerá quizais
se vostede ten tempo

Acabo de recibir
a documentación militar
para ir á guerra
antes do mércores tarde

Señor Presidente
non quero facela
non estou sobre a Terra
para matar a xente inocente

Non é para anoxalo
teño que dicirllo
a decisión está tomada
vou desertar

Desde que nacín
vin morrer ao meu pai
marchar aos meus irmáns
e chorar aos meus nenos

A miña nai sofreu tanto
está na súa tumba
e búrlase das bombas
e búrlase dos versos

Cando estaba prisioneiro
roubáronme a muller
roubaronme a ialma
e todo o meu prezado pasado

Mañá de mañanciña
pecharei a miña porta
deixando os anos mortos
e irei polos camiños

Mendigarei a miña vida
polos camiños de Francia
desde Bretaña até a Provenza
e direille ás xentes:

Negádevos a obedecer
Negádevos a facela
Non vaiades á guerra
Negádevos a ir

Se hai que dar o sangue
ide dar o voso
sodes bon apóstol
Señor Presidente

Se voste me persigue
avise aos policías
que non irei armado
e que poden disparar

OBS. A primeira versión dos dous últimos versos era: "que terei unha arma / e que sei disparar"; Boris Vian aceptou a modificación do seu amigo Mouloudji para conservar o lado pacifista do poema.