dimanche 12 avril 2015

LENTA COMA O MUNDO


 "I am slow as the world"

Así       adaxio liberador

profana a veloz idade
dun mundo que se quere
sen ollos
sen ialma
nos espellos xa rotos
deste sanatorio
que chaman manicomio


E pode que non
ou si
que mulleres en apariencia fráxiles
coma Sylvia Plath
ou en apariencia fortes
coma Hildegart Rodríguez
percorresen sen desexalo
elas
os corredores xa
sen espellos rotos
á procura dos sentidos 
ocultos da condición
feminina nos ollos-vidro do poder

"I am a great event"

E si        acontece
estremézome vivindo vidas
imaxinando dores 
de ialmas
                  nos cárceres
dos ditados patriarcais
que construíron vieiros
sen osíxeno

"I am ready"
                  
                   E quizais
nas mortes 
de deseño tan tráxico
as ialmas destas mulleres 
amaron
recoñecerse e escoitarse
mentres o mundo
afrontaba 
a súa finxida perplexidade

12-abril-2015
Homenaxe a mulleres que sempre desafían o fío do establecido

mercredi 1 avril 2015

NA FENDA NACE LETE


Cando a acollida dos desexos desterrados
non treme pola ledicia do encontro
a fenda
coa tortura dos medos
non deixa de agrandarse



E pérdense as benvidas
devoradas polo lume nada sagrado
da profanación do amor

caen sen rede de esperanzas
coma un laio sen forza
ao fondo do escuro
onde Lete fixo morada
e envolve de esquecemento todo
e de descoido nacen as sombras

E nada      de ser caída
volve a emerxer
a terra toda é cinza quente
as mans son simples ósos
os ollos perden o seu espello
os corazóns sécanse perdidos
e os berces son cadaleitos

mardi 31 mars 2015

UN SER MARABILLOSO

Increíble demostración de que hai seres humanos marabillosos, con absouta independencia da súa idade. Pero estes feitos adoitan pasar desapercibidos. De feito, a morte do pequeno aconteceu  6 de xuño de 2014, xa vai case un ano.

Mais o seu xesto foi adquirindo trascendencia. E a mostra de respecto do equipo médico é un recoñecemento que vai máis aló do material, e chega ao refuxio da esencia da espiritualidade. Liang Yaoyi un neno de 11 anos, un enorme e marabilloso ser humano.


O neno, en canto soupo que tiña un tumor cerebral, díxolle á súa nai que hai xentes no mundo que fan cousas grandiosas, e que el quería ser un neno bo e que por iso, ao morrer quería doar todos os seus órganos para quen o necesitase. Dalgún xeito, dixo, sería como seguir vivindo. Pura espiritualidade. 



CONTRA A CORRENTE...NADAR OU MORRER

A sensación ingrata de que nado contra a corrente dos tempos...en practicamente todos os eidos: na forma de sentir as relacións humanas; no xeito de respirar o tempo do día a día; na maneira de extraer pequenas partículas de liberdade interior; nos modelos e na praxe educativa (négome a aceptar o discurso neoliberal das competencias e de "medir" todo o que se ensina educando), en fin, nos xestos que conforman o meu hábitat cultural: papel, lectura, lápiz ou boli, escritura manuscrita, reflexión e pausa, análise e de volta pausa reflexiva, coma un pequeno caracol. A miña pedagoxía do caracol será algún día a forma de salvarnos...mais eu xa non o verei. 

Digo isto porque no discurso da construción social vexo de forma permanente a carencia máis absoluta de coherencia entre tese e praxe: docentes que ensinan na pública e levan os seus fillos ou fillas á privada (concertada); persoas que esixen unha sanidade pública e asisten á consulta privada e logo se saltan as listas de agarda na pública; profesorado universitario que renunciou á praxe dunha educación emancipadora e só ensina para perpetuar a orde establecida e aceptar de forma resignada esta "sociedade do rendemento" hiperindividualista; accións dos colectivos que traballan polos dereitos das persoas con diversidade funcional que van en contra do carácter social da súa creación para abrazar o da empresa privada; discursos e formas de axentes sociais que axudan ao goberno de turno, por moi pouco, a que as cousas sigan como están. 

Si. Nadar contra a corrente, ou deixarse levar para simplemente para xa morrer en vida. 

Estas reflexións  animaron a creación destas ideas en verso, que forman parte xa do que chamo Creación en dúas cullleres.

Pétalos
dun rosa escurecido
no dente-gume
dunha lousa feita carne
          a indiferenza

O carnet dos que viven
sen amar
ignoran
o valor dos pétalos 
 (31-marzo-2015)

Agonía na area
ollos na distancia 
instalada
nos amores todos
que latexan 
nos baleiros

Agonía da area
certezas 
abafadas no pé
das soidades impostas

Agonía na area
(31-marzo-2015)

jeudi 26 mars 2015

CREACIÓN EN DÚAS CULLERES

Xantando. No Restaurante-Bar Reno. Percibindo como as olladas se perden nos cruces, coma se fosen coches, e tan fugaz todo como a propia vida. 

Esta é a transcrición do manuscrito que aparece nas imaxes. A miña poesía é froito de instantáneas. Versifico momentos. Imaxino horizontes de felicidade que superen a nosa triste vida.


Entrecrúzanse
olladas desexosas
de prender no alborexar 
dun sentimento novo
cores            esváense presaxios
Horizontes
                              Libres



Ignoradas e silenciadas
xantando
como se as esperanzas
fosen dixestión amable
da rutina e dos medos

Ao cabo

Un sorriso   pode ser 
unha fiestra

26 de marzo de 2015



mercredi 25 mars 2015

DIÁLOGOS EN VERSO CON ZÓCALO DE ADONIS

Saltando entre o ano 2014 e o ano 2015 fun lendo e dialogando coa obra poética Zócalo de Adonis...agora reproduzo fragmentos dese diálogo

DIÁLOGO CO Nº 1

Prefiro a luz sinxela
proxección dunha ollada
que ama o mundo
que vén diante
avisando que vivamos
o tempo presente
(31-decembro-2014)


DIÁLOGO CO Nº 2

No silencio do mencer
as pegadas do vivido
da memoria que se desfai
das lousas         á procura
dun refuxio no futuro
(1-xaneiro-2015)


DIÁLOGO CO Nº 3

A ferida fainos
somos cicatrices que sangran
mentres esquecemos

vivir

simplemente
(1-xaneiro-2015)


DIÁLOGO CO Nº6

Non existe cárcere
que poda someter o desexo
de ser aire
entregado á paixón
de morrer libre
entre os teus beizos
(1-xaneiro-2015)


DIÁLOGO CO Nº 7

É verdade 
a morte baila
coa nosa vida

Deixémonos ir
e dancemos
este vals 
coma se fose
o último suspiro de amor
(1-xaneiro-2015)


DIÁLOGO CO Nº 8

Asomado ao baleiro
respiro agonía e
a forza do amor debaterse
caer para sentir
a perda como metáfora
ou roer a febleza
abaterse no tempo vivido
(1-xaneiro-2015)

 

VAGAMUNDOS...RESPIREMOS AS IMAXES..SOÑEMOS HORIZONTES

O 17 de abril de 2015, na Sala de Exposicións do Concello de Brión inaugúrase unha exposición fotográfica que nace grazas á creatividade de Pablo Charlón e Manu Pumarega e que ten o acertado título de VAGAMUNDOS.

Son fotos de viaxes diversas que realizaron e onde eran quen de rescatar para inmortalizalos momentos pétreos, humanos, áereos. Exipto, Italia, Grecia, Cuba, son espazos privilexiados desas olladas. E agora podemos disfrutar das mesmas. Tiven a sorte que quixesen contar coas miñas palabras para o folleto de presentación e algunhas máis para a propia exposición. 

Deixo aquí o texto que escribín para ese folleto e o cartaz da inauguración. Como é lóxico  gustaríame que algún amigo ou amiga se achegase para poder respirar esas imaxes e soñar horizontes.


VAGAMUNDOS
 
Vivimos atrapados. Entre cadeas mentais e físicas que nos pechan os horizontes necesarios para sentir o latexar dos nosos soños. Ao saírmos, entre a néboa da mañá, quizais, só andamiaxes de cemento gris que nos abafan. Ou esa incansable rutina de idas e voltas ao redor dun traballo. Ou xirando coa lámpada de Aladino para que ese duro traballo duro apareza. Tanto ten. Así renunciamos a nós mesmos.

Mais, como dicía Thoreau, “ningunha riqueza é quen de comprar o necesario tempo libre, a liberdade”. Témola que conquistar. E unha desas conquistas é alimentada pola nosa imaxinación. Mais precisamos de ourives coma Pablo Charlón e Manu Pumarega.
 
Convite a que deixemos na soleira os malos pensamentos. A que respiremos as imaxes. Deambulemos entre as súas formas. Deixémonos caer nas redes do enfeitizo. Non existen fronteiras que nos impidan camiñar. Sintamos o agarimo desa luz quencer a nosa ialma. Que se fundan en nós os amores todos. Unha foto ben pode ser o noso fogar. O lugar onde todo pode comezar.
 
Maxestuosas demostracións da creatividade. Pedras que gardan memorias. Cores rosas, verdes e azuis para alumear un difícil sorriso ante o marrón. Herdanzas de dignidades nas mans do coiro. Esperanza. Escritas que debuxan universos míticos. Olladas á procura do sentido. A natureza que transpira coa Nai Terra.
 
E, extenuados de sensacións, ao fin do camiño, cando saiamos desta viaxe, sintamos a aperta da utopía e berremos ante os horizontes futuros que, si, somos libres de vagar polo mundo.
 
Xabier Ron
Brión, 5 de marzo de 2015

NO LAIO DA VIDA

Entre onte e hoxe, no laio da vida, asistimos a chamadas duras e severas de que temos que salvar a vida mentres vivimos. E que, por desgraza, perdemos eses minutos que son a vida en feitos que nola reducen. 

Onte un avión que se leva ate 150 proxectos de vida, algúns deles inda incipientes, inda por crear. E doe moito. Será por esta innata capacidade que teño de empatizar que padezo as dores todas. Como se fosen miñas. 

Mariñeiros de Laxe. Traballador de Navantia. Morrer traballando, cando o traballo xa nos vai demoucando as esperanzas de vivir con plenitude, é algo que non desexo. De verdade. 

Pode que sexa un escéptico epicúreo. Mais desexo percibir ese momento fuxidío. E si. Tamén o digo, quero que sexa canto máis tarde mellor...sempre e cando o meu pensamento me siga aturando. 

Non soporto a traxedia da inmediatez. Como a de Pedro Reyes, o cómico amigo, que inda novo quere amolar co seu humor do absurdo nalgunha reencarnación...de existires.

E mentres, no laio da vida, deixamos escapar os minutos que a farían chea, feliz, esperanzada. 

Loitemos por reclamar unha nova forma de sentir a vida. De que o traballo non sexa a hipoteca do noso tempo e das nosas relacións. 

No día a día vexo vidas que non poden vivir o seu tempo, atrapadas entre débedas, obrigas e cadeas. 

Vidas que se afastan dos seus seres queridos porque o seu tempo non lles pertence nesta filosofía capitalista que obriga a que o home e a muller sexan lobos para a muller e o home. 

En tempos de crise, vexo que as solucións todas pasan, non por elevar as nosas aspiracións para termos o suficiente para sermos felices, senón por seguirmos no sendeiro que con anterioridade nos conduciu a esta situación de crise. 

lundi 26 janvier 2015

IR A CONTRACORRENTE...UNHA NECESIDADE PARA SALVAR O PENSAMENTO ALTERNATIVO

Ás veces, cando camiño polas rúas de Compostela, teño a impresión de ir navegando nun mundo que abre e pecha os ollos de forma instintiva, sen desexar mirar para as marxes e moito menos, de forma introspectiva, capturar os motivos dos pasos que se dan, día a día, de forma mecánica.

Digo isto porque detrás de cada movemento existente na cidade hai unha xustificación política. Unha decisión política. Pasa con todas as obras que sitian nestes momentos a vila xacobea, algunha delas, contraria aos principios reitores que as animaron, tal como acontece coas obras do barrio da Almáciga e de Basquiños. 

Hoxe subín ate a Capela da Pastoriza, na rúa Basquiños, para falar con SANTIAGO TV sobre dúas iniciativas que rexistramos no Parlamento de Galicia a través de AGE para interesarnos pola destrución patrimonial na escalinata de acceso á Capela da Pastoriza e para que se nos entregue, nunha demanda que provén da propia Asociación Veciñal Escultor Francisco Asorey, os resultados dos procedementos de auditoría externa aos que obriga a normativa comunitaria, xa que máis de 8 M€ dos máis de 11 M€ orzamentados no Plan Urbana Norte veñen de fondos públicos europeos.

O traballo é colaborativo. Unha fluencia que vai de abaixo a arriba e volve para abaixo. Iso debe ser a política. Un traballo constante, de moito sacrificio para unha organización política e social, Esquerda Unida Compostela, que leva anos realizando ese traballo. Un traballo que obtivo o recoñecemento gradual dos veciños e veciñas de Compostela nos últimos procesos electorais. Levamos moitos anos desenvolvendo un traballo municipalista, e estando en canto movemento de contestación e reivindicación existe, desde un prisma ideolóxico de esquerdas. Un traballo que sube ao Parlamento desde as rúas. 

****

Hoxe, un día despois de Syriza, o importante para os medios de comunicación é ver que organización política é máis análoga a Syriza. Un xogo mediático para confundir. Un xogo terriblemente interesado que prescinde da mínima análise política de rigor. Os voitres que parten dos brazos, niño e refuxio, deses artífices mediáticos, agardan poder comunicar aos seus partidos políticos que Syriza incumpriu as súas promesas electorais. 

Os mesmos artífices que non fixeron fondura dos incumprimentos programáticos do PP ao longo destes anos de lexislatura. 

Cantos veciños e veciñas de Compostela poden dicir que o PP cumpriu as promesas do seu programa para as municipais? 

****

 En tempos de velocidade enfermiza, de comunicacións desinformadas, gústame ir a contracorrente. Por necesidade mental. Para salvarme desta voracidade destrutiva. Por iso, estou mergullado nas liñas dun libro escrito por Carmen García Colmenares e Luz Martínez Ten, con ilustracións de María Luisa Vico Nieto, La Escuela de la República. Memoria de una ilusión, Editorial Catarata, Madrid, 2014. 


Un libro necesario. Sempre é necesario recordar a esas persoas que loitaron pola educación emancipadora e cívica neste país. As primeiras persoas en seren represealiadas por "contaminar el alma", que dicían os franquistas golpistas e asasinos. Mais era só por defender e poñer en pé unha escola pública unificada, gratuita, laica, coeducativa e non selectiva. Iso, que algúns poden negar, chámase escola republicana e era, fundamentalmente, unha idea de esquerdas....como demostran as accións do bienio cedista e a política de involución normativa que tentaron impoñer.

Neste libro podemos coñecer as figuras de Marcelino Domingo, Rodolfo Llopis, Lorenzo Luzuriaga, e o traballo pedagóxico e emancipador de mulleres como Regina Lago (Lugo), Josefa Úriz (Lleida), María Barbeito  (A Coruña, introdutora do método Montessori), Benita Asas Monterola (presidenta da Asociación Nacional de Mulleres Españolas), e a importancia das Misións Pedagóxicas, das Colonias escolares na revolución social que significou a escola republicana.

Rematarei coa defensa ao voto das mulleres que fixo Clara Campoamor, porque ela representa moi ben o que debe ser o compromiso ético da verdadeira política, xa que era moi consciente das contrapartidas ao defender o voto da muller,  por riba mesmo dos intereses do seu propio partido (p. 54): 

"¡Las mujeres! ¿Cómo puede decirse que cuando las mujeres den señales de vida por la República se les concederá como premio el derecho a votar? ¿Es que no han luchado las mujeres por la República? ¿Es que al hablar con elogio de las mujeres obreras y de las mujeres universitarias no se está cantando su capacidad? Además, al hablar de las mujeres obreras y universitarias, ¿se va a ignorar a todas las que no pertenecen  ni a una clase ni a otra? ¿No sufren estas como las otras las consecuencias de la legislación? ¿No pagan los impuestos para sostener al estado en la misma forma que las otras y que los varones? ¿No refluye sobre ellas toda la consecuencia de la legislación que aquí se elabora para los dos sexos, pero solamente dirigida y matizada por uno? ¿Cómo puede decirse que la mujer no ha luchado y que necesita una época, largos años de República para demostrar su capacidad? ¿Por qué no los hombres? ¿Por qué el hombre, al advenimiento de la República ha de tener sus derechos y ha de ponerse un lazareto a los de la mujer?"

 

dimanche 21 décembre 2014

EXORCISMO NECESARIO OU COMO DEFINIR A RAREZA

Recoñezo que non é frecuente. Leo a prensa e alporízome por como se enfocan as cousas. Exemplos cotiáns teño. E en cantidades industrais desde que facía política desde as rúas. Sobre todo por feitos que me afectan, feitos tan relevantes como a Estratexia da Inclusión Social que foi introducida no debate plenario por quen escribe e a prensa non fixo moito máis eco que fora definida como "infumable" e dos numerosos argumentos que empreguei (non conter unha planificación nin un cronograma claro, nin compromisos orzamentarios ben clarificados de forma anual ou plurianual) só un foi escasamente referenciado. Apenas tivo repercusión, porque se optou por repetir os argumentos do executivo coma un mantra eclesial. Cando, nós, lembro por exemplo que eu xa recontara mesmo os verbos que sinalaban garantía de dereitos ou non no primeiro pleno de decembro, xunto co compañeiro Moncho...

Que vaian cara a atrás a ver que introduciu os temas da pobreza, da pobreza infantil, esa que se quixo agochar, esa da que se nos dixo a nós que non existía que eramos apocalípticos...mais resulta que a iso que non existía lle dedican unha Estratexia de Inclusión Social....CURIOSO, NON??? Que ollen as persoas interesadas neste mesmo blog as pegadas da memoria para ver quen falou de desigualdade, dos comedores escolares...desde o inicio desta lexislatura!!! 

En fin, alporízome. Mais non reacciono de forma literaria. Mais hoxe si reaccionarei. Por fartura. Porque non é certo. Porque eu non meto no mesmo saco aos que toman as decisións na cúpula dos medios e aos traballadores e traballadoras, para non cometer o erro de dicir que "todos son iguais". Non. Sabendo mesmo que si hai xornalistas que traballan en perfecta sintonía co sistema capitalista e, polo tanto, coa súa forma desigual de tratar ás persoas. Senón que lean a Piketty. 

Pero hoxe si. Reacciono. E vouno facer comezando pola definición que establece a RAE de "rara". 

"raro, ra.
(Del lat. rarus).
1. adj. Que se comporta de un modo inhabitual.
2. adj. Extraordinario, poco común o frecuente.
3. adj. Escaso en su clase o especie.
4. adj. Insigne, sobresaliente o excelente en su línea.
5. adj. Extravagante de genio o de comportamiento y propenso a singularizarse.
6. adj. Dicho principalmente de un gas enrarecido: Que tiene poca densidad y consistencia."

Se un olla estas definicións...case deberíamos alegrarnos que unha columnista dun medio de información masiva de Galicia, á que identifico ao remate desta reflexión, diga iso de "esa cosa tan rara de los partidos"...Ou non, se xulgamos o contido do artigo que pretende dar sentido a dito titular. 

Perlas informativas da columna e glosa dun militante dun partido e dunha organización de esquerdas en Galicia: 
  • "para militar en un partido haya que ser un tipo muy extravagante"
Esta perla quizais teña que ver coa acepción primeira. Somos extravagantes porque nos comportamos de forma inhabitual, pois decidir dar o paso de afiliarse, en estes tempos de distancia e desafección poda ser entendido incluso como unha heroicidade. Sobre todo cando esa militancia é nunha organización que se declara de esquerdas, alternativa, transformadora, que loita polos dereitos humanos e que é claramente anticapitalista. 

Heroicidade que quizais nos leve á acepción 4 e pode que tamén á nº 2, xa que dito acto é pouco frecuente..sendo máis cómoda, como denuncia Buyng-Chul Han, o simple accionar dun clic na sociedade do "me gusta"...do "asistirei"...mais que logo non se manifesta realmente nun xesto real de aproximación. 

Entón, deberíamos dicir, moitas grazas señora columnista.

  • "rareza genética"
No mesmo sentido debe ser esta segunda perla informativa. Mais non creo nos determinismos xenéticos, senón que vivmos nun contexto determinado, definido pola loita de clases, pola destrución do benestar da maioría social, oprimida polo capitalismo. Polo tanto, a miña militancia ten que ver coa consciencia de clase e coa empatía necesaria para desexar transformar os piares da sociedade en que vivimos, e non cun determinismo xenético.

  • "para tener un carguiño en un partido lo primero que hay que hacer es no decir lo que se piensa"
Aquí, xa, é onde non vexo relación co termo "raro". Non. Porque a autora converte en habitual dito feito. En xeralizado. Polo tanto comete un erro semántico. O raro non poder ser frecuente. E a autora, moito me temo, desexa dicir que "nos partidos son todos iguais", e que todos e todas devecemos polo carguiño... diminutivo que é claramente despectivo e nada agarimoso. Non sei que partido ou partidos terá na mente. Debería atreverse a nomealos. Ou é porque algún, que pode ser xeneroso partícipe dos ingresos da empresa, se podería...cabrear?

Polo tanto, eu digo aquí, que milito nun partido e nunha organización política...que non devezo ningún carguiño, senón que, en función do que deciden os afiliados e afiliadas a través de mecanismos de democracia interna, asumo responsabilidades políticas e orgánicas.

Segundo punto. Non dicir o que se pensa. Moito me pregunto se todos os traballadores e traballadoras dunha empresa de comunicación ousan dicir ao seu xefe ou xefa o que pensan...ou planifican os argumentos para non seren colocados nunha lista negra e perder o traballo escravo?

 Por iso digo aquí que isto non é certo. Sucede que falamos dun pensar que, desde o individuo, se colectiviza, mediante procesos deliberativos e participativos, considerando, loxicamente, a ideoloxía que vén definida no noso programa político e social, o noso contrato ante a sociedade. 

Ou acaso non se pensa de forma colectiva na toma de decisións dunha redacción? Ou é unha persoa a que decide? Seía interesante saber, por exemplo, por que se me fixeron entrevistas que nunca saíron logo no papel do xornal. Quen tomou esa decisión?

  • "con las trapalladas tienden a mirar hacia otro lado y en ocasiones funcionan mejor que el Inem para proporcionar trabajo a quien se lo curra como dios manda"
Aqui xa non me gusta. Amais de que a autora "castrapea" de forma deliberada. Non me gusta o emprego do galego en texto casteláns que estereotipan o uso dos termos galegos. Sempre baixo unha óptica negativa desde unha consideración en apariencia neutra. 

Se a autora alude a corrupción, a enchufes, a políticas endogámicas de favores, que vulneran as normas democráticas de merito e capacidade, segundo probas obxectivas xulgadas por tribunais independentes, entón o termo "trapalladas" non serve. A corrupción é o cancro das normas democráticas. Debería escoller unha palabra menos xocosa. Non falamos de picaresca. É algo moi grave. E podo dicir, alto e claro, que quen escribe non é unha persoa corrupta. Que non practica o enchufismo. Que non cre na política de favores.

Conclusión
Non procede meter a todos no mesmo saco. Procede ser menos estereotipante no discurso. E identificar cando menos os procesos aos que se refire. Non todas as persoas somos iguais. Podo aceptar que son raro, no sentido de "freakie", incluso, porque os domingos preparo as miñas intervencións das comisións que teño ao longo da semana, en vez de tomarme o día libre, ou dou forma ás iniciativas que debato con colectivos sociais. Podo aceptalo aí. Mais xa digo, por se existe a tentación de dicir que esta defensa é porque son casta, que están, unha vez máis pedaleando no erro: dedícome á política, como moitos e moitas que me acompañan no día a día, para tentar, precisamente, que militar nunha organización política non sexa algo raro, que sexa frecuente desexar defender os dereitos da cidadanía e transformar a faciana dun mundo que o capitalismo converteu en canibal.


E por se alguén pensa que teño medo a dicir de onde provén a  fonte desta reflexión: Fernanda Tabarés, "Esa cosa tan rara de los partidos", Otras Letras, columna da contraportada de La Voz de Galicia do domingo 21 de decembro de 2014.