Ao abeiro do Real-Decreto Lei 14/2012 de “medidas
urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo”, que contén
en realidade medidas que degradan a calidade da educación en tanto que servizo
público, a nosa organización no Parlamento do Estado, a Esquerda Plural,
rexistrou o 4 de xuño de 2012 unha Proposición non de Lei para impedir o
alcance segregador, discriminatorio, deste Real-Decreto Lei, digno do racismo
institucional que defende o Partido Popular.
Referímonos ao feito de que os estudantes estranxeiros
non comunitarios teñan que pagar o 100% do custo do grao universitario. Aplicar
esta doutrina significaría que este estudantado pasaría de pagar por un grao
entre 700 e 1000 euros a pagar entre 7000 e 10000 euros. Unha auténtica
aberración.
Hai que ter en conta que este alumnado ten tarxeta de
residencia por estudos e non pode traballar e que tampouco pode solicitar
bolsas. Estudan e viven polos seus propios medios.
Esta medida é fondamente inxusta, xa que moito deste
alumnado xa leva ao mellor un, dous ou tres anos cursando os seus estudos. Un
incremento tan brutal coma o que contempla o Real-Decreto Lei significa en
primeira instancia a imposibilidade de afrontar os custos do grao e, en segundo
termo, a obrigatoriedade de voltar ao seu país de orixe sen rematar a súa
formación. E, por último, de aplicarse este Real-Decreto Lei, o noso país ergue
unha nova fronteira que imposibilitará a internacionalización dos nosos campus.
A Proposición Non de Lei rexistrada polo noso grupo
pretende garantir o dereito á educación, defender a calidade do ensino público
e eliminar do noso sistema normativo unha norma inxusta, discriminatoria e
racista.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire