A nova descrita por un medio de
información nacional demostra que temos moito que mellorar como sociedade, que
temos moito que aprender aínda en materia de convivencia, interculturalidade e
respecto.
En primeiro
lugar, cabe manifestar que unha escenificación dun roubo, onde hai armas e
violencia gratuita, non é mellor maneira para educar a nenos e nenas. O feito
acontecido na cidade de Vigo, ante un milleiro de escolares, pon en dúbida que
temos na cabeza á hora de ensinar respecto e convivencia.
Cómpre tamén
que sexamos os profesionais do ensino máis coidadosos co que se escolle como
espectáculo. Non pode ser que o profesorado ensine en valores durante todo o
ano escolar, que así o recolla na súa programación didáctica, e que só nuns
minutos todo o traballo se caia e se dilúa como area entre as mans por asistir
a um “programa” de dubidoso valor pedagóxico, tendo en conta o resultado.
Non abonda con
dicir que “o guion resultó políticamente incorrecto”: o feito de que o ladrón
sexa identificado como ladrón de “acento xitano” representa un acto que vulnera
normas básicas de respecto e convivencia. Un milleiro de nenos e nenas
asistiron a unha divulgación dun estereotipo racista: o ladrón é xitano.
As ficcións nunca son inocentes. Sabemos, por exemplo, que as
series norteamericanas cambiaron o inimigo ruso da guerra fría e do comunismo
por un inimigo musulmán (guerra contra o terrorismo global, afirman) ou un
inimigo latinoamericano (sempre caracterizado por dedicarse ao narcotráfico) e
sabemos que eses estereotipos racistas impregnan o imaxinario do público
norteamericano que remata crendo como xeralidade unha ficción sesgada.
A ficción levada a cabo pola policía
fai o mesmo: contribúe a inocular no imaxinario dos escolares unha imaxe
estereotipada negativa sobre o colectivo xitano que en nada beneficia á
convivencia, á educación en interculturalidade e ás normas básicas do respecto
que deben rexer a vida en sociedade.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire