Interesante. Unha
interpretación filosófica dun feito en apariencia insubstancial,
como pode ser o EROS, é quen de achegar as claves hermeneúticas e
situarnos nas consecuencias que ten para o ser humano o sistema
capitalista nesta fase salvaxe, neoliberal ou ultraliberal.
Iso é o que acontece co libro
do filósofo Byung-Chul Han, La agonía del Eros (Herder,
2014). Mais, considero que é a miña experiencia como lector, e como
pensador dos feitos políticos e sociais de hoxe, a que se cuestiona
permanentemente sobre un exceso de silencio -ou resignación?-, sobre
unha certa ausencia da forza da negatividade, que debera levarnos á
exaltación da necesaria revolución democrática para que nada sexa
mañá como está sendo hoxe.
O filósofo Byung-Chul Han
considera que a negatividade é necesaria para enfrontar a
experiencia do que significa vivir e desexar. Curiosamente, esta
negatividade "desaparece por todas partes. Todo es aplanado
para convertirse en objeto de consumo" (pp. 10-11). Así, un
mesmo devén un altar narcisista para o autoeloxio permanente.
E como isto é, loxicamente,
incompatible coas propias consideracións do EGO en SOCIEDADE, as
persoas que viven de forma narcisista deprímense. Non son
conscientes dos limites. Por iso concordamos con Byung-chul Han: "La
depresión es una enfermedad narcisista. Conduce a ella una relación
consigo mismo exagerada y patológicamente recargada. El sujeto
narcisista-depresivo está agotado y fatigado de si mismo"
(p. 11).
Cando un pensa en si,
des-agregándose do OUTRO, separándose do OUTRO convértese nunha
persoa sen relación. E, por iso, o EROS é a forza que nos conduce
ao OUTRO. Pode que a carencia de empatía actual explique a deriva
racista das nosas normas institucionais e das nosas prácticas
sociais.
Poder. Deber. Poder,
verbo esencial desta sociedade do rendemento é peor,
en esencia, que o verbo deber, trazo da sociedade
da disciplina, propia do franquismo, por exemplo. En efecto,
baixo a ilusión da libre elección, un pode facer
todo o que queira e desexe, mais rematamos por esixirnos
imposibles. Aí comeza a frustración. E a depresión.
Como di o noso filósofo: "la
llamada a la motivación, a la iniciativa, al proyecto, es más
eficaz para la explotación que el látigo y el mandato" (p.
19). En síntese, diríamos que no noso país pasouse da disciplina
franquista á era da motivación neoliberal. Para iso, o
neoliberalismo tivo que erosionar os elos relacionais que unían as
persoas entre si. Esnaquizou o elo de solidariedade, de fraternidade,
relegando a cada EGO ao espazo definido, desde os medios de
desinformación masiva, como único, propio ao indivíduo. "El
tú puedes incluso ejerce más coacción que el
tú debes" (p. 21).
Render. Motivar. Emprender.
Arietes do discurso neoliberal. Son a chave para poder facer o que
máis desexa o neoliberalismo: competir. E se competimos, matamos a
EROS, que simbolizamos como a metáfora que alimenta o elo relacional
entre EGO e o OUTRO.
Por iso, o neoliberalismo
inventa técnicas para agochar a ruptura. Inventa a dixitalización
das relacións humanas a través de internet. E de novo concordamos
co filósofo, o negativo sería a lonxanía, porque implica unha
tensión vital, necesaria para darnos conta do OUTRO. O invento da
proximidade dixital, no fondo, fai desaparecer ao OUTRO.
Precisamos negatividade, a
tensión que nos fai aprehender ao OUTRO como parte de nós mesmos. O
EROS como motor, onde o amor ten que ser ferida, invasión, elevación
e caída. Negar a negatividade do AMOR é matalo, destruír as
relacións humanas. Non entender que somos diferentes, que pensamos
diferente e que temos que trascender esa diferenza, provoca, de forma
inevitable, a ruptura.
Por iso, o neoliberalismo
domesticou o amor. Convertéuno nunha fórmula de consumo, "como
un producto sin riesgo, sin atrevimiento, sin exceso sin locura. Se
evita toda negatividad, todo sentimiento negativo" (p. 33).
Mais o negativo é preciso para entender ao OUTRO. Non existen os
contos de fadas. Edulcorar a realidade, como fan algúns pais e nais,
algúns educadores mesmo, só conduce a unha exaltación narcisista,
e de aí a frustración e a depresión.
"Al amor de hoy le
falta toda trascendencia y trasgresión" (p. 34). En efecto,
nada peor que a folla de ruta calculada e idealizada desde o berce.
Cómpre darse conta do camiño
en que nos situaron e parar. Cambiar de forma de ver e vivir a vida.
Recuperar o camiño de EROS e liberarnos da cadea da depresión
neoliberal e do seu sistema de pensamento único.
Xabier Ron
Compostela, 25 de xuño de 2014
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire