dimanche 29 mars 2020

O MODO DE VIDA E O SISTEMA DE CRÉDITO SOCIAL CHINÉS. DIALÉCTICA ENTRE AS VIRTUDES HUMANAS E AS DINÁMICAS DE CONTROL SOCIAL

Introdución
A elaboración deste artigo naceu durante estas dúas primeiras semanas de confinamento ao ler as consideracións de diversos pensadores sobre a natureza implosiva e explosiva do coronavirus con respecto ao noso de modo de vida, ás contradicións do hexemónimo capitalismo neoliberal e ás receitas ideadas polos poderes para erradicar/controlar o virus SARS-CoV-2, causante da enfermidade do COVID-19.

Á luz das xa coñecidas reflexións de Byung-Chul Han -un dos filósofos que mellor debullou o significado do noso modo de vida- sobre o mundo que podemos agardar despois da pandemia, que contrastaban na súa negatividade co optimismo de Žižek, decidimos indagar un pouco máis sobre os motivos que conducían a sociedades asiáticas como China, Xapón ou Corea do Sur a poder conter a propagación do virus e reducir a súa mortalidade moito mellor que en Europa e, sobre todo, moito mellor que en España.

Resultáranos chocante a idea do confucionismo como base na que se alicerzou a idea de control da sociedade por parte das autoridades do Partido Comunista Chinés (PCC) -destacada por Han- e que aí se cimentara o 'éxito' de China á hora de conter o virus. Este foi o sendeiro reflexivo que nos conduciu a un interesante e suxestivo artigo de Emmanuel Dubois de Prisque, "Le système de crédit social. Comment la Chine évalue, récompense et punit sa population", Institut Thomas More, xullo de 2019. Un traballo que é ponderado e equilibrado nas súas análises e que contén moitos aspectos que fan reflexionar e que deberan provocar unha precaución -ese é o noso entender- de cara ao futuro.

Ademais, este feito sintoniza moi ben coas advertencias que lanzamos coa mesa redonda 'A autodeterminación do ser humano ante a robotización da vida' (XVIII Congreso CILEC, A Coruña, 11-maio-2017, e que logo exportamos á Libraría Cartabón de Vigo o 30 de novembro de 2018. Non podo deixar de anotar -xa mesmo con nostalxia- que estivemos na mesma os ideólogos -Irene Tomé Urresti e eu mesmo- e tres sabios pensadores como son Francisco Sampedro, Alfredo Iglesias Diéguez e Ramón Vázquez. E nesa mesa advertimos, desde diferentes eidos da vida, sobre o perigo que implicaría o imperio da dixitalización e da robotización...e foi Sampedro, precisamente, quen lanzara as mellores e máis severas advertencias contra o modelo de vixilancia e control que se anunciaba en China...hoxe xa unha realidade.

Que é o Sistema de Crédito Social (SCS) chinés?
Non cómpre contestar de xeito precipitado. Temos que analizar que é, mais tamén de onde vén e por que ten éxito? A iso se dedica o artigo citado máis arriba e que servirá de guía. Trátase dun sistema de crédito (moi análogo, no fondo, aos índices de impacto de artigos de científicos en revistas especializadas) que quere elevar o nivel de integridade moral da cidadanía para que sexa unha sociedade máis civilizada e harmoniosa.

O poder central chinés soubo 'descentralizar' o proxecto para que fosen os poderes locais os que aplicasen a metodoloxía que considerasen máis axeitada en función da idiosincrasia da xente. Así, existen proxectos piloto en 43 municipalidades. O ano 2020 representa un ano de culminación. Os seus inicios remóntanse a finais dos anos 90 e inicios do 2000. Por poñer un exemplo ilustrativo, describiremos o sistema posto en marcha en Rongcheng (Shandong) con bastantes anos de experimentación, que establece seis categorías morais da cidadanía en función do 'comportamento' da persoa:

AAA => + 1050 pts: cidadán exemplar
AA => 1030-1049 pts: cidadán excelente
A => 960-1029 pts: cidadá honesto
B => 850-959 pts: cidadá relativamente honesto
C => 600-849 pts: cidadá que está nun nivel preocupante, de alarma
D => 1-599 pts: cidadá deshonesto.

A priori, cada cidadán parte cunha puntuación de 1000 pts, isto é, o poder considera que todas as persoas están nun nivel de honestidade. A puntuación, polo tanto, gáñase e pérdese e, en función da puntuación periódica, hai privilexios e hai perdas derivadas das recompensas e das sancións. 

O perigo, ao noso entender, é que puntuan dereitos, que deben ser inherentes e inalienables, non se poden quitar e someter a unha clasificación que, en última instancia, depende dos parámetros que establece o poder dominante.

Non pagar unha praza de aparcadoiro, fumar en lugares incorrectos, non visitar ás persoas maiores da familia, practicar as apostas e xogos on-line, criticar o poder establecido, sancións e multas impostas pola xustiza...son algúns dos motivos que provocan a perda de puntos. Doar sangue ou calquera dos aspectos anteriores en positivo serven para ir sumando puntuación.

Iso outorga unha serie de privilexios: obter créditos bancarios, acadar reducións en determinadas facturas, ter prioridade para desenvolver certos traballos, obter praza en centros de ensino, poder pasar por riba das listas de agarda para un tratamento ou operación. As persoas que obteñen estes privilexios están no que se denomina lista vermella.

Polo contrario, na lista negra están aquelas persoas que non poderán disfrutar de nada disto, verán como se lles nega créditos, como non poden acceder a determinados servizos sociais, como teñen un acceso limitado a determinados traballos, ou como se lles nega poder viaxar en avión (finais de marzo de 2019, máis de 13 millóns de persoas eran indignas para adquirir un billete de avión) ou en tren (case 6 millóns de persoas eran indignas). E, mesmo, se alguén se quixese poñer en contacto coas persoas da lista negra, un sms advertiríalle que desistise da súa intención.

Os mecanismos para percibir quen ten un comportamento incorrecto son diversos: a delación, a videovixilancia, a xustiza, as redes sociais (Webchat, principalmente), empresas de transporte e empresas de crédito, bancos, e o servizo alipay de Alibaba. Destas, asume un papel protagonista a videovixilancia e as técnicas de recoñecemento facial. Existe un proxecto chamado 'Claridade de neve' que quere encher no 2020 toda a xeografía, incluída a rural, de cámaras para ter unha cobertura e un control operativo total (no 2019 eran xa 200 millóns de cámaras).

Pero non só as persoas participan neste SCS, tamén as empresas son sometidas ao escrutinio das puntuacións. De feito, 51 empresas están na lista negra. Por exemplo, non pagar conforme a lei; explotar traballadores, vulnerar normas de protección da saúde dos traballadores, etc...son aspectos que penalizan. Segundo os ideólogos, o desexo de evitar esa lista negra está provocando a redución do comportamento incorrecto das empresas. Sinalan que se mellorou no pagamento do salario aos traballadores migrantes e que se reduciu a explotación laboral. Un deses ideólogos é Lin Junyue, declarado polo goberno como voceiro para tratar aspectos do SCS. 

 
Nos seus inicios naceu como unha ferramenta para favorecer as transaccións comerciais e financeiras con Occidente. Lembremos que China entra na OMC a finais dos 90 e que iso significaba un desexo de adecuación. Por iso, non resulta raro que no ano 2002, Jiang Zemín, o Presidente da República Popular de China e Secretario Xeral do PCC, dixera, no seu discurso do XVI Congreso do PCC, que China tiña que rectificar e normalizar a organización da economía de mercado establecendo un sistema de crédito social compatible coa mesma.

A aceleración veu da man da crise do ano 2008, que fixo ver que detrás da crise se agochaba o comportamento deshonesto, corrupto e mesmo criminal de grandes empresas. Para China era evidente que a economía non podía liberarse da moral, como sucedía en Occidente.

Esa asociación entre economía e valoración moral está moi vinculada ao sustrato cultural de China, en concreto a dúas correntes filosóficas que non están tan confrontadas como se pensa, o confucionismo (Confucio, entre VI e V a.C) e o legalismo (Shang Yang, séc. IV a.C e Han Fei, séc. II a.C). O primeiro cre na educación e nas virtudes humanas e o segundo asevera que as persoas precisan o dominio da lei para obter seguridade e estabilidade.

Moitos confrontan as dúas doutrinas, mais Emmanuel Dubois pensa que están máis relacionadas do que se di. En calquera caso, ambas doutrinas acabaron por permear o imaxinario, unha síntese entre o comportamento virtuoso e a necesidade de control e vixilancia para que aquel fose posible. Ancorado nesta necesidade naceu o sistema de control baojia no século XI, eminentemente rural e familiar, onde existía unha especie de precepto de vixilancia mútua e cada membro dos grupos familiares, de ser sancionado, provocaba que o castigo se aplicase a todo o grupo familiar. Isto provoca que o imaxinario asuma que os actos individuais teñen un beneficio e un perxuízo colectivo. Isto cómpre telo en conta.

Os baojia van e veñen ao longo da historia de China, chegando até 1954 cando o PCC os recupera en tanto que comités de barrio. Isto dura até que nos anos 70 o aperturismo económico, o éxodo rural -a pesar do sistema Hukou, que obrigaba á permanencia nunha provincia ou municipalidade- provocan que os comités perdan relevancia na súa función de control. O crecemento económico experimentado entre os anos 90 e inicios do 2000 non foi inocente, xa que a corrupción e os males cos que se culpaba ao capitalismo apareceron como grandes eivas do sistema. Aí foi cando, sobre o sustrato do legalismo e do confucionismo, se asenta o SCS para que non decida o mercado e si o poder instituído. Ao empregarse de maneira dominante o mundo 'frío' da tecnoloxía, o SCS preténdese obxectivo e liberado das emocións. A fábula tecnolóxica permite que os ideólogos pensen que o país sería gobernado pola virtude e o control das normas. Mais, a modo de quimera dialéctica, serían puntuadas de maneira negativa as persoas que criticasen publicamente o scs? Se fose afirmativo, o feito de que se diga que o sistema é positivo non serviría de moito.

Os puntos, por certo, non se perden para sempre, pódense recuperar cun curso de formación, cun informe que sinale a boa vontade e cunha escusa da persoa.

Como dicía Byung-Chul Han o sustrato cultural -onde se incardina a necesidade de que o individuo virtuoso beneficie ao colectivo- e as tecnoloxías de control social baixo o amparo do SCS posibilitaron que China (en Huabei, uns 60 millóns de persoas e en Wuhan uns 11 millóns, e 3.301 mortes) tivese éxito na contención do virus -hoxe só un contaxio local-. Sustrato e tecnoloxía de control que definen tamén a Corea do Sur, que só obrigou a corentena ás persoas contaxiadas, que foron detectadas primeiro mediante sofisticados procesos de xeolocalización para realizarlles o test e despois controladas mediante móbil e se vulneraban a súa corentena eran directamente sancionadas. O mesmo podemos dicir de Xapón. Outro feito non menor, e que ten moito que ver co canibalismo que puxo en práctica o neoliberalismo que degradou a sanidade pública e privatizou recursos sanitarios: nestes países existe en xeral un sistema sanitario forte.

 
E...Occidente...que?
Nun eido global, non podemos deixar de destacar a fascinación que as tecnoloxías de vixilancia, control e manipulación das persoas exercen nas elites. Levamos moito tempo falando do Gran Irmán. Pero sempre esperta resistencias na sociedade. No entanto, co reclamo do SARS-Cov-2, en determinados países, non europeos, como Israel, xa se anuncia o emprego dunha app 'Escudo' para facer seguemento das persoas contaxiadas, para controlar que manteñen a corentena.

Que vai prevalecer en Europa? O desexo de salvagarda da nosa privacidade e intimidade, dos nosos dereitos, ou o desexo de erradicar o SARS-Cov-2? Unha resposta vén dada polo anuncio do BOE de onte - 28-marzo de 2020-, onde o goberno do Estado ampara a creación dunha app encamiñada a controlar os movementos de poboación mediante xeolocalización. Por que de toda a poboación, preguntámonos?

Sen sermos expertos, pensamos que se trata de diagnosticar, de saber quen pode transmitir o virus e de saber que a persoa enferma mantén con rigor a corentena. Non obstante, quen garante que as persoas transmisoras ou en corentena son respectuosas e non frecuentan espazos públicos 'de primeira necesidade'? Eis o problema. Nunha sociedade moi individualista e onde a idea de ben común quedou sepultada debaixo da competitividade do capitalismo, non existe ningunha garantía: puidémolo ver cos desprazamentos masivos que se produciron desde Madrid cara a outras zonas en canto se anunciou que se decretaría o Estado de Alarma.

Polo tanto, ao noso entender o que cómpre é controlar a quen transmite o virus, non a toda a poboación. E, por outra banda, se unha persoa é transmisora sería absurdo que abondara con saber que se mantén na Comunidade Autónoma en que reside -como di o BOE de onte- cando do que se trata é de que non se mova da súa casa. Espallar por fóra non, pero por dentro si? Cando nen sequera, sen facer o imbécil, podo ir a visitar a un familiar? Curioso que sexa unha organización de extrema dereita, VOX, a que alerte sobre o uso desta aplicación. 

O que si procede, canda as medidas de seguemento das corentenas obrigadas, é aplicar todas as medidas socioeconómicas pertinentes para que dita corentena non sexa unha condea en vida polas graves consecuencias que ten nun sistema que navega no mar do capital.

Mentres, e até que non exista esa app [sendo como somos, imaxino que seguiríamos sendo esa democracia 'a la española' do franquismo, cunha app de control de movementos, Estado de Alarma e exército nas rúas], o exército e restantes forzas de seguridade do Estado ocúpanse de sancionar a quen se salte as excepcionalidades do estado de Alarma...e algo máis -abusos de poder, 150 mil sancións en 12 días!!- como di, moi ben, César Rendueles no seu artigo de hoxe en El País: 'La tormenta perfecta del autoritarismo'.

Por riba, volvendo a tempos da longa noite de pedra, a delación axexa detrás das fiestras e nas terrazas. O desexable sería o triunfo da ética e confiar plenamente en que as persoas son respectuosas do ben común. Viviríamos nunha democracia xusta, onde a xente entende, comprende e axuda, mais aló do conxuntural.

Compartimos con César Rendueles e Byung-Chul Han que estamos sementando un campo con minas no que poden estourar os dereitos humanos, que pode quedar un imaxinario ferido. Por exemplo, podería o medo a un contaxio ser invocado por poderes públicos cando se trate de desincentivar unha mobilización? Este medo pode moi ben ser aproveitado por eses que hoxe din estar en contra da app de xelocalización do goberno. 

Só o equilibrio entre acertos e desacertos por parte do goberno inclinará a futura balanza representativa, mais o que si podemos augurar é que se o diñeiro non se inxecta directamente nos petos da clase traballadora e se garante a súa supervivencia, o escenario social será moi explosivo.

Xabier Ron
Brión, 29 de marzo de 2020

mercredi 25 mars 2020

A EDUCACIÓN CONFINADA, O ENSINO A DISTANCIA

As persoas que len este blog xa van coñecendo os avatares do mesmo, os tempos de silencio e os tempos de expresión aldraxada. Desde que se decretou o peche dos centros educativos sabía moi ben que a miña labor de educador e docente, tal como as concibo, desde unha óptica crítica, eran imposibles. Como dou moito en reflexionalo todo, en crear no meu maxín os escenarios posibles de todo -defecto asperger- estiven escribindo na miña cabeza boa parte deste escrito, curiosamente o día en que tamén outra persoa á que coñezo e leo, Duarte Correa, escribe en Nós, un artigo que transita polo mesmo vieiro que aventuro hoxe aquí, "Coronavirus, teletraballo e educación" (25-III-2020).

Cando comezaba o presente curso fun até León a defender unha comunicación que aceptara o comité do 'I Congreso de Educación Crítica e Inclusiva'. A comunicación procuraba desenvolver unha das miñas prácticas educativas e docentes que fala da desaceleración como práctica educativa a través dun proxecto educativo ('Compartindo Haikus') que trata da creación poética en francés e da inclusión do alumnado [as actas foron editadas recentemente: Enrique Javier Díez Gutiérrez / Juan Ramón Rodríguez Fernández (dirs), Educación para el bien común. Hacia una práctica crítica, inclusiva y comprometida socialmente, Barcelona, Octaedro, pp. 273-285)]. Como tratei alí algún dos aspectos dos que hoxe vou falar permitireime citar algunha das pasaxes.

Sen pretendermos ter razón, pero defendéndoa coa coherencia entre tese e praxe, consideramos que a nosa tarefa é educadora e docente, isto é, temos que 'conducir fóra dos' marcos que dominan, condicionan e modelan a alumnos e alumnas. Esa é, ao noso entender, como dicíamos no congreso de Léon -e temos incidido neste blog noutras ocasións- a función primeira nosa: "conducir fuera de los marcos que condicionan (y modelan) al alumnado, a TODO el alumnado...emancipándolo, concediéndole las herramientas para construir su pensamiento crítico y crear su proyecto de ciudadanía en un mundo hegemonizado hoy por el imaginario del capitalismo neoliberal" (p. 279).

Pois ben, isto explica porque dicimos que a educación está confinada, mentres que o ensino se pretende transmitir -de forma errada, porque, no fondo, non podemos disocialo da educación- a distancia mediante o emprego das pantallas e de procedementos dixitais.

A separación dos educadores e docentes dos e das discentes conduce inevitablemente ao fracaso da función que ten a educación, xa que confinados, non se remove o marco condicionador, todo o contrario. Non hai emancipación posible.

Ese marco condicionador ten condicións de clase, socioeconómicas, culturais, etc. e só na aula, onde acollemos a diversidade existente, en contacto, en presenza de todas as variables existenciais da nosa sociedade (por cuestións de diversidade funcional, de etnia, etc...) é onde a tarefa educadora e unha pedagoxía crítica tentan a utopía de 'igualar' a alumnos e alumnas. Por iso, a escola é unha illa que quere / que debe incluír a todo o alumnado, igualando e abrindo os horizontes de expectativas de cada unha das alumnas e dos alumnos.

No concreso de León definíamos os obxectivos educativos xerais que perseguíamos como educador e docente da seguinte maneira:

"OBJETIVOS EDUCATIVOS GENERALES
Desde nuestro pequeño espacio educativo podemos y debemos resistir y luchar:
1. Para que esa pedagogía pública que encumbra al sujeto empresarial no sea la que modele el imaginario que debe proyectar la escuela.
2. Para no perder la solidaridad como valor que une a personas de distinta procedencia y naturaleza.
3. Contra la exclusión y la desigualdad.
4. Contra los estigmas, prejuicios y la aporofobia educativa.
5. Contra la destrucción del pensamiento crítico y la imposición de la amnesia narcotizante del pensamiento único (neoliberal).
6. Para que los problemas sociales no sean reducidos a un mero problema individual, del que se culpa a las propias personas.
7. Para que, a pesar de todo y de nosotros mismos, triunfe una praxis de la emancipación, que implica desmontar la pretendida unicidad del ‘sentido común’ e incorporar la pluralidad, en donde, al lado de lo bello está lo feo, al lado de lo pulido está lo rugoso, al lado de lo positivo está lo negativo, pues todo está impregnado de conflicto, que se resuelve con la metodología de la dialéctica pues, lo disciplinario no resuelve el problema educativo, solo lo camufla, lo distancia...
8. Para que la voz de los y las docentes se hagan escuchar en defensa de la res publica, de lo común, de lo público y sus valores, denunciando su privatización y mercantilización" (p. 276).

Pois ben, coa práctica do ensino a distancia -unha ferramenta que beneficia, non o esquezamos, ao gran capital a través das empresas de comunicación dixital masiva- é imposible 'igualar', vulnéranse os desexos de 'igualdade distributiva de oportunidades' (François Dubet) da educación pública e fai imposible a xustiza distributiva (Echeita Sarrionandia) ou a correctora (Connac).

O capitalismo neoliberal vive das desigualdades de clase, como explican moi ben Marx, ou Piketty na actualidade, conduce a unha disociación real da función que debe ter unha educación pública en democracia (véxanse Giroux 2018; Laval / Dardot 2017; Torres Santomé 2017). 
Polo tanto, nun contexto de desigualdades, que é o que impregna o marco condicionador ao que nos referíamos antes, os fogares do alumnado están marcados, inevitablemente, por esas desigualdades. O ensino a distancia pretende esquecer iso, e o que fai é, polo contrario, exacerbar as desigualdades. Non podemos 'igualar' a través dun pdf con actividades instalado nunha plataforma dixital -chámeselle como se lle chame- e mesmo, como existe unha especie de defecto de autoestima no corpo docente por mor dos ataques padecidos nestes últimos anos, hai docentes que sobresaturan de exercicios e actividades. Ignoran a potencialidade que posúe o marco condicionador á hora de que o alumnado se enfronte ás tarefas encargadas.E se un pdf non o pode facer, moito menos un recurso audiovisual porque non estará mediado pola pedagoxía. Comunicar e informar non son sinónimos de educar e ensinar. 

Hainos que viviron nunha burbulla, a da dixitalización da vida, e penalizaron -por anticuados e 'demodés'- a quen nunca caímos nas súas gadoupas. Un medio de información nunca poderá ser un fin educativo. Sobre as consecuencias de vivir nesa burbulla recomendamos a lectura de calquera dos libros do filósofo Byung-Chul Han (un autor ao que levamos anos divulgando neste blog e en medios coma o Diario de Ferrol e outros), mais, desde logo, o que cómpre ter en conta que non foi só por mor dos apóstoles do gran capital, os líquidos posmodernistas tamén contribuíron nesa falacia da pantalla dixital como salvadora. Para nada. E despois, cando se reanude a vida, veremos a voracidade coa que seguirá engulíndonos un e outro, porque o dixital non deixa de ser o cabalo de Troia que usa o gran capital para colonizar o modo de vida das persoas. [O próximo escrito que elaboraremos terá que ver co Crédito de Control Social chinés e o futuro que nos queda].

Referencias bibliográficas:
  • Connac, S. (2017). Enseigner sans exclure. La pédagogie du colibri. Paris: ESF Sciences Humaines.
  • Giroux, H.A. (2018). La guerra del neoliberalismo contra la educación superior. Barcelona: Herder.
  • Laval, Ch., Dardot, P. (2017). La pesadilla que nunca acaba. El neoliberalismo contra la democracia. Barcelona: Gedisa.
  • Torres Santomé, J. (2017). Políticas educativas y construcción de personalidades neoliberalistas y neocolonialistas. Madrid: Morata.

dimanche 22 mars 2020

O ACTO QUE PRENDE MAÑÁ

Cos ollos entre as mans
conxugando o esfarelar
da ialma
coa entrega e coa perda

e respirar


f
o
n
d
o


até esa lagoa do esquecimento


e expirar
a auga negra dos tormentos


e imaxinar
un sorriso sincero
entre dous rostros
e un bico
xogo do amor puro
aínda que só sexa
efímero paso


si       sorrir
e refregar de novo os ollos
sorber un grolo
de aromas en café
e rematar a lectura
dun xornal
que queima
            violento
que mente
             perverso
que xoga
             a ser Deus
                  ou Demo


si       sorrir
e vivamos conscientes
de que somos só
o acto que prende mañá

Xabier Ron, 31-agosto-2019


vendredi 20 mars 2020

MARTIN DE PADROZELOS NON É O PRIMEIRO TROBADOR DA NOSA LÍRICA MEDIEVAL

Captatio benevolentiae
Hai días en que un se pode alterar por calquera cousa, certo. Máis, se cabe, cando vivimos separados da familia, das amizades e da natureza e podemos comprobar a natureza inconsciente -por ser suave- dalgunhas persoas durante este confinamento forzoso. Por iso, quizais, cando unha amizade me mandou a través de telegram o que parecía un documental sobre a nosa lírica medieval sentinme, de primeiras, contento. Mais, en canto comecei a escoitar o que se dicía sobre Martin de Padrozelos, anoxeime e, en canto avanzaba no seu visionado, o anoxo multiplicábase, tanto ía contra os piares das evidencias científicas ao erguer a condición de ciencia o que son simples desexos e teimas un tanto oportunistas. En efecto, digo oportunistas porque o produto faise coa achega de diñeiro público do programa dedicado a publicitar o Xacobeo 2021. Tentarei explicalo con moderación, rexistrando as incongruencias científicas e deixando de lado as fermosas evocacións paisaxísticas do documental. 

Os inicios da nosa lírica
A lírica medieval galega e portuguesa ten unhas datas imprecisas de inicio, mais despois dos minuciosos e científicos estudos de José Antonio Souto Cabo (2012), de Antonio Resende de Oliveira (1994), Henrique Monteagudo (2009) ou mesmo de quen escribe (2003, 2015), coñecedores da documentación e das datacións dos trobadores da nosa lírica, podemos establecer -coa lóxica prevención en estudos asentados en documentación medieval- uns inicios a partir da década de 1175, se atendemos á produción conservada nos nosos cancioneiros. E se consideramos os autores que figuran na Tavola Colocciana e dos que non se nos conservou a produción por accidentes (mutilacións) nos cancioneiros, na década de 1165, con certa probabilidade a través da figura de Johan Velaz, peza chave como describe Souto Cabo (2012: 17-21, 31-41).

Johan Velaz era fillo de Vela Goterrez e Sancha Ponce de Cabrera e, en consecuencia, descendía por liña paterna dunha Trava, Toda Perez, que casou con Guterre Vermudez, pai do posible trobador. Johan Velaz tivo cando menos 5 irmáns e 1 irmá, tal como recolle a documentación. Dos datos despréndese que debeu nacer ao redor da década de 1145-1155 e que morreu entre o 5 de xullo e o 7 de decembro de 1181. A reconstrución prosopográfica e xenealóxica permite relacionalo con varios dos trobadores dos inicios: Osoir'Eanes, Roi Diaz dos Cameiros, Pero Rodriguez da Palmeira, Garcia Mendiz d'Eixo, Johan Soarez Somesso, Fernan Paez de Talamancos. Polo tanto, se naceu en 1145, ao redor de 1160 xa podia estar en idade de crear ou 1170, se collemos a data de 1155 como nacemento.

En todo caso, unindo a produción conservada e a perdida, podemos establecer o eixo 1165-1175 como momento inicial da nosa lírica, algo que vén corroborar o que establecéramos nun traballo do ano 2003 e que se asentaba nun máis antigo do ano 1998.
  
Estes datos non se dan á lixeira, responden a un duro traballo de pesquisa documental, de análise e reflexión para poder reconstruír as prosopografías e as árbores xenealóxicas. Sempre existirán, loxicamente, novas posibilidades, pero derivadas do que nos ofrezan novos achados ou novas lecturas do xa existente que reparen en eivas realizadas.

Por iso, non se pode dicir, de forma taxativa, para maior gloria dun produto audiovisual -supoñendo que así se divulgará máis pola sorpresa que representaría- que Martin de Padrozelos é o primeiro trobador da nosa lírica. 

 Iso é o que acontece co documental de menos de media hora que coñecín divulgado a través da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), que ten por nome Trobador no camiño: andares pola lírica de Martín de Padrozelos (https://www.youtube.com/watch?v=nm3bwdWrQ4Q). O documental, xunto cunha recreación musical das cantigas de Martin de Padrozelos a cargo do grupo musical A Quenlla, forma parte do proxecto que dita APECSA leva a cabo cunha axuda da Xunta de Galicia a través do programa 'O teu xacobeo'. 

 
A interpretación musical das cantigas: controversia entre ciencia, divulgación e recreación libre
Nada temos con que se musiquen con criterio divulgativo as cantigas de calquera trobador e, neste caso, as de Martin de Padrozelos. Cómpre lembrar, iso si, que estas cantigas non contan con notación musical nos cancioneiros e que o seu rexistro é obrigadamente o da monodia e que non se anotaba o acompañamento instrumental.

Existen entre os investigadores aínda moitas discordancias musicolóxicas e filolóxicas sobre a execución musical das cantigas e como interviñan nela os instrumentos. Por iso, a interpretación actual dun repertorio medieval coma o das nosas cantigas debe ser algo moi ben explicado para sabermos se o que se ofrece é un intento máis ou menos arqueolóxico de recuperación do noso patrimonio musical ou se, pola contra é unha divulgación asentada na recreación libre dos nosos textos medievais ou mesmo unha deliberada e arriscada experimentación. Só cómpre dicilo, informar e non pretender nada que non sexa o que se vai ofrecer. Por iso, cando Martinho Santalha ou Dulce Fdez Graña, dúas das voces expertas que falan, din que o de Padriozelos era 'poesía cantada' (35ss, Martinho Santalha) non din nada, xa que non se sabe realmente como se cantaban. Entón, que se nos ofrece musicalmente das cantigas de Martin de Padrozelos? Unha interpretación arqueolóxica? Unha recreación libre?

Non se afirma no documental, mais partamos da seguinte afirmación do filólogo-musicólogo Antòni Rossell (2013: 353): "No olvidemos que cualquier interpretación del repertorio monódico medieval con pretensiones arqueológicas es pura hipótesis, y expresiones como “música medieval revidiva” son pura entelequia".

No documental, non obstante, Yaiza Seijo, unha das músicas que participa no proxecto chega a dicir que o seu traballo musicolóxico é fermoso porque consiste en "recuperar as orixes da música galega" (17m). Esta afirmación fálanos de arqueoloxía e é ousada de máis, sobre todo cando ela mesma di que o seu labor consistiu en arranxar violonchelo e coros.

Que hai gusto e estética na interpretación que realiza a Quenlla, iso é indubidable, mesmo diremos que hai ideoloxía. Como lembra Rossell (Ibid.: 353): "Mientras algunas de las interpretacions/grabaciones comercializadas responden a la intuición de los intérpretes, otras están respaldadas por minuciosos estudios musicológicos y filológicos y llevan detrás largas investigaciones y a ninguna de ellas les podremos negar un valor estético".

Desde logo, hai unha discordancia entre o que se ofrece e o que se pretende. Consultada unha compañeira musicóloga, Estrela Gómez, sobre a natureza da interpretación do repertorio de Padrozelos, deseguida xorde que a interpretación é tonal, cunha organización acórdica e que no plano rítimico non se acolle aos modos nin ao ritmo prosódico. Resulta evidente que é unha recreación libre de textos medievais e que non pode pretender ter ningunha intención historicista desde o punto de vista musical. Aparecen varios instrumentos ao mesmo tempo -imaxinade ao bo de Martin de Pradozelos a cabalo e levando todos os instrumentos- e de forma frecuente varias voces. No fondo, trátase dunha estética romántica ancorada no suposto tradicionalismo das cantigas de amigo que nos levaría nunha liña do tempo artificiosa de forma directa a Rosalía de Castro e ao noso cancioneiro popular actual. Unha liña que esquece que o repertorio monódico medieval era litúrxico e aristócrata. E que a austeridade na interpretación debe ser a norma e non unha excepción.

Poderíamos concluír con Rossell que "aún hoy continuamos debatiéndonos entre lo que nos gusta y lo que la investigación musicológica y filológica nos indica para una interpretación lo más próxima posible a la música medieval". No entanto, cómpre coherencia e mesura para non dicir que esta musicalización significa recuperar as orixes da nosa música medieval ou que a música 'recuperada' conduce á nosa identidade (27m).


 
O desexo como ciencia
Danse afirmacións que son abraiantes e que repousan nun mero desexo ou, no caso de Xulio Pardo de Neyra, nunha teima, pois así podemos definir a evolución que se deu entre a publicación de seu libro en 2005, onde un interrogante acompañaba o título da obra (Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa?) e a declaración coa que abre o documental: "Martin é o primeiro trobador da lírica galega"(Julio Pardo de Neyra, 57''). Teima que se converte xa en obsesión evidente na reelaboración en forma de artigo da súa teoría no ano 2015.

Que hai da súa colocación nos cancioneiros? Como entrou na nosa tradición manuscrita? Podemos falar de cronoloxía sen ter en conta estes datos codicolóxicos? Sen considerar a documentación medieval? Apoiándonos só na existencia dunha inscrición nun bordo de madeira nunha casa , si centenaria, pero que probablemente non sexa de finais do século XI-inicios do XII como queren os autores do documental?

Apoiándose nun Martinus Petri presente na documentación de Samos durante a segunda metade do século XI, nado ao redor de 1075 e aínda vivo en 1149, fillo dun Pero Peláez, posuidor de bens en Lóuzara e do que, Pardo de Neyra (2005: 115), con absoluta forza taxativa afirma: "calquera pregunta que nos fagamos ao respecto apunta a que se trata do poeta aludido, quen por iso queda convertido en trobador". Semella un dogma de fe, xa que non se poden levar os inicios da nosa lírica sen probas a finais do século XI. No documental di  que sería "un nobre, un fidalgo, non un cabaleiro especialmente ben posicionado na sociedade daquel momento [...] senón un nobre achegado [..] ao mosteiro de Samos" (Pardo de Neyra, 3m20s). De novo, son meras especulacións. Despois, o relato deixa caer preguntas -que só a ciencia documentalista podería responder- sobre a posibilidade de que Martin de Padrozelos fose monxe no mosteiro, lugar en que mesmo podería ter vivido (18m). Sen dúbida, na formulación destas preguntas pesou o artigo que o propio Pardo de Neyra publicou no 2015, onde introduce como novidade ao que xa recollera na obra de 2005, o feito de que "Quizás hubiese sido monje y, tras exclaustrarse, decidiese vivir y cultivar sus bienes de Praducelo, hipótesis que muy bien se adaptan a los datos ofrecidos en su única cantiga de amor, por la que, además, constata la temprana asunción de los moldes provenzales por parte de las esferas intelectuales de Galiza".

Estas afirmacións de Pardo de Neyra son perigosas, xa que divulga o que é un desexo/teima/obsesión como evidencia científica cando non existe ningunha base minimamente científica que permita mantela.

As voces femininas que interveñen como expertas, como Dulce Fernández Graña, usan o estereotipo para definir a textualidade das cantigas de Martin de Padrozelos, e eloxiando, quizais en exceso, o que é retórica e uso axeitado de motivos poeticos propios da cantiga de amigo e de santuario. Entendemos todo isto dentro do mecanismo de gap que manifesta o documental, xa que se escoitan moitos lugares comúns anacrónicos sobre a muller cantada nas cantigas de amigo ('sensibilidade feminina'?).

Outros dos estereotipos éo o de considerar que os xograres eran simples executantes das composicións dos trobadores (Dulce Fdz-Graña, 15m). Mais poderiamos sinalar outras delicadezas (sic) como dicir que a consolidación da nosa lírica provén do tradicionalismo das cantigas de santuario. Unha mostra máis que vincula unha certa deriva romántica asentada nos atributos que conformarían a identidade galega.

 
Samos e o Camiño de Santiago
Resulta evidente que existe un gran desexo de vincular -e xustificar?- o proxecto coa promoción do Camiño de Santiago. Mais, para iso, non era preciso alterar os avances que se produciron en investigación da nosa lírica medieval. Ninguén con criterio pode ignorar que o Camiño de Santiago artella como nó de comunicación esa zona, entrando polo Cebreiro, e baixando por Triacastela e Samos. Ou que nesa zona conservamos un dos xacementos arqueolóxico máis importantes de Galicia, a Cova de Eirós, e que require de especial protección (tal como solicitamos nós no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016). A fermosura das imaxes é evidente. Iso non está en discusión aquí, senón as pretensións que adquire o envoltorio coa recreación da vida e música de Martin de Padrozelos.

Insistimos en que un desexo ou teima non substitúe -ou non debe facelo- a evidencia asentada en datos científicos de tipo documental ou codicolóxico. Desexo érao o de Uxío Novoneyra, que xa relacionara nun artigo en El Progreso (10-10-1954) a Martin de Padrozelos con esa casa centenaria e con San Xoan de Lóuzara, alentado en que nunha aldea de Lóuzara se celebraba a San Salvador, o santo aludido nas cantigas de santuario de Padrozelos. Mais iso pode ser tanto certo...como non. O que non dixo, porque non se podía dicir era que o de Padrozelos era o primeiro trobador.

Recompilemos o que sabemos de maneira máis científica

Que di a súa colocación nos cancioneiros?
Segundo os estudos de Resende de Oliveira, Martin de Padrozelos foi inserido na nosa tradición manuscrita en tanto que parte integrante dun probable Cancioneiro de Xograres Galegos (CXG). Todos os autores deste CXG, previsiblemente, desenvolveron a súa actividade poética e musical grosso modo entre 1240 e 1290.

Que di a toponimia presente en dúas das súas cantigas?
Hai anos (en 1996) en LPGP rexistramos sobre a posibilidade de que fose natural da parroquia lucense de San Xoán de Lóuzara, onde existe un Padrucelo e a famosa casa centenaria chamada Martin á que se refería Uxío Novoneyra en 1954, mais, como este mesmo manifestara non existe o topónimo Valongo, que debería dar nome á parroquia que se situaría baixo a advocación de San Salvador. 

No documental, no entanto, maniféstase claramente que Valongo sería un monte da zona...raro que o poeta do Courel non o coñecese. Pardo de Neyra insiste en que debe identificarse co regato de Valelongo que daría nome a unha localidade homónima no Cebreiro. Esta hipótese non nos semella acaída, xa que, por norma, os santuarios invocados exercen de polo de atracción do espazo en que se situan e pouco sentido tería separar o santo invocado (San Salvador) do territorio (Valongo). Todo apela a que cómpre situar o santo advocado nunha igrexa parroquial.

Anos despois, Oliveira (2001) quédase coa existencia, na contorna do mosteiro de Montederramo, dos topónimos Padrozelos e Valongo, “sinalizando, talvez, a região onde nasceu”. No traballo que presentamos no ano 2019 na homenaxe a Antón Fraguas analizamos esta afirmación e concluimos que non existe o topónimo Valongo no concello de Montederramo, mais nada impide que o autor sexa orixinario dunha localidade e que, por circunstancias que se nos escapan, estivese vinculado a outra zona, como por exemplo San Martiño de Valongo no concello ourensán de Cortegada.

En datas máis recentes, Souto Cabo (2018) pensa que o topónimo que designa a orixe do autor é o actual Peroselo, aldea de San Miguel de Augasantas no concello pontevedrés de Cotobade, preto do lugar de Martin e a 400 metros do lugar de Santo André de Valongo, no mesmo concello.

Que evidencias documentais posuímos?
De forma fidedigna quizais ningunha. A única que podemos achegar, froito dos nosos traballos na documentación medieval (Ron Fernández, 2019: 333, n. 22), é a dun Martin Perez Pradoçellos, rexistrado en 1281 no mosteiro de Montederramo en tanto que beneficiado no testamento de dona Maria Meendez e que analizamos con fondura nun traballo exhaustivo que estamos realizando sobre a documentación de Montederramo e as parentelas aristocráticas (Montederramo I, doc. 413, 1281-setembro-04. Torbeo), dato que non descoñece Pardo de Neyra, mais que desbota para manter a súa hipótese "impossível e inverosímil” como di Souto Cabo (2018).

Conclusión
Como se pode ver, estamos lonxe de poder afirmar cal é o concreto lugar de orixe de Martin de Padrozelos, pero o que si somos quen de aseverar é que non é un autor de finais do século XI e inicios do XII. Cómpre que insistamos, nun traballo xa vello (2003), nós recuabamos a data de inicio da nosa lírica cara a 1175, apoiándonos en evidencias tanto documentais como codicolóxicas. Moi probablemente, o primeiro dos nosos trobadores pode ser, como quere Souto Cabo, Johan Velaz, vinculado aos Trava, parentela na que repousan os inicios e a consolidación da lírica medieval.

En definitiva, Martin de Padrozelos non é o primeiro trobador da lírica medieval galega e portuguesa.


Bibliografía
  • Montederramo = Lorenzo, Ramón / Pérez, M (2016), Colección Documental do Mosteiro de Montederramo. Sécs. XII-XVI, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 3 vols [vol. I]
  • Monteagudo, Henrique (2009), Letras primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lirica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito, A Coruña: Pedro Barrié de la Maza.
  • Oliveira, António Resende de (1994), Depois do espectáculo trovadoresco, Lisboa: Colibri.
  • Oliveira, António Resende de (2001), O trovador galego-português, Lisboa: Notícias.
  • Pardo de Neyra, Xulio (2005), Martín de Padrozelos, o primeiro trobador galego-portugués?, Noia: Toxosoutos.
  • Pardo de Neyra, Xulio (2015), "Literatura y proceso identitario: Martín de Padrozelos y los inicios de la Literatura Gallega. Proyecto didáctico y perspectiva filológica", URL:http://oceanide.netne.net/articulos/art7-5.php. Oceánide número 7, ISSN 1989-6328.
  • Ron Fernández, Xabier (2003), "Coordenadas históricas: tempo e espacio", in A lingua das cantigas. Congreso da Lingua Medieval Galego-portuguesa na rede, World Wide Web, http://www.vieiros.com/galego.org/lingua-dascantigas/relatorios/ron.html.
  • Ron Fernández, Xabier (2015), A fenomenoloxía do don na lírica románica das primeiras xeracións, tese de doutoramento inédita, Facultade de Filoloxía, USC.
  • Ron Fernández, Xabier (2019), "Reflexións críticas sobre o espazo nas cantigas de santuario da lírica medieval galega e portuguesa", Antonio Fragas: laboris causa. Trigo limpo candeal, edición ao coidado de Luís Cochón e Justo Beramendi, Cadernos Ramón Piñeiro, XXXIX, pp. 325-351.
  • Rossell, Antoni: review of: Vox Suavis, La voz del olvido. Música de tradición oral española - Cantigas de amigo, [France]: Harmonia Mundi, 2012, in: Medievalia. Revista d'Estudis Medievals, 16 (2013), p. 353-358, http://recensio.net/r/04ebbaf914e6471fac451a0d5ab31fe5
  • Souto Cabo, José António (2012), Os cavaleiros que fizeram as cantigas. Aproximação às origens socioculturais da lírica galego-portuguesa, Niteròi: Editora da Universidade Federal Fluminense.
  • Souto Cabo, José António (2018), "Martim Codax e o fenómeno jogralesco na Galiza sul-ocidental", in The Vindel Parchment and Martin Codax. The Golden Age of Medieval Galician Poetry, edited by Alexandre Rodríguez Guerra and Xosé Bieito Arias Freixedo, John Benjamins Publishing Company.


dimanche 13 octobre 2019

SEN POSIBILIDADE DE ACCEDER A UNHA VIVENDA DIGNA

Outra columna máis...que nace ao albur das lecturas dominicais. Desta volta, sobre o alugueiro e o acceso a unha vivenda digna. Un dereito que estoura debido a diversos motivos que veremos de seguida.

Os titulares de LVG, dentro da súa edición local de Compostela, son evidentes: "Solo hay pisos para alojar a 320 personas"; "Las pocas viviendas que hay para alquilar son indecentes y carísimas".

Non será porque non o advertimos xa hai algún tempo neste mesmo blog: o acceso á vivenda está envolto nunha burbulla que terá gravísimas consecuencias sociais. Agora, como vemos nos titulares, os propios medios recollen testemuñas que deberan anoxar aos poderes públicos. 

O defensor do público debera ser un contrapeso fronte ás dinámicas salvaxes da selva do mercado capitalista. Mais, por desgraza para os nosos dereitos, actúa coma un mero xestor dos intereses mercantís e 'deixa facer', emulando o dito de Vincent de Gournay, pronunciado no século XVIII, "laissez faire, laissez passer". 

Compostela está a piques de chegar a un punto de non retorno e ser definida 'inhabitable' para futuras xeracións. Hoxe, as dinámicas do capital e o 'deixa facer' expulsan cara ás localidades veciñas a duciais e ducias de persoas, tal como acontecera nos inicios de século XXI, até que rebentaron as costuras da burbulla inmobiliaria nos anos 2007-2008. 

Este 'deixa facer' ten / terá gravísimas consecuencias de tipo social e convivencial se o servidor do ben público non decide atrancar o paso ao dito de Vincent de Gournay e poñer en marcha outro tipo de políticas. Mais o servidor público debe abandonar a covardía e garantir os dereitos da cidadanía, consagrados no texto constitucional, e defender e afortalar os servizos públicos. 

Mais...non se preocupen...seguiremos sen dúbida a peor. Non o dubiden as persoas lectoras. Vexamos con brevidade, quizais panóptica, O QUE HAI e, sobre todo, O QUE NON HAI. 

1) NON HAI...ética individual e colectiva. Desaparecida, podemos dicir que está en búsqueda e captura. HAI cobiza e especulación co valor de uso que debe caracterizar a vivenda. HAI un desaforado desexo de gañar sempre máis diñeiro, aínda que sexa tendo vivendas en miserable estado de habitabilidade. 

2) NON HAI...unha oferta de alugueiro para responder ás necesidades sociais. NO FONDO...segue a sacrosanta idealización do SER PROPIETARIO, por iso, nada se fai co alugueiro. NON HAI parque público de vivendas en réxime de alugueiro social...HAI un enorme parque de vivendas baleiro (circa 9000 en Compostela). HAI unha oferta ilegal e legal (desmesurada) de pisos para turismo de masas tanto de forma individual como a través de palataformas como AIRBNB [Todo...un cancro para o dereito constitucional a unha vivenda digna]. En Alemaña, cidades recuperan de fondos de investimento os centos de vivendas que compraron a prezo de ganga...triste dar diñeiro aos canallas, desde logo, pero veremos se non é, debido á inoperancia dos nosos gobernantes, o único sendeiro...

3) NON HAI ningún tipo de control sobre esa oferta de pisos turísticos. O 'deixa facer' é a única estratexia do xestor público dos intereses privados. A este respecto, recomendamos a lectura do libro de Ian Brossat, La ciudad uberizada (Katakrak, Iruñea-Pamplona, 2019) e como, desde o seu rol de tenente alcalde de París e da súa responsabilidade de 'Vivenda, Emerxencia habitacional, e Vivenda Sostible', desde o 2014, se desvive para frear o monstro AIRBNB e todas as prácticas de presión que desenvolve a plataforma rentista (en nada colaborativa)...que, por riba, declara millonarios beneficios (en Francia, no 2016 declarou só 330 880 euros cando presumía de ter 10 millóns de franceses como usuarios) que non repercuten na caixa común da facenda pública para seren redistribuídos.

Conclusións apresuradas: 

1) O futuro goberno...se quere pasar á historia futura como goberno de esquerdas, ten que, unido a unha acción de servizo público das administracións nacionais, provinciais e locais:

a) Traballar para solucionar o problema de acceso a unha vivenda digna e garantir o dereito constitucional que nos asiste.
a.1) Crear un parque público de vivendas en réxime de alugueiro social.
a.2) Aproveitar a forza da lei para que as vivendas baleiras se incorporen a ese parque público.
a.3) Dispoñer de ferramentas normativas que impidan o lucro e a especulación e poñer límites ás plataformas como AIRBNB e ás propias asociacións de pisos turísticos que nacen ao abeiro do 'cheiro a diñeiro fresco' que trae o turismo de masas.
a.4)  Ao mesmo tempo, hai que meterlle o dente ao mercado do traballo e derrogar a reforma laboral para recuperarmos dignidade en contratos, condicións, dereitos e salarios.
a.5) Garantir un sistema de pensións público digno.

Corolario
Sen ética é imposible a vida pública. Precisamos unha ética solidaria con todas as persoas sexan de onde sexan. Necesitamos unha xustiza redistributiva e equidade social sen exclusións. 

Verémolo...despois do 10 N????


mercredi 9 octobre 2019

NOVO BLOG 'COMPARTINDO HAIKUS'

Só para aqueles e aquelas que se achegan a este blog con ollada de docente...como a comunicación que presentei en León no I Congreso Internacional 'Educación Crítica e Inclusiva' tivo unha moi boa acollida, decidín crear un blog dedicado en exclusiva ao proxecto educativo que levo a cabo no IESP de AMES...sen ningunha outra motivación que ensinar e aprender. O blog chámase 'Compartindo haikus' e pode accederse a el pinchando no propio espazo do blog que (teño que actualizar) do IESP de AMES.

dimanche 6 octobre 2019

A INTELIXENCIA DEFÍNENOS A TODAS AS PERSOAS...SEN EXCLUSIÓNS DE NINGÚN TIPO

A orixe destas palabras nace na lectura do artigo xornalístico, “La maldición de la inteligencia, cuando ser listo se vuelve en tu contra”, publicado en La Voz de Galicia de hoxe, domingo 6 de outubro de 2019, asinado por Andrea Presedo. O tratamento será crítico e explicativo, contrastando as supostas realidades que trata o artigo coa nosa experiencia como docente, que xa entra na súa terceira década.

1º) Non é para nada acertado mesturar o que é propio da intelixencia co que é natural de ser listo. O titular do artigo contén unha falacia por simplificación. Unha simple consulta no diccionario da RAE xa nos informa que non son sinónimas e que, como moito, e non en todos os casos, ‘ser listo’ podería ser unha das demostracións prácticas da intelixencia.

2º) A intelixencia non é algo que determine só a algunhas persoas...A intelixencia defínenos a todos os seres humanos. É consubstancial...sen ningún tipo de exclusións ou segregacións, a pesar da diversidade da súa manifestación. Calquera das 5 primeiras acepcións da RAE manifesta esa natureza humana, diversa na súa execución e aplicación.

3º) Hai unha deliberada ‘sobre-interpretación’ ao redor das etiquetaxes da diferenza. Unha práctica que hoxe conleva unha abusiva medicalización e conduce a un (indebido) tratamento educativo non igualador. De feito, se non se iguala...cáese no risco de segregación interna dentro da aula. Cómpre non perder de vista o real –a diversidade é consubstancial a todo grupo humano- e tender ao necesario: unha educación igualadora, que reduza as desigualdades de partida.

4º) Fanse afirmacións estatísticas sen base científica, ou cando menos o 40% de suposto acoso escolar cara ao alumnado con ‘superdotación’ non está demostrado mais que no recurso ao concepto da autoridade. Non se pode contrastar, ergo, pode ser falso ou errado.

5 º) Hoxe en día cométese o terrible erro de pensar que todo grupo de alumnos e alumnas é homoxéneo e, baixo esa perspectiva, establécese unha especie de comportamento e actitude de ‘normalidade’, onde se marca unha determinada imaxe de sociabilidade que está moi lonxe de ser ‘común’. Así, claro está, esténdese a figura do ‘raro’, do ‘friki’, do ‘asocial’, do ‘solitario’, etc. Ante isto, loxicamente, non produce abraio que os supostos síntomas de acoso dun neno ou nena superdotada coincidan coa definición dun neno ou nena con asperger ou outro trastorno.

6º) Sempre temos a tendencia de practicar a epojé, a dúbida metodolóxica, e neste caso, dubidamos dos supostos éxitos da autora do libro ‘La maldición de la inteligencia’...(Pregunta maliciosa: cantos comprarán o libro despois de ler este artigo de LVG??).

7º) Que significa ser intelixente? Como é posible que esa suposta ‘superdotación’ –en España eufemizada ou tratada como ‘altas capacidades’...que lembra moito a iso de ‘altas prestacións’- sexa diferente entre países? É realmente mensurable nun número a intelixencia?

8º) Non todas as persoas sentimos da mesma forma, nin actuamos ante unha mesma situación de xeito idéntico. Un alumno ou alumna chega á aula cunha maleta de influencias, de desexos, de intereses, de motivacións que obedecen a circunstancias moi diversas. O persoal docente ten que actuar dunha maneira dobre: a) abrindo a maleta, ollar a súa composición para entender ao alumnado; b) pechala e deixala na entrada da aula para ‘conducir fóra dese marco’ ao alumnado, i.e. educar desde un punto de vista etimolóxico.

9º) O acoso escolar non é acoso escolar en función da diferenza, de se un é superdotado, homosexual, lesbiana, asperger, cego, xordo, etc...Non, porque iso suporía un terrible e perigoso reducionismo que, por riba, sería segregador. O acoso escolar pode afectar a todo o alumnado –teña ou non algún tipo de diversidade funcional- e é tarefa do equipo docente prever esas situacións e correxilas no caso de se produciren. O acosador ou acosadora opera desde un gran problema educacional e un complexo de inferioridade e verte a súa xenreira sobre o alumno ou alumna que considera máis feble ou do que coñece a súa febleza (que non ten por que corresponderse cunha diversidade funcional: ser tímido, ou desexar pensar e ler en soidade non son discapacidades, desde logo).

A nosa experiencia como docente, que se alimenta, ademais, da experiencia como alumno –sendo etiquetado como ‘diamante en bruto’, algo absurdo, tanto coma os números actuais de coeficiente intelectual- levounos a coñecer multitude de alumnos e alumnas que sobresaían polos seus excelentes resultados académicos aos que lles engadían, ademais, accións relevantes en materia de deporte, de creación literarias ou musical, de manifestación dunha especial empatía e solidariedade, etc. É iso ser intelixente? Pode ser, pero hai múltiples variables e non todas as persoas teñen que facer un ‘pleno al quince’ en todo...por iso, intelixentes sómolo todas as persoas. A verdadeira complexidade está en sacarlle partido en todos os eidos da vida tanto individual como social. Iso implica, necesariamente, educar tamén nas zonas escuras da vida, na existencia das dificultades, na proliferación do negativo, do rugoso e do áspero cando vivimos en sociedade, pero que temos que ‘convivir’...e, para iso, cómpre respectar ao outro, tal como é.

Cómpre educar tamén na frustración, i.e., non desenvolver unha educación asentada na mentira, senón na verdade dos tempos que corren, que non son os mellores para as persoas....sexan estas superdotadas ou non!!! A perfección debe ser só unha aspiración ética de mellora, nunca un fin dogmático ao que se chega competindo.

PD. Se un fai unha procura na rede sobre o alcance do concepto 'intelixencia' e solicita unha imaxe verá, con tristura,  como existe un terrible predominio do que se denomina 'intelixencia artificial'....Isto nunca debe facernos 'descreer' da consubstancialidade humana da intelixencia...(a capacidade de razonar, de coñecer, comprender e argumentar...)