Introdución
A
elaboración deste artigo naceu durante estas dúas primeiras semanas
de confinamento ao ler as consideracións de diversos pensadores
sobre a natureza implosiva e explosiva do coronavirus con respecto ao
noso de modo de vida, ás contradicións do hexemónimo capitalismo
neoliberal e ás receitas ideadas polos poderes para
erradicar/controlar o virus SARS-CoV-2, causante da enfermidade do
COVID-19.
Á
luz das xa coñecidas reflexións de Byung-Chul Han -un dos filósofos
que mellor debullou o significado do noso modo de vida- sobre o mundo
que podemos agardar despois da pandemia, que contrastaban na súa
negatividade co optimismo de Žižek,
decidimos indagar un pouco máis sobre os motivos que conducían a
sociedades asiáticas como China, Xapón ou Corea do Sur a poder
conter a propagación do virus e reducir a súa mortalidade moito
mellor que en Europa e, sobre todo, moito mellor que en España.
Resultáranos
chocante a idea do confucionismo como base na que se alicerzou a idea
de control da sociedade por parte das autoridades do Partido
Comunista Chinés (PCC) -destacada por Han- e que aí se cimentara o
'éxito' de China á hora de conter o virus. Este foi o sendeiro
reflexivo que nos conduciu a un interesante e suxestivo artigo de
Emmanuel Dubois de Prisque, "Le système de crédit social.
Comment la Chine évalue, récompense et punit sa population",
Institut Thomas More, xullo de 2019. Un traballo que é ponderado e
equilibrado nas súas análises e que contén moitos aspectos que fan
reflexionar e que deberan provocar unha precaución -ese é o noso
entender- de cara ao futuro.
Ademais,
este feito sintoniza moi ben coas advertencias que lanzamos coa mesa
redonda 'A autodeterminación do ser humano ante a robotización
da vida' (XVIII Congreso CILEC, A Coruña, 11-maio-2017, e que
logo exportamos á Libraría Cartabón de Vigo o 30 de novembro de
2018. Non podo deixar de anotar -xa mesmo con nostalxia- que
estivemos na mesma os ideólogos -Irene Tomé Urresti e eu mesmo- e
tres sabios pensadores como son Francisco Sampedro, Alfredo Iglesias
Diéguez e Ramón Vázquez. E nesa mesa advertimos, desde diferentes
eidos da vida, sobre o perigo que implicaría o imperio da
dixitalización e da robotización...e foi Sampedro, precisamente,
quen lanzara as mellores e máis severas advertencias contra o modelo
de vixilancia e control que se anunciaba en China...hoxe xa unha
realidade.
Que
é o Sistema de Crédito Social (SCS) chinés?
Non
cómpre contestar de xeito precipitado. Temos que analizar que é,
mais tamén de onde vén e por que ten éxito? A iso se dedica o
artigo citado máis arriba e que servirá de guía. Trátase dun
sistema de crédito (moi análogo, no fondo, aos índices de impacto
de artigos de científicos en revistas especializadas) que quere
elevar o nivel de integridade moral da cidadanía para que sexa unha
sociedade máis civilizada e harmoniosa.
O
poder central chinés soubo 'descentralizar' o proxecto para que
fosen os poderes locais os que aplicasen a metodoloxía que
considerasen máis axeitada en función da idiosincrasia da xente.
Así, existen proxectos piloto en 43 municipalidades. O ano 2020
representa un ano de culminación. Os seus inicios remóntanse a
finais dos anos 90 e inicios do 2000. Por poñer un exemplo
ilustrativo, describiremos o sistema posto en marcha en Rongcheng
(Shandong) con bastantes anos de experimentación, que establece seis
categorías morais da cidadanía en función do 'comportamento' da
persoa:
AAA
=> + 1050 pts: cidadán exemplar
AA
=> 1030-1049 pts: cidadán excelente
A
=> 960-1029 pts: cidadá honesto
B
=> 850-959 pts: cidadá relativamente honesto
C
=> 600-849 pts: cidadá que está nun nivel preocupante, de alarma
D
=> 1-599 pts: cidadá deshonesto.
A
priori, cada cidadán parte cunha puntuación de 1000 pts, isto é, o
poder considera que todas as persoas están nun nivel de honestidade.
A puntuación, polo tanto, gáñase e pérdese e, en función da
puntuación periódica, hai privilexios e hai perdas derivadas das
recompensas e das sancións.
O perigo, ao noso entender, é que
puntuan dereitos, que deben ser inherentes e inalienables, non se
poden quitar e someter a unha clasificación que, en última
instancia, depende dos parámetros que establece o poder dominante.
Non
pagar unha praza de aparcadoiro, fumar en lugares incorrectos, non
visitar ás persoas maiores da familia, practicar as apostas e xogos
on-line, criticar o poder establecido, sancións e multas impostas
pola xustiza...son algúns dos motivos que provocan a perda de
puntos. Doar sangue ou calquera dos aspectos anteriores en positivo
serven para ir sumando puntuación.
Iso
outorga unha serie de privilexios: obter créditos bancarios, acadar
reducións en determinadas facturas, ter prioridade para desenvolver
certos traballos, obter praza en centros de ensino, poder pasar por
riba das listas de agarda para un tratamento ou operación. As
persoas que obteñen estes privilexios están no que se denomina
lista vermella.
Polo
contrario, na lista negra están aquelas persoas que non
poderán disfrutar de nada disto, verán como se lles nega créditos,
como non poden acceder a determinados servizos sociais, como teñen
un acceso limitado a determinados traballos, ou como se lles nega
poder viaxar en avión (finais de marzo de 2019, máis de 13 millóns
de persoas eran indignas para adquirir un billete de avión) ou en
tren (case 6 millóns de persoas eran indignas). E, mesmo, se alguén
se quixese poñer en contacto coas persoas da lista negra, un sms
advertiríalle que desistise da súa intención.
Os
mecanismos para percibir quen ten un comportamento incorrecto son
diversos: a delación, a videovixilancia, a xustiza, as redes sociais
(Webchat, principalmente), empresas de transporte e empresas de
crédito, bancos, e o servizo alipay de Alibaba. Destas, asume un
papel protagonista a videovixilancia e as técnicas de recoñecemento
facial. Existe un proxecto chamado 'Claridade de neve' que quere
encher no 2020 toda a xeografía, incluída a rural, de cámaras para
ter unha cobertura e un control operativo total (no 2019 eran xa 200 millóns de cámaras).
Pero
non só as persoas participan neste SCS, tamén as empresas son
sometidas ao escrutinio das puntuacións. De feito, 51 empresas están
na lista negra. Por exemplo, non pagar conforme a lei; explotar
traballadores, vulnerar normas de protección da saúde dos
traballadores, etc...son aspectos que penalizan. Segundo os
ideólogos, o desexo de evitar esa lista negra está provocando a
redución do comportamento incorrecto das empresas. Sinalan que se
mellorou no pagamento do salario aos traballadores migrantes e que se
reduciu a explotación laboral. Un deses ideólogos é Lin Junyue,
declarado polo goberno como voceiro para tratar aspectos do SCS.
Nos
seus inicios naceu como unha ferramenta para favorecer as
transaccións comerciais e financeiras con Occidente. Lembremos que
China entra na OMC a finais dos 90 e que iso significaba un desexo de
adecuación. Por iso, non resulta raro que no ano 2002, Jiang Zemín,
o Presidente da República Popular de China e Secretario Xeral do
PCC, dixera, no seu discurso do XVI Congreso do PCC, que China tiña
que rectificar e normalizar a organización da economía de mercado
establecendo un sistema de crédito social compatible coa mesma.
A
aceleración veu da man da crise do ano 2008, que fixo ver que detrás
da crise se agochaba o comportamento deshonesto, corrupto e mesmo
criminal de grandes empresas. Para China era evidente que a economía
non podía liberarse da moral, como sucedía en Occidente.
Esa
asociación entre economía e valoración moral está moi vinculada
ao sustrato cultural de China, en concreto a dúas correntes
filosóficas que non están tan confrontadas como se pensa, o
confucionismo (Confucio, entre VI e V a.C) e o legalismo (Shang Yang,
séc. IV a.C e Han Fei, séc. II a.C). O primeiro cre na educación e
nas virtudes humanas e o segundo asevera que as persoas precisan o
dominio da lei para obter seguridade e estabilidade.
Moitos
confrontan as dúas doutrinas, mais Emmanuel Dubois pensa que están
máis relacionadas do que se di. En calquera caso, ambas doutrinas
acabaron por permear o imaxinario, unha síntese entre o
comportamento virtuoso e a necesidade de control e vixilancia para
que aquel fose posible. Ancorado nesta necesidade naceu o sistema de
control baojia no século XI, eminentemente rural e familiar,
onde existía unha especie de precepto de vixilancia mútua e cada
membro dos grupos familiares, de ser sancionado, provocaba que o
castigo se aplicase a todo o grupo familiar. Isto provoca que o
imaxinario asuma que os actos individuais teñen un beneficio e un
perxuízo colectivo. Isto cómpre telo en conta.
Os
baojia van e veñen ao longo da historia de China, chegando
até 1954 cando o PCC os recupera en tanto que comités de barrio.
Isto dura até que nos anos 70 o aperturismo económico, o éxodo
rural -a pesar do sistema Hukou, que obrigaba á permanencia
nunha provincia ou municipalidade- provocan que os comités perdan
relevancia na súa función de control. O crecemento económico
experimentado entre os anos 90 e inicios do 2000 non foi inocente, xa
que a corrupción e os males cos que se culpaba ao capitalismo
apareceron como grandes eivas do sistema. Aí foi cando, sobre o
sustrato do legalismo e do confucionismo, se asenta o SCS para que
non decida o mercado e si o poder instituído. Ao empregarse de
maneira dominante o mundo 'frío' da tecnoloxía, o SCS preténdese
obxectivo e liberado das emocións. A fábula tecnolóxica permite
que os ideólogos pensen que o país sería gobernado pola virtude e
o control das normas. Mais, a modo de quimera dialéctica, serían
puntuadas de maneira negativa as persoas que criticasen publicamente
o scs? Se fose afirmativo, o feito de que se diga que o sistema é
positivo non serviría de moito.
Os
puntos, por certo, non se perden para sempre, pódense recuperar cun
curso de formación, cun informe que sinale a boa vontade e cunha
escusa da persoa.
Como
dicía Byung-Chul Han o sustrato cultural -onde se incardina a
necesidade de que o individuo virtuoso beneficie ao colectivo- e as
tecnoloxías de control social baixo o amparo do SCS posibilitaron
que China (en Huabei, uns 60 millóns de persoas e en Wuhan uns 11
millóns, e 3.301 mortes) tivese éxito na contención do virus -hoxe
só un contaxio local-. Sustrato e tecnoloxía de control que definen
tamén a Corea do Sur, que só obrigou a corentena ás persoas
contaxiadas, que foron detectadas primeiro mediante sofisticados
procesos de xeolocalización para realizarlles o test e despois
controladas mediante móbil e se vulneraban a súa corentena eran
directamente sancionadas. O mesmo podemos dicir de Xapón. Outro
feito non menor, e que ten moito que ver co canibalismo que puxo en
práctica o neoliberalismo que degradou a sanidade pública e
privatizou recursos sanitarios: nestes países existe en xeral un
sistema sanitario forte.
E...Occidente...que?
Nun
eido global, non podemos deixar de destacar a fascinación que as
tecnoloxías de vixilancia, control e manipulación das persoas
exercen nas elites. Levamos moito tempo falando do Gran Irmán. Pero
sempre esperta resistencias na sociedade. No entanto, co reclamo do
SARS-Cov-2, en determinados países, non europeos, como Israel, xa se
anuncia o emprego dunha app 'Escudo' para facer seguemento das
persoas contaxiadas, para controlar que manteñen a corentena.
Que
vai prevalecer en Europa? O desexo de salvagarda da nosa privacidade
e intimidade, dos nosos dereitos, ou o desexo de erradicar o
SARS-Cov-2? Unha resposta vén dada polo anuncio do BOE de onte -
28-marzo de 2020-, onde o goberno do Estado ampara a creación dunha
app encamiñada a controlar os movementos de poboación mediante
xeolocalización. Por que de toda a poboación, preguntámonos?
Sen
sermos expertos, pensamos que se trata de diagnosticar, de saber quen
pode transmitir o virus e de saber que a persoa enferma mantén con
rigor a corentena. Non obstante, quen garante que as persoas
transmisoras ou en corentena son respectuosas e non frecuentan
espazos públicos 'de primeira necesidade'? Eis o problema. Nunha
sociedade moi individualista e onde a idea de ben común
quedou sepultada debaixo da competitividade do capitalismo, non
existe ningunha garantía: puidémolo ver cos desprazamentos masivos
que se produciron desde Madrid cara a outras zonas en canto se
anunciou que se decretaría o Estado de Alarma.
Polo
tanto, ao noso entender o que cómpre é controlar a quen transmite o
virus, non a toda a poboación. E, por outra banda, se unha persoa é
transmisora sería absurdo que abondara con saber que se mantén na
Comunidade Autónoma en que reside -como di o BOE de onte- cando do
que se trata é de que non se mova da súa casa. Espallar por fóra
non, pero por dentro si? Cando nen sequera, sen facer o imbécil,
podo ir a visitar a un familiar? Curioso que sexa unha organización
de extrema dereita, VOX, a que alerte sobre o uso desta aplicación.
O que si procede, canda as medidas de seguemento das corentenas obrigadas, é aplicar todas as medidas socioeconómicas pertinentes para que dita corentena non sexa unha condea en vida polas graves consecuencias que ten nun sistema que navega no mar do capital.
O que si procede, canda as medidas de seguemento das corentenas obrigadas, é aplicar todas as medidas socioeconómicas pertinentes para que dita corentena non sexa unha condea en vida polas graves consecuencias que ten nun sistema que navega no mar do capital.
Mentres,
e até que non exista esa app [sendo como somos, imaxino que
seguiríamos sendo esa democracia 'a la española' do franquismo,
cunha app de control de movementos, Estado de Alarma e exército nas
rúas], o exército e restantes forzas de seguridade do Estado
ocúpanse de sancionar a quen se salte as excepcionalidades do estado
de Alarma...e algo máis -abusos de poder, 150 mil sancións en 12
días!!- como di, moi ben, César Rendueles no seu artigo de hoxe en
El País: 'La tormenta perfecta del autoritarismo'.
Por
riba, volvendo a tempos da longa noite de pedra, a delación axexa
detrás das fiestras e nas terrazas. O desexable sería o triunfo da
ética e confiar plenamente en que as persoas son respectuosas do ben
común. Viviríamos nunha democracia xusta, onde a xente entende,
comprende e axuda, mais aló do conxuntural.
Compartimos
con César Rendueles e Byung-Chul Han que estamos sementando un campo
con minas no que poden estourar os dereitos humanos, que pode quedar
un imaxinario ferido. Por exemplo, podería o medo a un contaxio ser
invocado por poderes públicos cando se trate de desincentivar unha
mobilización? Este medo pode moi ben ser aproveitado por eses que
hoxe din estar en contra da app de xelocalización do goberno.
Só o equilibrio entre acertos e desacertos por parte do goberno inclinará a futura balanza representativa, mais o que si podemos augurar é que se o diñeiro non se inxecta directamente nos petos da clase traballadora e se garante a súa supervivencia, o escenario social será moi explosivo.
Só o equilibrio entre acertos e desacertos por parte do goberno inclinará a futura balanza representativa, mais o que si podemos augurar é que se o diñeiro non se inxecta directamente nos petos da clase traballadora e se garante a súa supervivencia, o escenario social será moi explosivo.
Xabier
Ron
Brión,
29 de marzo de 2020
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire