dimanche 24 juin 2012

QUE FACER CONTIGO?

Que facer contigo?
palabra que penso
palabra que escribo 
palabra que pronuncio
pero
por conveniencia
non publico
non divulgo

silenciada...morres?

que é vivir para ti?

recluínte xunto coas túas irmás
no recuncho dos soños
á espera de salvarte
de salvaros a todas
de recuperar 
os vosos significantes
dando amor
a novos significados

Pero
mentres exista o silencio
seguiredes aí
á espera

síntoo

Pensando en todos eses versos
que quedan arquivados
no branco á espera de seren
escoitados, 25-xuño-2012

DEMOCRACIA Á AMERICANA...OF COURSE!

Sempre leo con curiosidade intelectual na revista El Viejo Topo a sección de Anna Bogaz Cerezuelo, "Las caras ocultas del poliedro". Na revista do mes de xuño (nº 293, pp. 6-7) Anna Bogaz recolle unhas declaracions da xornalista Amy Goodman no programa Democracy Now! (Democracia Xa!) que ela conduce sobre a persecución á que se viron sometidas tres persoas: un funcionario de intelixencia do goberno, unha directora de cine, e un hacker.

O funcionario, William Binney, traballou máis de 40 anos na NSA, a axencia de seguridade nacional estadounidense. Deixou o seu posto en intelixencia despois do 11 de setembro de 2001,en concreto o 31 de outubro de 2001, despois de ver como se esvaían todos os dereitos da cidadanía en cuestión de privacidade e se controlaban e divulgaban (a través dunha empresa privada) uns 320 millóns de rexistros de comunicacións entre cidadáns estadounidenses. Pois ben, no 2007, cando o fiscal xeral Alberto Gonzales ía ser interrogado sobre esta perversa utilización da privacidade, unha ducia de axentes personáronse na casa de Binney e foi levado baixo as armas para ser interrogado e amedrentado para que non fose a declarar en contra do fiscal e da NSA.
O segundo caso que trae Anna Bogaz é o de Laura Poitras, unha directora de cine comprometida coa verdade a través dos seus documentais (por exemplo, My Country, My Country, narra a ocupación de Iraq por parte dos EE.UU). Pois ben, desde o ano 2006 foi detida e interrogada nos aeroportos unhas 40 veces. Ao facelo, non só procuraban intimidala, senón que lle requisaban -roubaban- computadora e cadernos de notas. A verdade doe moito cando se conta sen medo. A última vez que a detiveron foi o 5 de abril de 2012 e, como quería tomar notas sobre esta detención, colleu un lapis...pois ben, o lapis foi considerado arma perigosa por parte dos axentes de fronteira. Queren impedir que conte que fai EE.UU, en realidade, e, por suposto, non queren que se entere a sociedade norteamericana...sempre confiada nas bondades da súa democracia (sic).

O terceiro caso é o de Jacob Appelbaum, investigador de informática para unha organización sen ánimo de lucro, Tor Project. Jacob ideou un programa que permite evitar controis e a vixilanciaen Internet no momento de facer buscas. É o programa que utiliza WikiLeaks para protexer aos que reciben os seus documentos. Firme defensor do traballo realizado por WikiLeaks, coñece a forte vixilancia do goberno dos EE.UU. sobre a súa persoa. Foi detido tamén unhas 12 veces en aeroportos. Cacheado, insinuándolle que abusarían sexualmente del, e facéndolle todo tipo de preguntas sobre a guerra de Iraq, Afganistán....

C'est la jolie démocracie américaine!!!

Pois nada, a seguir coa autoimposta cegueira e "xoguemos" a ser felices (como toda i-lusión é mentira, claro, por iso é, para min, tan absurda esa pregunta-sección que figura nun xornal nacional e que só alimenta o ego-individualismo extremo: yo soy feliz.... De primeira, preguntaría como pode un ser feliz nun mundo coma este?, cando morren milleiros de persoas por fame?, cando a dignidade vive asoballada por desemprego, por perda da vivenda, por....???!!! Ademais, como non vai estar contenta unha persoa que superou un cancro!!!)...
É todo dun carácter tan absurdo.

samedi 23 juin 2012

FÚTBOL, TWITTER E MEDIOCRIDADE REFLEXIVA

Segue a demostración de ineptitude e burremia.Aquí, nesta feira, sálvanse moi poucas persoas. Só por curiosidade abrín o xornal dixital despois de enfrontarme coa dura e paciente lectura de pergameos dos séculos XII e XIII de Galicia debidamente dixitalizados...e, por suposto, sempre vexo unha tontería. Unha máis e esta provén do afán que teñen certas persoas da política de "estar á moda", "de ser guai", e que, en vez de "gozar" dunha retransmisión deportiva sexa cal sexa (hoxe era fútbol, pero farían o mesmo noutros eidos) queren "impresionar" ao pobo e lanzan nese espazo do titular que é twitter auténticas perlas. 
A de hoxe é dunha tal Elena Valencia, si, unha responsable política do PSOE que, acolléndose á xustificación popular da excitación do partido proclamou aos catro ventos a fealdade de Ribéry. 

Vou deixar de lado que esta señora en vez de comentar algunha estratexia, algunha incursión na táctica dos equipos contendentes, ou algunha variable propia do deporte, se dedique a comentar en twitter algo tan fondo como a fealdade dun xogador. En si mesmo, o comentario da señora ten a marca do machismo. Fan o mesmo que din criticar desas voces que se "meten" coa calidade xornalística de Sara Carbonero. 

O peor é ser ignorante e proclamalo aos catro ventos, xa que o bo de Ribéry tivo un grave accidente cando era meniño que case o mata e que lle deixou graves secuelas en forma de cicatrices. 

En fin, unha mostra máis do que temos...e do que nos merecemos??

Como queira que me sinto xeneroso ás 2 da  madrugada, teño a ben recomendarlle á señora Valenciano a interesante lectura do libro de Umberto Eco. Aprenderá moito sobre a evolución dos patróns estéticos,algo, ves, que preocupa moito á política cando ve un partido de fútbol.


jeudi 21 juin 2012

LAMENTABLE DEMOSTRACIÓN DE ESTEREOTIPOS RACISTAS


A nova descrita por un medio de información nacional demostra que temos moito que mellorar como sociedade, que temos moito que aprender aínda en materia de convivencia, interculturalidade e respecto.

En primeiro lugar, cabe manifestar que unha escenificación dun roubo, onde hai armas e violencia gratuita, non é mellor maneira para educar a nenos e nenas. O feito acontecido na cidade de Vigo, ante un milleiro de escolares, pon en dúbida que temos na cabeza á hora de ensinar respecto e convivencia.

Cómpre tamén que sexamos os profesionais do ensino máis coidadosos co que se escolle como espectáculo. Non pode ser que o profesorado ensine en valores durante todo o ano escolar, que así o recolla na súa programación didáctica, e que só nuns minutos todo o traballo se caia e se dilúa como area entre as mans por asistir a um “programa” de dubidoso valor pedagóxico, tendo en conta o resultado.

Non abonda con dicir que “o guion resultó políticamente incorrecto”: o feito de que o ladrón sexa identificado como ladrón de “acento xitano” representa un acto que vulnera normas básicas de respecto e convivencia. Un milleiro de nenos e nenas asistiron a unha divulgación dun estereotipo racista: o ladrón é xitano.

As ficcións nunca son inocentes. Sabemos, por exemplo, que as series norteamericanas cambiaron o inimigo ruso da guerra fría e do comunismo por un inimigo musulmán (guerra contra o terrorismo global, afirman) ou un inimigo latinoamericano (sempre caracterizado por dedicarse ao narcotráfico) e sabemos que eses estereotipos racistas impregnan o imaxinario do público norteamericano que remata crendo como xeralidade unha ficción sesgada.  

A ficción levada a cabo pola policía fai o mesmo: contribúe a inocular no imaxinario dos escolares unha imaxe estereotipada negativa sobre o colectivo xitano que en nada beneficia á convivencia, á educación en interculturalidade e ás normas básicas do respecto que deben rexer a vida en sociedade.

dimanche 17 juin 2012

SOBRE O VALOR DAS PALABRAS E A MANIPULACIÓN INFORMATIVA

"Empate dulce, empate amargo. El rescate de la banca española con problemas era inevitable. El Gobierno lo sabía desde abril, pero quería ganar tiempo. El milagro no llegó y tuvo que aceptar un empate tan honroso como amargo".

Con estas amables declaracións inicia a súa editorial o director da revista Tiempo (nº 1559, p. 4) e así, polo tanto, define e caracteriza o que foi un dos episodios máis lamentables da historia recente de España.
Aínda me pregunto, despois de ler a aberrante, por edulcorada, descrición do director desta revista, que entende por empate, con quen empatamos, e que honra hai en mentir -así hai que describir o comportamento inmoral do equipo de goberno do PP horas antes do rescate financeiro- e en entregar desde o Estado vía FROB milleiros de millóns de euros a unha banca empodrecida e envilecida pola cobiza especuladora na que, voluntariamente, se introduciron.
Se un le a carta do director mesmo semella que é un emisario do PP, xa que, por suposto, el sabe o que ninguén sabe para contar o percorrido da historia para xustificar a inevitabilidade do rescate bancario.

Nese percorrido figura tamén Bankia. Aí só unha pequena crítica a Rajoy polo "torpe manejo de la crisis de Bankia". Asociada a esta crise está a numeroloxía: a cantidade exacta que precisaba Bankia para sanearse. Interesante comprobar como o poder omnipotente do director permanece cando di que algunhas cantidades "por cierto salieron a relucir en esa subcomisión medio secreta del Congreso de los Diputados sobre el famoso FROB". Tanto secretismo feito público,,,hehehe.

Pero segue o asunto da editorial e, claro, para xustificar o rescate aparece, como non, ao igual que en calquera discurso elaborado polo PP, o nome de Zapatero: "España se quedó sin crédito porque en apenas cuatro años, en la segunda legislatura de José Luis Rodríguez Zapatero, dobló su deuda pública".

E, claro, adopta tamén o eufemismo (que foi mentira) empregado polo PP: "España, en ningún caso, pediría ni aceptaría el rescate del país. Sí admitiría que se ayudara a sus bancos con problemas" e remata a farsa xustificatoria empregando, o mesmiño que o propio Rajoy, ao equipo da selección española de fútbol, non sen antes recalcar que Rajoy conseguira "en el último momento, un empate honroso".

De verdade, desinformación, manipulación e todo o que queiramos.

En ningún momento, por suposto, menciona as condicións que serán, ao final, as que quebren aínda máis, as posibilidades da clase traballadora deste país. Tampouco se aclara que o diñeiro prestado redundará nun aumento da débeda pública, e tampouco que os intereses dese rescate financeiro gravarán directamente sobre o déficit. 

Representa unha hipoteca sobre os nosos orzamentos ad futurum, isto é, supón unha hipoteca sobre os servizos públicos que así, coa xustificación de devolver o diñeiro do rescate, se verán sometidos, aínda máis, a unha progresiva degradación e (de non remedialo nós, o pobo) irreversible privatización. É unha lousa que irá sepultando dereitos da clase traballadora.

Como recomenda Jean Ziegler, España non debe pagar a débeda pública, froito da especulación e da economía-casino que nos domina. En ningún momento da editorial asoma o pobo, non se menciona, supoño que de forma deliberada para así incidir na mensaxe principal: o diñeiro é só para sanear a banca. Claro: pero á nosa costa, tal como recomenda xa a antidemocrática Troika (FMI, BCE, Comisión Europea). Isto último tampouco o mencionan.

É incrible tanta ousadía e tanta mentira. Mentres, en toda Europa, a prensa seria amosa estar abraiada cos nosos dirixentes.

Se teñen que caer os bancos podres...que caian. Que se depuren responsabilidades e se enxuícen os comportamentos e actos da clase financeira e política. Que se vaia erixindo unha banca pública sostida cos principios da banca ética.  Non paguemos a débeda pública. Agora vense en Galicia os resultados experimentais da fusión das caixas galegas -criticada neste mesmo blog por quen escribe- no enxendro que retén diñeiro en participacións preferentes mediante enganos. E xa veredes quen o adquire -despois de ser saneado co noso esforzo- co diñeiro que, en principio, debe servir para sanear....


samedi 9 juin 2012

ESQUERDA PLURAL PRESENTA UNHA PROPOSICIÓN NON DE LEI PARA IMPEDIR A EXCLUSIÓN DO ALUMNADO NON COMUNITARIO DA COMUNIDADE UNIVERSITARIA


Ao abeiro do Real-Decreto Lei 14/2012 de “medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo”, que contén en realidade medidas que degradan a calidade da educación en tanto que servizo público, a nosa organización no Parlamento do Estado, a Esquerda Plural, rexistrou o 4 de xuño de 2012 unha Proposición non de Lei para impedir o alcance segregador, discriminatorio, deste Real-Decreto Lei, digno do racismo institucional que defende o Partido Popular.

Referímonos ao feito de que os estudantes estranxeiros non comunitarios teñan que pagar o 100% do custo do grao universitario. Aplicar esta doutrina significaría que este estudantado pasaría de pagar por un grao entre 700 e 1000 euros a pagar entre 7000 e 10000 euros. Unha auténtica aberración.

Hai que ter en conta que este alumnado ten tarxeta de residencia por estudos e non pode traballar e que tampouco pode solicitar bolsas. Estudan e viven polos seus propios medios.

Esta medida é fondamente inxusta, xa que moito deste alumnado xa leva ao mellor un, dous ou tres anos cursando os seus estudos. Un incremento tan brutal coma o que contempla o Real-Decreto Lei significa en primeira instancia a imposibilidade de afrontar os custos do grao e, en segundo termo, a obrigatoriedade de voltar ao seu país de orixe sen rematar a súa formación. E, por último, de aplicarse este Real-Decreto Lei, o noso país ergue unha nova fronteira que imposibilitará a internacionalización dos nosos campus.

A Proposición Non de Lei rexistrada polo noso grupo pretende garantir o dereito á educación, defender a calidade do ensino público e eliminar do noso sistema normativo unha norma inxusta, discriminatoria e racista.

9-xuño-2012.

jeudi 7 juin 2012

SUMAR ESFORZOS, RESTAR DIFICULTADES: ENTÓN, POR QUE TRIUNFAN AS MATEMÁTICAS DA DIVISIÓN?

Xa vai sendo habitual, nas diferentes ocasións en que nos vemos as persoas que practicamos o activismo social -non o de boquilla, senón o presencial-, que comentemos a sensación de que nada vai como debera en canto á participación activa do que se adoita chamar sociedade civil. 

E xa vai sendo habitual que, ao abeiro das múltiples plataformas que agroman ao son da comparsa da crise e das sectarias diferenzas, nos atopemos as mesmas persoas. Unha e outra vez. Até ser tan familiares que, mesmo, cansámonos de vernos. 

Por riba, de novo, xa vai sendo habitual que falemos da desunión, da falta de unidade de acción, en definitiva do triunfo das matemáticas da división. Estas son implacables. En vez de sumar esforzos e restar dificultades, nesta nosa leira dedicámonos ao minifundismo con forza e paixón. E isto en todos os aspectos. 

Pero, onde se manifesta con máis insistencia é no proliferante universo da Plataforma. Coma os choupíns despois dun día de choiva, non deixan de nacer e medrar. Algunhas, e coñezo os casos, naceron coa paixón do momento militante e esmoreceron como unha prenda de roupa que se puxera de moda. Outras, aparecen cando xa existe unha anterior, coma se, ao xurdir, viñese a engadir unha esencia desprendida da árbore de todas as esencias: neste eido entran as plataformas creadas ao abeiro dos ataques contra a educación entendida coma un dereito e servizo público. 

Ninguén -só o poden defender os adoradores desta nova versión do RISK en que se converteu a política- pode entender esta absurda demostración de paroxismo da diferenza segregadora. Tan absurdo todo que desmotiva a toda persoa allea ao xogo da posición e da estratexia representativa. En consecuencia, fai que diminúan os apoios a manifestacións, concentracións e outros actos reivindicativos....a non ser, claro está, a militancia ou afiliación convencida de cada credo. 

Nesta nosa terra é verdadeiramente difícil avanzar niso da unidade de acción desde a diversidade de pensamento. Pérdese de vista quen é o 'inimigo' e cales serían os beneficios da unión. Pero, en última instancia, a alguén lle interesa realmente camiñar con-xunta-mente? Máis aló das boas palabras que só sirven para ilustrar un discurso e unha foto de hemeroteca...do camiño só queda o pó no horizonte.

En fin, nada, amigos e amigas, sigamos con estas matemáticas da división. Sigamos así. Xa vai sendo habitual.

dimanche 20 mai 2012

RESISTIR EN MEDIO DOS NEGROS PRESAXIOS

Resulta difícil escoitar os relatos en primeira persoa de anguria e desesperación da poboación grega. Emociónome e percorre o meu corpo unha sacudida que me traslada a un futuro totalmente incerto, escuro. Esfórzome, certo é, en resistir. En ter esperanza. Que é posible cambiar o rumbo da nave porque o poder soberano reside en nós. Ou debe residir: en Grecia, berce da democracia, isto xa non é nin sequera certo. Pero, despois de comprobar como amigos e familiares xa experimentan as dificultades extremas desta viaxe...ante a perspectiva de que todo empeore -cando menos mentres estea no goberno a dereita e que a Merkel siga no seu trono de superioridade- déixome levar polo pesimismo máis rocoso. 

Recoñezo que procuro erguerme e non ler a prensa pola mañá: por supervivencia, para aguantar a tarefa de educar en tempos de negros presaxios, sen caer no pesimismo. Non escoito tampouco a radio. E non obstante, todo chega a min alto e claro. Tanto ten: os relatos sobre a desgraza abrollan en todas partes. 

Mesmo, eu que entrei tarde nas redes sociais (só en facebook, certo é), despois de que entrase no xogo especulador da bolsa, o que nos leva á deriva,  xa se me foron os desexos de non permanecer coma un animal tecnofóbico. Pero, demos! Eu son fondamente anticapitalista! E non quero contribuír a esa merda especulativa, aí onde se decide quen vai pasar fame. Por iso, creo que des-conectarei os meus pasos do facebook. Por coherencia. Un simple xesto váleme para tentar mantela. 

En fin...e por riba, esta semana (22 de maio) unha folga do ensino -con merecida xustiza reivindicativa- no Estado, que non será tal en Galicia, porque só CC.OO. a convoca, mentres que se desmarcan os demais sindicatos que no Estado si a fan (esquizofrenia?). 

En que demos pensan os sindicatos en xeral?? Podemos permitirnos o luxo de perder unha arma de loita así, de calquera forma? Que éxito se agarda teña a folga? Para que servirá, realmente, perder 100 euros se o ensino non se vai paralizar? Por que existen dúas plataformas en defensa do ensino? 

En fin...fatal. Non temos remedio neste recuncho. Todos debilitándonos. O inimigo, mentres, sorrí.

Remato cuns versos de Marcos Ana, Poemas de la prisión y de la vida (tabla Rasa / Ediciones Urano, 2011), escritos no cárcere en tempos do ditador Franco:


MALDITOS SEAN:
Los que atizan el fuego entre las piedras del Odio,
para servir su puchero.

MALDITOS SEAN:
Los que quieren enturbiarnos la sangre con el viejo
terrón de la trinchera.

MALDITOS SEAN:
Los que cosen banderas con cenizas de muerto para
sembrar el aire de rencores.

MALDITOS SEAN: 
Los que quieren dejarnos para siempre en los bordes
opuestos de una herida.

MALDITOS SEAN: 
Malditos en tu nombre
España, sean, 
orque viven de tu pena y la mía
y hacen de nuestro dolor su trono.

mardi 1 mai 2012

BAIXO O MANTO DO INTERTEXTO, A SEMENTE

que non nos mutilen a dignidade
Inicio, con pluma cansa e de escaso vó, o exercicio da creación intertextual que algúns, cheos de escura ignorancia e orgullosa vanidade, chaman plaxio. Delibero ante as nubes de agoiro e libero as forzas para sepultar aos que sepultadores (e queira que alguén determine a orixe do intertexto). 

"A quen beneficia a reforma laboral? Quen a ideou? Quen a comezou? Non foron os traballadores. Non foron as obreiras, as campesiñas, os mariñeiros. Non foron elas e eles. Non. Quen di necesitar a reforma laboral, que a desexa coma o voitre os restos putrefactos dos cadáveres, son os oligarcas, a patronal, os banqueiros e o exército de babosos que serpentean ante o cheiro a diñeiro. Eles incrementan o seu poder, a súa forza e a súa riqueza mediante a reforma laboral. Converten o sangue do pobo e a súa dignidade en ouro para os amos. 
O pobo quere dignidade. O pobo quere paz. O pobo quere traballar para vivir, non vivir para traballar unicamente." 

E o pobo sae á rúa. Non están, certo é, prezada utopía, todas as persoas que deberan. Mesmo, por exercicios que aínda non son quen de comprender, hai división cando se berra por unha mesma causa. Vexo, prezada, que hai medo e que existe a chantaxe do desamparo. É un poderoso medo. Pero, aínda así, cada vez seremos máis na rúa. Ou será definitiva a quebra.

Os que malgobernan a escena escriben un guión para que, de venres a venres, recibamos unha nova dose de desesperación: "pero é inevitable, é polo noso ben", afirmarán con mentiras bellacas. Queren que saiamos á rúa o domingo. Para que non os molestemos mentres escriben os seus guións do noxo e miseria desexan que ritualicemos as protestas dominicais. Por iso, xa non abonda. E non podemos caer na tentación de mudar o rito da misa católica polo do sermón laico. Non abonda. Xa non chega. 

A traxedia grega envolve sempre unha relación psicolóxica que move e remove mitos contra sentido. Aínda non emerxen na escena galega e española os casos de suicidios debidos a esta marea de recortes psicótica que o pai e a nai dirixen contra os seus fillos. En Grecia e en Italia saen..claro. Aqui é preferible silenciar as consecuencias finais da traxedia.

O Estado sempre debera protexer ao seu pobo: quen elixiu a quen? Onde reside a soberanía? Das mentiras das promesas que nunca se cumpren -da dereita só podemos agardar mentira e manipulación- pode emerxer a solución? Non. Que interese ten que un alemán diga que está moi ben, cando todo é beneficioso para as súas propias intencións de acumulación? Quere o pobo un salario de 400 euros ao mes por un "contrato" de media xornada que se estende 3 ou 4 horas máis sen pagar? Quere iso realmente o pobo? Si é si, entón só quedaría o exilio e a retirada cara á caverna da imaxinación revolucionaria. 

Pero non. O pobo vive enganado. Alienado? Está convencido de que non existe alternativa á mutilación? Ou está realmente manipulado, de aí que os deseñadores do ultraliberalismo desexen controlar as televisións públicas (ben directamente, ben entregándoas a empresas amigas). Non será por iso que inventan calumnias contra os que saímos á rúa? Non será por iso que nos silencian?

Non vexo futuro co que hai. Non vexo alternativa posible na morte da dignidade. O horizonte da emancipación comeza, de novo e mais unha vez, en nós. Millóns de persoas loitando nas rúas, nos centros de traballo, resistindo pacificamente: ousaría o Estado mandar disparar contra un pobo farto? Se hai case 6 millóns de persoas sen traballo...ou é tamén mentira dentro das mentiras desta traxedia grega? 


Silencio. 

Dedico este final ás persoas que loitan na rúa, e a todas aquelas que non o fan por medo. 

Nada mellor que pechar cunha pequena selección do fermoso poemario de Walt Whitman, "Hojas de hierba" (edición de Manuel Villar Raso, Alianza Editorial):


La indiferencia y la serenidad de los mártires,
la madre condenada por bruja y quemada con leña seca
mientras sus hijos miran;
el esclavo acosado que flaquea en la huida y se apoya en
la cerca, jadeante y cubierto de sudor,
las punzadas que penetran cmo agujas sus piernas y
cuello,
los perdigones asesinos y las balas,
siento o soy todas estas cosas.

(....)

Las agonías son una de mis mudas de ropa;
no pregunto al herido cómo se siente...yo mismo
me convierto en el herido

(...)

Los mendigos se encarnan en mí y yo me encarno en 
ellos,
alargo mi sombrero y me siento a pedir avergonzado.

(...)

Ni yo ni nadie puede andar por ti ese camino,
debes andarlo por ti mismo.
No está lejos....está a tu alcance"





  


dimanche 29 avril 2012

COMO ALTERAR O CAMIÑO DESEÑADO?

cando racharemos a liña que os/nos separa?
Recoñezo que teño sempre dúbidas. Quizais, por defecto de ser demasiado analítico. De someter á reflexión crítica o que vexo...veña de onde veña a imaxe. 
Hoxe, recén chegado da manifestación de Compostela, teño algunhas críticas/observacións que facer ao que vin. 
Primeiro, non creo que sexa oportuno convocar hoxe á xente cando o 1 de maio imos estar de novo nas rúas; 
segundo, se a convocante é a Plataforma en Defensa do Estado de Benestar e os Servizos Públicos, porque me dá a sensación de que na pancarta só destacaban os logos dos dous sindicatos UGT e CC.OO.?; 
terceiro, será por iso que non percibín algunha entidade que confirmou asistencia e non a vin?; cuarto, porque me produce até vergoña ver o circo mediático que rodea a presenza de certos persoeiros políticos que, de forma posibilista saen agora á rúa cando non hai moito había tamén motivos de sobra?; 
quinto, cando acadaremos deixar de lado o minifundismo sindical e político á hora de crear plataformas? o feito de que existan dúas plataformas en defensa da educación pública faime pensar moito que demos defenden unha e outra para estar en plataformas diferenciadas; trátase, nada máis, de que cada grupiño teña a súa cota de poder aínda que esmoreza a sociedade?
sexto, ligado ao anterior, cando verei un 1 de maio unitario, con todas as forzas sindicais, sociais e políticas do país xuntas en contra dos ataques á clase traballadora?

En fin...esta feira é demasiado rara. Teño a impresión de que todos somos inimigos de todos e que nos perdemos sen saír do círculo de pureza que trazamos. Dá a impresión de que todo o que se move na esquerda será incapaz de repetir aquí a experiencia do Front de Gauche en Francia.