Estiven o xoves pasado no debate que organizou a revista TEMPOS NOVOS PARA O DEBATE na sala circular do Auditorio de Galicia. Fun a título persoal, convidado tamén de forma persoal. O tema, desde logo, era interesante: a esquerda a debate, máis ou menos, e coa presenza de varias persoas ás que considero, desde logo, portadoras de signos de identidade de esquerdas: Alfredo Iglesias Diéguez, Lidia Senra, Alexandre Carrodeguas, Xan Hermida, unha persoa que representaba a CUT / FPG baixo a moderación do doutor en xornalismo Marcos S. Pérez. Entre o reducido público asistente -non sei se reducido por convites reducidos ou polo aforo- vin a Mabel Rivera e Enrique Banet.
Escoitei con atención todas e cada unha das intervencións. E fixen anotacións na miña libretiña.
O primeiro, na esquerda somos especialistas en coller o látego e marcarnos as cóstas duramente.
O segundo, baile do discurso entre a teorización clásica da esquerda (Marx, Lenin, Althusser) e unha aplicación en base a concrecións quen de aglutinar ás persoas.
O terceiro, alusións, penso, ao proceso de Refundando a Esquerda..., tanto en sentido positivo como negativo.
O cuarto, a necesidade de marcar diferenciacións forzadas que atomizan: esquerda social vs esquerda política; esquerda partidista vs esquerda social; etc...
O quinto, apélase á necesidade de afrontar propostas comúns e camiñar xuntos...Algún clamaba que non hai alternativa...
**
Podo estar máis ou menos de acordo con algunhas afirmacións, pero non comparto esa "aparente" inquina cara a Esquerda Unida.
***
A atomización social de esquerdas debe rematar. E unirse. Pero, con que finalidade? Debe ser unha finalidade política: influír nas teses e nas praxes das organizacións políticas de esquerdas (e aí, síntoo, non comparto a bonanza "xeral" cara a algunhas forzas parlamentarias galegas) para que, dalgunha forma, o traballo alternativo, o traballo transformador teña algún efecto de realidade.
Pero HAI ALTERNATIVA, por moito que o neguen os neocons e algúns sectores da esquerda social troppo pessimista...
E penso eu, a título só persoal, repito: non será mellor que un proceso coma o da Rolda da Rebeldía iniciado por Encontro Irmandiño (non polo BNG controlado pola UPG, oposto a ese proceso), que o proceso de Refundando a Esquerda, iniciado por Esquerda Unida, se encontren na dialéctica programática e sexan esa casa común da alternativa, transformadora, da esquerda anticapitalista?
O tempo ditará sentenzas, pero ollen a imaxe do sorriso ZP ante Obama no cumio dos ricos que procuran o crecemento (económico, din) a costa dos dereitos sociais e do gasto público...e pensen se realmente pode ser o PSOE (PSdG) anticapitalista. Nin sequera é socialdemócrata. Quen nos dera o que foi esta opción en Suecia. É socialiberalismo. E todas as medidas desta segunda lexislatura son medidas antisociais e que só benefician á sociedade financeira, aos que viven ben e gañan moito diñeiro en época de crise (segundo din eles mesmos).
A crise, coma sempre, a viven os de abaixo.
27-xuño-2010.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire