lundi 28 juin 2010

UNHA ESCOLA PARA EMANCIPAR? REPENSAR A EDUCACIÓN PARA CAMBIAR O MUNDO

Se nos deixamos levar pola escuridade destes desacougantes días, onde todas as novas veñen a abafar as nosas perspectivas vitais, un podería ter a tentación de sentarse na soleira da porta da casa e ver o tempo pasar ata que, de forma definitiva, pase por riba de nós.

Pero non. Fronte á perfecta estratexia da escola da resignación que é o capitalismo, cómpre pensar e repensar que escola queremos e, sobre todo, que educación queremos e para que.

Dicía, non hai moito, o mestre de mestres que é Herminio Barreiro, que cómpre cambiar a educación para poder cambiar os parámetros que rexen a nosa sociedade. E ten razón.

En efecto, durante moito tempo pensouse que a escola era como unha illa, onde o saber e o coñecer eran a resistencia axeitada para que os e as discentes se puidesen enfrontar ao mundo con garantías. A escola era a forxa da cidadanía crítica e ben informada. Arcadia resistente e utópica ou inxenuidade, o certo é que todo o que envolve á illa-escola (familia; medios de comunicación; sistemas de aprendizaxe e conduta social; etc...) é demasiado poderoso e, por riba de todo, achega o ruído educativo principal co que se configura o alimento do intelecto de alumnos e alumnas.

Fronte a ese ruído cabe preguntarse que facer: se axeonllarse e deixar que o discurso dominante impregne pupitres e libros de texto, ou ben manterse resistentes, críticos co sistema imperante, ben ergueitos, orgullosos do traballo e conscientes do duro labor de educar ensinando.

A primeira escolla responde ao prototipo do que Chomsky define como deseducación, onde o exército de docentes responde aos desexos do aparato burocrático do Estado e desenvolve os preceptos axeitados para que alumnos e alumnas se adapten á vida en sociedade. Programas e leis educativas aprobadas baixo o bisturí do discurso dominante alimentan os seus textos cun argumento tan sensible como competitividade, animando a que alumnado se lance, entusiasta, a competir e demostrar que é o mellor. O triunfo da meritocracia da que François Dubet alerta sobre a súa condición xeradora de desigualdade sobre todo nos “derrotados”, nos “inadaptados”. A adaptación ao medio significa non ver a dimensión crítica da historia e implica a resignación do presente que nos toca vivir.

A segunda escolla inscríbese no sendeiro de pensadores coma Heinz Wismann, onde as tarefas educadoras da escola recollen a forza da etimoloxía. Así, educere, “levar fóra de”, sería un proceso mediante o cal liberamos ao alumno e alumna das forzas do contexto que lle impoñen unha forma de ser e de pensar. Esta escolla procura a emancipación do alumnado. Liberar o pensamento como dirían os mestres da República. Por iso foron os máis represaliados: eran liberadores de pensamento e iso, para o discurso dominante, é insoportable.

Emanciparse significa dotarse de razóns suficientes para analizar criticamente a realidade que nos envolve. Significa non ignorar a historia que nos dá forma como pobo e extraer da memoria o que é xusto.

Dous camiños, dúas opcións: ensinar como adaptarse ou ensinar como emanciparse.

***
Como se pode pensar que as desigualdades socioeconómicas non inflúen na determinación da meritocracia escolar? A nosa experiencia fainos ver que os valores competitivos escolares teñen en conta aos mais favorecidos da estrutura socioeconómica. Unha vez máis.

Os que menos teñen, seguen tendo menos. E as tácticas e estratexias que se supoñen agrupan aos menos favorecidos polo seu ben, son sinxelamente froito da hipocrisía escolar e para dotar as aulas dunha homoxeneidade reducionista, para que non perturbe a preconcebida lección maxistral. O acceso a unha cultura común, a base da fase obrigatoria, vése obstaculizada polo criterio da excelencia e da competitividade. E os prematuros percorridos orientadores estreitan os corredores en vez de amplialos. A propia enfermidade do sistema leva a que a suposta igualdade que conleva o mérito, que reflicte a posesión dun título, reflictirá a nosa posición social. A igualdade de oportunidades estoura no aire da desigualdade económica e social e, ao mesmo, tempo, desfaise nas supostas bondades da meritocracia. Os que menos teñen, seguerán, así, tendo menos. E non poden escoller.

Por iso, nada hai máis urxente que fortalecer o sistema público de ensino en todos os seus parámetros. Pero, hoxe, coa absurda inxección de diñeiro público cara a empresas educativas privadas, esta escola pública xusta, ou o menos inxusta posible, aínda non existe, simplemente. Por acción e omisión dos que teñen o control e o poder neste país. Existen enormes desequilibrios territoriais en medios, recursos e en percorridos. Tan absurdo é todo que ata temos que reivindicar que a escola sexa primordialmente pública. Que sexa un espazo de encontro, neutro en confesións relixiosas, isto é, laico. Un espazo para o coñecemento emancipador. Un espazo para o recoñecemento en si mesmo do respeto intercultural e da diversidade. Un espazo transgresor e creativo, que reduza as numerosas desigualdades sociais e económicas existentes.

Como afirma François Dubet a escola non é unha illa deserta, pero iso non nos exime do deber de contruir a mellor escola posible, sabendo que o mundo é como é e que non o aceptamos como tal.

A escola xusta aínda temos que construila.

(publicado en dúas partes en Galicia Confidencial)

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire