mardi 8 juin 2010

FOLGA NO SECTOR PÚBLICO...U-LA UNIDADE DE ACCIÓN SINDICAL?

Día importante. Día de paro na función pública. Motivos? Sobrados e clariños: unhas medidas antisociais decididas de forma unilateral polo goberno ZP, a través dun decreto, escoitando os consellos dos grupos de presión neoliberais (FMI, Comisión Europea, ...), e prescindindo de escoitar as voces que están á súa esquerda, que tiñan outras medidas para favorecer a entrada de ingresos na facenda pública e xa expostas.

Pero, sen dúbida, amais desta forma de proceder, o motivo esencial vai máis aló do recorte salarial, que tamén [habería que pensar, entón, quen defendería aos pensionistas, e penso que deben estar sempre na nosa mente, pois son clase traballadora que repousa de forma merecida e que, no entanto, non disfruta da mellor pensión como para que, por riba, se conxelen].

Refírome, por riba de todo, ao ataque que representa ao sector público, á función pública. O discurso de degradación do público empregado pola dereita económica e social impregnou as consciencias das xentes. E nesa degradación introduciuse unha estratexia de confrontación entre clases traballadoras que en nada benefician: entre os que están no sector público e os que están no privado. Esta estratexia beneficia a fragmentación da sociedade e posibilitará, se non o remediamos, a aceleración das medidas de degradación do público. Se temos á sociedade convencida de que o público é ineficaz e ineficiente, de que a clase funcionarial é toda unha parásita...., o golpe de gracia que representa a privatización será máis doado de dar. E nesta sintonía camiñan xuntos, non nos enganemos, PSOE e PP...[o anuncio de Feijoo de aplicar o recorte a todos por igual é simplemente desastroso e non ten en conta as realidades dos diversos tipo de funcionariado en Galicia].

Unha crítica: falta moita pedagoxía nos sindicatos. Cómpre explicarlle á sociedade que non é só por diñeiro, que é polo fortalecemento do sector público. E cómpre facerlle ver que, coa privatización, acaban perdendo, sempre e en todo momento, a clase traballadora.

Iso é o que está en xogo para min: a existencia mesma do sector público.

E fronte a iso...que me atopei en Compostela? Unión sindical na USC, e aí estaban diante do Rectorado concentrados..., pero non moitos, se ben os números indicaban un seguemento elevado....; pero aí rematou a unión sindical. Logo, ás 11h diante de San Caetano, concentración de CC.OO. sen UGT, que se desmarcou ou que rachou a unidade (xa fragmentaria); e ás 11h30 no Toural a CIG que faría a súa manifestación até San Caetano.

Pregunta: porque o que se acadou para a USC non se acadou a nivel xeral? Aos ollos da sociedade galega non sería máis importante ollar que en todas as vilas galegas a acción sindical era unitaria?

6-xuño-2010

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire