mercredi 22 avril 2020

EVOLUCIÓN DATOS DO MEU MARXINAL CARÁCTER CONFINADO


Datos oficiais a 22 de abril do 2020 (os datos de poboación son os de 2019 para todos)...marco a diferenza de crecemento entre os datos do 16 e os do 22...


Desde sempre resultáronme interesantes estes traballos de ver como avanzan os datos, desta volta despois de 6 días. Isto permite ver a incidencia e eficacia das restricións, tanto no grao severo coma flexible. 

Mais tamén porque ver a unha articulista de La Voz de Galicia dicir, pouco máis, que ela non quería ser sueca porque aí se deixaba morrer aos seus habitantes, parecíame pouco serio e afastado dos datos reais a pouco que se ollen sen exaltacións propias do sentimento nacionalista español, tan de moda ultimamente. 

 Os datos demostran, mais unha vez, o comportamento exemplar de Corea de Sur, pois non se move na porcentaxe ínfima de contaxios con respecto ao total da poboación e moi pouco na taxa que compara falecementos con casos positivos confirmados.


Interesa tamén confirmar o paralelismo en canto a contaxios entre Dinamarca (restricións severas) e Suecia (restricións flexibles), se ben o comportamento de defuncións é máis grave no caso de Suecia.

Aínda así, se fixéramos a conta de ver canto é a porcentaxe de falecidos por coronavirus con respecto ao total poboacional, sáenos un 0,017 en Suecia e en Dinamarca un reducido 0,006. En España sairía un 0,046...sempre por diante dos países nórdicos...tanto de Dinamarca coma de Suecia...(de facer a articulista da La Voz estes cálculos non diría as tonterías que escribiu).

Alemania segue mantendo unhas porcentaxes estables no sentido de que seguen sendo máis da metade inferiores á española (0,178 fronte ao 0,44%).

De maneira máis ou menos semellante, podemos citar a Portugal que, se ben con moita menos poboación, mantén unha porcentaxe de contaxios a metade inferior a España e unha taxa de falecementos á altura de Alemania.

Polo tanto, non hai datos que invaliden as estratexia de Alemania ou Suecia, máis flexibles no tocante a control de mobilidade persoal e, polo tanto, máis respectuosos con dereitos e liberdades. A terapia de test masivos + localización e control dos grupos transmisores revélase -ao meu humilde entender- como a máis equilibrada. 

De feito, Suecia non interrompeu o ciclo vital en ningún eido, só ponderaron os encontros multitudinarios reducindo aforo de asistencia, pero a vida seguiu máis ou menos intacta, polo que non van padecer ningunha síncopa. Alemania abriu o 20 de abril lugares como talleres, librerías, perruquerías, e o 4 de maio anuncian un retorno pausado ás aulas, ao igual que Portugal. Nós seica, seguiremos con Estado de Alarma até o 9 de maio...

mardi 21 avril 2020

ESPONTÁNEO COLLAGE POLA LIBERDADE DA PALABRA




ESPONTÁNEO COLLAGE POLA LIBERDADE DA PALABRA
divertimento serio a partir do diálogo con Antonio Gamoneda e a súa Descripción de la mentira (1977)



Non nos resistamos ou si
a mentira tece a súa trampa
con veleno e seduce os xiros
da semántica
a palabra perde as letras
unha a unha

feridas de morte


Un xoguete en mans dos arteiros
e canallas
de todo signo
expelen o crítico sentido crítico
a un lugar miserento
onde o fedor é o lixo


Porque non hai máis grande mentira
que a mentira que se impón
como a verdade única do Gobernante
así morren as democracias

Cando hai mentira
tamén hai censura
e esquecemento

'el olvido entró en mi lengua y no tuve otra conducta que el olvido'

sen dúbida      amigo Gamoneda

'éste es un año de cansancio. Verdaderamente es un año muy viejo'

porque así encerrados
perdemos vida
pasan os días coma unha procesión
da Santa Compaña
disposta a levar a enerxía e os folgos
para fundilos na forxa do alén


Mentres a mente rebule e ferve
e acoitela todo vestixio da falsidade
que se impón detrás dos sorrisos

Maquiavelo habita aí

sobre o meu cadavre
cuspen as bondades delatoras

Para esquecer hai que coñecer
para coñecer hai que ler
e pensar
moito

'Después del conocimiento y el olvido ¿Que pasión me concierne?

'Quién juzgará a quien ha traicionado a la traición?

Quen vixila a quen nos vixila?

Todo se volve unha enorme pantalla
o futuro din é este presente
incomunicado de pel e tacto
o diagnóstico será mesmo
un canto de orfandade de mans

Os argumentos retórcense e
a diarrea sacude os interiores
da palabra xusta
ponderada no exercicio
hoxe axusticiada
no malabar
imposible
e ferinte
do diálogo


'Siéntate con dulzura en el medio o
al borde de las ruinas'

E contempla o futuro
de vates e profetas
mentres eu devezo
pola colleita do pasado


'Nuestros labios envejecieron en palabras incomprensibles'
Non quero un futuro de videoxogo
non quero o simulacro do amor

Para esquecer hai que coñecer
eu coñecín


¿Qué harías tú si tu memoria estuviera llena de olvido, qué harías
tú en un país al que no querías llegar?


Xabier Ron
21-abril-2020
audio con lectura do diálogo










dimanche 19 avril 2020

A DOUS METROS




A dous metros
conxeados no silencio
os pasos que non damos
por medo
ese poderoso virus
roe corrompe

Dorme asustado
o alento que nos fai

A pel busca unha calor
que o medo impide

e as caricias

a  i  r  e

xogan coa forma
da confesión
do amor

e
c
o

dun tempo pasado

Na ringleira
contamos os metros
coma se fose unha conta atrás
e recuamos

vomitaron tantos
números e sancións
que asulagaron a razón

A dous metros
forzamos as conversas
perden o tacto
íntimo
todos escoitan
o de todos

algúns mesmo
sospeitan
mesmo algúns
axexan
cazadores da desesperanza
e da fuxida do gran cárcere

A dous metros
ti e eu
nunca nos amaremos
Se o medo acoitela
como vivir a paixón?
Maldigo o sexo virtual
canallada dos que gozan
con esta enorme cadea

Ao saíres entre a grella
ollas os balcóns e as fiestras
entre as cortinas
asoman mans e facianas
furtivas
covardes
temerosas
anónimas

E desexarías sobrevoar
o monte coma sempre
aí onde a ninguén
lle interesou chegar

explorar a liberdade de ser
humano e sentir
o osíxeno puro
entre os sendeiros
explorados tan só
por almas intrépidas




Xabier Ron
Brión, 19/04/2020

samedi 18 avril 2020

NÚMEROS CURIOSOS QUE ESPERTAN NO MEU MARXINAL CARÁCTER CONFINADO

Son máis de letras, mais, ás veces, os números fríos posúen unha literatura moi directa...eis o que me pasou con estes que argallei no meu maxún durminte até que o calculei de verdade

Datos oficiais a 16 de abril (hoxe España xa pasa das 20 mil defuncións e prescindo de elucubracións sobre os erros de cómputo, porque as eivas a este repecto hai que agardalas en todos os países e nas dúas porcentaxes que me interesan) (os datos de poboación son os de 2019 para todos)

 Nos medios normalmente falan en números brutos...sen falar das porcentaxes en base á poboación, nin adoitan especificar se as medidas de 'confinamento' son as mesmas ou non...



O Estado español aplica un dos confinamentos máis extremos -xa coñecemos os milleiros e milleiros de sancións- e, no entanto, a porcentaxe entre positivos e poboación total é a máis alta dos estados que escollín por simple curiosidade (0,38%) e despois Italia (0,27%). Alemania e Francia comparten a mesma porcentaxe (0,16%), se ben Alemania ten 16M máis de habitantes., Portugal ten unha taxa do 0,18% cunha poboación de pouco máis de 10M, e logo a comparación entre Dinamarca e Suecia é relevante, xa que o primeiro aplicou medidas severas de confinamento, mentres que Suecia medidas laxas e flexibles e, no entanto, comparten a mesma porcentaxe cando Suecia duplica en poboación a Dinamarca (0,12%). E Corea do Sur é sinxelamente a de mellor taxa (0,02%). 

Teño que dicir que desexaba que estes cálculos me demostraran que países como Corea do Sur ou Suecia se equivocaron coa súa estratexia tanto de prevención como de tratamento e control. Sabido é que Corea do Sur se esforzou desde o primeiro minuto en localizar positivos e grupos transmisores para o seu control e impedir o espallamento. Isto é, as células malas (usarei unha metáfora médica) eran as identificadas e as atacadas coa terapia prevista, sen ser unha terapia moi invasiva que atacase ás celulas boas tamén...Penso que nos estados de confinamento severo a terapia non tivo en conta este principio.

A segunda das porcentaxes ten en conta as defuncións sobre o total de positivos. Aquí xa inflúen circunstancias como as patoloxías previas, a idade da persoa enferma e... o estado do sistema sanitario para atender emerxencias sanitarias, etc. Dos datos emerxe que España está nun 10,46% mentres que Italia chega ao 13,1% e Francia ao 16%. Portugal manifesta unha taxa inferior ao 5%, mentres que Alemania e Corea do Sur son os que ofrecen unha taxa de curación maior, xa que só falecen 2,82% (Alemania) e o 2,12% (Corea do Sur, de novo a de mellores resultados). 
 
Non nos debera ter transmitido algunha ensinanza a este respecto? Eu son dos que pensa que si...desde o primeiro instante, antes mesmo de se decretara Estado de Alarma...pensaba e penso que o modelo é o de Corea do Sur...

Loxicamente, para aplicar a receita coreana había que ter as ferramentas...e esas, a estas alturas de contaxios, aínda non son de aplicación nin xeralizada nin masiva, senón moi selectiva, pois amizades mesmo están en corentena porque tiveron algo de tos e febre...pero sen saber se realmente é COVID-19 porque, ao non ser persoal sanitario, non se lle fai test...E logo, dentro do clima de medo instálase outra falacia que toda persoa sana é unha persoa asintomática e transmisora. Iso só contribúe a converternos a todos en sospeitosos e así sucede o que sucede. Repito, pode que eu estea errado, mais aquí todo é extremo...até o abafo...

Agora ollemos a foto que El País trae hoxe...pero que acompañarei coa que me mandou un amigo que investiga no país teutón de hai tres ou catro días...en ambos vexo algo moito máis san e menos lesivo para dereitos e liberdades...Claro é unha simple opinión, dun marxinal opúsculo, que diría un amigo filósofo...

Cando vexo estas imaxes e logo os números, algo me di que aquí algo vai mal porque foi mal desde hai anos...En calquera caso, a menos que estea equivocado, o virus que está en Alemania debe ser o mesmo -non creo que mutase tanto- e as receitas do gran capital son as mesmas....ergo?



jeudi 16 avril 2020

mardi 14 avril 2020

UN AFORISMO PARA HOMENAXEAR A EDUARDO GALEANO




Cinco anos que nos deixou. Foi o 13 de abril de 2015. 
Hoxe, 14 de abril, Día da República, imaxinei uns versos en forma de aforismo, en castelán, para homenaxealo.

 En los aplausos reina
la confusión del silencio 

E deixo tamén os outros dous que me viñeron e que figuran no relato improvisado pero pensado que quedará pendurado en forma de video.

Perforo la mentira más cruel:
 soy la verdad de tu espejo

En donde tiemblan los párpados ofendidos
habita el latido de una lágrima

Aquí deixo a reflexión que xurdiu co aforismo en confrontación coa situación de cada día ás 20h:



lundi 13 avril 2020

14 DE ABRIL...CICATRICES NA MEMORIA


Cicatrices
soterradas na néboa
da desmemoria
no quilómetro cero
onde morreron
as esperanzas libres


Aínda respiro
os pasos desesperados
da avoa
á procura do avó
idas e voltas
ao redor dos rumores


Cada semana
un novo sendeiro
xa andado
xa perdido
coma se os indicios
abrollasen
cada primavera


A avoa non fala
cala a raiba
das olladas mesquinas
das maledicencias
das delacións
covardes dos verdugos
Véxoa
insiste con digna
resistencia


Mañá
serei eu
avoa
quen percorra
as beiras dos camiños
repousa avoa


vendredi 10 avril 2020

AS VINTEDÚAS METÁFORAS EN VERSO PARA UNHA REVOLUCIÓN SEXUAL

AS VINTEDÚAS METÁFORAS EN VERSO
PARA UNHA REVOLUCIÓN SEXUAL
(Os inicios sempre son entre dous)

Paso a paso
coa delicada tenrura
das engurras do vento
na natureza liberada

sen necesidade de explicación
ou quizais a modo de expiación
libero as 22 metáforas en verso
que un día foron reverso
a modo de xogo converso
de Sexual Revolution 2.2
do fotógrafo Juan Señorís


1
Nos aromas
as formas
do tempo que somos

Soños
no berce
da nosa vida




2
Abre os ollos!
Respira!
Para!
Deixa o son do capital
e escoita
este perdido laio
de vida



jeudi 9 avril 2020

REFLEXIÓNS DESAPAIXONADAS SOBRE AS IMPLICACIÓNS DUN APROBADO XERAL EN SECUNDARIA E BACHARELATO

Partamos do principio, xa detallado noutra entrada recente neste blog, de que nunha situación de distancia o ensino e a educación sofren unha creba brutal e que non se chega a todo o mundo, por diversas circunstancias, entre elas, e quizais principalmente, as que teñen un significado socioeconómico.
 
Necesitamos o contacto, a presenza nun lugar moi concreto, as aulas dun centro educativo, para tentar a igualación entre todos os alumnos e alumnas, para poder concretar o principio de xustiza distributiva das oportunidades. 
 
Sabemos que neste mundo do ensino hai moitas e diversas consideracións sobre a natureza, obxecto, principios e métodos da educación e do ensino. É lóxico que así sexa e está ben que sexa así. É o propio dunha democracia. Estas reflexións, como outras deste blog, parten da nosa experiencia como docente sempre alimentada de lecturas de libros que tratan deste amplo e diverso universo educativo. Estas reflexións non van na liña do pensamento dominante en certas correntes mesmo de esquerdas. Sabémolo e somos conscientes de que non gustarán a todo o mundo. Tampouco teñen esa intención primeira, senón a de facer ver as dúbidas que se agochan detrás de certas fórmulas máxicas. 
 
O proceso avaliativo que concluiu hai nada, xa en confinamento, na súa maioría -no noso caso- foi doado de levar a cabo porque xa tiñamos a práctica totalidade das probas e das anotacións realizadas conforme ao establecido no propio documento de orientación do departamento, a programación anual. Polo tanto, se temos en conta a cronoloxía, foron dúas as avaliacións que se someteron a un proceso presencial (agás os últimos 7 días xa que, no caso do noso IES as avaliacións ían ser na semana do 23 de marzo en previsión -acertada- de comezar os contidos da terceira pronto polas datas que presentaba a Semana Santa). Queda a última avaliación. E xa xorden todas as ocorrencias posibles, algunhas ben intencionadas, sobre que facer coa terceira avaliación.
 
Nesta sociedade, onde todos somos tan epidemiólogos coma futbolistas, sanitarios ou docentes, onde todos sabemos de todo, resultará que a nós, as persoas que conformamos o corpo da docencia e do ensino, nos relegan a sermos simples espectadores do noso destino. Sempre hai alguén que sabe o que necesitamos para facermos o noso traballo. Pero, como somos esencialmente críticos e reflexivos, precisamos expresar algunhas dúbidas. 
 
Hai circunstancias que se derivaron da segunda avaliación que cómpre solventar, máis aló da xa coñecida fenda dixital: non todo o alumnado ten os libros na casa, nin as libretas, debido a que o venres 13, cando a Xunta emitiu a recomendación de non asistir, houbo unha ampla maioría que non acudiu ao Instituto...coa consecuencia de que os libros dormen nos armarios...Nesta preponderancia do dixital, estanse relegando outras opcións máis analóxicas para levar a cabo a 'continuidade pedagóxica' (termo usado en Francia para referirse a este período de ensino en confinamento) e pensamos que o analóxico permite o contacto co alumnado con máis dificultades de acceso ao dixital. 
 
Ímonos permitir citar unha observación do Ministerio de Educación francés en resposta á seguinte pregunta: Mon enfant doit-il faire et rendre tous les devoirs qui vont lui être donnés en ligne? (Ten que facer e entregar o meu fillo todas as tarefas que se lle van a entregar en liña (dixitalmente)?

"L’objectif est de maintenir les acquis déjà développés par votre enfant depuis le début de l’année, de les consolider et de les enrichir par des exercices. C’est aussi de lui permettre de découvrir de nouveaux points au programme, en faisant les choix les plus adaptés à cette situation inédite. La réalisation du travail demandé est indispensable pour assurer le meilleur retour en classe quand l’école pourra à nouveau ouvrir ses portes aux élèves" (ministerio de educación francés)

A resposta é interesante porque, sen sabelo previamente, coincide co noso procedemento:
a) manter os coñecementos xa adquiridos polo alumnado desde inicios de curso, consolidalos e enriquecelos con novos exercicios;
b) permitirlle a descoberta de novos aspectos do programa realizando as escollas o máis adaptadas que se poda a esta situación;
c) a realización das tarefas e o seu seguemento son indispensables para garantir o mellor regreso posible ás aulas [regreso que, no caso de Galicia, debera permitir termos cando menos un mes de clase presenciais. Con isto dicimos que a 'desescalada' ten que adaptarse tamén á realidade galega]. 
 
Esta resposta acompáñase co rogo de que aquel alumnado que non dispoña de facilidades para un entorno analóxico, se lle faga chegar todo en formato papel con claras indicacións. Indícase mesmo que os materiais facilitados polo corpo docente se poden recoller ben no IES ben no Concello.

Recoñecemos que nos sentimos a gusto con este procedemento, antes que o recurso a fórmulas máxicas que non son explicitadas nin desglosadas na súa aplicación. Tentaremos explicalo no que segue.

Fálase, e moito do 'aprobado xeral' e da 'promoción xeral' como unha variante da primeira, pero que, precisamente, ninguén explicita de forma axeitada para sabermos docentes, alumnado e familias as súas condicións de aplicación. E tampouco é de recibo que, chegados o día 15 de abril, nos obriguen sen máis.

Comezaremos co aprobado xeral, outorgando xa o beneficio da dúbida, no sentido de pensar que cando se fala de aprobado xeral non se fala de poñerlle un 5 a todo o alumnado, senón de aprobar a todos, isto é, de que promocionen todos, a segunda fórmula usada a non explicitada nos seus aspectos básicos.

De primeiras, e a falta de saber que acontecerá, formulámonos a seguinte pregunta como docente e pensámola tamén como antigo alumno: 'Estou de acordo cun aprobado xeral?' E, considerando que un aprobado xeral é un 5 e que, como alumno, necesitabamos a nota para obtermos a bolsa que nos permitise vivir, dicimos NON, non estou de acordo. E tampouco como docente. Pensamos que non son nada xustos e son tan desiguais como calquera nota que se pretenda outorgar de maneira arbitraria. E, por riba, eses 5 xeralizados teñen implicacións máis fondas do que se pensa con vistas ao curso posterior, tanto nos que tiñan elevadas expectativas en función dos dous primeiros trimestres, coma nos que non as tiñan. E ten repercusións tamén na tarefa que debemos realizar os docentes durante abril, maio e xuño, isto é, tres meses...de traballo docente? Que tipo de traballo...e con que finalidade real?

Ás veces semella que desde os outeiros das alturas da vida política se nos vé ao corpo docente coma unha panda de ignorantes cheos de preguiza. En efecto, outras dúbidas en forma de pregunta que emerxen:

  1. Ignoramos que debemos facer co alumnado menos favorecido e que vive nunha balsa de desigualdades e que xa coñecía medidas de atención á diversidade nas aulas? Penso que non. Isto forma parte da propia diversidade natural do alumnado. Procuramos coñecer quen vive nunha contorna positiva e quen nunha negativa e levar a cabo a necesaria adaptación do proceso de ensino para unha mellor e máis axeitada aprendizaxe.
  2. Non sabemos adaptar ou modular a transmisión de coñecementos -sequera rudimentarios- para ir asentando pequenos principios das diversas materias nun contexto que é complexo? Os de arriba semella que din que non, mais nós pensamos que si, que si sabemos., só cómpre equilibrio e chegarmos 'da forma que sexa' a todo o alumnado. Mais...tampouco nos fagamos agora os máis 'guais' xa que é ben sabido que na realidade heteroxénea das propias aulas hai alumnos e alumnas aos que, polos motivos que sexan non somos quen de chegar...tal como sucede nunha situación a distancia.

Non se pode xeralizar...nin por arriba, cando se pretende usar só o ensino dixital sabendo que hai un 10 %, segundo datos oficiais, que non ten internet na casa, nin por abaixo...que pensará ese longo 90% de alumnos e alumnas aos que se lles di que non van aprender nada novo durante...5 meses!? Como dicirlles que a súa nota é, por decisión adoptada fóra das aulas, reducida a un 5?

Por riba, moito nos tememos que 'un aprobado xeral' só serviría para agochar as condicións de desigualdade en que viven algúns alumnos e alumnas.

E se non é un cinco, algúns mudarán o concepto e dirán que non será un aprobado xeral senón que debe promocionar todo o alumnado -ollo coas medidas de diversidade para o curso que vén, que se poderían ver atrancadas, sen ser un paradoxo, por esta promoción xeral-: Con que nota o fan? Cunha media da primeira e segunda? Sería promocionar con varias notas suspensas como sería o caso de alumnado en que a primeira e a segunda non lles foron ben? Sería sen traballar novos contidos por moi adaptados e reducidos que sexan? Que acontece co alumnado que cambia de etapa educativa? Co alumnado que quere realizar un módulo profesional? Abonda coa promoción cando a nota é un requisito non menor nun mundo onde a oferta non chega a toda a demanda curso tras curso?

E, en calquera dos dous casos, cal é a tarefa docente neste contexto? Sermos un mero transmisor de coñecementos xa repetidos, xa estudados, xa incorporados, xa aprobados? De verdade pensamos que é óptimo favorecer a desconexión do alumnado durante 5 meses? É beneficioso...de verdade?

Vexan que dicimos 'transmisor de coñecementos',.nin máis nin menos, tal como facemos -ou iso pretende- con este texto. A nosa ambición, despois de reflexionarmos, xa durante os días 14-16 de marzo, e anticipando a demora en voltar ás aulas, foi ofrecer -a través do blog de lingua francesa e da web do instituto- pequenas cápsulas explicativas, pequenas teselas que informan sobre aspectos escollidos da lingua francesa, pequenas pezas en formatos de acceso máis doado: case todo o alumnado ten acceso a un móbil, e falo da realidade das aulas en que desenvolvemos a docencia, onde son maioritarios os alumnos e alumnas que dispoñen de móbil. Nestes días, sobre todo antes de que se soubese a data da segunda avaliación, configuraron grupos de wsp -xerais e por materias- a través dos cales practican unha solidariedade intragrupal moi poderosa facilitándose comprensión de actividades encomendadas e consellos para afrontalas. Iso tamén é relevante. Demostra uns valores que cómpre ter en conta.

Todas estas pequenas teselas serán afortaladas a inicios do curso seguinte, durante a avaliación inicial, tal como facemos, por outra banda, en toda avaliación inicial xa que, despois do reseteo que se produce durante os dous meses de verán adolescente, iso é unha necesidade pedagóxica.

Temos o convencemento de que tres meses a medio gas ou a un cuarto de gas, se se nos permite a expresión, e dous de desconexión por vacacións son mellores que cinco meses completos de desconexión. Porque iso é o que vai acontecer -por moito que a mente yuppie-guai pense en florilexios- se se lles comunica que teñen aprobado xeral ou que promocionan todos: como é lóxico, non se verán na obriga de nada...E terían razón!

E, ao mesmo tempo que trasladamos esa información adaptada a este deprimente contexto que nos toca afrontar, corresponde idear actividades e mecanismos de comprobación axeitados e sinxelos para constatar simplemente que van entendendo e asimilando os mínimos coñecementos trasladados sobre a lingua francesa. É necesariamente peor esta opción que a outra? Tan negativo é para o grosso do alumnado?

En Italia, percibindo o efecto chamada para unha desconexión total do alumnado, deron marcha atrás e xa falan de avaliar o esforzo demostrado polo alumnado aínda que todos promocionarán...vaites oh! Como se valora o esforzo desde un punto de vista puramente obxectivo? Non será que se debe alinear o esforzo co entendemento do que se debe comprender? Non é máis obxectivo dispoñer de ferramentas de corrección sinxelas que sinteticen de forma óptima como se aprende? E, de comprobar que non se entende, simplemente explicar de novo con outros materiais e volver a comprobar? Ten en conta o 'esforzo a distancia' as condicións de clase e as situacións de desigualdade? Debera. Non todos os esforzos son iguais. Por iso, as medidas máxicas erran, logo veñen os parches que complican aínda máis o escenario. Iso é o que pensamos. Outros pensarán distinto e é lexítimo. Mais acontece que na Republica e Cantone de Ticino nunha das directivas do 6 de abril de 2020 dise que até o 19 de abril o ensino a distancia tratará da consolidación do anterior, pero que despois se abrirá a novos contidos e que en maio determinarán os criterios para establecer a nota final.

Loxicamente, como dicía, o dereito ao coñecemento -xa non o da educación que é sagrado, mais imposible de realizar a través das pantallas- obriga a que a administración pública GARANTA que chegamos a todos e todas...aínda que sexa mediante o tan denostado papel.

En fin, veremos en que queda todo isto o 15 de abril; en todo caso, xa estamos preparando os dous escenarios, pero sabedores de que hai un en que hai máis que perder que gañar.
Xabier Ron
Brión, 9 de abril de 2020