Partamos
do principio, xa detallado noutra entrada recente neste blog, de que
nunha situación de distancia o ensino e a educación sofren unha
creba brutal e que non se chega a todo o mundo, por diversas
circunstancias, entre elas, e quizais principalmente, as que teñen
un significado socioeconómico.
Necesitamos
o contacto, a presenza nun lugar moi concreto, as aulas dun centro
educativo, para tentar a igualación entre todos os alumnos e
alumnas, para poder concretar o principio de xustiza distributiva das
oportunidades.
Sabemos
que neste mundo do ensino hai moitas e diversas consideracións sobre
a natureza, obxecto, principios e métodos da educación e do ensino.
É lóxico que así sexa e está ben que sexa así. É o propio dunha
democracia. Estas reflexións, como outras deste blog, parten da nosa
experiencia como docente sempre alimentada de lecturas de libros que
tratan deste amplo e diverso universo educativo. Estas reflexións
non van na liña do pensamento dominante en certas correntes mesmo de
esquerdas. Sabémolo e somos conscientes de que non gustarán a todo
o mundo. Tampouco teñen esa intención primeira, senón a de facer
ver as dúbidas que se agochan detrás de certas fórmulas máxicas.
O
proceso avaliativo que concluiu hai nada, xa en confinamento, na súa
maioría -no noso caso- foi doado de levar a cabo porque xa tiñamos
a práctica totalidade das probas e das anotacións realizadas
conforme ao establecido no propio documento de orientación do
departamento, a programación anual. Polo tanto, se temos en conta a
cronoloxía, foron dúas as avaliacións que se someteron a un
proceso presencial (agás os últimos 7 días xa que, no caso do noso
IES as avaliacións ían ser na semana do 23 de marzo en previsión
-acertada- de comezar os contidos da terceira pronto polas datas que
presentaba a Semana Santa). Queda a última avaliación. E xa xorden
todas as ocorrencias posibles, algunhas ben intencionadas, sobre que
facer coa terceira avaliación.
Nesta
sociedade, onde todos somos tan epidemiólogos coma futbolistas,
sanitarios ou docentes, onde todos sabemos de todo, resultará que a
nós, as persoas que conformamos o corpo da docencia e do ensino, nos
relegan a sermos simples espectadores do noso destino. Sempre hai
alguén que sabe o que necesitamos para facermos o noso traballo.
Pero, como somos esencialmente críticos e reflexivos, precisamos
expresar algunhas dúbidas.
Hai
circunstancias que se derivaron da segunda avaliación que cómpre
solventar, máis aló da xa coñecida fenda dixital: non todo o
alumnado ten os libros na casa, nin as libretas, debido a que o
venres 13, cando a Xunta emitiu a recomendación de non asistir,
houbo unha ampla maioría que non acudiu ao Instituto...coa
consecuencia de que os libros dormen nos armarios...Nesta
preponderancia do dixital, estanse relegando outras opcións máis
analóxicas para levar a cabo a 'continuidade pedagóxica' (termo
usado en Francia para referirse a este período de ensino en
confinamento) e pensamos que o analóxico permite o contacto co
alumnado con máis dificultades de acceso ao dixital.
Ímonos
permitir citar unha observación do Ministerio de Educación francés
en resposta á seguinte pregunta: Mon
enfant doit-il faire et rendre tous les devoirs qui vont lui être
donnés en ligne? (Ten que facer e entregar o meu fillo todas as
tarefas que se lle van a entregar en liña (dixitalmente)?
"L’objectif
est de maintenir les acquis déjà développés par votre enfant
depuis le début de l’année, de les consolider et de les enrichir
par des exercices. C’est aussi de lui permettre de découvrir de
nouveaux points au programme, en faisant les choix les plus
adaptés à cette situation inédite. La réalisation du travail
demandé est indispensable pour assurer le meilleur retour en classe
quand l’école pourra à nouveau ouvrir ses portes aux élèves"
(ministerio de educación francés)
A
resposta é interesante porque, sen sabelo previamente, coincide co
noso procedemento:
a)
manter os coñecementos xa adquiridos polo alumnado desde inicios de
curso, consolidalos e enriquecelos con novos exercicios;
b)
permitirlle a descoberta de novos aspectos do programa realizando as
escollas o máis adaptadas que se poda a esta situación;
c)
a realización das tarefas e o seu seguemento son indispensables para
garantir o mellor regreso posible ás aulas [regreso que, no caso de
Galicia, debera permitir termos cando menos un mes de clase
presenciais. Con isto dicimos que a 'desescalada' ten que adaptarse
tamén á realidade galega].
Esta
resposta acompáñase co rogo de que aquel alumnado que non dispoña
de facilidades para un entorno analóxico, se lle faga chegar todo en
formato papel con claras indicacións. Indícase mesmo que os
materiais facilitados polo corpo docente se poden recoller ben no IES
ben no Concello.
Recoñecemos
que nos sentimos a gusto con este procedemento, antes que o recurso a
fórmulas máxicas que non son explicitadas nin desglosadas na súa
aplicación. Tentaremos explicalo no que segue.
Fálase,
e moito do 'aprobado xeral' e da 'promoción xeral' como unha
variante da primeira, pero que, precisamente, ninguén explicita de
forma axeitada para sabermos docentes, alumnado e familias as súas
condicións de aplicación. E tampouco é de recibo que, chegados o
día 15 de abril, nos obriguen sen máis.
Comezaremos
co aprobado xeral, outorgando xa o beneficio da dúbida, no sentido
de pensar que cando se fala de aprobado xeral non se fala de poñerlle
un 5 a todo o alumnado, senón de aprobar a todos, isto é, de que
promocionen todos, a segunda fórmula usada a non explicitada nos
seus aspectos básicos.
De
primeiras, e a falta de saber que acontecerá, formulámonos a
seguinte pregunta como docente e pensámola tamén como antigo
alumno: 'Estou de acordo cun aprobado xeral?' E, considerando que un
aprobado xeral é un 5 e que, como alumno, necesitabamos a nota para
obtermos a bolsa que nos permitise vivir, dicimos NON, non estou de
acordo. E tampouco como docente. Pensamos que
non son nada xustos e son tan desiguais como calquera nota que se
pretenda outorgar de maneira arbitraria. E, por riba, eses 5
xeralizados teñen implicacións máis fondas do que se pensa con
vistas ao curso posterior, tanto nos que tiñan elevadas expectativas
en función dos dous primeiros trimestres, coma nos que non as tiñan.
E ten repercusións tamén na tarefa que debemos realizar os docentes
durante abril, maio e xuño, isto é, tres meses...de traballo
docente? Que tipo de traballo...e con que finalidade real?
Ás
veces semella que desde os outeiros das alturas da vida política se
nos vé ao corpo docente coma unha panda de ignorantes cheos de
preguiza. En efecto, outras dúbidas en forma de pregunta que
emerxen:
- Ignoramos que debemos facer co alumnado menos favorecido e que vive nunha balsa de desigualdades e que xa coñecía medidas de atención á diversidade nas aulas? Penso que non. Isto forma parte da propia diversidade natural do alumnado. Procuramos coñecer quen vive nunha contorna positiva e quen nunha negativa e levar a cabo a necesaria adaptación do proceso de ensino para unha mellor e máis axeitada aprendizaxe.
- Non sabemos adaptar ou modular a transmisión de coñecementos -sequera rudimentarios- para ir asentando pequenos principios das diversas materias nun contexto que é complexo? Os de arriba semella que din que non, mais nós pensamos que si, que si sabemos., só cómpre equilibrio e chegarmos 'da forma que sexa' a todo o alumnado. Mais...tampouco nos fagamos agora os máis 'guais' xa que é ben sabido que na realidade heteroxénea das propias aulas hai alumnos e alumnas aos que, polos motivos que sexan non somos quen de chegar...tal como sucede nunha situación a distancia.
Non
se pode xeralizar...nin por arriba, cando se pretende usar só o
ensino dixital sabendo que hai un 10 %, segundo datos oficiais, que
non ten internet na casa, nin por abaixo...que pensará ese longo 90%
de alumnos e alumnas aos que se lles di que non van aprender nada
novo durante...5 meses!? Como dicirlles que a súa nota é, por
decisión adoptada fóra das aulas, reducida a un 5?
Por
riba, moito nos tememos que 'un aprobado xeral' só serviría para
agochar as condicións de desigualdade en que viven algúns alumnos e
alumnas.
E
se non é un cinco, algúns mudarán o concepto e dirán que non será
un aprobado xeral senón que debe promocionar todo o alumnado -ollo
coas medidas de diversidade para o curso que vén, que se poderían
ver atrancadas, sen ser un paradoxo, por esta promoción xeral-: Con
que nota o fan? Cunha media da primeira e segunda? Sería promocionar
con varias notas suspensas como sería o caso de alumnado en que a
primeira e a segunda non lles foron ben? Sería sen traballar novos
contidos por moi adaptados e reducidos que sexan? Que acontece co alumnado que cambia de etapa educativa? Co alumnado que quere realizar un módulo profesional? Abonda coa promoción cando a nota é un requisito non menor nun mundo onde a oferta non chega a toda a demanda curso tras curso?
E,
en calquera dos dous casos, cal é a tarefa docente neste contexto?
Sermos un mero transmisor de coñecementos xa repetidos, xa
estudados, xa incorporados, xa aprobados? De verdade pensamos que é
óptimo favorecer a desconexión do alumnado durante 5 meses? É
beneficioso...de verdade?
Vexan
que dicimos 'transmisor de coñecementos',.nin máis nin menos, tal
como facemos -ou iso pretende- con este texto. A nosa ambición,
despois de reflexionarmos, xa durante os días 14-16 de marzo, e
anticipando a demora en voltar ás aulas, foi ofrecer -a través do
blog de lingua francesa e da web do instituto- pequenas cápsulas
explicativas, pequenas teselas que informan sobre aspectos escollidos
da lingua francesa, pequenas pezas en formatos de acceso máis doado:
case todo o alumnado ten acceso a un móbil, e falo da realidade das
aulas en que desenvolvemos a docencia, onde son maioritarios os
alumnos e alumnas que dispoñen de móbil. Nestes días, sobre todo
antes de que se soubese a data da segunda avaliación, configuraron
grupos de wsp -xerais e por materias- a través dos cales practican
unha solidariedade intragrupal moi poderosa facilitándose
comprensión de actividades encomendadas e consellos para afrontalas.
Iso tamén é relevante. Demostra uns valores que cómpre ter en
conta.
Todas
estas pequenas teselas serán afortaladas a inicios do curso
seguinte, durante a avaliación inicial, tal como facemos, por outra
banda, en toda avaliación inicial xa que, despois do reseteo que se
produce durante os dous meses de verán adolescente, iso é unha
necesidade pedagóxica.
Temos
o convencemento de que tres meses a medio gas ou a un cuarto de gas,
se se nos permite a expresión, e dous de desconexión por vacacións
son mellores que cinco meses completos de desconexión. Porque iso é
o que vai acontecer -por moito que a mente yuppie-guai pense en
florilexios- se se lles comunica que teñen aprobado xeral ou que
promocionan todos: como é lóxico, non se verán na obriga de
nada...E terían razón!
E,
ao mesmo tempo que trasladamos esa información adaptada a
este deprimente contexto que nos toca afrontar, corresponde idear
actividades e mecanismos de comprobación axeitados e sinxelos
para constatar simplemente que van entendendo e asimilando os mínimos
coñecementos trasladados sobre a lingua francesa. É necesariamente
peor esta opción que a outra? Tan negativo é para o grosso do
alumnado?
En
Italia, percibindo o efecto chamada para unha desconexión total do
alumnado, deron marcha atrás e xa falan de avaliar o esforzo
demostrado polo alumnado aínda que todos promocionarán...vaites oh!
Como se valora o esforzo desde un punto de vista puramente obxectivo?
Non será que se debe alinear o esforzo co entendemento do que se
debe comprender? Non é máis obxectivo dispoñer de ferramentas de corrección sinxelas que sinteticen de forma óptima como se aprende? E, de comprobar que non se entende, simplemente explicar de novo con outros materiais e volver a comprobar? Ten en conta o 'esforzo a distancia' as condicións
de clase e as situacións de desigualdade? Debera. Non todos os
esforzos son iguais. Por iso, as medidas máxicas erran, logo veñen
os parches que complican aínda máis o escenario. Iso é o que
pensamos. Outros pensarán distinto e é lexítimo. Mais acontece que
na Republica e Cantone de Ticino nunha das directivas do 6 de abril
de 2020 dise que até o 19 de abril o ensino a distancia tratará da
consolidación do anterior, pero que despois se abrirá a novos
contidos e que en maio determinarán os criterios para establecer a
nota final.
Loxicamente,
como dicía, o dereito ao coñecemento -xa non o da educación que é
sagrado, mais imposible de realizar a través das pantallas- obriga a
que a administración pública GARANTA que chegamos a todos e
todas...aínda que sexa mediante o tan denostado papel.
En
fin, veremos en que queda todo isto o 15 de abril; en todo caso, xa
estamos preparando os dous escenarios, pero sabedores de que hai un
en que hai máis que perder que gañar.
Xabier
Ron
Brión,
9 de abril de 2020
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire